Unha folerpa con outras, ás veces calla e fai neve

Defensa do Ensino Público


De Viñetas

"A historia dunha lingua debería ser coma a dunha longa cadea, onde cada xeración fora un elo que lla transmitira á seguinte"

GALEFAS
aferrer@mundo-r.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Manifesto dos escritores en lingua galega
Estiven pensando en que poñer neste día da Patria Galega e atopei este manifesto dos escritores en lingua galega, que suscribo e extendo para quen o queira ler.


A Asociación de Escritores de Lingua Galega (AELG) lanzou esta tarde unha dura advertencia ao novo goberno da Xunta pola política de retroceso na promoción do idioma. Na véspera do Día da Patria, a ALEG acusou a Alberte Núñez Feixóo de liderar unha política de “redución do galego até o anecdótico” e de “asumir unha óptica de colonizados”.

Manifesto da Asociación de Escritores en Lingua Galega
Lectura pública na estatua de Rosalía de Castro na Alameda de Santiago de Compostela
24 de xullo de 2009
¡Que a man tembrosa no papel só escriba
palabras, e palabras e palabras!
Señora e nai nutricia da palabra galega, vimos aquí os que por única ofrenda temos a palabra, para nos acoller na túa mirada xenerosa, aquela que alimenta o noso espírito e pon na nosa voz a verba xusta: a que berra, e protesta, e rebélase, e clama, e chía, e brada, e balborda, mais sen se laiar nin queixar, sen implorar nin pedir nin rogar porque de ti, da túa estirpe, herdamos e aprendemos o azo de nos revirar.
Porque revirados estamos contra unha xenreira que naceu en pechos corazóns contra a palabra de noso. Un odio que ameaza con derrubar o edificio que os séculos ergueron para acubillármonos como pobo e como xente.
Desde a AELG insistimos na importancia que, na Galiza, tivo e ten a literatura. Porque a nosa non é unha literatura xurdida da espontaneidade creativa, das vontades particulares de se
expresaren por escrito xentes de pluma feliz: a nosa literatura é, ante todo, unha declaración de
intencións. A nosa cultura é unha creación colectiva do pobo, unha ferramenta útil creada por
labregos e mariñeiros, por costureiras e boticarios, nas aldeas e nas vilas, unha cultura que logo foi perseguida e condenada a ser identificada e estigmatizada, xunto á lingua que a nomea, como exclusiva das clases desfavorecidas, coa intención de a facer desaparecer definitivamente, e candaela, o pobo noso e mais a identidade singular que representa.
Rosalía de Castro primeiro, e todos os escritores e as escritoras que despois dela ousaron
reivindicar esta lingua minorizada e desprezada polo poder, elixiron asumir como propia unha
identidade colectiva e ver nela a nación soñada. No noso caso, como é común nas nacións
sometidas, a escrita fixo o pobo. Non só estamos hoxe a defender a lingua dos nosos maiores e o
dereito a conservarmos a herdanza do pasado; estamos a defender a lingua para contribuírmos co
noso oficio a que no futuro Galiza sexa.

¡Odio, fillo do inferno!,
pode acaba-lo amor, mas ti n’acabas,
mamoria que recórda-las ofensas.
Si, si,¡de ti mal haia!

A palabra fainos estar no mundo como o que somos, como galegos e galegas. Nin máis nin
menos, nesa forma de fachenda que nace no peito cando un é, simplemente, o que é. E así alguén é
no mundo porque a el pertence, e o mundo perténcelle. Por nacenza e por vocación só queremos e só podemos estar no mundo coma o que somos, coma galegos, e iso só é posíbel desde a nosa lingua. Somos escritores galegos pola palabra galega que nos define, non por ningunha outra razón.
E os escritores e escritoras, que tamén somos pobo traballador, sabemos da importancia da
transmisión da lingua e de entendérmola como un proceso de construción partillado e consciente.
Non se pode ser galego contra o galego. Mesmo non é posíbel selo sen sentir no corazón o
orgullo do idioma. Hoxe, cando o poder gobernante tenta abrir unha fenda na sociedade, esta
conciencia debe defenderse máis do que nunca.

Cal si na infamia naceras,
torpe, de ti se avergonza,
i a nai que un fillo despresa
nai sin corasón se noma.

Escoitamos voces que, desde os propios lugares onde se agardaría que soasen as chamadas á
protección, defensa e uso da nosa lingua, bradan, no entanto, ao mundo o seu desprezo. E fan todo
canto alcanzan por borrala de nós, dos nosos fillos e fillas, furtándolles o dereito a nomear, que é o dereito a crear, a facer posíbel a existencia do bidueiro, do ouriol, do lóstrego, do trono, do soño…
Un soño negro que tolda as nosas noites, ese soño en que os nenos e as nenas medrarán ausentes da voz que os xerou, que os fixo fillos dunha terra, andantes dos seus camiños, soñadores dos seus versos. Que gañan con iso máis aló de faceren vencer o odio alí onde debía reinar a harmonía? Xente capaz de facer nacer unha guerra contra as palabras, as mesmas que teceron os máis fermosos cantos de amor, os cantos que ligaron para sempre a palabra amor coa palabra amigo, os dous máis poderosos antídotos para o veleno do odio e da xenreira. U-lo o gaño, u-lo o orgullo de dicir: “o meu fillo non sabe”? Que se pode agardar daqueles que celebran a ignorancia?
O galego non se impón; restitúese. A defensa do galego atinxe, sen dúbida ningunha, as persoas que recibiron o galego desde a primeira infancia, mais tamén, con todo o dereito, as criadas
en español ou en calquera outra lingua que asumiron un día, nun exercicio de decisión que non tiña nada de oportunista e si moito de solidario, que era en galego como se querían construír. Para nos solidarizarmos cos desfavorecidos, para denunciarmos un proceso histórico de dominación, para berrarmos contra todas as opresións que teñen lugar no planeta, moitos galegos e galegas de nación
estabelecemos coa lingua un pacto de fidelidade.

Meses das tempestades,
imaxen da delor
que afrixe as mocedades
i as vidas corta en frol.

Nada hai no mundo máis novo, máis recente, máis moderno ca unha lingua viva, vivida, falada. E nada hai no mundo máis antigo, máis decadente, máis morto e podre que o sentimento de desprezo pola diferenza. Cada lingua do mundo é unha flor que naceu para facer máis grande e máis largo o universo. Para enchelo co arrecendo das súas palabras únicas, porque só con elas cadaquén
expresa os sentimentos que acubilla a súa alma. Por iso cada lingua é a medida do mundo enteiro,
porque con ela vaise a todas partes e en todas partes é útil a bagaxe de sentimentos que transporta no corazón de cada falante. Non cortar esa flor significa permitir que o mundo se pareza a un xardín. Arrincala é axudar a medrar o deserto.Todos os falantes conscientes somos aprendices. Con máis ou menos recursos, todos loitamos por nomear o mundo procurando limpar o noso galego de tantas formas foráneas, por devolvermos as vellas palabras esquecidas, por mantermos as construcións antigas que xa din só os avós, por recuperarmos os nosos apelidos, os nomes dos nosos lugares, por ensancharmos o campo de usos do galego falándoo e escribíndoo para actividades prestixiosas, para a investigación, a tecnoloxía e o lecer, coa mesma naturalidade con que o coñecemos para as actividades domésticas ou para os labores agrarios. A lingua non nós veu unicamente logo, da familia de nacemento, nin sequera no caso dos que levan desde o nacemento
falándoa, senón que é unha relación escollida... coma a amizade..., coma o amor.
¡Como venden a carne no mercado.
vendeute o xurafás!
Apoiamos a restitución histórica do que nunca nos debera ser subtraído porque aceptamos
que moito perdemos todos os seres humanos cada vez que se relega unha forma de contar a
realidade, unha lingua, para se render á hexemonía das linguas máis poderosas e máis faladas do planeta. Moi miserábeis seremos de deixarmos precisamente a nosa ficar muda no camiño do progreso.

Reivindicarmos unha maior presenza do noso dioma, defendermos a súa aprendizaxe e coñecemento, non responde a intereses particulares senón a unha intención ética de compromiso contra toda lóxica de dominio. Por iso queremos galego para nós e para @s que veñan despois.
Mesmo queremos galego para @s outr@s. Reducirmos o galego no ensino até ficar no anecdótico, minusvalorarmos o seu coñecemento para exercer na administración, é adoptarmos unha óptica de colonizados dispostos a traballar canto cumpra para patrón alleo. Se o galego non asume un papel fundamental en todos os niveis educativos, @s fill@s dos outros, dos que hoxe aceptan pregarse ao español, ao inglés ou a calquera outro xigante, xa non terán na súa man a posibilidade de libremente decidir, de seren mañá galegos e galegas conscientes.
Por iso, señora da nosa voz, da nosa palabra e do noso alento, estamos aquí para nos conxurar en loita contra quen queira varrer a nosa palabra. Para mostrar a nosa fortaleza, para asegurar que nunca faltará un home, unha muller que lle cante e fale aos fillos, aos netiños, na nosa lingua, que o faga co agarimo de quen transmite un ben valioso e coa rabia de quen se resiste a perecer, esa rabia da que nace a paixón e a loita. Como dixeches ti, xa vai para cento trinta anos:

Si, si, rabear ben forte,
mas ca rabia picante e aguilloeira
que é salsa apetitosa das paixoes.
Categoría: Galego - Publicado o 25-07-2009 11:43
# Ligazón permanente a este artigo
Polo á carta
Poñemos este vídeo na categoría de Ensino porque coido sería interesante que o viran tódolos nen@s das nosas escolas. Ti que cres?

Categoría: Ensino - Publicado o 21-07-2009 17:22
# Ligazón permanente a este artigo
Un anuncio simpático
Categoría: Xeral - Publicado o 20-07-2009 22:56
# Ligazón permanente a este artigo
Sacrifice - Elthon John
A canción coa letra en Inglés.

Categoría: Inglés - Publicado o 20-07-2009 13:01
# Ligazón permanente a este artigo
Xullo, mes de Santiago, mes da sega.

Aquí van algúns refráns do mes de Xullo, tamén chamado "mes de San Xacobe", "mes de San Iago" ou "mes da sega". Xa o di o refrán: "San Iago manda o pan (velaí o da sega), San Migueliño manda o viño, San Francisco manda a landre e San Andrés o touciño.

Outros:

"En Xullo onde o mozo: ou no río ou no pozo".
"O que non aproveita Xullo para se bañar, é que tén medo do río e do mar".
"Baña en Xullo o teu gando, despois de haber sesteado".
"Do trinta de Xullo en diante, calor asfixiante".
"En Santiago arden os montes e secan as fontes".
"En Xullo normal seca todo manantial".
"Principia asando e acaba tostando".
"Xullo quente, millo valente".
"Por moito que queira ser, en Xullo pouco ha de chover".
"Se en Xullo non vén treboada, haberá mala anada".
"En Xullo e Agosto troupelear, que este é o tempo do liño mazar".
En xullo arder e patacas coller.
Xullo andado, millo arrendado.
Pola Santa Mariña, rapa a añiña.
Pola Santa Mariña, pousa a sacha e colle a fouciña.
Cando canta a ran, vén vindo o verán.
Polo San Bartolo (24 ag.), a boa fiadeira comeza a súa tea; a máis lixeira, pola Madalena (22 xullo).
Polo Santiago, cegoñas e polos a xeirar polos agros.
Categoría: Ditos, refráns, enredos .. - Publicado o 07-07-2009 01:01
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal
Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis


Este blogue forma parte da Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego
Chuzame! chúzame -