Ò igual que
Xurxo Martínez, eu e outros moitos
fomos neofalantes. Fomos educados totalmente en castelán, e falabamos en castelán. Pero nun tempo, daquela, dixemos, Por que? Por que non falamos a lingua dos nosos pais e avós? Por que na vilas e cidades se muda a falar outra lingua diferente a da aldea? Por que hai que falarlle en castelán ós nen@s, ó médico ou ó mestr@? Por que falar galego implicaba "ser aldean@"? Por que lle teño que falar castelán a unha persoa que non quere falar galego? Por que comezamos sempre a falar en castelán se somos perfectamente competentes en galego? Por educación? Por que lle teño que chamar a xesta, retama, ou ó toxo, tojo? Por que no cimiterio só hai unha lápida escrita en galego cando todos eran galegofalantes? E así un feixe máis de por ques. Con todas estas preguntas sentía algo dentro de min que era insano, sentíame incómodo. Eu entendo por educación outra cousa diferente a que me intentaron inculcar no ensino por,imperativo legal, era o que había, ou senón non podías ser mestre. "Hai que hablar bien". Educación e respecto é falar a lingua dos pais e avós, dos nosos antepasados, da nosa terra. "Na Galiza em Galego". Ou so as patacas e o viño son do país?
A lingua tamén é do país.
Cando comecei a mudar, ós 18 anos, tiven moitos problemas para adaptarme ós sitios, pois tamén me sentía coma un extranxeiro na miña terra. Aínda hoxe, despois de 30 anos xa de "loita" por seguir sendo
galego, segue a ser difícil, e moitas veces doe , sobre todo porque a
"amputación" xa a están a facer nos meus descendentes. Unha cousa é que unha lingua evolucione, iso sempre foi así, pero outra é sustituila totalmente por diglosia, por imposición dende os Reis Católicos.
A nosa lingua é como outra calquera, nin máis nin menos, pero é a nosa.