Unha folerpa con outras, ás veces calla e fai neve

Defensa do Ensino Público


De Viñetas

"A historia dunha lingua debería ser coma a dunha longa cadea, onde cada xeración fora un elo que lla transmitira á seguinte"

GALEFAS
aferrer@mundo-r.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Darwinismo sociolingüística
Farruco Graña

A comezos da primavera pasada puidemos asistir á difusión a través da rede dun informe nefando sobre a lingua galega cheo de paradoxos. Iso si: descarnado e nada apoucado. Presentábanos abertamente ao galego como unha lingua inferior, de aldeáns, e destinada a desaparecer. Probes de nós, ilusos románticos que aínda seguimos a falala e a escribila!
Hai uns días, outra representante de tan ousada filosofía, Gloria Lago, apertaba un pouco máis as caravillas e insistía na súa teima de relegar ao galego a un segundo plano. Gabándose dunha suposta débeda electoral do señor Feijóo cos electores/as que emitiron o seu voto en función da cuestión da lingua, Gloria Lago reclamáballe ao actual Presidente da Xunta que cumprira as súas promesas e ameazábao con serias consecuencias en caso de non o facer. Mesmo se permitía advertir con similar contundencia ao PSdeG (suponse que pensando en vindeiras consultas electorais, sobre todo nas grandes vilas e nas cidades). Dos nacionalistas (mesmo daqueles que segundo ela están no PP) xa se sabe, ao mellor igual andan por aí a queimar os montes.
As palabras da señora Lago zumegan un claro darwinismo lingüístico (e tamén social). Iso de aprender varias linguas só é para os preparados, que non todo o mundo ten a mesma capacidade. Por iso, segundo ela, é mellor dar prioridade total ao castelán no ensino para as cousas verdadeiramente importantes. Han quedar ben contentos os profesores/as de Educación Física, ou os de Plástica ou Música ou..., que disque esas materias si se poderían dar sen problemas en galego, porque tampouco teñen máis aquel; pero as matemáticas, o coñecemento do medio... Á vella usanza e sen complexo ningún. Ademais, segundo a señora Lago, os nosos nenos non son tan esponxas como din por aí algúns listiños comenenciudos interesados en manipulalo todo ao seu antollo. Con aprender ben o castelán para as cousas serias, e despois usar algo o galego, sempre libremente, claro está, pois vai todo ben. Que pensará Gloria Lago do Bacharelato Bilingüe?
Chama a atención como forzou un toque de rebeldía anticonstitucional (quérese dicir, contra a Constitución do 78). Fronte á lóxica reivindicación da equiparación xurídica entre dúas linguas que se falan nun territorio, a súa reacción é clara e contundente: non debería ser obrigatorio coñecer ningunha lingua. Incluído o inglés? E isto aplicarémolo tamén ao artigo 3 da Constitución española de 1978? Porque se así é, tarde piou, señora! Trinta e un aniños!
Séntense pletóricos. Mentres na era Fraga se facía gala dun galeguismo light (que ben clariño o deixou Gloria Lago, era de salón, pois segundo ela todo o mundo sabía o que acontecía nos Institutos coa LNL e co PNL da etapa de Fraga), agora cómpre quitarse a carauta. Galicia Bilingüe non avoga polo bilingüismo. Chámase así como se podería chamar Galicia de los Verdes Prados (tendo en conta que ter vacas sería un acto voluntario). O que queren é poder elixir entre ser bilingüe (galego e castelán) e monolingüe (alguén pode imaxinar que a señora Lago está a reivindicar o dereito a ser monolingüe en galego?; das súas palabras non se segue iso nin moito menos, senón todo o contrario: monolingüe en castelán). Por suposto, xa a selección natural e social fará o seu cometido.
Fronte a este darwinismo socio-lingüístico non cabe outra reacción que a unión. Cómpre intelixencia, mente aberta, amplitude de miras, vontade de integración. Non caben actitudes patrimonialistas. Ante ataques coma estes contra a nosa lingua temos que traballar desde a diversidade a prol do obxectivo común: o galego e a súa equiparación xurídica co castelán. E neste movemento caben todos aqueles e aquelas que consideren vital a dignificación e desenvolvemento do galego e do seu uso en todos os ámbitos da vida, independentemente de que sexan galego falantes ou non. Négome a crer que castelán falante signifique necesariamente antigalego e apoio a estes grupos con resaibo predemocrático. Todos e todas en Compostela o 18 de outubro a defender a nosa lingua.

Para ler o artigo no xornal preme

http://www.vieiros.com/columnas/opinion/981/darwinismo-sociolinguistico
Categoría: Opinión - Publicado o 04-10-2009 16:20
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
© by Abertal
Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis


Este blogue forma parte da Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego
Chuzame! chúzame -





Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0