Unha folerpa con outras, ás veces calla e fai neve

Defensa do Ensino Público


De Viñetas

"A historia dunha lingua debería ser coma a dunha longa cadea, onde cada xeración fora un elo que lla transmitira á seguinte"

GALEFAS
aferrer@mundo-r.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Que se acabe a deleiba!
A voz deleiba, de uso corrente na miña terra de Muros, significa desfeita, desastre. Tráioa a conto porque a lideira lingüística leva camiño de converterse nunha auténtica deleiba. Acabamos de recuperarnos do acoro causado polo discurso presidencial no acto do 25º aniversario do Consello da Cultura Galega, e regresamos das vacacións asistindo pampos aos incendios provocados na Coruña e Vigo. De máis a máis, por unha entrevista xornalística coa súa voceira máis lareta, informámonos da trastenda mental ("argumentos de fondo" vaille grande) da cruzada contra o galego. Velaí a auténtica doutrina do bilingüismo: si a Galicia bilingüe, pero non aos galegos bilingües. Como din os brasileiros para expresar abraio: "Nossa!". E os nosos paisanos: "Amodo!".
- Un orixinal concepto de bilingüismo. Disque cada galego debe falar só unha lingua, se esta é o castellano; noutros casos é o seu problema. A explicación cae de caixón: adquirir unha competencia fluída en dúas linguas tan enormemente distintas coma o castelán e a outra (evítese citala polo seu nome) é imposible, ao menos para os castelanfalantes. O bo que ten esta peculiar opinión é que os que nos damos apañado nas dúas podemos andar cheos de vento. Somos uns xenios. Non é de estrañar que tamén se nos acaben apegando un chisco o portugués, o inglés ou o francés. Pásalle, por exemplo, aos nosos emigrantes; algúns, mesmo aprenden o alemán. Manda truco!
Coñécese que todas estas brillantes reflexións veñen destiladas dunhas xornadas internacionais sufragadas pola douta Deputación de Pontevedra, en que se debullou a xeito a mazaroca. Xuntáronse unha morea de expertos seica moi acreditados. Tamén falaron os movementos pola liberdade lingüística, ou sexa, radicalmente partidarios de que os castelanfalantes utilicen o seu idioma cando lles dea a gana, en canto que os outrofalantes se amolen e non toquen máis o zoco. Tendo en conta que, segundo se acaba de explicar, os malpocados dos primeiros arrastran eivas irreversibles que lles impiden aprender os outros idiomas, sería abuso, aldraxe e sacrilexio violar o seu sacrosanto dereito a ignoralos. É o que ten ser español, que os idiomas se che dan fatal.
- Aprender o galego: Non queren, non lles peta, e non lles sae dos fociños
Así e todo, o argumento máis persuasivo foi este: os da liberación idiomática non queren aprender os outros idiomas porque non lles peta, e morra o conto! Afortunadamente, hai políticos valentes que están polo labor de facer realidade os prexuízos clasistas, digo as nobres arelas, destas pobres xentes asoballadas polo outro idioma: sobreviven sen televisións, radios nin xornais en castelán, maltratados a feito por causa do seu coitado idioma cervantino, inicuamente excluído da publicidade e vetado nos lugares de maior visibilidade pública (hipermercados, espectáculos, clubes financeiros, estadios de fútbol, salas de cine...). Menos mal que hai líderes que toman conta do problema, movidos por puro idealismo; o que no seu caso significa que a ver se remexendo na pota conseguen gañar unhas eleccionciñas.
Por exemplo, un persoeiro moi documentado sabe de certo que A Coruña sempre foi La Coruña (por moito que os pailáns, xa desde a Idade Media, se empeñasen en luxar este lustroso nome con aquela rústica pronuncia), e por tanto está disposto a derrogar unha totalitaria Lei de Normalización Lingüística culpablemente impulsada un día polo seu propio partido (daquela cripto-nacionalista, hoxe xa encarreirado na Recta Vía), e aprobada con sospeitosa unanimidade polo Parlamento de Galicia. É que en tempos estaba de moda un abafante galeguismo (cousa dun tal Ramón Piñeiro), hoxe felizmente superado. O caso é que o actual alcalde da cidade, socialista por sinal, xa se lle adiantou, e el tamén reivindica o topónimo castellano. Mesmo ao secretario do PSdeG, home de mensaxes sólidas e coherentes, lle deu por apuntarse ao carro para recuar despois. Non, se por este camiño imos acabar naquilo de que "tanto me ten Xan coma Pericán".
Outra. Un edil olívico quere chimpar a ordenanza municipal de uso do galego inspirada noutra opresiva lei do mesmo Parlamento que precisamente se aprobou co voto da súa formación política. Pero aqueles eran os tempos do ultraesquerdoso e furibundo antiespañol Manolo Fraga, o mesmo que impulsou o funesto Plan Xeral de Normalización Lingüística, aprobado tamén por unanimidade baixo a ditadura separatista do PP(G). Non hai que esquecer que daquela imperaba unha noxenta afección ao consenso para tratar asuntos fundamentais do país, na actualidade asisadamente desbotado. Así e todo, isto foi hai moitísimo tempo, alá por 2004, e desde aquela Galicia evolucionou que mete medo. Tamén é mala pata, home, que a vixencia do tal Plan Xeral fose ratificada polo propio Parlamento o sete de outubro de 2008, co voto de todos os grupos, PP incluído. Un mal paso dáo calquera...
Ah! Está tamén un director xeral da Xunta de Galicia (no seu momento alistado na Falange Española Independiente, digna continuadora da ilustre organización que nos saudosos tempos do franquismo promoveu con fervor o bilingüismo cordial, máis tarde vergoñentamente deturpado pola fedorenta partitocracia xudeu-masónico-separatista), un director xeral de Administración Local da Xunta, digo, que amoesta o Concello de Vigo porque este pretende nada menos que requirir o coñecemento do galego nas probas de acceso á función pública. Pero para que quererá saber o outro un funcionario municipal, se todo o mundo entende o castellano?
Como dixo Castelao, non vos riades que o conto é triste. O vindeiro 18 de outubro estamos convocados en Compostela os que queremos galego, máis galego, para proclamalo con respecto, diálogo e desexo de convivencia. Oxalá sexa unha grande festa civil, con moita e plural participación, unha declaración masiva de amor ao idioma, sen exclusivismos, afáns de monopolio nin molestas provocacións. Para que remate a deleiba, canto antes e para sempre.

Un artigo de Henrique Moteagudo Luces. Podes ler o artigo no xornal premendo en
http://www.elpais.com/articulo/Galicia/acabe/deleiba/elpepuespgal/20091002elpgal_18/Tes
Categoría: Opinión - Publicado o 02-10-2009 22:44
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
© by Abertal
Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis


Este blogue forma parte da Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego
Chuzame! chúzame -