Unha folerpa con outras, ás veces calla e fai neve

Defensa do Ensino Público


De Viñetas

"A historia dunha lingua debería ser coma a dunha longa cadea, onde cada xeración fora un elo que lla transmitira á seguinte"

GALEFAS
aferrer@mundo-r.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Saber Galego suma, non resta
Ana Iglesias,
Vigo 1973, é filóloga especializada en sociolingüística. Como profesional, participou na elaboración do Plan Xeral de Normalización e é autora de varios libros e traballos sobre as actitudes sociais fronte o galego. Nesta entrevista aborda os prexuízos sobre o idioma e defende a necesidade do decreto do galego no ensino.


--------------------------------------------------

A cuestión da lingua ocupa parte do discurso de Núñez Feixóo, até que punto recolle un sentir cidadá?

Eu non o percibo, non vexo rexeitamento nas familias. É certo que se aplicaron algunhas medidas inspiradas no Plan Xeral de Normalización, isto é moi importante, pero non observei oposición na educación. Teño un coñecemento moi próximo porque a miña condición de coordinadora de normalización do meu centro mantenme en contacto co resto dos colexios. Por iso sei que só houbo unha queixa por escrito nun colexio e dúas nas galescolas.

Hai grupos que se senten ameazados polo galego?

As reticencias proveñen dos contornos castelán falantes que tradicionalmente non se vían obrigados a aprender galego e agora si porque se introduce no ensino e porque é máis necesario que antes ao ocupar parte do espazo do castelán. É a expresión do ?privilexio? dos que non tiñan que molestarse en coñecelo que vén acompañado dun discurso sobre unha ?imposición?.

Feixóo vai garantir o dereito dos pais a elixiren lingua?

Iso é inviábel; nin sequera chegaría cos profesores que hai. Non se pode dicir que se ama o galego e consentir a súa desaparición. Ademais, a segregación incumpre a lei de normalización, que no artigo 14.3 afirma que a educación debe proporcionarlles aos rapaces a capacidade de seren bilingües e multilingües. Feixóo non pode demostrar ignorar unha lei que foi aprobada por unanimidade.

El afirma que vai promover o idioma.

Se pretende facer iso, por que non adía a derrogación do decreto até saber se funciona? Este é o segundo curso de aplicación e non sabemos se é útil porque avalialo require máis tempo. Vemos que queixas apenas hai e que o movemento que sostén a oposición ao decreto é Galicia Bilingüe, unha organización completamente minoritaria, como se comprobou na manifestación do oito de febreiro. Pretender que o galego levou á vitoria do PP e a derrota do PSOE e o BNG denota un simplismo total. Desde a democracia o galego coñeceu un aumento cualitativo porque alcanzou espazos impensábeis, mais recuou cuantitativamente no número de falantes. Iso detectouno Fraga e impulsou o Plan Xeral de Normalización, que está redactado por técnicos independentes e aprobado por unanimidade no Parlamento.

Galicia Bilingüe reclama, porén, liberdade para os pais elixiren.

O que vemos é que a pesar de que as maiores reticencias ao galego veñen por prexuízos, algo cambiou a forma de loitar contra o galego nunha parte da sociedade. Antes eran argumentos illados e agora están estruturados, é dicir, hai unha ideoloxía, aínda que sexa moi minoritaria. Aprópianse de termos abstractos e incuestionábeis como igualdade e liberdade e manipúlanse. Ser libre é escoller en igualdade de oportunidades. A escola ten que darlles aos alumnos competencia nas dúas linguas para exerce esa liberdade de elección.

Mais hai que sostén que prefire o castelán porque é máis útil.

O argumento da utilidade... iso lévanos ao inglés e á desaparición de todos os outros idiomas, que son a expresión das diferentes culturas, é dicir, condúcenos ao empobrecemento. Agora ben, se queren que desapareza o galego, que o digan e, senón, que fagan algo para impedilo, que asuman as consecuencias de ter esta lingua.

No plano particular, que leva a un pai non querer que o fillo aprenda galego?

Pensa que o espazo que ocupa o galego quítallo ao castelán, pero as linguas non funcionan así. Saber dous idiomas abre as portas a aprender outras linguas. Saber galego suma, non resta.

E por que non llo explicaron aos pais?

Foi un fallo da política lingüística. En realidade, das medidas previstas no Plan Xeral que inspirou o decreto, só se aplicou a da formación dos novos ensinantes, pero non houbo campañas nos centros nin na sociedade, non houbo anuncios de televisión, non se explicaron os fundamentos pedagóxicos, que os hai e están baseados en como funcionan as linguas.

Cales son eses fundamentos?


A escola ten que compensar os desequilibrios da sociedade, as lagoas de coñecemento que non lle proporciona, como as matemáticas ou a lingua. O castelán xa ocupa moito espazo social nos medios de comunicación, nos videoxogos, en internet, nos libros...

E porque hai resistencia?

Porque pesan os prexuízos. Remóntanse aos séculos escuros.

Haberá que modificalos.

A administración ten moita responsabilidade. Os prexuízos cámbianse modificando os estereotipos nos que se asentan. A nivel particular, tamén hai escusas que serven de coartada, como a falta de competencia, cando sabemos que para empezar a falar unha lingua ao principio hai que falala mal. Hai moitas estratexias de autoxustificación. Tamén pesa a cuestión do comportamento que se ten, unha vez superados os prexuízos propios. Antes o que falaba galego adaptábase ao que falaba castelán e agora vemos que un pouco segue a ser igual.

Mesmo nacen sectores sociais nos que se emprega o castelán sen acento galego.

Penso que ese prexuízo está en vías de superación, senón, iríamos aviados. Ademais, que pretenden?: dicir ejque como en Madrid?

Copiada de "A Nosa Terra"
Categoría: Opinión - Publicado o 15-03-2009 21:42
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
© by Abertal
Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis


Este blogue forma parte da Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego
Chuzame! chúzame -





Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0