Unha folerpa con outras, ás veces calla e fai neve

Defensa do Ensino Público


De Viñetas

"A historia dunha lingua debería ser coma a dunha longa cadea, onde cada xeración fora un elo que lla transmitira á seguinte"

GALEFAS
aferrer@mundo-r.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Falar
"Falar". Un conto de Sechu Sende de "Made en Galiza". Coido que xa vai na cuarta edición.

"Teño un ano e poucos días e cando escoito Clara presto atención.
Escoito as persoas que viven nesta casa e aprendo cousas todos os días. Mamá ten outro nome que é Laura e cando mamá chama por Tomás sei que ese é papá. De vez en cando veñen outras persoas á casa, e as que teñen enrugas nos ollos e sempre están rindo son o avó e a avoa. Tamén está Rula, que é pequeniña e vive dentro dunha gaiola.

Sei que estou nunha idade complicada porque o día menos pensado teño que comezar a falar, que é algo que non se fai todos os días. Falara facilita moito as cousas. Cando saiba falar por fin van saber que se choro de noite non sempre é porque teña sede ou me doia a barriga, porque ás veces soño cousas que non entendo. As cousas que non entendo son moitas aínda que hai unha que me preocupa especialmente.

Nesta casa falan dunha forma moi estraña. A mamá, a papá e aos avós cando están comendo, por exemplo, escóitolles palabras como Sopa, Pásame o pan, Un pouco de sal ou Biscoito. Eu poño o oído e escoito e vou aprendendo.

Rula é unha persoa diferente, fala dunha maneira que se chama cantar ou asubiar, que llo escoito a mamá: Que ben canta Rula, ou Asubía un pouquiño, Ruliña. Antes cando estaba soa ás veces intantaba falar con Rula, pero nunca sabía o que quería dicir. Como Rula só sei dicir ffffi ou ffffu.

Aínda que ese non é o problema, porque realmente ninguén fala como Rula nesta casa. Mamá dille de cando en vez cousas lindas: A ver, bonitiña, aquí che traio alpiste; mais dillo como fala mamá, sen ruídos raros.

O problema é que de escoitar falar a mamá, papá e os avós eu xa sei polo menos cen palabras como Peido, Pis, A nena ten fame, Xa é de noite, Esta nena é moi tranquila e moi lista, Vai chover e cousas así. Eu escoito e gardo esas palabras para min e repítoas por dentro. Hai moitas palabras que escoito que aínda non comprendo como Quilómetro, Enciclopedia ou Empanada de xoubas.

O problema que teño é que, por exemplo, mamá cando fala de min con papá di A nena está esperta e de repente ven onda min e dime: Ay, mi niña, que ya despertó, ya despertastes, Clara? Eu sei que Clara son eu, mais aínda non sei por que me chama Mi niña se eu son A súa nena. Papá fai o mesmo, está falando coa avoa e di A nena debe ter fame e vén e dime Clara, cosita, tienes hambre? Eu abro moito os ollos, intentando comprender que pasa aquí.

É unha situación estraña que se repite continuamente. Entre eles non, mais comigo cambian de forma de falar.

E agora estou nun dilema porque penso que están esperando a que eu me poña a falar un día destes. Eu xa sei dicir Ma-má en segredo. Dígoo cando estou soa porque quero practicar e teño medo de que cando o vaia a dicir por primeira vez saia mal. Mais o meu dilema é que non sei se botar a falar como falan meus pais cando falan entre eles e con meus avós ou se poñerme a falar desa outra maneira que me falan a min.

Rula polo menos sempre fala igual.

Eu é que a meus pais non os acabo de entender. De momento vou esperar un pouco, a ver se se aclaran. Aínda que, se non queren que fale como eles, as súas razóns terán. Digo eu..."
Categoría: Contos, lendas, poesía - Publicado o 26-01-2009 19:59
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
© by Abertal
Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis


Este blogue forma parte da Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego
Chuzame! chúzame -





Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0