Unha folerpa con outras, ás veces calla e fai neve

Defensa do Ensino Público


De Viñetas

"A historia dunha lingua debería ser coma a dunha longa cadea, onde cada xeración fora un elo que lla transmitira á seguinte"

GALEFAS
aferrer@mundo-r.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Un galego falando a nosa lingua en EEUU
Categoría: Galego - Publicado o 18-09-2012 11:09
# Ligazón permanente a este artigo
Con lume no peito
Premio òs EDNL das escolas e dos Concellos, que recolleu no seu nome Agustín Fernández Paz.

Recollemos aquí as súas palabras:

".... A AELG quixo que, simbolicamente, recollese eu este premio, e aquí me tedes. Mais a quen debedes ver aquí non é a min, pois neste momento eu non son máis que un corpo aberto que quere servir de canle para que se manifesten tantas e tantas persoas que traballaron, e traballan, pola normalización social da lingua nos concellos e no ensino.

Porque é tempo de dicilo: os avances na normalización social da lingua conforman hoxe un edificio que, malia tantas agresións como sofre, ten paredes solidamente construídas e vai abrindo estancias para podermos vivir en galego con normalidade. Paredes que resisten as acometidas dos que desexarían botar o edificio abaixo e substituílo por unha cabaniña vistosa, para gozo de turistas e nativos desleigados.

Esas paredes e eses cuartos non se fixeron sós. Foron moitas mans quen os construíron, e cómpre lembralo con orgullo nestas horas difíciles. Ben sei que formamos parte dun río que vén de lonxe, que somos elos dunha cadea, que sempre se constrúe sobre as bases asentadas polos que estiveron antes. Mais a miña xeración, e as que seguiron, tamén fixeron o seu.

Podería falar agora das organizacións de docentes que pularon para botar a andar unha escola galega, que traballaron para que os equipos de normalización existisen (nun proxecto moito máis ambicioso do que foi logo o cativo deseño administrativo). Podería facelo tamén dos primeiros equipos, os que foron abrindo os camiños más entupidos. Podería falar dos servizos municipais pioneiros, coma o dos concellos de Fene ou Redondela, que tantos vieiros deseñaron. Podería falar de tantísimos nomes salientables, dunha historia que aínda está por escribir; persoas que, por diversas razóns, transcenderon o labor diario e chegamos a saber do seu traballo. Todo o noso recoñecemento para elas, xaora que si!

Mais a quen quero loar especialmente é a outras persoas. E, para iso, deixádeme viaxar a Bos Aires, ao 25 de xullo de 1948 e recoller un anaco da extraordinaria Alba de Groria que ese día pronunciou Castelao. Como ben sabedes, no texto fala primeiro da Santa Compaña dos inmortais galegos, das figuras senlleiras ao longo da historia, ás que vai citando unha por unha.

E logo, un pouco máis adiante, di:
En canto a Santa Compaña dos inmortaes se perde na revolta dun camiño, detrás dun pinal, vemos xurdir do humus da terra-nai, saturada de cinzas humáns, unha moitedume infinda de luciñas, que son os seres innominados que ninguén recorda xa, e que, xuntos, compoñen o substractum insobornable da nosa Patria. Esas ánimas sen nome son as que crearon o idioma, a cultura, as artes, os usos e costumes, o feito diferencial de Galiza.
[…] Esas luciñas son o pobo, que nunca nos traicionou; son a enerxía colectiva, que nunca perece; son, en fin, a espranza celta, que nunca se cansa.
Esa moitedume de luciñas representa o que fomos, o que somos e o que queremos ser.

As persoas que eu quero loar aquí están moi vivas aínda, e que sigan así por moitos anos. Mais hai unha semellanza entre a multitude da que fala Castelao e a significativa cantidade de docentes que, desde os seus centros, traballaron arreo en condicións difíciles nos anos oitenta, nos noventa e nos do novo século. Descúbrome ante tanta xente admirable que traballou en centros de Galicia enteira: son a auténtica columna vertebral dos logros que se foron conseguindo nestes anos. Debemos agradecer profundamente os exercicios de dignidade persoal que están na raíz do seu traballo. Grazas a eles, un sector do alumnado puido educarse coa conciencia de que o galego é unha lingua de pleno dereito, válida para todos os usos e situacións; puido medrar sen prexuízos cara o galego, puido adquirir ou consolidar a competencia necesaria para utilizalo con naturalidade, puido coñecer e apreciar a literatura de noso…

E que dicir dos servizos municipais de normalización? Na miña infancia vilalbesa, desde as fiestras máis altas da casa, víase toda a extensión da Chaira, que polas noites era un océano de negrura. Pois ben, na noite de San Xoán, cando en cada barrio da vila ardía o Lume Novo, desde a fiestra da casa víamos como a negrura da Chaira quedaba rota pola luz dos lumes que se acendían en distintos lugares. E nós podiamos dicir: mira, o de Mourence, o de San Xoán de Alba, o de Boizán, o de Sancovade, o de Gondaísque... Pois así, coma eses lumes na noite, foron e son os Servizos de Normalización. Cando un mira o mapa de Galicia é doado saber en que lugares hai un servizo iluminando o Concello.

Destas persoas que, desde os Concellos e desde os centros educativos, traballaron e traballan con entusiasmo e afouteza, podemos afirmar o que Castelao dicía dos trobeiros na Alba de Groria: camiñan todos con lume no peito.

Recollo, con emoción e agradecemento, a escultura que simboliza este premio. Mais entenderedes ben que non tería sentido quedar eu con ela, xa que se trata dun premio a un colectivo moi amplo. Así que, se non hai inconveniente, quero cederlle á AELG esta escultura para que a deposite nas súas vitrinas, en lembranza deste xusto recoñecemento ao colectivo do que é unha honra formar parte."
Categoría: Galego - Publicado o 11-06-2012 20:08
# Ligazón permanente a este artigo
Manifesto do PEN
De Manifesto do PEN


O PEN clube internacional presentou este martes pola tarde o Manifesto de Girona sobre os dereitos lingüísticos.

O Manifesto consta de dez puntos que compendian os principios esenciais da Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos e foi aprobado polo Congreso do PEN internacional celebrado en Belgrado o pasado mes de setembro.


Así mesmo, incide en que "o ensino escolar debe contribuír a prestixiar a lingua falada pola comunidade lingüística do territorio.

Engade que "o recente acceso ao poder do PP ao goberno de España exacerbou esta situación: en Catalunya preténdese acabar cun modelo lingüístico escolar que foi recoñecido e aplaudido por todos, tamén polo Parlamento Europeo, durante trinta anos".


Ler toda a nova.
Categoría: Galego - Publicado o 06-06-2012 20:18
# Ligazón permanente a este artigo
De quen é a lingua galega?
Ver todo o artigo no prensa

... Así que na vez de teimar no retrouso de que o galego “non é patrimonio de ninguén”, mellor sería dicir que é patrimonio da xente toda. De quen o emprega e de quen non. De quen o respecta, aínda que non o fale, e de que non respecta, aínda que o fale. A xente pode ter prexuízos. A lingua, non. Está aí, por se alguén a quere, e brinca aos labios nun santiamén, sen preguntar de que idea ou partido é a boca que se abre.

Mais cómpre lembrar que se o idioma está aí é porque hai bocas que terman del. Os patrimonios, públicos ou privados, esmorecen e extínguense se non hai quen teña conta deles. E o galego non só é un patrimonio da xente galega. A súa custodia é unha obriga que se ten coa humanidade.

O 17 de maio, en convocatoria de Queremos Galego, en Santiago, saíron á rúa miles de persoas. Encheron a Quintana. Dáse a cifra de vinte e cinco mil. En todo caso, moita xente. Neste tempo, e en día festivo soleado, aínda que sexa festa das Letras, xuntar tantas almas e moito xuntar. É a expresión dun desacougo fondo. Nin un só partido, nin unha asociación nin sindicato é quen hoxe dunha mobilización así se non hai sentimento forte detrás.

Un sentimento de perda. Porque non só perturban as perdas económicas, o déficit nas contas, os buracos nas finanzas. Se non somos quen de querer a lingua que aquí naceu, como imos soster o que as palabras nomean? ...
Categoría: Galego - Publicado o 03-06-2012 22:18
# Ligazón permanente a este artigo
Documental sobre reflexións da situación actual do Galego


Interesante documental de Xosé Bocixa, no que se reflexiona sobre o momento que está a vivir a lingua galega hoxe a través dos testemuños de 10 persoeiros galegos: Lois Diéguez, Xurxo Souto, F. Xosé Fernández Naval, Antía Otero, X. R. Freixeiro Mato, Dores Tembrás, Estíbaliz Espinosa, Pilar Pallarés, Ánxeles Penas e Marcelino Fernández Mallo.
Categoría: Galego - Publicado o 24-05-2012 06:42
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis


Este blogue forma parte da Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego
Chuzame! chúzame -