|
|
|
|
|
|
| XORNADAS INTERCULTURAIS |
|
O luns 12 de maio comezan no IES Lamas de Abade unhas xornadas interculturais organizadas por varios profesores e profesoras de diferentes departamentos axudados polas alumnas e alumnos do centro para ofrecernos unha serie de conferencias, películas, actuacións musicais, xogos populares, contacontos e outras actividades relacionadas coa plástica a literatura e o teatro.
Para realizar estas xornadas contamos tamén coa colaboración do Concello de Santiago, Adega e a Agrupación folclórica o Coto da Nai de Aríns.
Tamén contribúe activamente a lectora de francés que estes días traballa no centro.
Toda a comunidade escolar esta invitada a participar. |
|
|
|
|
| XERARDO AGRAFOXO: "UNHA VIAXE NO FORD T". Ed. Galaxia, Vigo, 2004 |
|

Gañadora do Premio de Novela García Barros 2004, é unha obra que viaxes, amor, e literatura tecen unha heteroxénea e vivaz trama de intereses e paixóns onde se ve apreixado o protagonista, un fotógrafo free lance.
A personalidade literaria de Ernest Hemingway e as súas viaxes a Galicia son o marco literario no que se desenvolve a historia. Logo da súa estadía na Finca Vigía, a casa que o escritor norteamericano posuía en Galicia, un fotógrafo descobre casualmente varias pistas que o levan a coñecer a historia de amor vivida por Hemingway en Galicia nos seus tempos de xornalista. De aquí parte a novela para ir desenvolvendo, cunha sorpresa despois doutra, unha narración na que o misterioso atractivo dunha muller vai agochar a cara oculta dunha paixón. Narrada cunha prosa directa que conquista e atrapa, esta novela é a confirmación dun escritor con oficio e pulso literario de seu.
“Unha luz glacial apoderouse da miña ollada cando a chamada do carteiro venceu a calma que se respiraba na casa. Levaba varias semanas sen recibir noticias dende Cuba e o temor a unha verdade receosa motivou esta inquietude, se cadra, o sentimento de covardía que se apodera das nosas conciencias cando sospeitamos que unha sombra nos espreita. Durante unha paréntese, efémera e intensa coma un lóstrego, mentres o espello do corredor reflectía a miña ansiedade por identificar a orixe da mensaxe, quedei varado detrás da porta. Sentía arrepío a que o carteiro apreciase nun sorriso forzado a incerteza que me invadía pero…”
|
|
|
|
|
| MARTA DACOSTA: "SETEMBRO". Ed. Galaxia, Vigo, 1998 |
|

Marta Dacosta (Vigo, 1966) é profesora de lingua e literatura galegas no ensino medio. Colaborou en revistas como Cadernos de lingua e Festa da palabra silenciada con estudos sobre temas diversos e é autora da guía de lectura Con pólvora e magnolias (1994). Á parte de ver editada a súa poesía en diferentes revistas e xornais, participou en publicacións colectivas, como Para saír do Século, nova proposta poética (1997). Destacada representante do que algúns estudosos deron en chamar a "Xeración dos 90", publicou os poemarios Crear o mar en Compostela (1994), Premio O Grelo da Asociación Cultural O Grelo; Pel de ameixa (1996), Premio González Garcés da Deputación da Coruña e En atalaia aberta (2000). Con Setembro, Marta Dacosta converteuse na primeira muller en gañar o Premio de Poesía Martín Codax.
SETEMBRO
Hoxe estou en silencio xogando co pasado,
mentres vexo chegar andando a miña avoa,
que aínda é tan pequena como eu a recordo
e sigue alí no vello paseo Afonso XII.
Eran cen escaleiras as que nos separaban,
o mundo da cidade vencido de ruídos
e a praciña de pedra en que aínda hai un pozo
ou a casa pequena da indomable Manuela.
Recupero a memoria de Pepa silenciada
pola peste da gripe cando empezaba o século,
e o misterio da vida en garrafas de barro
e algodón por Gonzalo, que naceu a destempo.
Recupero a friaxe e o sal do mar na noite
e a chalana afogada na outra beira da ría,
á miña nai tirando carbón desde a bufarda
ou atada a unha silla de falar castellano.
E eu sinto que son hoxe tantas que entón me foron,
Saladina, Manueliña, Rosa ou tamén Pepa,
e a mesma Teresa que nos fala incansable
mentres o tempo vai rodando pola tarde.
|
|
|
|
|
| ANTÓN RIVEIRO COELLO: " ANIMALIA". Ed. Galaxia, Vigo, 2000. |
|
Naceu en Xinzo de Limia, no ano 1964. É un dos narradores máis premiados dos xurdidos na literatura galega durante a pasada década. Ten publicadas as novelas Valquiria (1993, premio Camilo José Cela), A historia de Chicho Antela (1997), A quinta de Saler (1999), finalista do premio Torrente Ballester, así como as recompilacións de relatos Parque Central (1996) e Airadas de palabras (1998), onde se recollen os contos que lle foron premiados nos certames Manuel Murguía e Modesto R. Figueiredo entre os anos 1991 e 1997.
Este libro, que recibiu o Premio Café Dublín de Narrativa 1999, agrupa relatos nos que a nota dominante é a presenza do estraño e o insólito na experiencia cotiá. Os personaxes que habitan estas narracións non son seres fantásticos nin monstruosos, pero nas súas vidas pode irromper de forma inesperada ese fío íntimo e secreto que une a humanidade co misterioso e o inexplicable.
O REVERSO DE KARL BRAWN
“O primeiro que pensou Miguel, aínda estremecido pola sorpresa, foi que aquela detención tiña moito que ver co azar dun equívoco remediable, pero cando observou no telexornal a súa ollada fría e a densidade do seu silencia condescendente perante as cámaras que o asoballaban, comezou a barallar a posibilidade da súa culpa e, tras abandonar Madrid, aínda no aeroporto, tirou a desesperada conclusión de que o seu propio irmán era talmente un descoñecido para el. Así, como reprochándose esa ignorancia, cismou máis co propósito de coñecer a verdade que coa paixón sanguínea do o defender no xuízo.
Carlos era o seu irmán menor e fora…”
|
|
|
|
|
| SECHU SENDE: "ORIXE".. Ed. Galaxia, 2004 |
|
Sechu Sende era coñecido como poeta cando en 2004 gañou con esta novela o Premio Blanco Amor. Esta é unha obra directa pero anovadora, divertida pero comprometida co seu tempo e coa sociedade. Cóntanos como Mario Negro, que padece dunha vertixe brutal que lle impide abrir os ollos, accede ao mundo imaxinativo de Laura Lobo, a súa enfermeira de noite. O poder liberador da imaxinación, a enerxía do amor e a súa capacidade para facer superar a soidade son as forzas que a enfermeira pon en xogo para rescatar a Mario Negro do profundo desánimo no que se afunde.
ORIXE
“Mario Negro espertou no hospital. Atopárono deitado na Praia sen coñecemento e en dous días non abriu os ollos. Cando o fixo tivo que fechalos decontado: todo daba voltas. Unha vertixe brutal e dolorosa agardábao fóra das pálpebras.
Ao neurólogo Daniel Maside explicoulle cos ollos fechados que estaba mirando o mar e de súbito sentiu que un estremecemento inexplicábel e brusco como unha tempestade se propagaba polo interior do seu corpo.
A enfermeira que chegaba de noite chamábase Laura, tiña máis ou menos a súa idade e comezara a traballar no hospital había unhas semanas. Ás veces dicíalle: “a ver, abre os ollos e mira os meus”. El intentábao, mais non era posíbel: se mantiña os ollos abertos máis alá do instante dun pestanexo, Laura saía voando arredor súa, xunto ás cousas todas do cuarto.
O doutor Maside someteuno a análises exhaustivas. Primeiro unha proba cranio-corpográfica. E logo…”
|
|
|
|
|
| ÁLVAREZ BLÁZQUEZ: CANLE SEGREDO. Ed. Galaxia, 2008 |
|
Premio Eduardo Pondal do Centro Galego de Buenos Aires en 1954, foi publicado en 1976 por Edicións Castrelos.
A tensión emocional do poemario de Xosé María Álvarez Blázquez abala, en suxestiva figura de contrastes, entre a afirmación do equilibrio e a creba dorida e grave. A carón da promesa e engaiolamento do amor, a vivencia da plenitude en tempos de infancia e a dor pola perda do estado paradisíaco, flúe tamén a carraxe de significado ético e ideolóxico.
Un dos libros fundamentais do escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2008.
CANLE segredo hei ser
prá fervenza da iauga manantía
que enxurre as nosas vidas, cando nada
falle do que che eu teño prometido.
Xeneroso leito
da derramada anguria;
terra de terra, aberta pola eixada
do afán e o amor para a semente limpa;
eira de pan
lareira
fondo
puzo,
gardador do misterio que nos cingue;
penedía
cara ós ventos da sorte;
albre senlleiro
na chaira dos miñatos…
ti ben sabes
todo o que o meu amor manda que eu seña!
|
|
|
|
|
| Ir Indo Edicións pon o seu dicionario na rede |
|
Ir Indo Edicións celebra o Día Internacional do Libro colgando na rede o seu dicionario. Todas e todos podemos consultalo entrando (tamén por móbil) en digalego.com.
O dicionario será actualizado permanentemente e axiña incorporará sinónimos, antónimos e frases feitas
|
|
|
|
|
| O PLAN DA LECTURA |
|
 Bibliotecas, gardiás da culturaMáis estratexias para dinamizar os centros bibliotecarios
A Consellaría de Cultura e Deporte está a converter as bibliotecas galegas en centros culturais integrais, que ofrezan servizos para a información e a aprendizaxe e manteñan procesos dinámicos de intercambio e de fomento da lectura. Para conseguir estes espazos o departamento que dirixe Ánxela Bugallo destinou máis de 4 millóns de euros á dotación de fondos, formación de persoal, equipamento, promoción da lectura e informatización dos centros. Paralelamente desenvólvese o Plan da Lectura que recolle diversas estratexias de apoio ás bibliotecas e que conta cun orzamento de 50 millóns de euros até o ano 2011. Este programa determina o camiño a seguir para incrementar o hábito da lectura e estabilizar aos actores do sector galego, desde libreiros a bibliotecas ou editores.
A dotación de fondos, a cerna da mellora bibliotecaria
Durante o ano 2007, a través do programa de promoción do libro en galego, procedeuse á adquisición con fondos propios de obras en galego. Este apoio económico completouse co convenio asinado entre a Consellaría de Cultura e o Ministerio de Cultura para a adquisición de fondos bibliográficos. Entre as dúas subvencións achegáronse case tres millóns de euros que permitiron mellorar e renovar os fondos das bibliotecas. Por unha banda, distribuíronse os fondos bibliográficos que conservaba a Consellaría, promocionouse o libro en galego co reparto de exemplares e cofinanciáronse cos concellos as adquisicións de novas obras para os seus centros. Por outra banda, favoreceuse a compra de publicacións periódicas e facilitouse un Servizo de Información Selectiva para orientar os profesionais na selección de fondos para a súa colección.
Actividades de promoción do libro
Conseguir unha programación estable e de calidade para as bibliotecas é outra das pretensións que persegue a Consellaría da Cultura. Por iso este ano dende a administración apoiouse a creación de Clubes de lectura, achegáronse Ciclobibliotecas ás aldeas, promovéronse exposicións, concursos e levouse a cabo o programa Lendo espero, a través do cal se instalaron puntos de lectura en centros de saúde.
Así mesmo, a Consellaría aproveitou o Día da Biblioteca, o 24 de outubro, para presentar o programa Bibliotecas Ilustradas que xa comezou no centro de Pontevedra da man do debuxante galego Kiko da Silva. O lapis do artista tomou as paredes do centro Público de Pontevedra para dar comezo ao programa Bibliotecas Ilustradas, ao que poderán optar para o ano que vén outras dez bibliotecas. A Consellaría de Cultura vén de convocar aos centros para que soliciten axudas e así poder decorar os seus espazos cos debuxos dos ilustradores galegos. Cada proxecto poderá recibir unha contía máxima de 10.000 euros e un mínimo de 5.000 euros destinados ao material e ao pago do autor.
Apoio á formación
O departamento que dirixe Ánxela Bugallo iniciou este ano un programa de formación para bibliotecarios e animadores, en colaboración coa EGAP e co CESGA, co obxectivo de mellorar e modernizar a rede de bibliotecas públicas de Galicia. Os cursos destinados a formar aos bibliotecarios impártenos expertos de recoñecido prestixio. E a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural organizouse xunto coa Dirección Xeral de Promoción Industrial as primerias Xornadas de Software Libre para Unidades e Servizo de Información.
Mobiliario e equipamento informático
A dotación de recursos é necesaria para facer da biblioteca un centro cultural integral, un centro que ofreza servizos para a información e a aprendizaxe e manteña procesos dinámicos de intercambio e de fomento da lectura. Cultura asinou no 2007 convenios de cofinanciamento en mobiliario cos concellos de Galiza, e paralelamente forneceu con equipos informáticos e acceso a internet a 50 deles, ademais dunha aplicación de software para a xestión centralizada das bibliotecas do país.
Toda a información a través da rede
A Consellaría de Cultura puxo en marcha dentro da Rede de Bibliotecas de Galiza un novo sitio web http://www.rbgalicia.org/ que ofrece unha completa gama de recursos en rede sobre os centros bibliotecarios existentes en Galiza e con servizos dirixidos a profesionais e persoas usuarias das bibliotecas. Co enderezo de http://www.rbgalicia.org/, o novo portal pretende facilitar a busca de información e achegar as bibliotecas a través de Internet.
O sitio web inclúe datos sobre as bibliotecas públicas galegas, estatísticas e análise de servizos. Entre os recursos para as persoas usuarias, ofrece un metabuscador e acceso a unha biblioteca dixital con fondos que se poden consultar a través da rede. Outros recursos que se facilitan aos usuarios atópanse Ocenet saber, máis de 250.000 páxinas con información de referencia, artigos, revistas e publicacións especializadas, obras e fragmentos literarios, mapas; Ocenet Salus que recolle contidos específicos de mediciña, enfermería e saúde; E-junior.net, unha enciclopedia electrónica dirixida aos rapaces de primaria e primeiro ciclo de secundaria; e Enciclonet, unha extensa enciclopedia electrónica dirixida a ciclos superiores de ensino e a adultos. Calquera usuario coa tarxeta de socio da biblioteca pode acceder a estes recursos.
Así mesmo, tamén contén un servizo de atención e de resolución de dúbidas relativas á propia web e ao servizo de bibliotecas en xeral. Por outra banda, http://www.rbgalicia.org/ dispón dunha sección dirixida ao persoal técnico que traballa en bibliotecas con información sobre cursos de formación, documentos e grupos de traballo para utilizar en Internet e unha oferta de recursos para mellorar a atención ás persoas usuarias das bibliotecas.
As bibliotecas, protagonistas da Lei do Libro
Por primeira vez Galiza conta cun Plan para fomentar a lectura, un programa que ordena de forma integral todos os esforzos que se realizarán para incrementar o hábito da lectura e fortalecer a todos os actores do sector, desde libreiros a bibliotecas ou editores. As estratexias que presentou a Consellaría inclúen un importante apoio financeiro: 50 millóns de euros até o ano 2011.
O Plan da Lectura é unha obriga que se deriva da Lei do Libro e da Lectura, que entrou en vigor a finais de xaneiro, para ordenar este sector de grande importancia cultural e económica. Para elaborar o Plan, a Consellaría de Cultura mantivo un diálogo continuo con todas as partes implicadas. De feito, o Plan de Lectura debateuse e aprobouse na Mesa polo Libro, onde ademais das Consellarías de Cultura e de Educación, participan representantes dos principais actores do sector como son editores, libreiros, bibliotecarios, arquiveiros, documentalistas, tradutores e creadores. |
|
|
|
|
| GRAZAS POR ESTAR COMIGO |
|
Grazas por estar comigo e facerme rir
aquel día que eu fun incapaz de durmir
eu desejaba que ti estivesses comigo
porque sei que coma ti non hai melhor amigo.
Grazas por vir onda min cando estaba mal
por achegarte sempre e vir ata o meu lar
eu desejaba que ti estivesses comigo
porque sei que coma ti non hai melhor amigo.
Grazas por convertir tristuras en alegrías
e por axudarme naquelas noites tan frías
eu desejaba que ti estivesses comigo
porque sei que coma ti non hai melhor amigo.
Nelida
|
|
|
|
|
| PROXECTO DE FOMENTO DO USO DO GALEGO |
|
curso 2007 - 2008
I. E. S. de L A M A S D E A B A D E
INTRODUCCIÓN
O equipo de normalización e dinamización lingüística do centro foi constituído, de novo, este ano segundo o art. 18 do Decreto 124/2007 do 28 de xuño de 2007 polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo. Esta formado por tres profesores a proposta do claustro do centro: Antonio Negreira Noia, Xaquín Penas Patiño e Xosé María Torres Reino, o seu coordinador; Ánxela Sixto Iglesias e Vanessa Pintor forman parte do equipo a proposta do alumnado e Ana Fernández representa ao persoal non docente.
Unha parte do equipo comezou o seu traballo no mes de setembro e o resto foise sumando ao longo do seguinte mes. O equipo pretende colaborar cos diferentes departamentos didácticos e outros órganos do centro para realizar as actividades propostas. O acordo tácito que temos é que o E.N.L. pon a metade do diñeiro e a outra metade sae do presuposto do departamento ou servizo correspondente.
Polo que vai deste curso, entre outras cousas, fixemos un calendario mensual de parede con todos os meses do curso, que se repartiron por todas as dependencias do centro, un calendario anual en papel adhesivo que repartimos entre o profesorado e o alumnado do centro, un caderno co Decreto 124/2007 que repartimos entre todo o profesorado do centro, unha axenda que repartimos entre o equipo directivo, os xefes e xefas de departamento, os membros do equipo e as persoas que van colaborar co equipo preparando a páxina web do centro e noutras actividades, unha enquisa sociolingüística que pasamos ao profesorado do centro, ao alumnado e pais/nais de primeiro da ESO e a varios grupos de referencia de bacharelato e ciclos formativos. O equipo de redacción da revista está a medio constituír. Continuamos coa normalización e informatización da biblioteca co programa Meiga e estamos a traballar en novas propostas como: “eu recito ao meu poeta favorito” ou “poesía exprés”…
Este curso corresponde ao noso centro a coordinación dos equipos de normalización lingüística da bisbarra de Santiago. Xa tivemos tres xuntanzas e temos unha proposta de traballo en marcha: Certame de Teatro, Correlingua, rolda de contacontos, como anos anteriores e novas propostas: Certame Musical, encarte “O Galego na Rede”, facer unha páxina web para a coordinadora, ampliar a coordinadora aos centros de infantil e primaria, etc.
Hai apartados nos que non se indica o gasto previsto da actividade porque este será asumido por outro departamento didáctico ou polo centro. Neste casos o Equipo de Normalización cede o material de que dispón e colabora na realización da actividade.
Hai actividades que unicamente temos en proxecto polo que son citadas pero non podemos adiantar máis nada, nesta caso os gastos seran sufragados polo centro.
1º OBXECTIVOS
XERAIS.
1.1- Facer do galego a lingua propia do centro: que o galego sexa a lingua administrativa e a primeira lingua vehicular na actividade docente. Ao mesmo tempo, traballaremos para que o galego sexa a lingua de relación habitual de toda a comunidade educativa no ámbito coloquial. Sen esquecer que o alumnado debe acadar competencia lingüística noutras linguas.
Este obxectivo fundaméntase nos seguintes principios:
1.1- A utilización do galego como primeira lingua vehicular, concíbese como o compoñente principal dunha actuación pedagóxica que ten un dous seus principios constitutivos no coñecemento do propio entorno en todos os seus aspectos (xeográfico, histórico, natural, económico, cultural) e como patrimonio fulcral da nosa comunidade.
1.2. Ningún membro da comunidade educativa será discriminado por mor da súa lingua e todas as actuacións que se fagan para favorecer o uso da lingua galega axustaranse a este principio.
1.3. Acadar o consenso e a implicación de toda a comunidade educativa na aplicación das liñas de actuación do centro en material de linguas.
ESPECÍFICOS DO CURSO 2007-2008.
Para acadar a meta establecida organizamos os obxectivos para este curso en tres planos de actuación:
0.0 FORMACIÓN:
As persoas integrantes do equipo tratarán de mellorar a súa formación e coñecementos sobre sociolingüística e planificación lingüística. Para isto comprométense a asistir, na medidas das súas posibilidades, aos cursos de formación programados para os equipos e a autoformarse.
01. PLANIFICACIÓN:
O traballo do equipo centrarase no estudo sociolingüístico do centro e nos traballos conducentes a elaborar o proxecto lingüístico de centro.
02. ACCIÓN:
2.1. Que a comunidade educativa coñeza o ENDL do centro: imaxe corporativa do equipo, blog do equipo, calendario anual, calendario de parede, D 124/2007, enquisa e entrevista sociolingüística, axenda para os membros do equipo, departamentos didácticos e colaboradores e colaboradoras do equipo.
2.2. Novas tecnoloxías: o equipo pretende, en colaboración con profesorado dos departamentos de Matemáticas e Tecnoloxía, sacar adiante a páxina web do centro, ter un log propio , facer unha revista dixital en colaboración cos alumnos e alumnas de informática de 4º da ESO, editar un CD música e publicar un encarte titulado “O Galego na Rede”.
2.3. Alumnado: imos potenciar a asistencia do alumnado a un obradoiro de sociolingüística, a súa participación nun certame de teatro e no correlingua, traer un contacontos ao centro, editar a revista escolar NONOLA feita polos alumnos e alumnas do centro, incentivar a súa participación en: concursos literarios, “tíralle da lingua” e actividades do centro como: eu recito ao meu poeta favorito e poesía exprés.
2.3. Profesorado: pretendemos manter informado ao profesorado do centro de todas as actividades formativas ofertadas, ter ao seu dispor a biblioteca e materiais e recursos do equipo de normalización para que poidan impartir as súas aulas en galego e centrarémonos en ter ao día a información dos recursos informáticos, sen esquecer o noso labor de concienciación.
2º MEDIDAS TENDENTES Á CONSECUCIÓN DOS OBXECTIVOS.
01.- Constitución do ENDL do centro.
02.- Realización do estudo sociolingüístico do centro.
03.- Seguimento do cumprimento dos artigos 9, 10,11 e 12 do Decreto 124/2007.
04.- Elaboración do proxecto lingüístico de centro.
05.- Colaboración cos departamentos que imparten aulas en galego (discoteca, biblioteca, ludoteca, filmoteca).
06.- Colaboración nas campañas e propostas de normalización lingüística da S.X. de Política Lingüística, A Mesa pola Normalización Lingüística, o Concello de Santiago, etc.
07.- Sumarse ao traballo da Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística de Compostela.
08.- Potenciación do uso do galego e as novas tecnoloxías (blog do equipo, páxina do centro, encarte “O Galego na Rede”).
09.- Elaboración de materiais propios (revista do centro, programa de acollida lingüística e cultural por exemplo).
10.- Potenciación do uso do galego por parte da comunidade educativa (ver proposta de actividades : mural, conferencias, correlingua, “eu recito ao meu poeta favorito”, …)
3º BREVE ANÁLISE SOCIOLINGÜÍSTICA….
Aínda estamos a tabular os datos recollidos na enquisa sociolingüística que pretendemos completar con entrevistas a país/nais, profesores/profesoras, alumnos/alumnas e PAS. Despois dun breve estudo preliminar, podemos adiantar como hipótese que o 49% do alumnado indica que aprendeu a falar nas dúas linguas, o 29% en galego o 17 % en castelán e o 11% noutras. O Alumnado considera que ten un alto dominio das catro destrezas básicas: o 98% di que o entende moito ou bastante, o 80% di que o fala, o 66% que o le e o 80% que o escribe moito ou bastante. Sobre o uso do galego no centro o alumnado manifesta que emprega o galego cando fala cos compañeiros: o 25% sempre, o 38% máis o galego, o 25% máis o castelán e o 12% sempre o castelán. Constátase una tendencia ao bilingüismo, con predominio do castelán a medida que medra o nivel educativo. Non podemos, aínda, falar sobre os usos lingüísticos do alumnado. Sobre o profesorado, os PAS e pais/nais do alumnado non temos información contrastada.
4º DESCRICIÓN DETALLADA DAS ACTIVIDADES
Material inventariable
1.- Ampliación da biblioteca de consulta do Equipo de Normalización. O equipo de normalización ten unha pequena biblioteca de consulta e traballo para asesorar aos departamentos didácticos e poder realizar os seus cometidos.
2.- Ampliación da fonoteca en lingua galega (que axude a atender ás necesidades dos departamentos de música e lingua e literatura galega)O material é utilizado para reforzas as actividades extraescolares, préstase ao alumnado e emprégase para a exposición de música galega e a súa promoción.
3.- Ampliación da videoteca en lingua galega. Inclúese neste apartado o material para os distintos seminarios e profesores que imparten as clases en galego, e para actividades extraescolares.
Publicacións
1.- Decreto 124/2007. Para que todo o profesorado coñeza o Decreto 124/2007 que regula o uso e promoción do galego no ensino editamos un díptico co decreto íntegro e repartímolo entre todo o profesorado, o consello escolar e as dependencias do centro.
2.- Enquisa sociolingüística. Para facer o estudo sociolingüístico do centro fixemos unha enquisa que entregamos a todos os alumnos e alumnas de 1º da ESO e aos seus pais e nais, entregouse tamén a todo o persoal do centro (profesorado e PAS) e a grupos de referencia de bacharelato e ciclos formativos.
3.- Calendario anual. Editamos en papel adhesivo un calendario anual cun lema a prol do galego para repartir entre toda a comunidade educativa do centro.
4.- Calendario de aula. Editamos un calendario de parede para cada mes do curso co lema “poetas e lingua”. Este calendario está en todas as dependencias do centro e ten un xogo para que participen os alumnos e alumnas: o xogo consiste en recoñecer no poema do mes de novembro os textos de catro poetas galegos. Os gañadores levarán un xogo informático en galego ou un CD con música galega.
5.- Encarte “O Galego na Rede”. Editamos un pequeno encarte para dar o coñecer o software libre en galego e os recursos na rede para distribuír entre a comunidade educativa do centro. Pretendemos que a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística de Santiago asuma o proxecto e faga unha edición mellor.
6.- Axenda. Editamos unha pequena axenda normalizadora para as persoas do equipo de normalización, da dirección do centro, xefes e xefas de departamento e persoas que colaboren co equipo de normalización. Nesta axenda está, ademais dos apartados que figuran en todas as axendas, unha escolma do Decreto 124/2007, as materias que deben impartirse en galego no ensino secundario, información sobre o galego na rede e os teléfonos da DX e a Consellaría.
7.- Realización Dun díptico sobre Xosé María Álvarez Blázquez imprimilo para repartir entre a comunidade educativa o mes de maio.
8.- Realización e publicación dunha revista anual de centro elaborada por un equipo de alumnos e alumnas.
Actividades
1.- Colaboración coa secretaría do centro na normalización lingüística dos novos impresos (elaborando ou revisando lingüisticamente novos impresos).
2.- Colaboración coa vicedirección do centro na normalización das actividades extraescolares que se realicen, facendo fincapé en todo tipo de carteis e anuncios.
3.- Realizar material en colaboración co Gabinete de Orientación, especialmente dirixido á orientación do alumnado e titorías.
4.- Informar ó profesorado a través do taboleiro O EQUIPO DE NORMALIZACIÓN INFORMA sobre os cursos de formación (CELGA), xornadas e outras actividades formativas de interese.
5.- Intercambio de materiais e experiencias con outros equipos de normalización lingüística. Participación na Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística de Santiago.
6.- Colaborar na elaboración da páxina web do centro e facer un blog propio do equipo. Varios profesores dos departamentos de matemáticas, tecnoloxía e rama sanitaria xunto co equipo de normalización imos intentar sacar adiante a páxina web do centro e dinamizar aos outros departamentos para que participen no proxecto.
7.- Animar ao alumnado a participar nos diferentes concurso de creación literaria que organiza o Concello de Santiago e outra entidades.
8.- Participar en actividades extraescolares organizadas no centro, asumindo este unha parte do gasto, en colaboración entre o equipo de normalización e outros departamentos. As actividades previstas son (ver anexo I).
9.- Coordinar o traballo dos Equipos de Normalización Lingüística da bisbarra de Santiago de Compostela. Este curso corresponde ao noso centro o traballo de organizar e coordinar as actividades que temos en común os equipos de normalización desta bisbarra. Na coordinadora están presentes 30 centros de ensino, que pretendemos incrementar ao longo do curso, e os tres servizos de normalización lingüística dos concellos de Santiago, Ames e Teo. Hai anos que facemos actividades en común: Certame de Teatro, Correlingua ou roldas de contacontos, este ano queremos facer ademais un Certame de Música e ter unha páxina web entre outras novidades.
Santiago, 10 de decembro de 2007 Coordinador E.N.L.
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|