Gaivotas eternas


Lúa Negra
Fuxe o príncipe
do soño enfeitizado,
achégase a bruxa
ó lar do meigallo.

Corren as vasoiras,
gritan os corvos,
quéimanse os carvallos,
as ledicias co loureiro
vístense de branco.

Érguense aires do norte,
escupe malicioso o vento
e a realidade oculta
faise memoria do tempo.

Ó cristal esnaquizado da fiestra
achégase o gato co seu marmurio,
xoga coas ondas, lame a area,
asoma o fuciño
e ronronea.

É noite de lúa negra,
a máis escura das escuras
noites;
as estrelas apáganse,
danzan os espíritus da morte.
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 22-08-2010 08:53
# Ligazón permanente a este artigo
Corazón violado
Os meus pés fixéronse camiño;
a túa chamada, destino.
Oín o teu marmurio ó mencer
daquel día perenne
de cancións esquecidas.

Atravesei desertos escuros,
rocei as miñas pegadas con pedras,
arañei os xeonllos con falsas promesas
por bicarte unha vez máis,
a primeira...
en realidade,
a primeira.

Cegada pola túa verdade,
movín as mans a escuras.

Crin descubrir entre descoñecidos
de rúas iluminadas e desertas
o sorriso dun amigo
con mans valeiras de beleza.
Hipócrita, malvado, escravo,
escravizando emocións de lúa chea,
secuestrando unha vida de incertidumbres,
convertindo ledicias en amargas penas.

E cheguei a ti ó remata-lo serán,
fixen do teu ser un refuxio,
onde acurruca-lo meu peito,
sabendo que eras meu... único,
irrepetible,
fermoso...
Ofrecícheste a min
e só puiden fundirme no teu corpo,
acariciando cada minuto
dun tempo que nunca foi tempo.

E o meu corazón cegado
entregouse sen reservas,
abriuse a ti,
enmudeceu a súa lingua.

E o meu corazón violado
apagouse créndose vivo;
latiu desesperado
sen sangue nas súas venas.
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 16-08-2010 01:32
# Ligazón permanente a este artigo
Cando o ceo decide
Cando o ceo decide
que chova na túa gorxa morta,
a decisión máis difícil
tórnase falar de cousas tenras;
viaxar a través de campos,
elevarse no aire da espera
e ser un coa deusa
que creou toda a terra.

Cando o ceo decide
queima-las túas mans cheas de valeiro,
o máis difícil é apaga-las chamas
de vago sentir agradecido;
acariciar pétalos de volvoreta,
cando as súas ás son silveiras,
sangue, barro, ¡sacrificio!
Necesario, pero non buscado
nin desexado
nin sacrificado...
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 10-08-2010 07:34
# Ligazón permanente a este artigo
Eu non...
Será que eu non son nada
e ti, a miña musa, dóce, eterna,
calada...

Será que eu non son nada
e ti, a miña bela,
a miña dor, o meu valeiro,
a miña forza.

Será que eu non son nada
e ti, a certeza
do día sen luz,
da noite cegada.

Será que eu non son nada
e sen ti, valeiro
de estrelas preñada.

Será que eu non son nada
e, sen ti, a lúa
no seu espectro apacible
xa sen vida vaga.

Será que eu non son nada
e ti, o ceo, o mar,
o río, a montaña.

Será,
será,
será o mencer,
a mañá,
a noite apagada.
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 08-08-2010 22:40
# Ligazón permanente a este artigo
Escribir, soñar, durmir... descansar, voo eterno e infinito.

O meu perfil
 Escritos
 ¡Creatividade sen límites!
 BUSCADOR
 Buscar blogs galegos
 Noutros momentos
 ANTERIORES

Na EsCuRiDaDe
© by Abertal