Gaivotas eternas


Serán
Serán de arrumbio e tranquilidade,
as mans do vello Manuel
texen os vimbios á mañanciña roubados;
os ollos azuis confúndense co ceo...
serán tranquilo, morno
a carón do avó sempre eterno.

O calorciño sobe polas meixelas,
agardamos á sombra dos viñedos
e do arrecendo próximo
da mar serena,
mentres o avó texe e texe
cos dedos expertos e tortos
por anos de traballo e experiencias.

Avanza a modiño o serán
entre sombras e luces claras,
coa calor nas meixelas,
a súor nas costas
e o dóce sabor do texido
construido sobre lembranzas novas.
Os lectores din... (1) - Categoría: Poesía - Publicado o 27-04-2011 16:30
# Ligazón permanente a este artigo
Azul de lirio
Chega a primavera,
os musgos sacúdense
os xeos do inverno,
os lirios abren
caprichosos,
os seus pétalos.

Invitan á hipnose
de contemplalos sen medo,
arrecenden as cunetas
cos seus sutiles cheiros.

Xogan co azul e o irisado,
botando as linguas amarelas
fóra do seu corpo,
traendo recordos de alquimia,
fixación e aromas traendo.

Acarrexa a súa visión
a luz do ceo;
suave, fermoso, blanco,
violeta... sutil aroma intenso.

A cruz abombada
escóndese no medio,
no corazón do lirio,
de sutiles aromas intensos,
de irisadas cores
que transportan a outro tempo.
Os lectores din... (0) - Categoría: Pedaciños de ialma - Publicado o 26-04-2011 13:46
# Ligazón permanente a este artigo
Esvaécese a pel
Esvaece o teu carnal beizo
na miña defunta boca;
treme o teu muslo
xunto a vivaz lingua;
convírtense as caricias
en suaves marmurios,
aloumiños de amargura
escravizada na infame delicia
delirante.
Os lectores din... (1) - Categoría: Poesía - Publicado o 22-04-2011 15:06
# Ligazón permanente a este artigo
Árbore

É eiquí onde quero sumerxirme,
nestas árbores antigas,
perennes ó paso do tempo,
mornas, fortes,
inquebrantables,
eternas.

Sumerxirme nas súas raíces,
retorcerme coas súas pólas,
afundi-la pel no musgo
suave, frío, pequeno.

E sentir que son parte desa nada,
que nesa nada nacín
e voltarei morrer
porque, ó fin e ó cabo,
nada son e á nada volverei.

É eiquí onde quero morrer,
na eternidade da madeira de carballos,
maceiras, piñeiros ou nogueiras,
na fortaleza dos que unen o mencer
coa noite,
nos comunicadores de ceo e terra.
Os lectores din... (2) - Categoría: Poesía - Publicado o 21-04-2011 21:29
# Ligazón permanente a este artigo
Caer
Unha vez máis,
este escozor na comisura dos ollos,
esta agonía na metade da gorxa
e o desamor,
a incertidumbre,
a sinrazón e a angustia...

Unha vez máis,
escápasenme suspiros da ialma,
mixtúranse sensacións inabarcables,
afúndome na miseria dunha tristura
hoxe, xa eterna...

Unha vez máis,
chorar, só quero chorar no silencio,
tan só quero gritar onde ninguén escoite,
queima-los beizos coas bágoas
e volver a ti cun sorriso...
entón preguntarás ¿que tes?
e eu responderei nada, non pasa nada.
Os lectores din... (4) - Categoría: Poesía - Publicado o 20-04-2011 22:16
# Ligazón permanente a este artigo
Nalgún momento
Nalgún momento
convertiuse en desesperación,
o corpo voltouse agonía
e dor de mil fogueiras
esnaquizando a razón.

Nalgún intre,
vestiuse de desolación,
de espanto inerte,
de follas roubadas ó inverno,
de promesas baixo o sol.

Nalgún momento,
a morte petando á porta
paseniño ó seu son,
de quen ven sen avisar
e marcha tal cal chegou.

Nalgún intre,
desexada e experta,
abre a súa túnica con paixón,
e pode sumerxirse na súa infinita
realidade de gadaña
e destrucción.

Nalgún momento,
un intre máis,
un intre menos,
chama ou non avisa
e barre coa súa voz
de treboado vento
a tranquilidade das vidas
agora xa perdidas.
Os lectores din... (2) - Categoría: Poesía - Publicado o 11-04-2011 10:34
# Ligazón permanente a este artigo
Faro
Luz que alumeas ó infinito,
que mixturas abrazos
con escuridade eterna,
ogallá puidese perde-la miña alma
a través dos teus ollos furtivos
e voar sobre os océanos
imperecedeiros, malditos...

E voar a través dos mares,
lonxe, ben lonxe,
querido faro,
onde teus abrazos de luz
fan parede trémula
coa escuridade
fría e deserta,
ás veces, vestida de lúa,
outras, disfrazada de estrelas.

Ai, luz que alumeas ó infinito,
que o corazón descanse
na eternidade de vida esperta,
morna, quencida, queda...

Ai, luz que alumeas ó infinito
di, coa túa seguridade incerta,
¿por onde vai o barquiño
daquel amore afundido
en terra?;
¿podes ver, dende a túa illa,
ó mariñeiro perdido
que, un día, roubou mentiras
e traficou con soños,
sentimentos e vidas alleas?

Ai, faro dos mil mares,
dende o teu cristal
quisera divisar outras terras,
campos peiteados con agarimo,
persoas bendecidas do planeta,
as costas, as paisaxes,
outros países, desertos e selvas.

Ai, faro, meu faro,
luz que alumeas á eternidade
de países lonxanos,
de soños en azul e verde,
de pesadelos alumbrados
en fría oscuridade.

Ai, faro, meu faro,
segue alumeando,
vibra co canto das sereas.
Os lectores din... (1) - Categoría: Poesía - Publicado o 04-04-2011 16:45
# Ligazón permanente a este artigo
A desmemoria
Escapóuseme a memoria,
coma nun intre roubado
pola escuridade do pensamento;
fuxiu sen obxetivo,
fin ou aviso previo;
escapóuseme a memoria
ás entrañas da escuridade
dun paraíso de laberintos
e vacía de cores,
coa luz apagada,
afogada en aromas de incienso.
Perdín o tempo e os recordos,
morreron as lembranzas
e se podo ter algo claro
é que esquecín
as risas do pasado,
a tristura e o medo,
a felicidade e a paixón,
que supoño ter vivido,
inda que hoxe fuxen ceibes
polas esquinas da desmemoria
inalcanzables dende algún rincón.
Escapóuseme a memoria
nunha escuridade de días,
meses e anos,
non lembro a meus pais,
a meus fillos... nin quen son.
Quero pensar que fun boa
ou mala sen querer,
quero pensar que fixen algo
que sorrín, que quixen,
que amei...
Pérdome nestas néboas
de escuridade,
onde hai demasiada xente
sen rostro,
persoas de ollar triste
que se moven sen falar
e eu necesitando
preguntar
tantas cousas,
¿a quen, a quen podo
se ninguén fala,
se non pronuncian unha sola verba,
se ninguén di nada?
Os lectores din... (0) - Categoría: Pedaciños de ialma - Publicado o 03-04-2011 11:09
# Ligazón permanente a este artigo
Escribir, soñar, durmir... descansar, voo eterno e infinito.

O meu perfil
 Escritos
 ¡Creatividade sen límites!
 BUSCADOR
 Buscar blogs galegos
 Noutros momentos
 ANTERIORES

Na EsCuRiDaDe
© by Abertal