Gaivotas eternas


Dende aquí
Esta é a miña cárcere
de cristal
e invisibles cadeas.

Esta é a miña cárcere
condeada
a mirar entre reixas.

Esta é a miña cárcere
ó outro lado
das esperanzas vellas,
dos desexos roubados,
da dor eterna.

Esta é a miña cárcere
antiga
enredada entre silveiras.
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 19-01-2011 09:47
# Ligazón permanente a este artigo
Quero correr
Quero correr á túa beira,
sentido a escuma do mar
con caricias de area.

Quero correr ó teu carón,
co sol quencendo a pel
e de sal cheo o corazón.

Quero collerte das mans
mentres o vento
arremuíñase contra nós
e xoguetea cos cabelos.

Cancións de liberdade
na nosa terra meiga,
bótote en falta
arrecendo de salitre
e escuma;
bótote en falta
follas húmidas
de bosque antigo.

Quero correr sobre ti,
en torno a ti
e voltar a sentirme
ceibe
coma nunca fun
agás ó teu carón.

O barro dos teus bosques
co seu húmedo musgo;
a salitre dos teus mares,
ancláronse para sempre
na miña alma.

Quero correr ó teu carón
e sentirme libre
no espello do teu ceo,
nas nubes preñadas
das túas choivas eternas,
no romanticismo das túas
vellas rúas,
no lar da casa dos avós.

Quero correr xunto a ti
e respira-la liberdade
que un día me fixeches
sentir.
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 18-01-2011 23:42
# Ligazón permanente a este artigo
Dentro da escuridade
Dentro da escuridade
sinto as entrañas
apretuxadas contra a pel,
remuíño de dor,
queimazón intensa de morte
sabor a fel.

Dentro da escuridade,
no interior da dura pel,
o corpo síntese preñado
de angustia e sinrazón,
nubes grises comen ós pés
de carballos abatidos
pola fronte das imbéciles,
ignorantes ovellas
sen política nin lei.

Dentro da escuridade,
cada paso atrona
coma cun eco lonxano
de apatía e resentimento.

Dentro da escuridade,
os pulmóns piden permiso
para respirar;
o corazón esqueceu
onde quedou o seu
paseniño latexar;
as ideas fuxiron
co vento, coa terra,
co ar;
dentro da escuridade,
sen máis,
dentro da escuridade,
non hai espacio
para falar.
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 12-01-2011 10:48
# Ligazón permanente a este artigo
A música
Dicir que forma parte da vida é un pouco estrano porque, ás veces, a música é a vida en sí, co seu latexar intenso, pulsional, único.

É parte de nós coma nós somos parte dela, coma no amor verdadeiro dos contos de princesas, coma no fluir das augas que van ó mar, coma no marmurio dos ríos, na inmensidade das treboadas, no ollar incauto de nenos xogando no parque.

É a música o marmurio inesperado, aquilo que nos lembra que estamos vivos e vivos estamos nun guión predeterminado que nós mesmos escribimos.

É a música o inicio... e o final. A música.
Os lectores din... (2) - Categoría: Poesía - Publicado o 02-01-2011 11:14
# Ligazón permanente a este artigo
Escribir, soñar, durmir... descansar, voo eterno e infinito.

O meu perfil
 Escritos
 ¡Creatividade sen límites!
 BUSCADOR
 Buscar blogs galegos
 Noutros momentos
 ANTERIORES

Na EsCuRiDaDe
© by Abertal