Gaivotas eternas


Desexo na alma do transparente
Tan só un desexo do meu corpo á miña alma,
tan só un desexo de que abra as súas ás
e poda saír voando baixo terra,
onde se atope a soedade
vagando polas pedras.

Tan só un desexo da miña alma ó meu corpo,
tan só un desexo de acaricia-lo ceo
e prohibi-los sentimentos e sensacións
que abarcaron gotas de suor e escalofríos,
percorrendo novas nacións.

Tan só un desexo, tan só un desexo
da miña vida á miña desexada morte:
Vida, xa non te quero ó meu carón,
pídelle á túa irmá que me leve lonxe.
Os lectores din... (2) - Categoría: Poesía - Publicado o 19-09-2010 12:30
# Ligazón permanente a este artigo
Sen mirar atrás
Pecha os seus ollos ó sentilo preto, o seu corpo estremécese con só senti-lo seu alento rozando os seus oídos, e non quere abri-los ollos porque sabe que se o fai, él non estará alí. E perde a vida en soños imposibles, e esperta cando o ve noutros brazos, pero continúa bailando nese raio de lúa, no luar que a transporta igual que a música transforma ó máis duro ser. Na melodía perfecta. Entón, cando atopa á soedade como única compañeira, asústase e se pregunta canto máis poderá seguir andando polo mesmo camiño de baldosas esbaradizas.
Tropeza e cae, pero sempre atopa na maxia a forza suficiente para erguirse e seguir coas súas mesmas pisadas cautelosas e rápidas, paseniñas; a sensibilidade dun vello sentimento a acompañará en cada acción; por iso, xa non esperará contestación, tan só pedirá perdón e marchará. Sabe ben que, por esta vez, non irá detrás de ela, pero o seu paso fíxose firme, o seu corpo enfriou, e a súa mirada intenta seguir naquel lugar onde ninguén a vexa chorar.
Os lectores din... (0) - Categoría: Pedaciños de ialma - Publicado o 14-09-2010 18:55
# Ligazón permanente a este artigo
Mírame
Necesito que me mires
sen afasta-los ollos;
que sorrías co teu iris,
que atravése-lo meu ollar.

Necesito que me mires
dentro da ialma,
moi dentro,
xusto onde o espíritu
di "te quero".

Necesito que me mires,
quérote moi preto,
onde os beizos
escorregan suaves
notas do vento.

Necesito que me mires
e, a modiño te achegues,
acarície-las meixelas
e, ó meu carón, quedes.
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 11-09-2010 09:35
# Ligazón permanente a este artigo
A través de Gaia
¡Qué grande Gaia
coa súa cor verde e azul
mixturada no derradeiro
co laranxa;
difuminada no primeiro
co dourado sol!

¡Qué fermosa a terra
co seu arrecendo a auga
de nubes preñada
e risas agochadas
nos buracos das árbores antigas!

¡Qué deliciosa e viva
a vida da natureza
cos seus ríos cristaíños,
as ondas infinitas
nos estanques por pedras
arroxadas e frías!

Bendita a vida en Gaia.
Os lectores din... (2) - Categoría: Poesía - Publicado o 09-09-2010 09:49
# Ligazón permanente a este artigo
Simplemente non podo
Quixera erguerme pola mañá
desexando abri-los ollos,
cheira-lo arrecendo das flores,
contemplando a choiva na fiestra…

Quixera erguerme pola mañá
desexando vivir un novo día,
bicando o sol, o arco da vella,
abrazando a terra.

Pero, non quero,
tan só desexo non voltar
abri-los ollos,
pechalos para sempre,
descansar en paz
deste esgotamento de sentir,
vivir, pensar.
Os lectores din... (2) - Categoría: Poesía - Publicado o 04-09-2010 17:05
# Ligazón permanente a este artigo
Lúa Negra
Fuxe o príncipe
do soño enfeitizado,
achégase a bruxa
ó lar do meigallo.

Corren as vasoiras,
gritan os corvos,
quéimanse os carvallos,
as ledicias co loureiro
vístense de branco.

Érguense aires do norte,
escupe malicioso o vento
e a realidade oculta
faise memoria do tempo.

Ó cristal esnaquizado da fiestra
achégase o gato co seu marmurio,
xoga coas ondas, lame a area,
asoma o fuciño
e ronronea.

É noite de lúa negra,
a máis escura das escuras
noites;
as estrelas apáganse,
danzan os espíritus da morte.
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 22-08-2010 08:53
# Ligazón permanente a este artigo
Corazón violado
Os meus pés fixéronse camiño;
a túa chamada, destino.
Oín o teu marmurio ó mencer
daquel día perenne
de cancións esquecidas.

Atravesei desertos escuros,
rocei as miñas pegadas con pedras,
arañei os xeonllos con falsas promesas
por bicarte unha vez máis,
a primeira...
en realidade,
a primeira.

Cegada pola túa verdade,
movín as mans a escuras.

Crin descubrir entre descoñecidos
de rúas iluminadas e desertas
o sorriso dun amigo
con mans valeiras de beleza.
Hipócrita, malvado, escravo,
escravizando emocións de lúa chea,
secuestrando unha vida de incertidumbres,
convertindo ledicias en amargas penas.

E cheguei a ti ó remata-lo serán,
fixen do teu ser un refuxio,
onde acurruca-lo meu peito,
sabendo que eras meu... único,
irrepetible,
fermoso...
Ofrecícheste a min
e só puiden fundirme no teu corpo,
acariciando cada minuto
dun tempo que nunca foi tempo.

E o meu corazón cegado
entregouse sen reservas,
abriuse a ti,
enmudeceu a súa lingua.

E o meu corazón violado
apagouse créndose vivo;
latiu desesperado
sen sangue nas súas venas.
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 16-08-2010 01:32
# Ligazón permanente a este artigo
Cando o ceo decide
Cando o ceo decide
que chova na túa gorxa morta,
a decisión máis difícil
tórnase falar de cousas tenras;
viaxar a través de campos,
elevarse no aire da espera
e ser un coa deusa
que creou toda a terra.

Cando o ceo decide
queima-las túas mans cheas de valeiro,
o máis difícil é apaga-las chamas
de vago sentir agradecido;
acariciar pétalos de volvoreta,
cando as súas ás son silveiras,
sangue, barro, ¡sacrificio!
Necesario, pero non buscado
nin desexado
nin sacrificado...
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 10-08-2010 07:34
# Ligazón permanente a este artigo
Eu non...
Será que eu non son nada
e ti, a miña musa, dóce, eterna,
calada...

Será que eu non son nada
e ti, a miña bela,
a miña dor, o meu valeiro,
a miña forza.

Será que eu non son nada
e ti, a certeza
do día sen luz,
da noite cegada.

Será que eu non son nada
e sen ti, valeiro
de estrelas preñada.

Será que eu non son nada
e, sen ti, a lúa
no seu espectro apacible
xa sen vida vaga.

Será que eu non son nada
e ti, o ceo, o mar,
o río, a montaña.

Será,
será,
será o mencer,
a mañá,
a noite apagada.
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 08-08-2010 22:40
# Ligazón permanente a este artigo
Xa non
Escollín a tenrura
por un día inmersa
no valeiro do mar
inmenso.

Escollín o lume
cego de noite e día,
duplicado, mentido,
agonizando
na cova do lagarto.

Escollín fuxir
porque quedarme xa non conta
perde o senso
da fuxida,
rompe as reglas,
espanta as tornas.

Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 30-07-2010 23:03
# Ligazón permanente a este artigo
Escribir, soñar, durmir... descansar, voo eterno e infinito.

O meu perfil
 Escritos
 ¡Creatividade sen límites!
 BUSCADOR
 Buscar blogs galegos
 Noutros momentos
 ANTERIORES

Na EsCuRiDaDe
© by Abertal