Gaivotas eternas


Coma area
Desfaise o teu corpo en area
cando, nos meus brazos,
alimentas a túa barriguiña
e a túa mirada de inocencia.

Desfaise o teu corpo en area
como sumido polo mar,
cos teus marmurios velliños
de bebé recén nado,
pegando os teus beizos pequechos
ó meu peito de leite preñado.

E se fai esa conexión máxica
de nai e filla, alimentando,
compartindo, acariñando;
e ti te-los ollos pechados de sono
e eu soño cos teus ollos
nunha relación que xa será para sempre,
eterna, fermosa e chea.

Quixénte dende antes de que naceras
e, agora que xa estás aquí,
agora que xa estás, miña nena,
ti e-lo meu anxo de liberdade,
o meu sol, a miña lúa,
a miña única verdade.
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 29-06-2012 23:15
# Ligazón permanente a este artigo
Area de lembranzas
Párteseme a alma
cando, inqueda,
se ve engulida
polo recordo
dunha eternidade imaxinada;
xa non sei que foi de seu
e qué das miñas lembranzas
foron, en realidade, creadas;
vóltase a alma melodía
de sons inventados,
cunha música mil veces buscada,
mil veces amada
e outras mil...
outras mil
rexeitada.

Custa recoñecer
que o tempo fai ben o seu traballo
limpando as cunetas
daquilo que debera ser esquecido,
poñendo nas mans notas de presente,
melodías inexistentes de pasado.

E a area das lembranzas
vóltase remuíño dentro da mente
dun ser de luz e sombras,
que se ve con verdades e mentiras
asulagado,
caendo de xeonllos unha vez máis
na beira dunha lagoa embravecida
co canto de negros paxaros,
de escuros cantos vestida, disfrazada,
agochada na escuridade que proxecta
a súa propia luz
de remuíños de area.
Quizáis sexa porque, como tantas outras,
a vida convertímola nun labirinto
no que, ó final, perdémo-lo rumbo,
o destino non é máis que un barco á deriva
e o faro que alumea non o atopamos
ata que, a traveso da néboa
descubrimos un espello agochado.
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 09-02-2012 13:44
# Ligazón permanente a este artigo
Azul de ceo, ceo de azul
Este é o meu ceo,
o meu particular paraíso;
onde o azul vibra transparente,
confundindo ó mar
cos seus tonos verdes.

Este é o meu paraíso,
o meu particular ceo,
onde se mixturan sorrisos
abertos, femosos, plenos
e resplandecentes.

Este é o meu ceo,
o meu inagotable refuxio
de anxos e flores repleto,
vértigo de alma e corazón
cando ó abri-los brazos
amplias ás remontan un voo
trepidante, sen medo.
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 02-02-2012 15:55
# Ligazón permanente a este artigo
Buscando a luz
A modiño, como sen querer,
énchese toda a terra
dun frío invisible e cego,
dunha espesa e brillante néboa.

Alá, ó lonxe, os barcos ouvean
e, ós seus gritos agonizantes,
responden silenciosas gaivotas e sereas.

Buscando a luz
a través da néboa,
camiña palpando
as paredes de terra.

Os barcos agonizan
ante os faros
que, na súa ceguera,
só responden con ouvidos
coma de lobos sen teta
que os aleite, os acolla,
os arroupe e os queira.

Moito máis aló,
fuxindo da néboa,
escóitanse os cánticos
dos trasnos agochados
no Arco da Vella.
Os lectores din... (1) - Categoría: Poesía - Publicado o 23-01-2012 21:06
# Ligazón permanente a este artigo
Soedade, querida soedade
Búscote coa desesperación
das almas perdidas
e non te atopo...

Necesítote porque, en ti,
soedade infinita
podo sentir sen dar explicacións;
dentro de ti
podo mergullá-las miñas bágoas
e as miñas ledicias.

Es a chave á liberdade
dos pesadelos difrazados de risa;
es boa compañeira de viaxe,
de abrazos mornos
e miradas frías.

¿Por onde andarás,
querida soedade,
onde ocultarás túa faciana
de luz cristaíña,
espello de morte,
realidade de eterna vida?
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 15-01-2012 08:21
# Ligazón permanente a este artigo
Ti
¿Como non rir
co teu sorriso
se ti es eu
e eu son ti?

¿Como non chorar
coas túas bágoas
e senti-la
túa tristura amarga...?

O único que me desconcerta
é quererte tanto
porque ti é-lo todo
e eu non valo a pena.

¿Como non ser?
¿Como non sentir?
¿Como non devecer, amor,
perdida entre as túas cadeiras?
Os lectores din... (1) - Categoría: Pedaciños de ialma - Publicado o 04-01-2012 08:33
# Ligazón permanente a este artigo
Noites de cristal
Golpéame o vento xélido da noite
nas paredes invisibles da mente;
fuxen carros de cabalos
a un universo paralelo de realidade doente.

As invisibles tórnanse muros de cristal
fráxiles, esnaquizados
e rasgados por pensamentos valeiros
e igualmente rachados.

Doe no máis profundo do ser,
doe, doe, doe
coa intensidade de non saber,
co abismo da noite,
simplemente...
doe.
Os lectores din... (4) - Categoría: Poesía - Publicado o 19-12-2011 21:54
# Ligazón permanente a este artigo
Telarañas de cristal afumado
Xa non hai labirintos
de cristal afumado
no xardín
con mil telarañas,
telarañas mil
construindo paredes imposibles,
semellando as paredes da realidade.

Xa non quedan telas de cristal
facendo remuíños
no xardín;
agora, as arañas
agóchanse nas profundidades
da terra,
alimentándose de bichos
e pequenas alimañas,
engordando os seus corpos
coas almas alimentadas
de escuridade.

Telarañas de cristal afumado
que falan de labirintos
enredados de pensamentos
perdidos e roubados;
arañas malditas
que sorrín sen dentes
e miran sen ver
porque a súa ceguera é sombra
e a sombra vóltase inerte
nas profundidades da terra
preñada de barro baldío,
que se amosa sobre sí mesmo
inexpresivo e retorcido.

Xa non hai labirintos de telarañas
no xardín nin cristal nin demos
nin pesadelos nin escuros desexos,
só restos de alimañas,
restos de cadáveres ofrecidos
na profundidade da cova das arañas.
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 11-12-2011 13:18
# Ligazón permanente a este artigo
Hai días
Hai días que, simmplemente, non son,
días grises de escuma azul,
doentes e adoecidos,
adormilados, insomnes;
días sen senso, días perdidos.

Hai días que doen cando nin fan
nin son;
días que escupen a súa estupidez
á faciana rota
de arlequíns blancos e negros
de transparentes bágoas
e bágoas sen senso...

Hai días que non son
nin deberían ser,
hai días que perden a cor,
hai días...
hai días...
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 09-12-2011 11:51
# Ligazón permanente a este artigo
Fráxil
Feble como folla de outono,
morteciña como a derradeira
luz do día;
fráxil, rota.
Agora que piden
cabezas altas,
frentes erguidas;
costas fortes,
ás veces, avergoña recoñecer
que o corazón treme,
que os pasos vacilan,
que o corpo se encolle...

Custa recoñecerse feble,
fráxil, sen vida,
coa alma rota por non vivires
máis do vivido
e desexare non ter camiñado
as pegadas impostas
por mans invisibles,
fortes, malvadas,
retorcidas...mortas.
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 08-12-2011 17:59
# Ligazón permanente a este artigo
Escribir, soñar, durmir... descansar, voo eterno e infinito.

O meu perfil
 Escritos
 ¡Creatividade sen límites!
 BUSCADOR
 Buscar blogs galegos
 Noutros momentos
 ANTERIORES

Na EsCuRiDaDe
© by Abertal