Párteseme a alma
cando, inqueda,
se ve engulida
polo recordo
dunha eternidade imaxinada;
xa non sei que foi de seu
e qué das miñas lembranzas
foron, en realidade, creadas;
vóltase a alma melodía
de sons inventados,
cunha música mil veces buscada,
mil veces amada
e outras mil...
outras mil
rexeitada.
Custa recoñecer
que o tempo fai ben o seu traballo
limpando as cunetas
daquilo que debera ser esquecido,
poñendo nas mans notas de presente,
melodías inexistentes de pasado.
E a area das lembranzas
vóltase remuíño dentro da mente
dun ser de luz e sombras,
que se ve con verdades e mentiras
asulagado,
caendo de xeonllos unha vez máis
na beira dunha lagoa embravecida
co canto de negros paxaros,
de escuros cantos vestida, disfrazada,
agochada na escuridade que proxecta
a súa propia luz
de remuíños de area.
Quizáis sexa porque, como tantas outras,
a vida convertímola nun labirinto
no que, ó final, perdémo-lo rumbo,
o destino non é máis que un barco á deriva
e o faro que alumea non o atopamos
ata que, a traveso da néboa
descubrimos un espello agochado. |