Gaivotas eternas


E perdín
E perdín,
perdín as ganas,
o sentir do corazón,
a forza da ialma.

Perdino todo por seguirte,
camiñando sen rumbo,
acariciando un soño
que non era real.

E perdín,
perdín a forza de esprito,
quedei sen folgos
ó bica-lo luar da mañanciña,
ó abri-los ollos
e espertares no cumio
dos afogados.

E perdín,
perdín as bágoas
nalgún lugar do camiño;
secouse o meu ollar,
marchitouse a miña ialma,
esqueceu o sentir
onde quedaba o seu fogar.
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 09-02-2011 10:43
# Ligazón permanente a este artigo
Tempo detido
Ás veces, é coma tempo detido,
é coma se as horas, os días,
os meses,
se detiveran nun espacio perdido,
alá onde rematou a túa vida,
alá onde díche-lo último
marmurio, o derradeiro suspiro.

Ás veces, é coma se aínda fose
onte,
cando apagáche-lo teu ollar mariñeiro
azul de mar, alento salgado,
de escuma areosa
dócemente salpicado.

Ás veces... só ás veces,
cando preguntan,
non sei en que día vivo,
parés que hai unha hora
que a miña alma
depositou na túa un bico.

Ás veces... só ás veces...
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 05-02-2011 11:51
# Ligazón permanente a este artigo
Escribire
Escribo porque, un día,
a Musa dixo
"quero que fales de min"
e se engaiolou con disfraces,
vestimentas de estrelas,
verbas fermosas, dóces,
febles, mornas,
estúpidas e brincadeiras.

Escribo porque, nalgún momento,
fixeime nela,
non lembro cando,
só sei que aconteceu
e a miña alma voltouse
prisioeira de verbas.

Verbas, palabras, sentimentos,
emocións e luxuria,
coma nun labirinto de amor,
atrapada polos remuíños da beira,
tumbada na area da blanca Galiza.

Escribo porque non sei facelo doutra forma,
son torpe ó falar,
ó pensar,
ó sentir,
pero me sinto libre cando escribo
e acaricio as verbas
con profundo agarimo.

Escribo porque creo que a lingua
é o máis fermoso meigallo
con que a vida, un día,
decidiu agasallarnos.

Escribo porque si...
e porque non...
escribo coa alma,
coa vida,
coa sinrazón, a desesperanza,
a paixón
e a tinta coa que os artistas
pintan os soños,
descúbrenos segredos,
comparten ilusións.
Os lectores din... (2) - Categoría: Poesía - Publicado o 02-02-2011 09:58
# Ligazón permanente a este artigo
Dende aquí
Esta é a miña cárcere
de cristal
e invisibles cadeas.

Esta é a miña cárcere
condeada
a mirar entre reixas.

Esta é a miña cárcere
ó outro lado
das esperanzas vellas,
dos desexos roubados,
da dor eterna.

Esta é a miña cárcere
antiga
enredada entre silveiras.
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 19-01-2011 09:47
# Ligazón permanente a este artigo
Quero correr
Quero correr á túa beira,
sentido a escuma do mar
con caricias de area.

Quero correr ó teu carón,
co sol quencendo a pel
e de sal cheo o corazón.

Quero collerte das mans
mentres o vento
arremuíñase contra nós
e xoguetea cos cabelos.

Cancións de liberdade
na nosa terra meiga,
bótote en falta
arrecendo de salitre
e escuma;
bótote en falta
follas húmidas
de bosque antigo.

Quero correr sobre ti,
en torno a ti
e voltar a sentirme
ceibe
coma nunca fun
agás ó teu carón.

O barro dos teus bosques
co seu húmedo musgo;
a salitre dos teus mares,
ancláronse para sempre
na miña alma.

Quero correr ó teu carón
e sentirme libre
no espello do teu ceo,
nas nubes preñadas
das túas choivas eternas,
no romanticismo das túas
vellas rúas,
no lar da casa dos avós.

Quero correr xunto a ti
e respira-la liberdade
que un día me fixeches
sentir.
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 18-01-2011 23:42
# Ligazón permanente a este artigo
Dentro da escuridade
Dentro da escuridade
sinto as entrañas
apretuxadas contra a pel,
remuíño de dor,
queimazón intensa de morte
sabor a fel.

Dentro da escuridade,
no interior da dura pel,
o corpo síntese preñado
de angustia e sinrazón,
nubes grises comen ós pés
de carballos abatidos
pola fronte das imbéciles,
ignorantes ovellas
sen política nin lei.

Dentro da escuridade,
cada paso atrona
coma cun eco lonxano
de apatía e resentimento.

Dentro da escuridade,
os pulmóns piden permiso
para respirar;
o corazón esqueceu
onde quedou o seu
paseniño latexar;
as ideas fuxiron
co vento, coa terra,
co ar;
dentro da escuridade,
sen máis,
dentro da escuridade,
non hai espacio
para falar.
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 12-01-2011 10:48
# Ligazón permanente a este artigo
A música
Dicir que forma parte da vida é un pouco estrano porque, ás veces, a música é a vida en sí, co seu latexar intenso, pulsional, único.

É parte de nós coma nós somos parte dela, coma no amor verdadeiro dos contos de princesas, coma no fluir das augas que van ó mar, coma no marmurio dos ríos, na inmensidade das treboadas, no ollar incauto de nenos xogando no parque.

É a música o marmurio inesperado, aquilo que nos lembra que estamos vivos e vivos estamos nun guión predeterminado que nós mesmos escribimos.

É a música o inicio... e o final. A música.
Os lectores din... (2) - Categoría: Poesía - Publicado o 02-01-2011 11:14
# Ligazón permanente a este artigo
De pó e de terra
Mixtúranse as mans coa terra,
embadúrnase a pel con pó
e con bágoas,
sangue de quen xa marchou
e non mirou atrás.

Desfanse os ósos
coas silveiras,
volta o barro á beira dos ríos
cheos de maxia sutil
e inexperta.

Choran os cadáveres
nos ataúdes valeiros,
coa pel fina pegada ó corpo,
o esqueleto frío
desfeito en medio da madeira.

E a tranquilidade mergúllase
coas esperanzas
de voltar uns ós outros:
voltar a amar, sentir, tocar...
acariciarse con agarimo,
bicarse nas mans,
fuxir do prohibido,
descansar xunto o mar.

Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 02-11-2010 18:53
# Ligazón permanente a este artigo
Terra sobre vento
Caladiña por momentos,
así vai a terra sobre
o vento.

A modiño sen pensar,
corre corre, fuxe
e para sen mirar.

A terra cabalga sobre
o vento
nunha danza
improbable
de estranos sentimentos.

A terra morre na asfixia
da vida sen aire
do mar sen area
da area esnaquizada
por escuros intentos.

Terra sobre vento,
choiva sobre mar,
din as bruxas
que é boa noite
para ouvear.

Choran os piñeiros
botan lume as vasoiras,
fuxen os mouchos
dos meigallos
das súas señoras.

É noite de lobos
e lúa preñada
de sangue e silvas
bañada...

É noite de lobos
e lúa escura
oculta
na insomne mirada.
Os lectores din... (3) - Categoría: Poesía - Publicado o 20-10-2010 16:09
# Ligazón permanente a este artigo
Bótote en falta
Ás veces,
bótote tanto de menos
coma as flores
ó orballo da noite.

Ás veces,
bótote tan en falta
que queima,
que doe.

Ás veces,
sinto un valeiro
vibrando no medio do peito.

Ás veces,
o teu nome
tórnase
amargo dóce
nos meus beizos.
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 07-10-2010 08:43
# Ligazón permanente a este artigo
Escribir, soñar, durmir... descansar, voo eterno e infinito.

O meu perfil
 Escritos
 ¡Creatividade sen límites!
 BUSCADOR
 Buscar blogs galegos
 Noutros momentos
 ANTERIORES

Na EsCuRiDaDe
© by Abertal