Gaivotas eternas


Area de lembranzas
Párteseme a alma
cando, inqueda,
se ve engulida
polo recordo
dunha eternidade imaxinada;
xa non sei que foi de seu
e qué das miñas lembranzas
foron, en realidade, creadas;
vóltase a alma melodía
de sons inventados,
cunha música mil veces buscada,
mil veces amada
e outras mil...
outras mil
rexeitada.

Custa recoñecer
que o tempo fai ben o seu traballo
limpando as cunetas
daquilo que debera ser esquecido,
poñendo nas mans notas de presente,
melodías inexistentes de pasado.

E a area das lembranzas
vóltase remuíño dentro da mente
dun ser de luz e sombras,
que se ve con verdades e mentiras
asulagado,
caendo de xeonllos unha vez máis
na beira dunha lagoa embravecida
co canto de negros paxaros,
de escuros cantos vestida, disfrazada,
agochada na escuridade que proxecta
a súa propia luz
de remuíños de area.
Quizáis sexa porque, como tantas outras,
a vida convertímola nun labirinto
no que, ó final, perdémo-lo rumbo,
o destino non é máis que un barco á deriva
e o faro que alumea non o atopamos
ata que, a traveso da néboa
descubrimos un espello agochado.
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 09-02-2012 13:44
# Ligazón permanente a este artigo
Azul de ceo, ceo de azul
Este é o meu ceo,
o meu particular paraíso;
onde o azul vibra transparente,
confundindo ó mar
cos seus tonos verdes.

Este é o meu paraíso,
o meu particular ceo,
onde se mixturan sorrisos
abertos, femosos, plenos
e resplandecentes.

Este é o meu ceo,
o meu inagotable refuxio
de anxos e flores repleto,
vértigo de alma e corazón
cando ó abri-los brazos
amplias ás remontan un voo
trepidante, sen medo.
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 02-02-2012 15:55
# Ligazón permanente a este artigo
Buscando a luz
A modiño, como sen querer,
énchese toda a terra
dun frío invisible e cego,
dunha espesa e brillante néboa.

Alá, ó lonxe, os barcos ouvean
e, ós seus gritos agonizantes,
responden silenciosas gaivotas e sereas.

Buscando a luz
a través da néboa,
camiña palpando
as paredes de terra.

Os barcos agonizan
ante os faros
que, na súa ceguera,
só responden con ouvidos
coma de lobos sen teta
que os aleite, os acolla,
os arroupe e os queira.

Moito máis aló,
fuxindo da néboa,
escóitanse os cánticos
dos trasnos agochados
no Arco da Vella.
Os lectores din... (1) - Categoría: Poesía - Publicado o 23-01-2012 21:06
# Ligazón permanente a este artigo
Soedade, querida soedade
Búscote coa desesperación
das almas perdidas
e non te atopo...

Necesítote porque, en ti,
soedade infinita
podo sentir sen dar explicacións;
dentro de ti
podo mergullá-las miñas bágoas
e as miñas ledicias.

Es a chave á liberdade
dos pesadelos difrazados de risa;
es boa compañeira de viaxe,
de abrazos mornos
e miradas frías.

¿Por onde andarás,
querida soedade,
onde ocultarás túa faciana
de luz cristaíña,
espello de morte,
realidade de eterna vida?
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 15-01-2012 08:21
# Ligazón permanente a este artigo
Noites de cristal
Golpéame o vento xélido da noite
nas paredes invisibles da mente;
fuxen carros de cabalos
a un universo paralelo de realidade doente.

As invisibles tórnanse muros de cristal
fráxiles, esnaquizados
e rasgados por pensamentos valeiros
e igualmente rachados.

Doe no máis profundo do ser,
doe, doe, doe
coa intensidade de non saber,
co abismo da noite,
simplemente...
doe.
Os lectores din... (4) - Categoría: Poesía - Publicado o 19-12-2011 21:54
# Ligazón permanente a este artigo
Telarañas de cristal afumado
Xa non hai labirintos
de cristal afumado
no xardín
con mil telarañas,
telarañas mil
construindo paredes imposibles,
semellando as paredes da realidade.

Xa non quedan telas de cristal
facendo remuíños
no xardín;
agora, as arañas
agóchanse nas profundidades
da terra,
alimentándose de bichos
e pequenas alimañas,
engordando os seus corpos
coas almas alimentadas
de escuridade.

Telarañas de cristal afumado
que falan de labirintos
enredados de pensamentos
perdidos e roubados;
arañas malditas
que sorrín sen dentes
e miran sen ver
porque a súa ceguera é sombra
e a sombra vóltase inerte
nas profundidades da terra
preñada de barro baldío,
que se amosa sobre sí mesmo
inexpresivo e retorcido.

Xa non hai labirintos de telarañas
no xardín nin cristal nin demos
nin pesadelos nin escuros desexos,
só restos de alimañas,
restos de cadáveres ofrecidos
na profundidade da cova das arañas.
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 11-12-2011 13:18
# Ligazón permanente a este artigo
Hai días
Hai días que, simmplemente, non son,
días grises de escuma azul,
doentes e adoecidos,
adormilados, insomnes;
días sen senso, días perdidos.

Hai días que doen cando nin fan
nin son;
días que escupen a súa estupidez
á faciana rota
de arlequíns blancos e negros
de transparentes bágoas
e bágoas sen senso...

Hai días que non son
nin deberían ser,
hai días que perden a cor,
hai días...
hai días...
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 09-12-2011 11:51
# Ligazón permanente a este artigo
Fráxil
Feble como folla de outono,
morteciña como a derradeira
luz do día;
fráxil, rota.
Agora que piden
cabezas altas,
frentes erguidas;
costas fortes,
ás veces, avergoña recoñecer
que o corazón treme,
que os pasos vacilan,
que o corpo se encolle...

Custa recoñecerse feble,
fráxil, sen vida,
coa alma rota por non vivires
máis do vivido
e desexare non ter camiñado
as pegadas impostas
por mans invisibles,
fortes, malvadas,
retorcidas...mortas.
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 08-12-2011 17:59
# Ligazón permanente a este artigo
Medo

Un día o ignoras
e, ó día seguinte,
asoma ó teu carón
cun riso de paiaso
de pelí mala de terror.

Un día cres te-lo esquecido
e, ó seguinte, diche que non,
que el segue namorado de ti,
que persegue o teu latexar
o teu incómodo durmir.

Non se trata de perder
nin de gañar,
trátase do seu abrazo invisible
inesperado.

O medo é incerto,
un ladrón malvado,
que rouba os soños,
aliméntase da inseguridade,
fai remuíños de plástico
na gorxa das víctimas
que gritan por liberdade.

Loitar contra el é seguir camiñando,
mante-la frente erguida,
mira-lo que se ten diante,
sorrir inda con bágoas
e non desfalecer
ante os seus bicos infames.

Loitar contra el
é comprende-la imperfección da vida,
a nosa necesidade de crecer
a través de malos momentos
e historias suaves.

É continuar a pesares de todo,
é ve-la luz do mencer
e saber...
saber que un novo día comeza,
cos seus grises e as súas cores,
que a choiva tamén e necesaria
para que brote con furia a natureza.
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 29-11-2011 11:03
# Ligazón permanente a este artigo
Mar, salgado mar
Mar, salgado mar
que bates con forza
contra as costas galegas;
ruxes coa furia da alma,
lames coa sutil firmeza
do amor desfeito
na costa, na beira...
enterrado na area.

Mar, salgado mar
de cor imposible,
de místico camiñar.
Ti, orgulloso e grande,
chegas coa túa cabeleira
desbocada,
tal cal cabalo sen xinete,
salvaxe, rápido...
transparente;
chegas co bravío da luz
fogosa e escura
das eternas gaivotas
e ximes namorado,
arrullado polo marmurio
da area
baixo os teus brazos.

Oh, mar, salgado mar,
furioso e vivo,
alegre e furtivo,
non deixes de visita-las nosas costas
co teu arrubio de escuma blanca
e presurosa;
cos teus sons de beleza
arrolladora.
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 22-11-2011 13:21
# Ligazón permanente a este artigo
Escribir, soñar, durmir... descansar, voo eterno e infinito.

O meu perfil
 Escritos
 ¡Creatividade sen límites!
 BUSCADOR
 Buscar blogs galegos
 Noutros momentos
 ANTERIORES

Na EsCuRiDaDe
© by Abertal