Gaivotas eternas


Luz
Énchese a ialma de luz,
o ceo faise máis brillante
ca o sol,
o corazón vibra co son
dunha paz inmensa
e fermosa.

Énchese a ialma de luz,
apertas de anxos
rodéannos,
abrímo-los brazos en cruz
e saltamos ó valeiro
dun acantilado de música rebosante:
azul cristaíño de mar
transparente, vibrante,
cheo de vida,
de paz
e de cancións blancas;
blancas como a escuma
xogando coa area,
sumerxíndose nas profundidades,
bicando e escapando da beira.

Énchese a ialma de luz,
e o mundo faise máis fermoso,
volta a ser azul.


Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 02-05-2013 10:24
# Ligazón permanente a este artigo
Agarimo
Acaricia-la túa suave faciana,
deixarme levar polo arrecendo
da túa pel.
Bicar suave as túas meixelas,
aspira-lo sorriso
de terte preto, cerca
do meu corazón,
da miña pel.
Senti-la túa man buscando a miña,
deixarme levar por un momento
cunha acaricia suave
que ninguén máis ve.
Bica-los teus beizos
a modiño, sen presa;
saborea-lo rosa da súa carne,
saber que témos todo o tempo
do mundo para amarnos,
para amarte, para amarme.
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 14-04-2013 08:33
# Ligazón permanente a este artigo
Entre soños
Entre soños me movo,
vivo no reflexo dos outros,
observo, calo, sorrío
e todo está ben.

Todo parece estar ben.

Entre soños respiro,
véxote entre as brétemas
dunha fantasía real
e, gracias a ti, sorrío.

Todo está ben.

Entre soños existo
porque a realidade
é unha ficción non buscada
e, por sempre, amosada.

Todo está ben.
Son feliz
e te amo,
¿que máis pedir ó soño,
que máis que vivir na fantasía?

Todo está ben.

Os outros asemellan espellos
do que sempre soñei;
a lúa sorrí gracias a ti
e o sol quenta as miñas
pálpebras.
Felicidade inmensa,
rebosante de bicos suaves.

Todo está ben.
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 21-03-2013 14:23
# Ligazón permanente a este artigo
Escuridade e tregua
"Cando penso que te fuches..."
choraba Rosalía,
en escuridades incertas,
maldita sombra,
me atrapas, me desacougas,
me desconcertas.

Cando penso que xa pasou,
que volve a luz do día,
que a tormenta escampou,
a túa noite sen estrelas
fai nós de anguria
na miña gorxa deserta.

As verbas enmudecen,
a dor aflixe,
o silencio énchese de gritos
e, xa sabes o que din:
o diaño grita,
os anxos falan baixiño.

Non podo xa co peso
da túa escuridade cincenta;
non podo máis co adolecer
das noites en vela,
de pesadelos insomnes
de mentiras, de verdades,
da tolemia que produce
unha vida sen rumbo,
un rumbo sen pasado,
un pasado que non existiu
e perdeu,
perdeu xogando partidas
que non lle correspondían.

Xa non podo, negra sombra,
cos teus golpes inesperados,
coa túa dor inabarcable;
coas túas visitas sin ser invitada.

Déixame respirar os raiños do sol,
arrouparme coas gotas de orballo,
déixame vestir co arco da vella
e durmir baixo a forte sombra dun carballo.

Quero ser ceibe da túa asfixiante aperta,
ceibe para rir, ver, vivir e amar;
ceibe dos lazos invisibles;
ceibe na liberdade dunha vida eterna.

Marcha, marcha xa, unha vez máis, vaite,
pero, por esta vez máis,
por favor, non volvas,
non quero verte nunca
ó carón da miña alma
intentando afoga-la miña gorxa.
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 10-01-2013 10:20
# Ligazón permanente a este artigo
Desexos de Nadal
Non quero esta vida
nin aquela coa que soñei,
non quero a responsabilidade
de manterme en pé.

Pesan os andares,
cansa e espertar fatiga,
agótame simplemente
abri-los ollos...
e ver.

Non quero esta vida
nin aquela coa que soñei,
¿fuxida infantil?
Sí, zicais;
sí, tal vez...

Pesa a vida nas costas,
sobre os riles millóns
de horas mortas,
velando por outros,
por outras vidas
e, cando hai tempo,
os soños quedan atrás
e só quedan pesadelos.

Noites escuras,
escuros desexos.

Non, non quero esta vida
nin aquela que soñei.
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 12-12-2012 09:29
# Ligazón permanente a este artigo
Nada
Son Nada
porque á Nada pertenzo;
un cachiño de ceo,
de estrelas eternas,
de infinitos buracos negros.

Son unha Nada
vestidad de humanidade,
mortal e finita,
disfrazada cun traxe
antigo, roto e vello.

Son Nada,
á Nada pertenzo...
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 24-11-2012 15:07
# Ligazón permanente a este artigo
Poesía en azul
Verbas que son verbos,
verbos que son beixos,
bicos convertidos en auga e sal,
caricias de montaña,
agarimos de mar.

Verbas que son beixos,
beixos que son sal,
sal de montaña,
poesía do mar.

Verbas que son beixos,
nunha eterna oleaxe
de marmurios caladiños
baixo a auga,
baixo o sal.

Verbas que son beixos,
poesía en azul
de crecente oleaxe
transparente
e dóce como o mar.
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 12-09-2012 09:21
# Ligazón permanente a este artigo
Perdendo o senso
Este camiño dando tumbos
fai que desexe que todo remate;
xa non máis amor na miña vida
nin paixón nin tristura
nin milagres.

Desexo que se acaben
os desexos de loita
que fan erguerse cada mañá
para caer derrotada
cando se fai tarde.

Que xa non haxa máis serán
de ledicia a esgalla,
quero que se acaben as mentiras
e as verdades
coa mesma rapidez coa que
foron creadas
na súa vehemente intensidade.

Non quero motivos para erguerme
porque logo vou apagándome
pasiño a pasiño
ata que xa non ten senso
nin razón o levantarme.

Qué senso ten facer plans
para logo botalos ó vento,
perdelos e con eles a necesidade
de sentirse vivo
por un intre, un estrano momento.
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 17-08-2012 09:15
# Ligazón permanente a este artigo
Música desafinada
Confúndesme coa túa música
de melodía desafinada
de tenro compás,
apalpa-las miñas mans
coa rudeza dun neno
que non sabe que é o que fai.

Confúndesme cos teus medios sorrisos
de bravucón malvado,
co teu ollar altaneiro
ferido por muller brava.

Confúndesme coas túas verbas
que afunden profundamente
na alma cando, en realidade,
non din nada.

Confúndesme facéndome rir
cando só quería chorar
e me confundes
profundamente,
confúndesme cando te vexo
facendo sen querer
facer nada,
coa túa melodía de medio sorriso
de música desafinada.
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 13-07-2012 08:05
# Ligazón permanente a este artigo
Coma area
Desfaise o teu corpo en area
cando, nos meus brazos,
alimentas a túa barriguiña
e a túa mirada de inocencia.

Desfaise o teu corpo en area
como sumido polo mar,
cos teus marmurios velliños
de bebé recén nado,
pegando os teus beizos pequechos
ó meu peito de leite preñado.

E se fai esa conexión máxica
de nai e filla, alimentando,
compartindo, acariñando;
e ti te-los ollos pechados de sono
e eu soño cos teus ollos
nunha relación que xa será para sempre,
eterna, fermosa e chea.

Quixénte dende antes de que naceras
e, agora que xa estás aquí,
agora que xa estás, miña nena,
ti e-lo meu anxo de liberdade,
o meu sol, a miña lúa,
a miña única verdade.
Os lectores din... (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 29-06-2012 23:15
# Ligazón permanente a este artigo
Escribir, soñar, durmir... descansar, voo eterno e infinito.

O meu perfil
 Escritos
 ¡Creatividade sen límites!
 BUSCADOR
 Buscar blogs galegos
 Noutros momentos
 ANTERIORES

Na EsCuRiDaDe
© by Abertal