A Canción do Náufrago II


Blog do escritor Francisco Castro
Perfil de Francisco Castro
Perfil de Facebook de Francisco Castro.
Crea a túa chapa
O meu perfil
Francisco Castro
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 Tamén podes ler...
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

QUE FOI DOS DELINCUENTES XUVENÍS DOS OITENTA?
No xornal A Nosa Terra, neste novo número, fanse, precisamente, esa mesma pregunta. A reportaxe é moi interesante.
Unha posible resposta ao que lles pasou, coido que está aquí.
Categoría: Xeral - Publicado o 30-09-2008 22:11
# Ligazón permanente a este artigo
O RETROCESO DO GALEGO NOS XORNAIS

Velaí o título do meu novo artigo en A Nosa Terra.
Categoría: Artigos en A NOSA TERRA DIARIO - Publicado o 29-09-2008 22:18
# Ligazón permanente a este artigo
SUSO JARES, GUIEIRO
Hai unhas horas despedimos en Vigo, nun emocioante acto cívico, a Suso Jares.
Neste instante só acerto a dicir que si que é certo que hai persoas que son guieiro, que son modelo, que son camiño.
Suso Jares foi un ser así.
Oxalá todos os mestres e mestras sentiran a diario a paixón que el tiña pola educación, o convencemento de que o mundo si que é mellorable a través da escola, a seguridade de que as utopías poden deixar de selo a base de traballo, ilusión e constancia. Que a revolución empeza nunha horta feita por cativos de EXB ou nunha biblioteca escolar, por cativa que sexa. Que aí si que está o camiño para facer un mundo mellor.
E oxalá todos fosemos quen de ter o seu exemplo sempre presente, para así, dar nós, tamén, o mellor do que levamos dentro en todo momento.
Non esqueceremos nunca a Suso Jares. E por iso sempre vivirá entre nós.
Categoría: Xeral - Publicado o 28-09-2008 22:29
# Ligazón permanente a este artigo
ALGUNHAS CONCLUSIÓNS
Veño de chegar ( canso, moi canso... xa non estou para algúns excesos noctámbulos ) do III Encontro de Escritores Novos, "Entre dous séculos" que a Asociación de Escritores en Lingua Galega organizou no Pazo de Mariñán durante o venres e o sábado. Dous días compartindo asuntos, polémicas, propostas, ideas, risas, laios, palabras... cun mollo de escritoras e escritores de nós que, sobre todo, teñen fe nun sistema literario. En definitiva: un chute de adrenalina para este que isto escribe.
Como xa adiantei, tocoume moderar unha apaixonante mesa na que, baixo do epígrafe "A literatura. Internet e novas tecnoloxías", sentou a Lara Bacelo, Leo Campos e Eduardo Estévez ( se o fago a posta, non me sae tan ben... ).
Resumo veloz as conclusións denantes de caer desmaiado do esgotadiño que estou:
1. - Internet veu revolucionalo todo. Tamén o mundo da creación literaria. As súas posibilidades, como ferramenta, están aínda a ser exploradas. Semella que con grande éxito visto o número sorprendente de lectores dalgunhas bitácoras de creación.
2.- Hai que reflexionar sobre as relacións e o papel e a pantalla. ¿É un blog un libro?, ¿Seica son, simplemente, dous soportes diferentes?
3.- Sempre escribimos, tamén nos blogs, sobre a propia experiencia. Agora, ela é tamén o que lemos, en papel ou na rede.
4.- Os blogs cuestionan o concepto de autor que, de facto, está a verse deconstruído e reformulado. Hai autores colectivos e, incluso, autores anónimos pero non por elo menos "autores".
5.- Os blogs e a relación co mundo editorial: eu son o meu propio editor. O sector editorial xa non é o mediador necesario para que os meus textos cheguen ao público.
6.- Constatouse, como para os libros en papel, a existencia no blogomillo de "elementos canonizadores". Hai milleiros de blogs, mais uns cantos están a se converter en canonizadores de calidade e, xa que logo, de potenciadores de visitas.
Esas son algunhas das ideas. Resúltame imposible, espero que se me comprenda ( e non é cousa do cansazo ) deixar constancia aquí de todo o que se dixo durante o ricaz debate, intenso, que se produciu.
E agora vou durmir.
Categoría: Xeral - Publicado o 27-09-2008 22:17
# Ligazón permanente a este artigo
A XERACIÓN SEN COMPLEXOS
Mañá comeza en Mariñán o III Encontro de Novos/as Escritores/as : Entre dous séculos. Tócame moderar a mesa sobre “A literatura. Internet e novas tecnoloxías”. Convidei a Lara Bacelo, Leo Campos e Eduardo Estévez.
Para o libro de actas, preparei un texto que hoxe reproduce Galicia-Hoxe.
Categoría: Xeral - Publicado o 25-09-2008 22:16
# Ligazón permanente a este artigo
OBRADOIRO PARA PROFESORES E PROFESORAS EN OURENSE
Para quen poida interesar, comezo un obradoiro literario dirixido a profesores e profesoras, en Ourense.
É de balde ata que se enchan as prazas.
O obxectivo é ofrecer ferramentas para fomentar a escrita literaria na aula. E ademais, escribir. Escribir moito. E pasalo ben coa palabra.
Toda a información aquí.
Categoría: Xeral - Publicado o 24-09-2008 23:01
# Ligazón permanente a este artigo
CON EDUARDO
Contra a metade do serán recibín, por vía dun xornalista, a nova de que ao poeta Eduardo Estévez viñan de retirarlle o premio de poesía González Garcés, que lle deran en Maio, por mor da impugnación que o escritor Xavier Lama, que quedara finalista, fixo argumentando que parte dos poemas xa se puideran ler no blog de Eduardo, "En construción".
A blogosfera leva toda a tarde falando do asunto. E eu xa non podo argumentar mellor do que o fixeron outros moitos. Se cadra, reiterar.
Non se entende a argumentación para quitarllo xa que no blog de Eduardo Estévez só se amosaron borradores dos poemas que despois formaron - e só algúns, insisto, non todos - o libro presentado e escrito algún tempo despois de pechar o experimento ( novidoso, fermoso, moderno, interesante... ) de ir facendo ese "work in progress" de ir escribindo diante dos internautas, alimentándoos de palabras e retroalimentándose deles. O xurado, seica, escolleu a mellor obra de todas as que se presentaban, pero gaña a segunda, a de Xavier Lama, que quizais é moi boa, non o sei, por que non, pero o que si é certo é que a de Eduardo, para ese xurado en concreto, era a mellor de todas.
Por outra banda, todos sabemos de poetas que teñen gañado premios con textos que, quizais, foron lidos en recitais. ¿Deixan daquela de ser inéditos?
Se agora vou eu e digo que estou a escribir unha novela ( estou improvisando ) na que un jipi toma LSD nas Cíes e vai contando que ve a Xulio César loitando contra dunha vieira amnésica, e o poño aquí, e despois escribo a novela e me presento a un premio, ¿teñen que quitarmo?
En fin, mellor deixalo. Coido que quitarlle o premio é un erro enorme.
De seguido, reproduzo o texto do propio Eduardo Estévez sobre o asunto:
O día de hoxe veño a ser informado de que a Deputación Provincial da Coruña decidiu aceptar unha impugnación recibida hai uns meses e que solicitaba que se descalificase o meu libro construcións e se lle retirase o premio de poesía Miguel González Garcés que lle fora concedido.
O argumento da impugnación, presentada polo señor Xabier Lama, é que o libro incumpría as bases da convocatoria por estar previamente publicado no blog “en construcion”.
Como expliquei no seu momento perante a propia Deputación que mo solicitou, esta impugnación carece de toda base legal segundo os seguintes argumentos:

1.O premio, tal e como está descrito nas súas bases e é de público coñecemento, premia unha “obra”. Quer dicir, considera unha “obra” a totalidade do material presentado baixo un título e lema. A “obra” presentada a concurso é rigorosamente inédita.
2.Existe, efectivamente, un blog, titulado “en construción”. e co seguinte subtítulo: “bitácora da construción dun libro de poemas”. A existencia deste blog era pública antes da convocatoria do premio e, como pode comprobarse, non a ocultei en ningún momento. En todo caso, o que se publicou neste blog é unha descrición do proceso de produción da obra. Non é un libro, senón unha bitácora, un diario. Acompañando esta bitácora é posíbel consultar borradores de algúns dos textos que compoñen a obra pero non todos os textos nin as súas versións finais. O poeta e investigador Miro Villar explica claramente, nun informe técnico que emitiu nesta oportunidade, que “é axioma ou principio filolóxico fundamental que as versións anteriores á edición definitiva ou testamentaria por parte do autor teñen a consideración de material de traballo para a crítica textual, mais en ningún caso se chegan a considerar como textos definitivos do autor”. O concepto de “obra”, por tanto, distínguese claramente do seu proceso de produción e nas bases do premio non se indica que o proceso de produción da obra deba ser inédito.
3.Como se pode ver no mesmo blog, a publicación do proceso de produción abandonouse o 1 de maio de 2006. Un mes despois (o 13 de xuño) déixase constancia dun período de reflexión sobre os textos e, posteriormente (o 25 de agosto), infórmase de que a obra sufríu moitas correccións. Dende aquela, como resulta habitual habida conta do tempo transcorrido até a convocatoria do premio, aínda houbo outros procesos de revisión profunda do libro nos que se descartaron poemas e se incluíron outros, ademais de modificarse seriamente a totalidade dos textos. Ningunha destas modificacións (nin a descrición das mesmas nin os textos) foron difundidas no blog ou na miña páxina persoal.
4.Na mesma cláusula SEGUNDA das bases do Premio dise que a Deputación “publicará” a obra premiada. Non se explicita (aínda que queda amplamente sobreentendido) que se trata dunha publicación en papel. Pódese sobreentender, por tanto, que a expresión “inédito” na cláusula primeira se refire tamén a este modo habitual de publicación.
5.Por outra banda, o mesmo informe técnico antes mencionado determina sen que caiba lugar a dúbidas que, “só recibe consideración de obra édita aquela que posúe o seu correspondente rexistro, quer no ISBN quer no Rexistro da Propiedade Intelectual, e calquera outra obra sen o devandito trámite sempre adoita considerarse como inédita”.
6.Existen hoxe en día diversos métodos de edición de libros dixitais. Como se explica na Wikipedia (http://es.wikipedia.org/wiki/Libro-e#Formatos_de_archivos_de_eBook), os formatos comunmente utilizados para este soporte son DOC, PDF y LIT. Nin o blog nin os textos incluídos na páxina web utilizan calquera destes métodos. En todo caso, pódese consultar os arquivos do ISBN para ter constancia de que non existe rexistro da edición de ningunha obra ao meu nome en formato papel ou dixital que poida significar un incumprimento das bases do premio. Outro informe técnico, neste caso do poeta e editor Fran Alonso, explicita: “En ningún caso pode entenderse o blog «En construción» como un libro dixital. En primeiro lugar, un blog non responde ao que desde o punto de vista profesional os editores entendemos por «edición dixital» (formatos de texto dixitalizado, sometido a un proceso de edición e preparado para a súa descarga nun ordenador, pda, teléfono móbil ou libro dixital, como adoitan ser os pdf ou os .doc). Por outra banda, as propias normas de estilo da ortografía técnica na edición indican que se debe empregar a cursiva para os títulos de obras literarias (tanto en formato papel como en formato dixital) pero que se deben empregar a redonda para os nomes dos blogs.”
7.En calquera caso, e tal como deixa entrever Fran Alonso no seu argumento, o concepto “edición” inclúe unha serie de procesos adicionais (e necesariamente posteriores) á escrita do libro que, como resulta obvio, non puideron ter lugar neste caso, xa que a escrita dos textos do libro non estaba rematada no momento en que se interrumpiu a difusión da bitácora.
8.Canto á alegación presentada á cláusula TERCEIRA das bases (que dice, literalmente: “As obras presentaranse baixo un título e un lema, achegados de plica na que conste o título e o lema no seu exterior e contendo no interior o nome e apelidos do autor, o seu enderezo, nacionalidade e número de teléfono”), a Deputación pode dar fe de que o libro foi presentado baixo plica, cun título e un lema, polo que non se entende a que violación desta cláusula se refire a alegación.
9.Con todo, atendendo ao espírito desta cláusula que procura o anonimato dos textos para non viciar a resolución do premio, o xurado está no seu dereito (aínda que non o respalde unha lectura estrita das bases) de, antes de emitir o fallo, desbotar un libro porque pode recoñecer a súa autoría por haberse difundido algún dos textos que o compoñen en publicacións colectivas ou mesmo en recitais poéticos. Porén, unha vez que o xurado falla de boa fe e en exercicio da súa indiscutíbel profesionalidade, non parece pertinente que este mesmo dereito de veto se lle conceda a calquera persoa por que tivese coñecemento previo da obra.
10.Máis alá doutras consideracións, tanto o acto de presentar o libro ao premio canto a actuación do xurado desenvolvéronse baixo o principio de boa fe que rexe, segundo a lexislación vixente, todos os contratos de palabra (como o é o caso de presentar un libro a un premio literario). Como se explicita no artigo 1.288 do Código Civil: “A interpretación das cláusulas oscuras dun contrato non deberán favorecer á parte que tivese ocasionado esa oscuridade”.
11.En todo caso, a actuación do señor Xavier Lama só pretende obter nos despachos o que en boa lide literaria non lle fora concedido.

Teño na miña man presentar recurso contencioso administrativo contra a resolución da Deputación pero non o farei. Acepto esta nova decisión do xurado tal e como a aceptei da primeira vez e non pretendo obter nos despachos aquilo do que de boa fe o xurado e a Deputación agora me privan.
A importancia dun premio radica en que un xurado considere que o traballo de un merece ser premiado, o que xa ocorreu co meu construcións. Quédome con iso.

Eduardo Estévez
A Coruña, 23 de setembro de 2008.
Categoría: Xeral - Publicado o 23-09-2008 22:53
# Ligazón permanente a este artigo
UNHA BOA NOVA PARA OS MEUS AFOGADOS
Hoxe recibín con ledicia a nova que informa de que o meu libro O Ceo dos Afogados, que no seu día foi finalista do premio Fundación Caixa Galicia, vén de resultar finalista do premio Martín Sarmiento, como xa dixen unha vez ( gañeino hai un par de anos por Un bosque cheo de faias ), un dos galardóns máis bonitos de todos cantos hai pois, a pesar de non ter dotación económica, é outorgado por unha morea enorme de alumnos e alumnas do país, que emiten, xa que logo, un xuízo máis que autorizado.
Competirá, na categoría de 6º de primaria a 2º da ESO con outros dous textos que tamén me gustaron moito, O son das buguimas, libro colectivo editado en Xerais pola ONG Implicad@s no desenvolvemento, e Plastilina nos pulmóns de Jaureguízar.
A solución, o 30 de Abril.
Categoría: Xeral - Publicado o 22-09-2008 22:18
# Ligazón permanente a este artigo
OS TÍMIDOS ESCRIBIMOS

Hoxe El País publica unha entrevista moi interesante co dramaturgo e expresidente checo Václav Havel.
Entre outras cousas, di que como é tímido, o teatro permítelle agocharse tras dos seus personaxes.
Iso, coido, a cada día teño máis claro, cando menos no meu caso, facémolo todos.
Escribimos de nós.
E escribimos por pura timidez.
O cal non deixa de ser paradoxal: a timidez lévanos a esta forma innegable de exhibición que é a escrita.
Somos animais complicados.
Categoría: Xeral - Publicado o 21-09-2008 22:47
# Ligazón permanente a este artigo
O GALEGO É FINO, O CASTELÁN É DE BRUTOS

Hoxe entendín, viaxando nun bus de Vigo ( os famosos "vitrasas" ) que non levan razón todos eses que din que o galego é lingua de pobres, de marulos e de xente ignorante, e que o castelán (sobre todo, seica, o de Zevilla ) é máis fino.
Porque estaba eu alí, de pé, no Vitrasa, camiño do Corte Inglés e, aburrido por non poder ler, pois non ía sentado e podía marearme ( eu sempre leo no bus ), déuseme por ler o cartel que está ao carón do señor condutor.
Concretamente dicía:
NON DISTRAIAN Ó CONDUCTOR.
Unha frase elegante, tratando ao viaxeiro de vostede. Moi ben.
Máis debaixo, en castelán, puña:
NO DISTRAER AL CONDUCTOR.
Non me negaredes que, esta segunda versión, a castelá, é moito menos fina, sen dúbida moito máis bruta. No distraer, no distraer, no distraer...¡por favor!
Categoría: Xeral - Publicado o 20-09-2008 22:32
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
© by Abertal