A Canción do Náufrago II


Blog do escritor Francisco Castro
Perfil de Francisco Castro
Perfil de Facebook de Francisco Castro.
Crea a túa chapa
O meu perfil
Francisco Castro
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 Tamén podes ler...
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

XUVENTUDE INQUEDA
Hoxe levei a un grupo de cativos ao I Mundialito Antiracista organizado por un mollo de rapazas e rapaces do meu barrio ( Teis, en Vigo ), coa idea de ter durante un par de días, sen interrupción, xogando a xente de todas as idades, equipos mixtos de nenos e nenas e homes e mulleres, de toda orixe e condición, contra o racismo e a prol da integración.
Cando souben da iniciativa non dubidei en animar un equipo e hoxe ir xogar.
Foi fermoso, moito, ver a tanto neno e a tanta nena, de tantos países distintos, compartindo un tempo de lecer e, sobre todo, unha idea común: que o mundo é grande e enorme e que hai sitio para estarmos todos e para estarmos xuntos.
De paso, entendín a inxustiza que moitas veces se comete cando se di iso de que a xuventude pasa de todo, que xa non se implican en nada, que non se mobilizan.
É mentira.
Aínda hai xente.
Aínda hai rapazada que cre na posibilidade dun mundo mellor e, en troques de se queixar, ponse a andar.
Parabéns a Roi, a Mari e a toda a xente da Xuventude Inqueda de Teis.
E grazas.
Categoría: Xeral - Publicado o 19-07-2008 23:14
# Ligazón permanente a este artigo
VERÁN

Apagarei todas as luces.
Pecharei todos os ollos.
Cortarei comunicacións.
Aparcarei urxencias.
Renunciarei a case que todo.
Deitarei a epiderme ao sol e as súas melancolías.
Abrirei todos os libros.
Mergullado nun mar de letras, serei o mellor eu.
Categoría: Xeral - Publicado o 18-07-2008 23:22
# Ligazón permanente a este artigo
ASÍ NACEU, EN PARTE, A MIÑA ISABEL DE PORTUGAL

De sempre admirei a música, pero sobre todo as letras, de Manolo García. Desde que estaba con Los Burros pasando por El Último de la Fila e todo o seu traballo en solitario.
Ao mellor as letras son tan boas porque se confesa apaixonado lector, e porque cando sae de xira, en troques de coma outros músicos levar unha chea de excentricidades, o que fai é levar varios libros que le á vez. Ao mellor é porque un dos seus lectores favoritos é Borges.
Lendo o outro día unha entrevista na que confesaba o seu amor lector, recordei que, cando estaba a crear o personaxe de Isabel de Portugal, a muller protagonista de As Palabras da Néboa, eu cantaba ( eu canto moito, canto todos os días e en todas partes; son un músico absolutamente frustrado ), unha e outra vez, aquela fermosa canción de Manolo García:
Cruzó el pasado en el camino
y lo miraba y no podía llorar.
Entre el crepúsculo y el alba
no hizo otra cosa que dejarse llevar.
Y refulgiendo cual luciérnagas,
caminando sin prisa sobre el tiempo,
huyen de un mundo material,
son espíritus barridos por el viento.
Y ahora van hacia su abstracción,
dales sólo paz y una sonrisa
cielo abierto y aire para respirar.
Caen las estrellas de su manto,
verdean los campos a un resquicio de luz,
la pradera ahora es su casa
donde la espiga brota entre la flor.
Si les miente la vida
se hacen parapetos con poemas.
Un día color de melocotón,
cuando todos seamos libres,
cuando las piedras se puedan comer
y ya nadie sea más que nadie
canta por mí si no estoy yo aquí.
Viene el día en que seremos puros
como un cielo de verano sobre el mar.
Cantaré por ti si no estás tú aquí.


Os que teñades lido a miña novela, xa sabedes por que me saía esa canción ao mesmo tempo que o personaxe.
Categoría: Xeral - Publicado o 17-07-2008 23:12
# Ligazón permanente a este artigo
A MIRADA. O TALENTO
Hoxe tiven a sorte de impartir un Obradoiro Literario dentro dun Curso de Verán da Universidade de Santiago e que se celebra estes días no MACUF na Coruña, dirixido formidablemente polo escritor Xosé Antón Neira Cruz, e que levou por título, A mirada literaria. Comunicar arte a través da palabra.
A sesión estaba inserida dentro do curso, Comunicar Arte, Comunicar coa Arte e que conta cunha nómina de conferenciantes, escritores, ilustradores, xornalistas, creadores... de primeira división.
Síntome honrado de ter participado.
Pero, sobre todo, síntome honrado de ter experimentado, unha vez máis, a mesma sensación que teño de cada vez que imparto un Obradoiro Literario: o descubrimento de que hai moitísima xente de talento, a fortuna de pasar unhas horas creando literatura cun mollo de persoas que manexan con excelencia a palabra, que saben de metáforas, de estruturas e de personaxes. E que se deixan levar polo risco do proxecto, atolado, de crear literatura en directo...
Hoxe, coma sempre, aprendín unha chea de cousas.
A todos, grazas.
Categoría: Xeral - Publicado o 16-07-2008 22:56
# Ligazón permanente a este artigo
ORTIGUEIRA 2008
Deixei estes días desatentido este blog, porque marchei, como noutros anos, ao Festival de Ortigueira.
Alí gocei da música, sempre engaiolante, entre outros, de Sondeseu ( na foto ).
Volvín - e estaba moi necesitado - coas pilas cargadas, novamente alucinado da festa caótica, libertaria, de acampadas inverosímiles, de xentes felices unidas arredor da música, a cervexa e as propias gañas de vivir a aventura.
É o festival do estado que máis xente move. Non fachendea diso, coma o Rock in Río ou o FIB. O 50 por cento non pisa o festival. Pero tanto ten.
A comuñón que se sente anima a seguir. Unha noite máis. Un ano máis.
Categoría: Xeral - Publicado o 14-07-2008 23:28
# Ligazón permanente a este artigo
PIRATAS

Hai tempo souben dun curioso fenómeno que se dá en moitas rúas das grandes cidades de latinoamérica. Refírome a que en países como Colombia, Venezuela ou Perú hai libros no top-manta, e autores como García Márquez ou Vargas Llosa poden ir paseando e de súpeto ver edicións piratas dos seus propios textos á venda por un prezo de risa.
Ata tal punto está instaurado o pirateo de libros neses países que cando o de Macondo ( xa sei que naceu en Aracataca, pero Márquez xa é para sempre de Macondo ) sacou a súa, de momento, última novela, as medidas de seguridade arredor dos almacéns da editorial foron importantísimos, para evitar que saíse un só exemplar que dese lugar a unha edición pirata.
Dáme agora por pensar que, se algo así acontecese entre nós, se os escritores/as galegos/as paseando por Príncipe en Vigo ou polo Franco en Santiago visen as súas obras pirateadas e vendidas por miles en edicións fraudulentas, iso querería dicir que son moi lidos, que hai un interese enorme na sociedade por adquirir os seus volumes e que, xa que logo, a alguén pode compensarlle vulnerar a lei.
Boto en falta aos piratas.
Categoría: Xeral - Publicado o 09-07-2008 23:27
# Ligazón permanente a este artigo
QUE MAL FALAN OS POLÍTICOS DE HOXE


Todos os que algunha vez teñan oído un discurso de Salvador Allende decataranse de dúas cousas: que foi un dos grandes oradores da política de todos os tempos, co seu verbo fermoso, e que os políticos de hoxe en día falan fatal. Non hai nin un só que nos cautive co seu dicir, o seu discurso, cando non é oco, é confuso, e a meirande parte das veces non son quen de se mover das dúas ou tres frases feitas que desde o seu gabinete de comunicación lles teñan ordeado repetir.
Cúmprense 100 anos do nacemento de Salvador Allende.
Xa ningún fala coma el. En ningún dos sentidos da expresión.
Categoría: Xeral - Publicado o 07-07-2008 23:33
# Ligazón permanente a este artigo
LINGUA COMÚN

Prometinme a min mesmo que non diría nada sobre o asunto da "lengua común".
Pero non podo ficar calado.
Aínda que tampouco vou pararme moito a argumentar porque, entre outras cousas, iso implicaría ter que concederlles que están a moverse no plano do racional.
E non é o caso.
Só direi que quen mantén os disparates que mantén o famoso manifesto deixando entrever que nas nacións do Estado nas que hai unha lingua de seu, o castelán está discriminado ou perseguido, ou ben o fan por:
1.- desinformación
2.- porque son parvos (no senso de que discorren pouco)
Non vou dicir por cal das dúas posibles respostas me inclino.
Pero pola primeira seguro que non. Porque os que asinan o manifesto, nalgúns casos xente importante da cultura, saben de sobra que a realidade que eles pintan, é outra.
Daquela, xa entendo os versos de Pondal cando di aquilo de:
mais sóo os ignorantes
e férridos e duros
imbéciles e escuros
non nos entenden, non.
Categoría: Xeral - Publicado o 06-07-2008 23:31
# Ligazón permanente a este artigo
SUSPENSE

Leo que por fin vai saír a novela inacabada de Joseph Conrad. Leva por título Suspense e era na que andaba mergullado cando morreu, no ano 1924. Sae na editorial Funambulista.
É unha boa nova.
Lembro o pracer intenso que sentín cando lin O corazón das tebras, para moitos, unha das mellores obras literarias de todos os tempos. Para moitos. Para min, non. Aínda que é das grandes. Sobre todo polo personaxe de Kurtz, un dos máis enigmáticos e suxestivos, agora si, de toda a historia da literatura.
Mais non é a miña favorita.
Nin sequera Lord Jim, a pesar do moito que me entusiasmou naquel tempo en que a lin, saíndo da infancia para entrar na adolescencia.
O Conrad que de verdade me gusta é o dos relatos longos, case que novelas, ao xeito de Entre terra e mar. En poucas ocasións se me contou tan ben a esencia da vida mariñeira de noutrora.
Agora, diante desta nova publicación, manteño o suspense.
Categoría: Xeral - Publicado o 05-07-2008 22:51
# Ligazón permanente a este artigo
CHURCHILL NUNCA EXISTIU. ELEMENTAL




Algunha que outra vez dixen que unha das mellores sensacións que pode ter un escritor é que os seus personaxes terminen tendo vida propia fóra das súas obras. Iso acontece en moi poucas ocasións. Pero ás veces pasa e hai quen pensa que os personaxes das novelas realmente existiron, que foron de verdade.
Mais o que non é tan frecuente é que suceda xustamente o contrario, é dicir, que se dubide da existencia de personaxes históricos que está clarísimo que si que foron.
É o que vén de demostrar unha curiosa enquisa feita no Reino Unido é que conta que o 58 por cento dos británicos coidan que Sherlock Holmes existiu. Iso, aínda que mataría de gusto a Conan Doyle, é grave.
Mais o que é realmente alucinante, e gravísimo, é que o 23 por cento dos británicos mantén que Winston Churchill xamais existiu.
Iso si que é fantasía.
Categoría: Xeral - Publicado o 04-07-2008 23:02
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal