A Canción do Náufrago II


Blog do escritor Francisco Castro
Perfil de Francisco Castro
Perfil de Facebook de Francisco Castro.
Crea a túa chapa
O meu perfil
Francisco Castro
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 Tamén podes ler...
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

GALICIA BIROLLA
Desde sempre sabemos que a realidade, como tal, non existe, e que o único verdadeiro é a maneira en que a ollamos.
Neste sentido, teño que dicir que a ollada que a xente de Galicia Bilingüe e ese tipo de colectivos teñen sobre a realidade sociolingüística do país é, cando menos, pervertida.
O esquizofrénico realmente cre que eses seres que so el ve, pois que si, que realmente existen.
O ciumento ve indicios de infidelidade por todas partes.
O desconfiado coida que todas as frases e acenos están pensados para mancalo.
Estes dos que falamos, tamén ven unha realidade que non é. E o peor é que a cren. Ou sexa, que cando din que hai nenos e nenas en Galicia que non aprenden castelán, pois o cren. E cando din que en Galicia o castelán está en perigo, pois tamén o cren. E cando din que aos castelanfalantes se lles discrimina, pois tamén o cren.
A súa ollada é pervertida. Son Galicia Birolla.
Categoría: Xeral - Publicado o 31-07-2008 23:02
# Ligazón permanente a este artigo
CRISES DE VERDADE
Un ano máis, o gremio de editores aproveitou para, presentando o Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros, neste caso correspondente ao 2007, sinalar que no estado español hai un atraso importante. Centrándonos no caso galego, coma vén sendo costume dende hai un par de anos, andamos polo final, cos extremeños.
Fronte destes datos, xa tantos anos comentados neste blog, só direi que xa que os políticos tanto falan da crise, alguén debería sinalar que un país está verdadeiramente en crise non se os grandes bancos e as grandes multinacionais do ladrillo deixan de ingresar a millonada que, de todos os xeitos van ingresar, senón se os seus habitantes non se achegan polas librerías e bibliotecas, polos museos e as tendas de música. Etcétera.
E, por outra banda, que non hai peor pesimismo que o da rutina. Hai quen ten asumida que a realidade é esa: non se le e punto. Fronte diso, que para moitos é "o natural", reclamo o dereito ao optimismo, á lectura militante e contaxiosa.
E postos a reclamar, pido para o meu país a posibilidade de, algún día, saír deses últimos postos. Por que non.
Categoría: Xeral - Publicado o 30-07-2008 23:42
# Ligazón permanente a este artigo
CUNQUEIRO ENTRE COLECTORES DE LIXO
Hai un par de meses xa falei deste asunto. Agora, volvo porque o pasado domingo La Voz de Galicia ilustraba unha reportaxe sobre outro tema, cunha foto da famosa estatua de Cunqueiro en Mondoñedo. Ao seu carón, parasoles de xeados e un colector de lixo, definitivo e atroz.
Xa podía aparecerse por alí a Fadamorgana e a Xenebra e, xuntas, lanzarlle un meigallo ao concello en pleno por permitir a aldraxe e, de paso, a todos os gobernanciños desta terra nosa que non saben - nin lles importa - da importancia de coidar os símbolos.
Categoría: Xeral - Publicado o 29-07-2008 23:35
# Ligazón permanente a este artigo
FACERSE A CIRURXÍA LINGÜÍSTICO-ESTÉTICA


Escoito, con abraio, con incredulidade, con alucine, con vergonza, con carraxe, con medo, que en España de cada vez se dán máis casos de inmigrantes que se operan para "parecer máis europeos".
A cousa, en si mesma, é triste.
E calquera persoa que teña dúas neuronas e lle funcionen estará de acordo comigo en que o asunto dá mágoa e que é terrible que a xente renuncie á súa identidade, que non sinta orgullo de ser quen é, da súa orixe, da súa patria sentimental, étnica, cultural.
Vale.
Agora apliquen todo o anterior ao asunto lingüístico, en especial, a aqueles que rexeitan o galego ou o acento de nós e pretenden falar como os señoritos de Madrid.
Despois, respondan: ¿a que ou a quen quererán parecerse?, ¿coidarán que son feos, que están peor feitos, que falan máis bruto?
Categoría: Xeral - Publicado o 28-07-2008 23:14
# Ligazón permanente a este artigo
O MEU TESOURO

Esa é a fotografía de Óscar Vázquez que saíu hoxe en La Voz de Galicia para ilustrar todo o que dixen sobre o meu tesouro.
Categoría: Xeral - Publicado o 27-07-2008 22:58
# Ligazón permanente a este artigo
PARA PAGAR A HIPOTECA

Ese é o título do meu artigo desta semana en A Nosa Terra Diario.
Categoría: Artigos en A NOSA TERRA DIARIO - Publicado o 26-07-2008 23:40
# Ligazón permanente a este artigo
NO DÍA DA PATRIA ( LA )
Se un extraterrestre perdera o tempo en estudar aos galegos, botaría ben de tempo tentando entender como é posible que algúns políticos gastaran a eurada que gastaron ( das arcas públicas, por suposto ), durante anos, para pelexar nos tribunais para que o concello de A Coruña se chamase como non era. Dicían que tiña que ser La porque, como dixo certo alcalde agora santificado nos vaticanos, os cidadáns teñen o dereito a chamarlle á súa cidade como lles pete ( si home si, agora vou eu e convenzo aos vigueses/as para que asinen un manifesto para que Vigo non se chame Vigo senón, poño por caso, Liverpool, e daquela, como temos dereito a chamarlle a Vigo como queiramos os vigueses, agora pasa a ser Liverpool, e o Lagares, o Mersey ).
E o caso é que alí, nesa parvada, foron millóns das antigas pesetiñas para manter esa absurda disputa que, por fortuna, agora xa foi abandonada.
Se o tal extraterrestre emitise un xuízo díría: están tolos estes galegos.
Neste Día da Patria Galega que agora comeza ( é a 1.10 do 25 de Xullo cando redacto estas liñas ) por fin A Coruña se chama A Coruña.
Non era sen tempo.
Categoría: Xeral - Publicado o 25-07-2008 01:12
# Ligazón permanente a este artigo
ALICIA VOMITA
Vexo un documental do National Geographic Channel ( que se note que teño estudos ) no que falan do posible descobrimento dunha nova especie de homínido.
Para bautizalo, como é pequerrecho, pensaron en chamalo Hobbit.
A literatura está por todas partes.
En Portugal, para facer fronte á crise, inventaron un imposto novo. Puxéronlle de nome, "imposto Robin Hood".
A literatura está por todas partes.
Falamos da crise. Os pobres serán de cada vez máis pobres. Haberá máis paro. Consumiremos menos. Traballaremos ( ¡ e nin un só sindicato berrou aínda ! ) xornadas de 60 horas. Aprobaron unha normativa para reter á xente sen papeis ano e medio porque si. Din que o castelán está perseguido en Galicia. O goberno de España pode repatriar menores en situación de irregularidade ¡ a calquera país aínda que non sexa o seu! Na China seguen executando á xente por pensar distinto pero iso si, a Olimpiada farémola igual.
Este mundo non é o País das Marabillas.
Hai que botarlle moita literatura para que Alicia non vomite sen parar.
Categoría: Xeral - Publicado o 22-07-2008 23:01
# Ligazón permanente a este artigo
LIBROS NA RÚA

Leo en A Nosa Terra unha entrevista con ese magnífico libreiro que é, e ex-ciclista que foi, Arximiro Blanco, responsable, na actualidade, da librería viguesa Mendinho. Cóñézoo de hai moitos anos, e sempre digo que o que precisamos na nosa industria do libro é xente coma Arximiro, militantes do libro, namorados da lectura e, sobre todo, activistas entregados á causa cultural de nós.´
Ao final da entrevista di algo co que estou absolutamente de acordo. Cuestionado sobre as feiras do libro deféndeas con enerxía. Eu tamén. Outra cousa é o actual modelo. Teriamos que esforzarnos en inventar algo máis, conservando o que temos. Pero, como el di, os libros deben saír, cando menos, unha vez ao ano á rúa. E iso é algo que nos permite facer as feiras do libro.
E diría máis: o libro debería de estar continuamente na rúa, cabo da xente, na vida das xentes, non só unha vez ao ano, senón en máis ocasións, cando o día das letras, cando o día do libro infantil, cando a semana de Andersen, cando queiramos e nos apeteza, porque sacar os libros ao encontro da xente non ten contraindicacións.
Só lle vexo, coma aos bicos, beneficios.
Categoría: Xeral - Publicado o 21-07-2008 23:34
# Ligazón permanente a este artigo
A DESVERGONZA




Díxeno o mes pasado.
Pero a miña reflexión só chegaría aos escasos lectores deste blog.
Hoxe comprobo con ledicia que unha pluma tan estilosa ( e con tantos lectores ) como a de Carlos Boyero en El País ve este asunto coma min.
Categoría: Xeral - Publicado o 20-07-2008 23:15
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
© by Abertal