A Canción do Náufrago II


Blog do escritor Francisco Castro
Perfil de Francisco Castro
Perfil de Facebook de Francisco Castro.
Crea a túa chapa
O meu perfil
Francisco Castro
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 Tamén podes ler...
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

QUE NON MORRA

Todos os escritores soñamos con construir, algunha vez, un personaxe inmorrente, un tipo de persoa que, posta no papel, traspase a fronteira desexada e pase ao territorio do mítico, un personaxe que sexa tan de verdade ( aínda que falso, porque é literatura ) que chegue a prender tanto nos lectores que non sexan quen de esquecelo xamais.
Algo así como o que debeu de sentir Charles Dickens mentres ía publicando, nos xornais, a súa obra A tenda de antigüidades ao ver que os periódicos se enchían de cartas do público que, desesperado, suplicáballe que, por favor, non deixase morrer á pequena Nell.
Categoría: Xeral - Publicado o 15-06-2008 23:08
# Ligazón permanente a este artigo
LER PARA VOLVER Á INFANCIA
Por rematar coa entrevista con Umberto Eco á que lle estou a zugar tanto zume, podía ser interesante reflexionarmos sobre esta súa afirmación, cando menos, curiosa: quizá sea éste el motivo por el cual escribo, para encontrar estos momentos muy breves de felicidad que consisten en recordar momentos de la propia infancia. Sí, por eso escribo.
Escribir para recuperar a infancia. Eu, desde logo, sei que non escribo por iso. Pero si que podo afirmar que, en boa medida, leo a diario por iso: por volver experimentar a felicidade inmensa que sentía cando era capaz de mergullarme nun libro ata desaparecer por completo todo o demais. Cando atopaba, por dicir un, personaxes tan valentes e arriscados e imitables e retranqueiros e envexables na súa vida como, por exemplo, Philleas Phogg. Por volver vivir todo iso cos mesmos ollos admirados cos que lía de cativo, por iso leo.
Categoría: Xeral - Publicado o 14-06-2008 23:33
# Ligazón permanente a este artigo
UNHA HISTORIA TRISTE
Esta tarde, baixo do sol inclemente de Vigo, marchaba eu cargadísimo con máis bolsas cheas do Gadis das que as miñas costas poden aguantar, cando se deu esa típica, pero non menos molesta situación, na que non podes seguir camiñando porque un can se pon no teu camiño. O problema, por suposto, non era del, coitado, senón da súa dona, que, desde aproximadamente uns cinco metros de distancia, ficaba ao seu, falando polo móbil, e estendendo entre eu, as bolsas do Gadis, a miña suor que ía escorregando terrorífica polas tempas, e o can, unha correa desas enormes impedíndome o paso.
A cousa durou un tempo. Fixen amago de irme cara a esquerda. O can, á sombra. Eu, suando máis aínda. A muller, falando polo móbil. Tímido, díxenlle, ¡eh!, a ver se reaccionaba. Nada. Tenteino pola dereita. Tampouco. Moita correa, pouca beirarúa e as bolsas que pesaban de máis. A suor empañándome os lentes. Vexo borroso. Polas lentes ao vapor e porque o sol directo sobre a calva é malísimo para o raciocinio. Pensei en dicir guau, a ver se así. Daquela, ela miroume e, sen deixar de falar, deu un par de tiróns á correa que non fixeron que o bechiño se movese, senón que practicamente afogase. As miñas mans xa non podían. Os iogures ameazaban caducar alí mesmo. Os lentes comezaban a pendurar perigosamente da punta do narís, a piques de caer no chan. Ía tanta calor que eu pensaba, como estará o pavo baixo en sal que veño de mercar, debe ter un balor serio, o leite xa debe de estar malo, as peitugas de polo, fritidas no seu propio envoltorio. Finalmente, e cando xa se me notaba na face que ía soltar un improperio dos grandes, ela colgou e chamou polo can ( verídico, prometido prometido ):
- Nietzsche, ven!
E Nietzsche foi. A pouco máis morro.
Non sei se pola calor ou pola tristura de ver como o nome dun filósofo de tanta sona remataba sendo o propio dun can tristísimo.
Categoría: Xeral - Publicado o 13-06-2008 23:21
# Ligazón permanente a este artigo
AS AVOAS E OS AVÓS COMO TRANSMISORES DO HÁBITO LECTOR
Por seguir tirándolle zume á entrevista con Umberto Eco que levamos días comentando, é interesante que reproduzamos esta resposta do italiano: Mi relación más estrecha fue con mi abuela materna, que fue la que me inició en la literatura. Era una mujer sin cultura alguna, creo que hizo cinco años de primaria, pero tenía pasión por la lectura. Estaba suscrita a una biblioteca, así que traía a casa un montón de libros; leía de manera desordenada. Un día podía leer a Balzac, y luego, una novelita de amor de cuatro perras, y le gustaban las dos. Y así hizo conmigo: me daba a leer, a los 12 años, una novela de Balzac y una novela de amor de ínfima calidad. Pero me transmitió el gusto por la lectura.
Igual que comentabamos antonte, a clave está en botarlle paixón, que nos vexan gozar cos libros. E iso era algo que, quizais, no pasado, facían moito as avoas e os avós, posuidores, por outra banda, dunha sabedoría e dunhas historias acumuladas co paso dos anos e que transmitían, narradores espontáneos e xeniais, aos seus netos.
Hoxe, os avós e as avoas non contan ( nos dous sentidos da palabra ). Ou, como moito, andan estresados pois non dán feito cos horarios das múltiples actividades extra-escolares dos netos eses enganchados á play.
( Podedes opinar sobre este post mais non esquezades que hai unha preguntiña pendente de contestación ).
Categoría: Xeral - Publicado o 12-06-2008 22:34
# Ligazón permanente a este artigo
UNHA PREGUNTIÑA: ¿ E TI POR QUE TES UN BLOG?
Foi Gabriel García Márquez quen dixo iso de que el escribía para que o quixeran máis. Algunha vez, neste blog náufrago, dáseme por facervos preguntas.
A de hoxe é moi clara: ¿e ti por que tes un blog?, ¿para que te queran máis?, ¿para dicir o que ninguén quere oír?, ¿o que todos queren oír?, ¿para pensar en voz alta?, ¿para coñecer xente?, ¿para protestar?, ¿por fastío puro e duro?, ¿por amolar?, ¿por que si?, ¿por que non?, ¿por que talvez?, ¿porque quero e porque me dá a gana?, ¿por...?
Vaian respondendo aí abaixo.
Categoría: Xeral - Publicado o 11-06-2008 23:58
# Ligazón permanente a este artigo
QUERO Á SEÑORITA BELLINI
Da entrevista que hai uns días comentaba con Umberto Eco, hai unha frase definitiva.
Pregúntanlle sobre os seus primeiros profesores. Copio: tuve una educadora fabulosa, aunque tan sólo durante un año; era la señorita Bellini, que todavía vive, tiene 91 años, y cada vez que sale un libro mío nuevo se lo envío. Era una gran educadora; nos estimulaba a escribir, a contar, a ser espontáneos, y ha sido una de las personas que más han influido en mi vida.
Xa podemos rompernos a cabeciña procurando fórmulas que, despois de todo, onde haxa un profesor/a estimulado/a ( aínda que xa dixen o outro día que a cousa está complicada ) que se quite todo o demais.
Se hai señoritas Bellinis o éxito está garantido. Se hai mestras e mestres que estimulen a escribir, a contar e a ser espontáneos, en definitiva, xente que pense menos nos programas e máis na educación, aínda quedará espazo para soñar.
Quero á señorita Bellini.
Categoría: Xeral - Publicado o 10-06-2008 23:12
# Ligazón permanente a este artigo
RESISTINDO

Gostei moitísimo deste artigo da crítica e escritora Laura Caveiro en A Nosa Terra de hai unha semana, falando con paixón do programa Libro Aberto, da TVG, agora, como xa sabedes, nun horario aínda peor que o que xa tiña.
Eu tamén amo ese programa. Polo que ten de símbolo e porque está ben feito e porque gusto del e porque me consta que todos e cada un e todas e cada unha das persoas que traballan nel se moven, ademais de con profesionalidade, desde o máis profundo agarimo á nosa literatura.
E como Laura Caveiro, penso que resistirá porque xa é máis cá un programa ( os seus excelentes índices de audiencia así o testemuñan ) mais, a pesar diso, e por enésima vez, pídoo aquí ( e desde a máis profunda consciencia de que ninguén vai facerme caso ), un horario digno para este programa de libros nosos.
Por unha mera cuestión de respecto, e de dignidade, debe de ser así.
Categoría: Xeral - Publicado o 09-06-2008 22:46
# Ligazón permanente a este artigo
O TAMAÑO DA SINATURA
Leo en El País ( a prensa de Madrid si informa, e en detalle, todos os días do que pasa na Feira da capital de España ) o comentario dun editor en español que sinala que un autor grande asina arredor de 150 exemplares alí nun día, e que un normaliño, sobre cincuenta.
A algúns autores póñenlle carpa propia e azafatas para regular o tráfico.
Eu só asinei unha vez, ata o de hoxe, e foi na feira de Vigo, é dicir, que xogaba na casa. Só asinei tres e saín da caseta ( da organización, compartida con outros dous autores; un deles asinou dous, e o outro, nada ) cun subidón impresionante.
Eu tamén fun, ese día, supervendas.
Categoría: Xeral - Publicado o 08-06-2008 22:31
# Ligazón permanente a este artigo
EN GALEGO TAMÉN SE PODE RIFAR
Este serán, nunha tenda de roupa de Vigo, asistín á demostración empírica, e terrible, de que é certo que estamos a perder falantes e que, probablemente, o único que podemos facer é botarnos a tremer e a chorar.
Dúas irmás ( tal debían ser, polas idades ) falaban entre elas, sobre unha blusa, nun fermoso e espontáneo galego. Mentres, o fillo dunha delas, enredaba, o moi pícaro, dándolle voltas e voltas a un expositor xiratorio con roupa.
Froito do xogo do cativo, o expositor, con grande estruendo, caeu. E ademais, sobre a cabeza do meniño. A que supuxen a nai correu cara el ( e media tenda tamén ) e, despois de asegurarse que non fora máis cá un golpiño de nada na cabeciña, botoulle unha arenga-rifa-moralina nun malísimo e hipergalizado castelán.
A señora non sabe, miña pobre, que en galego tamén pode aleccionar ao seu fillo. A señora non sabe, miña pobre, que está a privarlle a quen máis quere dunha lingua que é, máis que nunca, fala nai.
Categoría: Xeral - Publicado o 07-06-2008 23:44
# Ligazón permanente a este artigo
CA-CA-CA

Esta mañá, na COPE, un coñecido xornalista dicía que a persecución que o español estaba a padecer no espazo público é similar á que hai anos tiñan que sentir os negros en Alabama.
Como estaba espertando ( ía no coche e pasaba por alí, por esa emisora, quero dicir ), fixen un esforzo por entender o que viña de escoitar: ou sexa, o de sempre, que o español está perseguido, pero desta vez cunha novidade: comparar aos racistas e assasinos do Ku-Klux-Klan, cos que defendemos meirandes cotas de presenza pública dos nosos idiomas propios.
A chorrada non merece moito comentario porque simplemente é iso, unha chorrada.
O que é preocupante é que ese tipo de exabruptos son escoitados, e con pleno convencimento, por uns cantos millóns de persoas de boa fe cada día.
Categoría: Xeral - Publicado o 05-06-2008 23:21
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0