A Canción do Náufrago II


Blog do escritor Francisco Castro
Perfil de Francisco Castro
Perfil de Facebook de Francisco Castro.
Crea a túa chapa
O meu perfil
Francisco Castro
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 Tamén podes ler...
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

OS POETAS DE VIGO CANTAN Á POESÍA
Hai case tres meses informei aquí dunha iniciativa que nos levou a unha morea de xente de Vigo a facer un recital poético un chisco singular. Pedinlle a todos os participantes que escribisen, no Día Internacional da Poesía, un poema sobre a poesía.
A cousa medrou ata o punto de que recitamos moitísima xente e, agora, da man de Edicións Cardeñoso, teño nas mans un fermoso libro colectivo que se titula, precisamente así, Os poetas de Vigo cantan á poesía.
Non podo citalos a todos, pero que saibades que alí están escritoras coma Palmira Boullosa, David Fernández Rivera, Carlos Fontes, Chus Lour, Rosa Llorente, Paula Mariño, e moita xente do Grupo Poético Brétema; pero tamén a fotógrafa Cristina Brea Lodeiro, o empresario Manuel Dafonte, ou o pintor José González Sobrino.
Presentaremos o libro o vindeiro luns ás 20 horas na Casa do Libro.
Quedades tod@s convidad@s.
Categoría: Xeral - Publicado o 13-06-2007 14:31
# Ligazón permanente a este artigo
ARTE E PARTE. PARARSE A PENSAR

Veño de rematar a lectura do ensaio de Xurxo Borrazás, editado por Galaxia, Arte e Parte. Dos Patriarcas á Arte Suicida. Había ben de tempo que non lía un texto tan interesante, lúcido, valente, iconoclasta e decidido coma este.
Non vou contárvolo polo miúdo. Só direi que me parece imprescindible a súa lectura se queremos asistir, pero de verdade, a un debate serio sobre o que pasa coa nosa literatura, o noso mundo cultural... con nós mesmos.
Mais si quero traer as reflexións de Borrazas sobre un asunto sobre o que neste blog reflexionabamos hai días. Di Borrazás ( resumo para que a cita non sexa longa de máis ):
Hai só 30 anos, a Academia da lingua estaba cloroformizada. Non había Instituto da Lingua, nin Consello da Cultura nin Centro Ramón Piñeiro (... ) nin Consellería de Cultura nin galego nin escola nin televisión galega nin...
...E a lingua tiña moitos máis falantes.
Non haberá que, cando menos, pararse a pensar?
Categoría: Xeral - Publicado o 12-06-2007 14:14
# Ligazón permanente a este artigo
A NOITE DO XERAIS
Un ano máis, Edicións Xerais de Galicia convocounos, o sábado, na Illa de San Simón para asistir á gala de entrega dos seus premios. Xa o dixen nas dúas anteriores ocasións: de cada vez mellor. Coido que ese acto ( na illa, nas palabras, na música, na romaría, na conversa ) forma parte xa do calendario sentimental de todos os que decote asistimos.
Deste ano, quédome sobre todo coas palabras, fermosísimas, de Teresa Moure. Recomendo a todo o mundo que lea moi de vagar o seu texto, O carácter revolucionario da escrita e da palabra.
Unhas verbas lúcidas e emocionantes, consortes co que moitos sentimos diante do texto escrito, como gozadores da lectura, como escritores. Un texto para escoitar ( na súa voz ), para ler (con ela, na Illa ), e para reler ( na casa, cos ollos da razón e do corazón ).
Unha mostra que ilustra ben o noso amor aos libros: Os lemas que procuran
«recuperar» o pracer de ler resultan insuficientes
por aludiren a unha morte que nunca se produciu. Por
erótica da lectura entendo unha actividade que se practica
con fruición. Quen le axúdase de notas, subliña,
pinta interrogantes ou admiracións nas marxes, entrando
así nun sorprendente diálogo con quen escribe. Os
lectores e lectoras que saben da erótica da súa actividade
dobran as esquinas da páxina crucial, sublimándose
de tal xeito nese acto de amor que deixan pegada do
seu paso polo libro nunha serie de exercicios que só
poden parecer aberrantes a quen nunca gozou de ler:
marcas, notas pegadas, apuntamentos con signos de
uso persoal, papeis de envolver caramelo, marcadores
de páxina, todo pasa a engrosar o texto e, como resultado,
chega o cambio físico e o libro lido, de tanto
sobado, avulta máis que o libro acabado de saír do prelo.

Categoría: Xeral - Publicado o 11-06-2007 10:19
# Ligazón permanente a este artigo
LUCES EN PAPEL
O mércores tiven a honra de asistir á estrea do documental de María Ojea ( ¡que fermosura de traballo! ) sobre o Arquivo Pacheco, titulado Luces en papel. Tiven a sorte, tamén, de que a directora do documental me pedise poñerme diante da cámara para opinar sobre a importancia deste arquivo fotográfico. O outro escritor convidado, que sabe moitísimo máis ca min pois tamén é fotógrafo ( eu non paso de normalísimo afeccionado ), foi Vitor Vaqueiro.
Para os que somos de Vigo, o nome de Pacheco vai asociado ao máis íntimo da cidade. O Arquivo Pacheco é un dos documentos fotográficos máis importantes de Vigo e, se alguén quere saber algo da nosa historia, ten que recurrir aos seus fondos. Non debe de haber familia de Vigo que non teña algunha foto dalgún devanceiro feita por Pacheco ( no documental sae meu pai neno,cos seus irmáns e nai, e miña nai, de primeira comuñón ).
A miña participación no documental limítase a sinalar que me parece unha vergonza que as institucións estean deixando esmorecer o Arquivo Pacheco, como se non lles importase, como se non fose grave que se perdera. En troques de utilizar ese material para catalogalo e musealizalo e servilo á sociedade (hai verdadeiras alfaias entre as súas placas como o coñecidísimo retrato de Castelao que ilustra estas palabras... agachado pola familia Pacheco, "coma un tesouro" en palabras textuais de Susi Pacheco, nos anos difíciles do franquismo ), os distintos gobernos municipais, en todos estes anos ( e en Vigo gobernaron todos ), na práctica, non fixeron moito por axudar á súa conservación nin divulgación nin practicamente nada de nada.
Esperemos que, dunha vez, se entenda a importancia dese fondo fotográfico e se lle dea a protección, e o impulso, que merece.
Categoría: Xeral - Publicado o 08-06-2007 13:55
# Ligazón permanente a este artigo
PREMIO PARA CORREDORES DE SOMBRA
A obra Corredores de Sombra, de Agustín Fernández Paz, vén de recibir o Premio Frei Martín Sarmiento como mellor libro do ano pasado na categoría de 3º da ESO a 1º de Bacharelato.
Este premio é moi interesante porque o xurado son milleiros de rapazas e rapaces galegos que, durante o curso, van lendo, e despois emiten o seu veredicto.
Eu recibino o ano pasado por Un Bosque Cheo de Faias e, desde logo, non tiña dúbidas de que o libro de Agustín tería que ser o galardoado deste ano.
Cando saiu, escribín, no meu anterior blog, unha crítica entusiasta sobre o seu libro. Pasado un ano, reafírmome en todo o escrito alí. Textos coma este son un luxo para o noso sistema literario. A demostración do alto que pode voar a nosa literatura. Un deses textos que nos fan ter fe na literatura e en todo o que a literatura pode, ademais, darnos: unha comprensión das cousas, uns personaxes vivos, coma nós... Porque o que fai Agustín Fernández Paz é sentar a escribir e ofrecernos un exercicio de bo facer literario onde nada, absolutamente nada está de máis.
Escribe, desde a ambición e centrado en ofrecer non só un libro, senón Un Libro.
Non sei se me explico.
Se aínda non o lestes, non sei a que esperades.
Categoría: Xeral - Publicado o 06-06-2007 14:23
# Ligazón permanente a este artigo
HAI UN MAR

Vén de sair a revista Ave Fénix que, con todo o mérito do mundo, editan os Axentes de Saúde do cárcere de Monterroso. En castelán e para toda España, nesta ocasión tiveron a xenerosidade de entrevistarme. Pedíronme un poema que escribín para eles ( e pensando neles ) e que, na revista, saiu nas dúas linguas.
Aquí, o orixinal galego:
Hai un mar
agardando por nós
por ti e por min
por todos os navegantes e por todos
os náufragos.
Un mar grande, pirata
libertario e esnaquizador de derrotas.
Inmenso coma a liberdade
turra do corazón dos nenos
esas almas de peixe.
Hai un mar
quentando as nubes
dando de comar aos poetas
salferindo de horizontes probables
aos namorados e aos esquecidos.
Un mar grande
de saliva e sal azul
de cavernas e luces abisais só intuídas.
É o mar da liberdade
meu amigo
¿aínda non o escoitas?
Categoría: Xeral - Publicado o 05-06-2007 14:15
# Ligazón permanente a este artigo
¿SUPERVIVENCIA OU SUICIDIO?
Moi relacionado co intensísimo debate que desde o meu anterior post estamos a ter, está este artigo que publiquei hai dúas semanas en A Nosa Terra e que xa está colgado na Biblioteca Virtual Galega e que titulei ¿Supervivencia ou Suicidio?.
O texto íntegro do artigo, aquí.
Categoría: Xeral - Publicado o 04-06-2007 10:22
# Ligazón permanente a este artigo
ALGO NON ENCAIXA
Hoxe en El País, Antón Reixa publica un artigo dedicado a Andrés do Barro no que di algunhas cousas que cómpre analizar polo miúdo.
Entre outras, que cando el era adolescente, nun entorno castelán-falante ( tal coma hoxe ), o pop de Andrés Dobarro era un dos poucos mecanismos de penetración do galego na súa vida. Recórdanos, así, a importancia da música para facer que o galego chegue á mocidade. E a día de hoxe, faise moita e moi boa música galega, pero así que chegue, que chegue que chegue, pero que chegue de verdade á rapazada, non sería capaz de citarvos a ningún músico ou cantante.
E contra o final do artigo, Reixa solta unha verdade coma un puño: Algo falla. A industria musical hoxe (coa agravante da piratería) e os mecanismos de penetración do castelán xogan á contra, pero se comparamos esta realidade coas sórdidas circunstancias do franquismo nas que se abriu paso Andrés Dobarro, a cousa segue sen encaixar. Unha sociedade actual sen expresión pop na lingua propia é unha sociedade carente por moito folk co que nos queiramos consolar.
Absolutamente certo. O galego, en tempos moito máis difíciles como foi o franquismo, penetraba moito máis cá hoxe, onde, en teoría, todo é máis doado. No mesmo xornal explícao María Yañez: os mozos nacidos en democracia e con galego na escola non falan galego.
Algo non encaixa.
Categoría: Xeral - Publicado o 01-06-2007 14:18
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal