A Canción do Náufrago II


Blog do escritor Francisco Castro
Perfil de Francisco Castro
Perfil de Facebook de Francisco Castro.
Crea a túa chapa
O meu perfil
Francisco Castro
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 Tamén podes ler...
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

ARROLAR

A través do Servizo Galego de Saúde, a secretaría xeral de Política Lingüística vén de presentar unha campaña na que reparten libros e cancións de berce ás xestantes. Entre o material que se lles dá, todo el moi interesante, faiselles ás futuras mamás ( e supoño que papás ) un convite para facer unha reflexión sobre a lingua na que lle van falar ao bebé.
Coido que esa reflexión é do máis interesante que se propón. Hai que dicirlle aos proxenitores que deles depende moito no futuro. Xa non só o das súas crianzas, sen dúbida esencial, senón o dunha cultura enteira. Non lles vai pasar nada se deciden tomar a decisión de crialos en galego. Non lle vexo efectos secundarios. Non van ser máis listos, desde logo, pero tampouco máis parvos. Desde o punto de vista moral non van ser mellores, pero tampouco peores. Haberá que insistirlles en que, como galegos, hai algo fermoso no feito de transmitir unha lingua de noso, algo que nos pertence desde hai máis de mil anos; algo do que non deben privar aos seus fillos.
Que utilicen, por favor, ese material. E que arrolen con esas cancións. Mirade que verba máis fermosa: arrolar. É un reflexo perfecto do que significa. Mais e pais arrolando, amorosos, en galego.
Ese si sería un futuro para a lingua.
Categoría: Xeral - Publicado o 30-05-2007 14:28
# Ligazón permanente a este artigo
DESDE UN BURATO BAIXO TERRA

Veño de rematar un libro absolutamente impresionante. Un deses textos que, a pesares de non ter a intensidade literaria doutros moitos que nos fan gozar, si que posúe o estilo e, sobre todo, a grandeza da historia que nos quere contar, como para abraiarnos e deixarnos facéndonos preguntas.

O seu autor - supostamente, porque o tempo demostrou que se limitou a traballar co manuscrito dun xudeu alemán perseguido - foi Wolfgang Koeppen e o seu expresivo título é Anotaciones de Jakob Littner desde un agujero bajo tierra. Está editada por Alba Editorial e podedes ler o Prefacio aquí.
O título explica o que literalmente di: a historia dun xudeu alemán chamado Jakob Littner, que tiña un negocio filatélico en Münich. Era xudeu e, xa que logo, nos anos do ascenso hitleriano comezan as súas penurias. Ao xeito dunha especie de lúgubre diario, vainos narrando como é, ao primeiro, encarcerado nuu guetto, e, despois, como os cans famentos da SS e da milica xudea e ucraína, van matándoos programadamente. El salvou a vida porque, literalmente, con outros, meteuse nun burato no chan.

Anos despois, escribiu o manuscrito que remataría nas mans dun editor que llo ofreceu a Koeppen quen, finalmente, elaboraría - literaturizándoo - o libro.
Recoméndovolo con entusiasmo. Polo seu valor documental. E pola verdade que transmite en toda a súa anguria.
Categoría: Xeral - Publicado o 29-05-2007 14:42
# Ligazón permanente a este artigo
BORGES. CELA. O NOBEL
Foto do escritor Jorge Luis Borges no Hôtel des Beaux Arts onde morreu Oscar Wilde
Hai un par de semanas, o xornalista de La Voz de Galicia, e tamén escritor, César Casal, publicaba na última páxina un interesante artigo que podedes ler aquí e do que rescato o comezo, pois foi o que me fixo pensar: DIJO Jorge Luis Borges, la democracia, ese curioso abuso de la estadística. Y le costó el Nobel de literatura.
Leva razón. Borges non foi nada fino nas súas opinións políticas. E iso costoulle o Nobel. Pero foi un grande escritor. ¿Xusto?
E agora a miña reflexión: Cela foi delator e censor do réxime franquista. E o Nobel déronllo. ¿Xusto?
Categoría: Xeral - Publicado o 28-05-2007 10:31
# Ligazón permanente a este artigo
ESTACIÓN LITERATURA

Estación Literatura: contos do tren, é o nome dunha iniciativa da Consellería de Cultura que comezou o pasado Día do Libro. Consiste en repartir no tren contos asinados por autores galegos. Na casa xa teño o de Blanco Amor, Luísa Villalta e o de Ferrín. O obxectivo: fomentar a lectura entre os usuarios do ferrocarril.
Teño para min que hai xente que só le no tren. Que non o fai en ningún outro sitio. Só no tren. Ou no metro. Todos temos visto como nas cidades onde a xente está obrigada a pasar parte do día no suburbano, moitos entreteñen a espera cun libro nas mans. Por desgraza, a nova tendencia é a poñer enormes televisores en todas as estacións do metro. A xente xa non lerá. Tragará anuncios.
Categoría: Xeral - Publicado o 25-05-2007 14:22
# Ligazón permanente a este artigo
RACCONTI DALLA GALIZIA MAGICA


Hoxe coñecemos a boa nova de que unha editorial italiana vén de publicar unha antoloxía da narrativa fantástica en galego. O libro chámase Cruceiros. Racconti dalla Galizia Magica, ( Edizioni Estemporanee ) e ofrece textos de autores como Risco, Dieste, Fole, Cunqueiro, Ferrín e Suso de Toro, entre outros.
É, como digo, unha moi boa nova. Que a literatura galega traspase fronteiras é para que o celebremos.
Que veñan máis.
Categoría: Xeral - Publicado o 23-05-2007 14:20
# Ligazón permanente a este artigo
SE ESTES SON OS MELLORES LIBROS...

A cadea de librerías británica Waterstone pediulle aos seus lectores que elixisen os mellores libros dos últimos 25 anos.
Non sei moi ben quen votaría pero o resultado é, cando menos, curioso ( ía escribir decepcionante ). O libro elixido polos británicos é Harry Potter e a pedra filosofal, de Rowling. Sen quitarlle mérito literario ( que o ten ) e sen deixar de recoñecer a habilidade da autora para crear mundos literariamente suxestivos, igual é un chisco esaxerado cualificala como a mellor obra no último cuarto de século.
Ademais, a calidade do resultado final fica un chisco cuestionada cando lemos que, no sexto lugar, está La sombra del viento, de Zafón ( nunca entenderei por que hai tanta paixón con este libro ) e xusto por diante, no quinto posto, O código da Vinci, de Dan Brown.
Categoría: Xeral - Publicado o 22-05-2007 14:27
# Ligazón permanente a este artigo
ASTERIX 80

Albert Uderzo é o debuxante e guionista de Astérix. Antes de que morrera Goscinny só os debuxaba. Despois encargouse de todo.
Agora cumpre 80 anos.
Levo defendido moito neste blog a importancia da Banda Deseñada na formación dos futuros lectores. No meu caso, Astérix resultou esencial.
Recordo perfectamente a primeira vez que os irreductibles galos chegaron á miña vida. Meu irmán, que é moito máis grande cá min, marchara de viaxe por España adiante. Eu tería 10 anos. Non máis. Volveu despois dun mes e tróuxome dous agasallos. A equipación do Atlético de Madrid ( moito fardei no barrio, ninguén tiña algo así ) e o tebeo ( daquela chamabámolos así ) Astérix y el Caldero. Non coñecía de nada aqueles personaxes. Pero si recordo que, durante anos, lin e lin e volvín a ler aquela historia.
Sobre todo, enfeitizábame o corido daquelas páxinas. O detalle do debuxo. E a trama. E o humor. E todos e cada un dos galos e romanos.
A inconsciencia fixo que ao medrar me desfixera daquel exemplar. Como ía sospeitar que había ser tan importante na miña memoria sentimental. Hoxe, por suposto, volvo a telo. E sego experimentando a mesma emoción, exactamente a mesma, de cada vez que abro unha das súas historias. Sego abraiado diante da cor, do detalle, da trama, do humor, feliz na compaña de todos e cada un dos galos e dos romanos.
( A FOTO CORRESPONDE Á PRIMEIRA PÁXINA DA HISTORIA DA QUE VOS FALO )
Cando teña 80 seguirei lendo a Astérix.
Categoría: Xeral - Publicado o 21-05-2007 09:37
# Ligazón permanente a este artigo
UN DEBATE, SEICA, NECESARIO ( Os blogs si que se len )

Un vai escribindo o seu blog e, dunha maneira inevitable, moitas veces non pode evitar pensar que o que escribe non chega máis que aos fieis desta bitácora.
Mais ás veces si que transcenden as cousas. Por exemplo, hai unha semana propuxen aquí un debate sobre o Día das Letras Galegas e a necesidade, ou non, de replantear a festividade tal e como a temos a día de hoxe montada. Para a miña sorpresa, chamáronme do Faro de Vigo en relación a ese asunto, e o resultado saiu onte, tal que así, precisamente, no día que máis cumpría, o 17 de Maio.
E hoxe mesmo, hai un cacho, chamárome do programa da Radio Galega, Extrarradio, para participar nunha tertulia baixo da pregunta, ¿Que facemos co Día das Letras? o vindeiro domingo a partir das 12.30 da mañá.
Daquela, dúas conclusións: seica plantear o debate era necesario e os blogs, semella que si, lense. Seica si.
Categoría: Xeral - Publicado o 18-05-2007 14:05
# Ligazón permanente a este artigo
O DLG COMO METÁFORA
O Día das Letras Galegas é unha metáfora perfecta. Porque o 17 de Maio, como símbolo, é algo absolutamente literario. Porque é unha ficción.
Os literatos ( chámense María Mariño ou calquera outro )dedicámonos a excitar a imaxinación a partir das palabras. Podería quedar moi ben e dicir que se me ocorreu a min esa definición de Literatura. Pero hoxe teño o día honesto: iso é de Borges.
O DLG excita a imaxinación. Como a boa literatura, o DLG lévanos a outro mundo. Collemos un xornal e está - só a portada, pero está - en galego, os alcaldes escriben bandos institucionais no que falan do tesouro que é a lingua, hai festa na rúa, a bolsa do Gadis ten un poema da autora homenaxeada, os telexornais falan de lingua, literatura e de poesía... O mundo do revés. O mundo marabilloso.
O día 18 rematará a ficción. Igual que cando pechamos unha boa novela e volvemos ás nosas miserias.
O Día das Letras é literatura, metáfora de Nós.
Que pasedes un bo DLG.
Categoría: Xeral - Publicado o 16-05-2007 14:31
# Ligazón permanente a este artigo
SILENZO ( DEFENSA DAS BIBLIOTECAS )

Hoxe teño un argumento incontestable para defender a utilidade das bibliotecas.
Nesta sociedade onde todo é ruído, onde os coches tuneados tal discotecas rodantes nos escarallan os oídos co seu tundachunda tarabumda, onde os veciños berran, a xente do bar berra gol penalti merda de políticos que carallo di a Belén Esteban viva la Pantoja, onde os pais nais fillos fillas cans e outras mascotas berran, onde a tele berra, onde as obras de última hora do concello votádeme que non se vos esqueza, miserables, quen vos arranxa a rúa, esnaquizan as orellas tradeando o cerne das paciencias, onde todo é balbordo, estrépito, bulicio e bulla, nesa sociedade, tamén, hai bibliotecas.
Os últimos lugares, probablemente, onde podes atopar, coa escusa de ler, o silenzo preciso para vivir.
Categoría: Xeral - Publicado o 15-05-2007 14:22
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal