A Canción do Náufrago II


Blog do escritor Francisco Castro
Perfil de Francisco Castro
Perfil de Facebook de Francisco Castro.
Crea a túa chapa
O meu perfil
Francisco Castro
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 Tamén podes ler...
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

OS SÉCULOS ESCUROS AÍNDA SON ESTES
No número da semana pasada publiquei un artigo cabreado no semanario ( de papel ) A Nosa Terra.
Desde hoxe está na rede aquí.
Categoría: Artigos en A NOSA TERRA DIARIO - Publicado o 11-04-2008 12:29
# Ligazón permanente a este artigo
O MÉRCORES EN SALAMANCA
O mércores da semana que vén andarei de parladoiro pola Universidade de Salamanca para falar das TIC e a Edición, Literatura na Rede, etc... Terei a sorte de compartir mesa con Anxos Sumai e O Leo. Imos convidados polo Departamento de Lenguas Modernas, Área de Filologías Gallega y Portuguesa e máis concretamente pola lectora de galego, Xandra Santos.
Non sei cantos lectores terá este náufrago polas terras de Unamuno pero, por se acaso, quedan avisados.
Categoría: Xeral - Publicado o 09-04-2008 16:22
# Ligazón permanente a este artigo
BLOGOBARES
No semanario A Nosa Terra desta semana, na última vén unha entrevista con Manolo Gago, de Capítulo 0, unha referencia para todos os que fedellamos con mellor ou peor fortuna no blogomillo.
No titular da entrevista, interesante e chea de suxestivas ( e nutricias ) respostas, Manolo di: Un blog é a barra dun bar.
Leva toda a razón do mundo. Nas barras dos bares, deshinbidos, falamos. Nas barras dos bares, ás veces, dicimos as cousas máis importantes do mundo.
Desde que abrín este blog síntome, ás veces, así. Desinhibido e, desde logo, cheo de liberdade para dicir cousas importantes. Outra cousa é que me saian cousas importantes por esta boquiña.
No fondo, unha experiencia feliz isto dos blogobares.
Categoría: Xeral - Publicado o 08-04-2008 14:45
# Ligazón permanente a este artigo
O CATRO POR CENTO

Hai un par de domingos, nun deses suplementos temáticos que os xornais sacan de cando en vez con apariencia de información pero que, en realidade, son de pura publicidade ( este estaba dedicado a nenos e adolescentes, xa sabedes, moito videoxogo, roupa de marca, tendencias e non sei que ) había, sen embargo, unha breve nova interesante.
Comentábanse os resultados dun estudo feito por unha consultora para unha empresa de xoguetes sobre o que os nenos pedían polo Nadal. O resultado era claro e diáfano e sen posibilidade de dúbidas: só o catro por cento dos cativos pedía un libro como agasallo.
A derrota é clarísima.
Daquela, non estaría mal iniciar agora algunha clase de campaña de sensibilización para que os pais/nais agasallen, claro, polo Nadal, videoxogos, claro, e ordenadores, claro, e balóns de fútbol, claro, e monopatíns, claro, e MP4s, claro, e todo canto trebello electrónico ou de moda consideren preciso para a felicidade das súas crianzas, claro, pero, tamén, un libro, só un libro, cando menos un libro, tampouco dous, non imos ser esaxerados, un, un só, a ver que pasa. O slogan podía ser algo así: Polo Nadal, polo menos, un libro.
Máis simple imposible.
Non sería a panacea pero, desde logo, igual a algún dos millóns de nenos que nunca piden un libro ( o 96 por cento deles ) se lle daba por ler. E de aí, igual saía un lector.
Categoría: Xeral - Publicado o 07-04-2008 11:48
# Ligazón permanente a este artigo
DÍA DA LECTURA NO TRABALLO

Veño de ler por aí que os traballadores de Google, xa saben, esa chuleta universal onde está todo, teñen zonas de descanso con play station, futbolíns e... ¡biblioteca!
Isto último pareceume delicioso e anímame a propoñer, xa que hai un par de días se celebrou o Día da Diversión no Traballo, a instauración dun Día da Lectura no Traballo.
Ou, cando menos, que en todas as oficinas do mundo exista un curruncho onde, no intre do café, os currantes e currantas poidan botarlle o ollo a unha boa novela.
Categoría: Xeral - Publicado o 06-04-2008 16:46
# Ligazón permanente a este artigo
O OFICIO DE ESCRIBIR

Ese é o título do meu artigo en A Nosa Terra desta semana.
Categoría: Artigos en A NOSA TERRA DIARIO - Publicado o 05-04-2008 16:09
# Ligazón permanente a este artigo
A LITERATURA MANDA NA TELE

Seica comezou un programa na galega que consiste en que un grupo de cativas e cativos fan preguntas a un adulto máis ou menos relevante. O programa chámase O País dos Ananos ( todos os domingos ás 21:15 ).
Pois vale.
Pero alguén debería aproveitar o detalle para comentar que no fondo o título do programa está inspirado - supoño, non creo que se lles ocorrese así como así - no libro de Celso Emilio Ferreiro, Viaxe ao país dos ananos.
O que ven a demostrar que a tele, pásmense, manda máis que a televisión. Porque outro programa de grande éxito é Grande Irmán, que, como todo o mundo sabe, é esa entidade mala malísima presente na novela 1984 de George Orwell.
O que ven tamén a demostrar que non é certo que a televisión non fomente a lectura. Máis ben todo o contrario.
( Agora, por favor, cando rematen de rir, recorden que isto foi unha brincadeira )
Categoría: Xeral - Publicado o 03-04-2008 15:18
# Ligazón permanente a este artigo
A LOURA NON ERA TAN PARVA
Hai un mito do cine que desde sempre me pareceu que estaba máis que sedento de xustiza. Á pobre Norma Jean, Marilyn Monroe para ese prostíbulo xigantesco que foi Hollywood nos 40 e 50, tomóuselle sempre por profundamente parva, como o sumum da idiocia. Isto deuse sempre por feito, e xamais ninguén ousou cuestionar esa opinión, como se non houbese nada por detrás dese sorriso de anxo e ese corpo bendito.
Moi probablemente esa imaxe viña fomentada por todos aqueles aos que lles conviña vender esa icona - de obvio consumo masculino falocrático - de loura aneuronada.
Estes días sae en castelán un libro escrito por Michel Schneider e que leva por título Últimas sesiones con Marilyn (Alfaguara). Na obra cóntansenos cousas máis que interesantes, como que a actriz, cando só tiña 21 anos xa lera a Freud e que, de cada vez que se mudaba, levaba con ela unha biblioteca de máis de 400 volumes.
Moito machista cinéfilo non dará creto ao que alí se conta.
Pois que lles dean.
Categoría: Xeral - Publicado o 01-04-2008 23:54
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal