A Canción do Náufrago II


Blog do escritor Francisco Castro
Perfil de Francisco Castro
Perfil de Facebook de Francisco Castro.
Crea a túa chapa
O meu perfil
Francisco Castro
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 Tamén podes ler...
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A PESAR DE TODO

Quero dar conta da saída no novo núero da Revista Grial. O tema é Lectura Pública. Un dereito da cidadanía. Os responsables da publicación honráronme pedindo a miña opinión. Escribín un traballo que titulei A pesar de todo. Sobre a promoción da lectura e a presenza do libro no espazo público.
Os pacientes seguidores deste blog xa imaxinan por onde foron os meus argumentos. Non lles contarei nada. Limítome a repetir as verbas que escribe na súa Carta do Editor, Víctor F. Freixanes ao presentar a miña contribución: Francisco Castro, escritor e animador cultural, non sen un aquel de retranca, ponnos diante do espello das prácticas habituais neste ámbito, cunha aposta decidida pola actuación no seo das familias e nas primeiras idades dos lectores.
Pois iso.
Categoría: Xeral - Publicado o 27-04-2007 14:16
# Ligazón permanente a este artigo
¿E MAFALDA?

Onte pedía eu aquí que algunha editorial se animase a traducir a Jostein Gaarder. Hoxe pediremos outro tanto para Mafalda.
No número desta semana do semanario A Nosa Terra, esa magnífica xornalista que é Mar Barros ( mágoa que esa sección non estea en formato dixital ), recórdanos que no ano 1984 Mafalda foi traducida por vez primeira ao galego ( pola empresa lucense Souto S.A. ), pero só seis dos dez cadernos da serie. Foron, por suposto, un éxito absoluto.
Pasaron 20 anos e, polo que se ve, Mafalda e as súas teimas seguen máis vivas cá nunca.
Daquela, e dado que serían un éxito editorial máis que seguro, repito a pregunta de onte, ¿para cando unha editorial galega vai atreverse con Mafalda?
Eu descobrina de neno. E sempre digo o mesmo: ninguén debería chegar á vida adulta sen deitar os ollos, moitas e moitas veces, nas tiras de Quino.
Categoría: Xeral - Publicado o 25-04-2007 14:27
# Ligazón permanente a este artigo
CODIGO DA VINCI SI, JOSTEIN GAARDER NON

Onte, o escritor Jostein Gaarder, mundialmente famoso desde os primeiros noventa polo seu El Mundo de Sofía ( Siruela ), mantivo unha conversa dixital cos lectores de El País e que podedes ler aquí.
Entre outras cousas dixo que precisamos da Filosofía para salvar o medio ambiente, que lle "amolaría" ler O Código da Vinci, que no seu periodo de formación leu moito pola súa conta, que sempre lle gustaron os relatos de Borges ou que precisamos políticos valentes.
Sen dúbida, un autor moito máis interesante que Dan Brown. Sen embargo, o da Vinci témolo en galego mais, Jostein Gaarder, traducido a 53 idiomas, aínda non fala galego.
Dado que xa ficou dabondo demostrada a utilidade das traduccións como elemento normalizador, e vista tamén a súa boa saída comercial, ¿para cando unha editorial galega vai atreverse co Gaarder?
Categoría: Xeral - Publicado o 24-04-2007 14:23
# Ligazón permanente a este artigo
REFLEXIÓN NO DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO
Hoxe, La Voz de Galicia déixanos as reflexións de Ana Moreda, profesora de galego no IES de Beade, en Vigo.
Di aí cousas moi interesantes que levamos moito tempo tamén mantendo desde este espazo e que, aínda que nos repitamos, convén ( sobre todo tal día coma hoxe ) repetir. A saber: que as lecturas obrigatorias poden ser contraproducentes.
Desde logo. Non é que o sexan. É que poden ser. Cando están feitas de calquera maneira. Cando non se lle pregunta aos rapaces sobre os seus intereses. ¿Hai que dar listas de lecturas para os alumn@s? Por suposto. Pero haberá que molestarte en saber que lles anda pola cabeciña para poder seducilos en condicións para a lectura. Coido que o criterio docente, neste asunto, debe ficar á marxe. Pois, ¿de que falamos? ¿Non estamos a falar de promover a lectura? Obrigarlles a ler, digamos, libros desafortunados ( aínda que sexan fermosas obras de arte, igual aínda non están na idade ), pode afastalos para sempre da lectura. Pola contra, darlles un libro que lles provoque interese e entusiasmo ( aínda que desde un criterio artístico non sexa para pasar á historia ) axudará a identificar, dunha maneira automática, lectura e pracer. E xa se sabe que non hai nada que tire máis dos nosos hábitos que a procura do pracer.
Por outra banda, moi atinadamente, a profesora indica que a chave da situación está na casa. Xa o dixemos mil veces. A súa frase é, para min, a máis importante de todo o Día Internacional do Libro: Os rapaces deben ver a lectura como un comportamento habitual na casa, porque se non, non se afán a ela.
Feliz Día do Libro.
Categoría: Xeral - Publicado o 23-04-2007 10:52
# Ligazón permanente a este artigo
MOVER CONCIENCIAS



Hoxe en El País podemos ler unha interesantísima entrevista con Paco Ibañez. Entre outras cousas, e desde os seus máis de 70 anos, declara que lle gusta atizar conciencias. Canta falla nos fai.
Algunha vez falamos neste blog da necesidade de descubrir aos poetas coa axuda da música. Iso foi Paco Ibañez na miña infancia. Escoitaba unha e outra vez aqueles dous cassettes de meu irmán ( lévame dez anos ) de Paco Ibañez en el Olimpia de París. Descubrín así a moitos poetas.
E esa música ficou aí para sempre. De feito, nos meus talleres, ás veces lemos Palabras para Julia de José Agustín Goytisolo, e cústame moitísimo recitalo. Sempre quero cantalo coa música de Paco Ibañez. Por sorte para os asistentes, nunca me atrevo.
Categoría: Xeral - Publicado o 20-04-2007 14:15
# Ligazón permanente a este artigo
NON CEDA Á TENTACIÓN DE LER

Xa falei algunha vez aquí da miña querencia por Os Simpsons. De feito, e aínda que vos soe raro, é dos exercicios intelectuais máis interesantes e intensos que fago ao longo do día.
Onte, o can dos Simpsons cargábase a tele por cable de todo Springfield. Diante da cara de pánico de todos os cidadáns pola desaparición das imaxes, unha voz en OFF, dicía: "A súa televisión por cable ten problemas momentáneos. Por favor, non ceda á tentación de ler. Grazas".
Pois iso.
Categoría: Xeral - Publicado o 18-04-2007 14:18
# Ligazón permanente a este artigo
LITERATURA INFANTIL PICANTE

Practicamente todos os meses falo con xente que aínda non deu publicado pero que ten un gran talento. Escritor@s, algúns deles moi novos, que se desesperan por non atopar editorial ou que se fartan de recibir cartas onde lles di que as súas obras non son interesantes.
Sabido é que publicar o primeiro libro é verdadeiramente difícil.
Sen embargo, isto non lle pasa a todas, pois
hoxe os xornais contan que a ex-Spice Girl, Geri Halliwell, vai sacar unha serie de libros dedicados aos nen@s protagonizados, entre outros, pola súa compañeira no grupo, Victoria Beckham, esa mesma que hoxe é noticia, tamén, porque o seu home vén de regalarlle un vibrador valorado en dous millóns de dólares.
Polo visto, hai quen o ten máis doado que o resto para publicar.
Categoría: Xeral - Publicado o 13-04-2007 14:13
# Ligazón permanente a este artigo
SEDUCIR CUN LIBRO


Hoxe distintos medios recollen que a Consellería de Cultura gastará 50 millóns de euros en cinco anos para encetar iniciativas para conseguir que os galeg@s leamos máis. Entre outras cousas, pénsase en levar as campañas de fomento da lectura a centros de saúde, autobuses e comercios, ao mesmo tempo que se pretende impulsar a edición, o deseño, a impresión, a comercialización e a tradución do libro galego.




A metade dos cartos irán para ampliar os fondos e os servizos que prestan as bibliotecas.
Vale, vale e vale.
En principio, sempre aplaudo estas campañas. Outra cousa é que pense que darán os froitos desexados. Sempre digo o mesmo: ogallá. Pero non sei. Non sei.
En calquera caso, e ao mesmo tempo que lle desexo todos os éxitos do mundo á iniciativa, aproveito para sinalar que onte, cando se presentou o asunto, falouse da necesidade de dedicar parte dos esforzos a seducir, a partir dos libros, ao público máis novo. Coido que a verdadeira campaña ten que ir por aí. Hai que atrapalos de cativos. Se un se converte en lector, xa non o deixa máis nunca. E o verbo seducir, ou contaxiar, ou namorar, desde logo, non acaen nada mal neste contexto.
Categoría: Xeral - Publicado o 11-04-2007 14:15
# Ligazón permanente a este artigo
CRIAR EN GALEGO
Hoxe todos os periódicos recollen a triste nova referida a que só un terzo da poboación urbana criada en castelán sabe falar galego. E que só o 4 % dos moz@s usan a nosa lingua. E que nas cidades o proceso de substitución do galego por parte do castelán semella inevitable.
Todo isto terrible, en verdade.
Sen embargo, eu prefiro poñer o acento no tema da cría dos fill@s. Velaí a traxedia: o excéntricos, raros, absurdos, etc., que para moita xente somos algúns pais, dentro da propia Galicia, polo feito de ter tomado a decisión de criar aos nosos fillos en galego.
Mentres algo así sega a chamar a atención, o proceso desgaleguizador non debe sorprendernos.
Categoría: Xeral - Publicado o 10-04-2007 14:15
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal