A Canción do Náufrago II


Blog do escritor Francisco Castro
Perfil de Francisco Castro
Perfil de Facebook de Francisco Castro.
Crea a túa chapa
O meu perfil
Francisco Castro
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 Tamén podes ler...
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

CANDIDATOS QUE ESCRIBEN

Onte, nas páxinas de La Voz de Galicia contaban que os distintos candidatos á presidencia dos Estados Unidos saben que unha das cousas que obrigadamente teñen que facer é escribir un libro. Así, Hillary Clinton, Barack Obama ou Rudy Giuliani xa teñen publicados os seus, nalgúns casos, máis de un libro ( Hillary, ademais da súa autobiografía, publicou outro sobre, alucina, como educar ben mascotas, e outro máis recente sobre a educación... neste caso de persoas. A ela, por certo, como xa falamos hai tempo, o asunto literario sáelle incluso rendible ).
Independentemente destas cousas, sobre todo o que me interesa destacar aquí é que o feito de escribir e publicar un libro é algo que, electoralmente, é valorado, que dá votos, que axuda a considerar mellor ao candidato. Que lle dá "unha estela cultural", vamos.
Agardo, xa que logo, polos libros de Touriño, Quintana e Feijóo.
Categoría: Xeral - Publicado o 12-03-2007 10:42
# Ligazón permanente a este artigo
CARLOS CASARES E A PROSA INVISIBLE

Escoiteille dicir unha vez a Carlos Casares que a mellor prosa era aquela que non se vía, é dicir, que o lector nunca debe decatarse do artificio, que debe ser tan natural o que se escriba que quen lea só se concentre en gozar do texto.
Niso, sen dúbida, era un mestre. Tanto na súa obra ( por exemplo en Os mortos daquel verán, libro complexo pero que, a pesar da súa moita arquitectura - está escrita en linguaxe burocrática - para o lector é unha delicia ), mais, sobre todo, na súa obra xornalística, para min, onde máis brillaba o Casares escritor. Aqueles artigos seus en La Voz de Galicia eran, á súa maneira, un blog. ¿Cantas bitácoras hoxe imitan, quizais inconscientemente, aquel xeito seu de traballar a base de contarnos o feito o día anterior - a súa vida - pero pasándoo pola ollada literaria? E cando digo iso digo o Casares conversador. Só puiden unha vez, só unha, para a miña desgraza, cear con el. Naquela mesa estaban tamén, entre outros, Xurxo Souto. Case que non dixemos nada. Abondaba con escoitalo contar. O ben que contaba, tamén, era no fondo un exercicio de "prosa invisible". Da súa boca saían historias perfectamente argalladas, construídas dunha maneira tan sinxela que, aos demais, só nos quedaba abrir a boca, apampados, e gozar.
Cinco anos despois, seguimos, e seguiremos, lendo na súa prosa invisible.
Categoría: Xeral - Publicado o 09-03-2007 14:17
# Ligazón permanente a este artigo
A RÚA DOS LIBREIROS DE BAGDAD
Onte o xornal El País informaba dun brutal atentado - outro - nas rúas de Bagdad. Afeitos como xa estamos a espertarnos así, xa nin nos sorprende.
Sen embargo, neste caso, si me chamou a atención o titular: 30 Muertos en la Calle de los Libreros en Bagdad. Leo a nova. E comprendo a forza da vida porque, a pesar da guerra, a pesar da violencia, a pesar da morte, agachada polas esquinas para beliscar a quen pase, moita xente en Bagdad vai á rúa dos libreiros... a reunirse para falar de libros e de literatura, para explicar que lles fan sentir os libros, quizais para intercambiar volumes e recomendarse, emocionados, lecturas que lles fixeron sentir algo.
A forza da vida. Que teima en seguir a pesares da morte e da destrucción provocada por este simio imbécil que se chama a si mesmo, sapiens.
Quizais, algúns dos 30 que morreron cando estoupou a bomba, estaban a falar, gozosos, de Simbad o Mariñeiro, ou de Sherezade, dous dos moitos que no seu día viviron as súas aventuras en Persia ou, quizais, comentaban os oitenta anos de García Márquez e do seu Macondo.
En calquera caso, para eles, xa non hai máis libros.
Categoría: Xeral - Publicado o 07-03-2007 12:08
# Ligazón permanente a este artigo
GABRIEL GARCÍA MÁRQUEZ. 80 ANOS

Hoxe Gabriel García Márquez cumpre 80 anos. Tamén neste 2007 conmemóranse 60 do seu primeiro conto, 40 de Cien años de soledad, e 25 do Nóbel.
Eu sempre conto a mesma historia: cando tiña 15 anos e non ía moito por clase e estaba ocupado en todo menos no estudio ou a lectura, chegou ás miñas mans Todos los cuentos, de Gabriel García Márquez en Bruguera. Podo verme a min mesmo deitado na cama, tapado ata as orellas para protexerme do frío que facía na casa dos meus pais, e lendo ese libro e, literalmente, sen ser capaz de parar de ler, devorándoo, abraiado diante de cada palabra, de cada historia, de cada personaxe. Lembro moi en concreto un conto, Eva está dentro de su gato, que contaba xusto a historia que aquel adolescente desleixado e moi, moi desnortado que eu era, precisaba que lle contasen.
Despois caeron todos os demais, todos os clásicos da súa bibliografía.
Hoxe cumpre 80. E aínda que xa non vivo a súa literatura como antano, só polo moito que nos deu nalgunhas das súas obras, deséxolle que chegue, cando menos, aos 100 anos, pero non en soidade.
Categoría: Xeral - Publicado o 06-03-2007 14:41
# Ligazón permanente a este artigo
A GRAN NOVELA DE SPRINGFIELD



Onte, vendo un capítulo dos Simpsons, serie da que son absoluto devoto, e da que nunca canso a pesar de ver e ver e ver os mesmos capítulos unha e outra vez, resulta que despedían ao director do colexio, o Señor Skinner.
Ao día seguinte, facendo a compra, declaraba que non estaba tan mal estar despedido porque, así, tiña verdadeiramente tempo "para escribir a Gran Novela Americana".
Pensei: que alivio. Estaba convencido de que esa obsesión por escribir A Gran Novela só a tiñamos nós.
Sobre Os Simpons
Sobre Seymour Skinner
Categoría: Xeral - Publicado o 05-03-2007 10:22
# Ligazón permanente a este artigo
RAPEANDO NO TREN
Onte, por segundo ano, tiven a honra de falarlle aos cativos na saída do Tren da Lingua que promoven Caixanova e Renfe e que leva a varios miles de nenos por Galicia adiante con actividades, no tren, arredor da lingua galega.
O ano pasado conteilles. Onte, canteilles.
Déume por aí: preparei un rap sobre o galego, que lles aprendín aos nenos ( que marabilla: 210 cativos de idade media sobre seis anos, cantando alí comigo o retrouso da miña canción: vén comigo, corre vén, que xa vai sáír o tren... léase a ritmo de rap ).
Para moitos foi o seu bautismo de tren. Para min, a miña estrea coma rapeiro.
Categoría: Xeral - Publicado o 02-03-2007 15:13
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0