A Canción do Náufrago II


Blog do escritor Francisco Castro
Perfil de Francisco Castro
Perfil de Facebook de Francisco Castro.
Crea a túa chapa
O meu perfil
Francisco Castro
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 Tamén podes ler...
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

ASÍ É A LIFE

Unha das cousas das que máis orgulloso me sinto, da miña casa, é da nosa biblioteca. Coido que ese é un sentimento que compartimos todos os que gostamos do libro e da lectura. Sen embargo, non teño grandes alfaias bibliográficas. Algunha si. Pero non moitas.
Entre as que si, está a mítica revista Life que herdei dun familiar que a coleccionou desde os primeiros sesenta ata mediados dos setenta. Cando finou, a familia directa non sabía que facer con ela e aí aparecín eu disposto a quedar con elas para que non se perdese. Encarguei unha luxosa encadernación e agora presumo de revista.
É un exercicio fantástico, para min, que son un namorado da música ( e non só da música ) dos 60, ver como a revista Life explicaba todo o dos Beatles a medida que ía sucedendo; o dos Beatles pero tamén Maio do 68 ou o nacemento do movemento hippie ou as fotazas, que me fixeron ( e fan ) soñar desde sempre, da carreira espacial. Iso pola parte bonita. Porque tamén é interesante a información sobre Vietnam xusto no intre en que a guerra estaba presente en todo o seu espanto (abraia ver como xa daquela os gobernantes dos Estados Unidos falaban igualiño, para xustificar o asunto bélico alí, coma hoxe fan cando falan do Iraq ). É unha maneira, gloriosa, de viaxar no tempo por uns anos frenéticos e, sen dúbida, moito máis interesantes cá os de hoxe.
Agora, leo que Life desaparece en papel e que vai editarse só en Internet.
Xa que logo, posuir tantos exemplares como posúo, ten xa máis valor. E non me refiro, como podería sospeitar alguén mal pensado, ao económico.
O futuro irá por aí. As revistas serán todas dixitais. Mágoa. Non será nin a metade de emocionante.
( A portada que reproduzo aí, por exemplo, é unha das que teño na casa )
Categoría: Xeral - Publicado o 30-03-2007 14:15
# Ligazón permanente a este artigo
SPAM EN CARBALLO

Este mércores 28 de Marzo, e dentro do interesantísimo programa Literactúa do Concello de Carballo, ás 20.30 no Café-Taberna O Patacón, estou citado para falar de Spam. O músico Álvaro Muras encargarase da parte sonora.
O programa comezou con Diego Ameixeiras, seguiu con Teresa Moure e agora tócame a min. Cada mes un libro e, despois, tertulia lectores-autores.
Xa podían tirar exemplo outros concellos de Galicia desta iniciativa de promoción do libro e da lectura en galego.
Se tendes vagar, vémonos en Carballo.
Categoría: Xeral - Publicado o 27-03-2007 14:26
# Ligazón permanente a este artigo
MÁIS SOBRE OS LIBROS GALEGOS A LER ANTES DE MORRER




Hoxe,La Voz de Galicia dá conta, nunha interesante reportaxe, da saída dun libro onde se din que libros hai que ler antes de morrer, e que só hai 14 autores nados en Galicia e só seis en galego.
Chegan tarde.
Hai tempo xa falamos disto. E xa correximos a falla de autores de Nós.
Categoría: Xeral - Publicado o 26-03-2007 10:52
# Ligazón permanente a este artigo
SIMBAD EN BAGDAD



Estes días volvín reler a historia de Simbad O Mariñeiro. Levo moitos anos, toda a vida quizais, namorado desa historia.
Sen embargo, a miña lectura, hoxe, non pode ser como a de antes.
Porque leo esa historia e fálanme dun Bagdad cheo de casas fermosas; un Bagdad onde son infinitos os patios cheos de flores; un Bagdad onde se venden nos mercados exóticas viandas; un Bagdad cheo de xerras con viños deliciosos; un Bagdad cheo de palmeiras frescas e dátiles saborosos.
Medrei abeirado polas evocacións desas verbas fermosas que me remitían a unha terra que de certo que era o paradiso.
Bagdad, a patria de Simbad, heroe de libro.
Categoría: Xeral - Publicado o 23-03-2007 14:31
# Ligazón permanente a este artigo
RECITAL NO DÍA MUNDIAL DA POESÍA

Hoxe, para conmemorar o Día Mundial da Poesía, coordeno na Casa do Libro de Vigo, ás oito do serán, un recital. Seremos case que corenta persoas a recitar, desde autores con obra publicada a xente que simplemente ama á poesía, pasando por pintores, fotógrafos, algún que outro empresario... Plural, coma a mesma poesía.
Pedinlle a todo o mundo que escribise un poema sobre a poesía, ou sobre o feito ler poesía, ou sobre o poema. O resultado, espero, será interesante.
O asunto medrou tanto que un editor chamou para publicar todos eses textos en forma de libro. A idea é que esas palabras perduren e iniciar, dalgunha maneira, unha colección.
Xa vos contarei.
Categoría: Xeral - Publicado o 21-03-2007 14:14
# Ligazón permanente a este artigo
E COLORÍN COLORADO, ESTE CONTO ESTÁ REMATADO E QUEN NON LEVANTE O CU QUÉDALLE PEGADO
Quero aínda dedicarlle un artigo máis ao asunto de onte.
Recibo hoxe un libriño editado por unha coñecida bebida de cola que, entre outros productos, ten unha sen cafeína, titulado El Libro de Sus Sueños.
Son unha serie de consellos para axudar aos pais con cativos pequerrechos a que durman ben. A mellor noticia é que unha das propostas que se fai aí é, contra do final do día, apagar televisión, videoconsola ou cousa que poida molestar, coller un conto para lerlle aos nosos fillos.
De seguir reproduzo parte do texto: Los cuentos no sólo son una magnífica manera de transmitir cariño a nuestros hijos (... ) Los niños, faltos de la experiencia que dan los años, necesitan constantemente saber más, comprender, informarse sobre un montón de cosas y, mejor aún, experimentarlas. Los cuentos son para ellos un modo de experimentar montones de cosas, aventuras, la vida real misma.
Daquela, e como xa comentou algún lector onte, lerlles aos nosos fillos non só serve para fomentar o amor á lectura. Sobre todo, serve para pasar un intre magnífico con eles ( pensade o rápido que medran... a ver quen lle le despois a un adolescente ). Ademais, se len, a súa visión do mundo será máis ampla e mellor. Xa que logo, máis ceibos e menos manipulables. Este segundo agasallo é, tamén, tal e como está o patio, outra maneira de querelos.
E remato con esta cuestión cunha frase mítica antes de apagar a luz: E colorín, colorado, este conto está rematado, e quen non levante o cu quédalle pegado.
( Suponse agora que o amable lector ou lectora deste blog, ergue o cu e volve sentar )

Categoría: Xeral - Publicado o 20-03-2007 14:30
# Ligazón permanente a este artigo
SON OS PAIS, SON AS NAIS
Levamos días falando moito do feito de que no novo barómetro sobre os hábitos de lectura, Galicia ocupa o segundo posto pero por abaixo. Curiosamente, os xornais dedicáronse a subliñar que xa non somos os últimos. ¡Viva, viva!, ¡hai quen le menos cá nós!. Pero é unha pésima noticia.
Como ver o asunto explicouno de marabilla Manuel Bragado no seu artigo do domingo no Faro de Vigo.
Sen embargo, apetéceme agora poñer o acento onde, para min, está a clave de todo o problema: a casa.
Xa podemos consultar todos os expertos no tema da promoción da lectura que queiramos, xa podemos organizar os contacontos que queiramos, xa podemos gastar os cartiños nas campañas que queiramos, xa podemos, incluso, montar as bibliotecas que queiramos ( ollo, que nunca son dabondo ) que, ao final, todo isto non servirá de nada se non convencemos, aos pais e as nais, de que teñen que encargarse eles, dando exemplo, eles, preocupándose de se len ou non, eles, lendo cos seus cativos, eles, levándoos ás librerías e ás bibliotecas, etc, etc. Eles e desde a casa.
Se esa parte non funciona, o resto, é un gasto inútil de enerxía.
( Agora, quedaría o debate abertísimo para preguntarnos se o sistema - estúpido - de vida que levamos, permite que os pais e as nais poidan pasar tempo cos seus fillos; abertísimo a preguntarnos se, no caso de ter ese tempo, ademais queren preocuparse de fomentar a lectura )
Categoría: Xeral - Publicado o 19-03-2007 11:24
# Ligazón permanente a este artigo
¿E OS LECTORES GALEGOS TAMÉN SON DE SEGUNDA DIVISIÓN?
Quero seguir co debate que abrimos antonte.
Hoxe, nun amplo traballo en El País, a profesora e crítica literaria Dolores Vilavedra, falando do éxito de vendas das traduccións ao galego di que hoxe temos lectores máis competentes e menos militantes, máis esixentes e menos compracentes.
Igual que dixen que hoxe non se publica calquera cousa polo simple feito de estar escrita en galego e que, xa que logo, a nosa literatura non ten vocación de ser de segunda división, debo dicir que o lector habitual en galego, tampouco xoga en segunda. Houbo épocas, desde logo, de lectura militante. Mais xa non.
De feito, ata sería mala a existencia de tal tipo de hábito lector. Sospeito que ese prexuízo existe na sociedade. Pero é iso. Prexuízo. E mantelo, implicaría dicir que quen le en galego faino dunha maneira irracional, obsesiva, por "amor á terra" ou chorradas polo estilo. Os lectores e as lectoras normais, cando se achegan a un texto, estea no idioma que estea, o que procuran, se son, insisto, normais, é boa literatura.
Porque non son parvos. E ese é outro dos prexuízos que hai que tentar borrar dunha vez.
Categoría: Xeral - Publicado o 16-03-2007 14:16
# Ligazón permanente a este artigo
A LITERATURA GALEGA É DE SEGUNDA DIVISIÓN
Vou escribir unha reflexión polémica. Supoño.
E non son o único. No seu blog tamén o fai hoxe Jaureguizar.
O diario El País infórmanos hoxe do escritor do Barco de Valdeorras, pero escritor en castellano, José María Pérez Álvarez, Chesi. Dinos que Goytisolo o ten por un dos seus escritores preferidos, e que as grandes editoriais españolas ándanlle detrás.
Non o coñezo, pero só podo aledarme por el. De certo que o seu talento literario será inmenso. E o éxito, xa que logo, máis que merecido.
Sen embargo, como Marta Rivera de la Cruz e tantos outros, non pode evitar, na entrevista, dicir que a literatura galega é algo así como de segunda. Non o di pero é como se o dixera. Concretamente sinala que en Galicia é moito máis doado editar.
Por iso digo que, no fondo, desliza ( non sei se é que de verdade o pensa, pero un lector normal dese xornal sen dúbida podería concluílo ) que en galego, practicamente, edítase a todo o mundo, publícase calquera cousa, tanto ten o que traias, se está en galego, veña, para diante, total, é un xogo, total, non importa, o sistema literario galego traga con todo, todo vale con tal de que estea na lingua de Breogán. E non é certo. Para nada é certo. Non se publica porque si porque, hala, como di na entrevista, hai subención. Como se non recibisen axudas á edición as editoras en español. Reciben toda clase de axudas. E paréceme ben. Pero iso non fai que publiquen de todo.
No caso galego igual naqueles anos resistentes dos sesenta si que se editaba calquera cousa que se escribise en galego. Eran outros tempos e publicábase con outras intencións. Pero hoxe non. Hoxe para nada. Hoxe, selecciónase, e rexéitanse orixinais se non acadan un mínimo de calidade. Como editoriais normais nun mundo normal. Oxalá o resto da sociedade fose igual de normal. Evidentemente, non todo o que se publica na nosa lingua é maxistral. Pero tampouco ten por que selo. Tampouco son as cousas marabillosas dunha maneira absoluta en castelán. E é lóxico. Ten que haber de todo. Libros marabillosos, penosos, memorables, perfectamente esquecibles...
As editoriais galegas preocúpanse, e de cada vez con máis forza, da calidade do que editan. Tamén da súa viabilidade editorial, a posible saída no mercado, como é lóxico neste mundo gobernado polo diñeiro. Pero xa non vale todo. E sei de moita xente que leva tentando publicar anos e anos, en Galicia e en galego, e non o conseguen. Como debe ser, por outra banda. Porque así é en todos os sistemas literarios do mundo.
A literatura galega, a día de hoxe, é igual cá todas. Exactamente igual cá todas. Como moi ben ten sinalado Ramón Caride, a lingua non está normalizada, pero a literatura galega si que o está. Tratamos todos os temas, e desde todas as perspetivas. Os escritores galegos non son mellores cá outros. Pero tampouco peores. Haiche de todo. Insisto: como debe ser.
Algún día teremos que sentarnos a debater que é o que leva aos escritores nados en Galicia pero que escriben en castelán a soltar, de cando en vez, este tipo de cousas.
Mentres ese debate non comeza, vou lendo algún libro de Chesi. Estou certo de que me gustará. Literatura de primeira división.
Categoría: Xeral - Publicado o 14-03-2007 14:32
# Ligazón permanente a este artigo
¿NON HAI POETAS GALEGOS QUE MUSICAR?
Hai uns días matinaba eu na cantidade de poesía galega que recibín, na miña adolescencia, escoitando aos músicos galegos. Algún día haberá que facerlles unha homenaxe como é debida. A Suso Vaamonde, que nos fixo chegar a Celso Emilio Ferreiro cando aínda nin deixaramos o Mortadelo e Filemón. Xa sei que o contei unha manchea de veces, pero entre os orgullos da miña insípida biografía hai que incluír que lle fixen os coros na canción "O mozo Daniel", do ano 1987, precisamente, un poema de Celso Emilio. Ou a Amancio Prada, que fixo chegar a tantos a Rosalía. Ou Luís Emilio Batallán, co mesmo Ferreiro ou Curros.
Nisto matinaba e preguntábame, e pregúntovos: ¿é que hoxe non hai poetas galegos que musicar?, ¿onde están os músicos que han poñer melodía aos poetas de agora?
No seu día foi unha gran maneira de espallar a mellor poesía galega polo país adiante. Hoxe, como en tantas ordes, semella que todo está, coma sempre, parado.
Categoría: Xeral - Publicado o 13-03-2007 14:18
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal