A Canción do Náufrago II


Blog do escritor Francisco Castro
Perfil de Francisco Castro
Perfil de Facebook de Francisco Castro.
Crea a túa chapa
O meu perfil
Francisco Castro
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 Tamén podes ler...
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A VERDADEIRA CRISE

Ese é o título do meu artigo este mes en A Nosa Terra.
Pódelo ler aquí.
Lédeo, opinade.
Reflexionade, que mañá é un día importante.
E lembrade que temos un asunto aberto.
Categoría: Artigos en A NOSA TERRA DIARIO - Publicado o 28-02-2009 21:17
# Ligazón permanente a este artigo
¿CAL É O TEU PERSONAXE PREFERIDO E POR QUE?

Os amables lectores e lectoras deste blog saben que, de cando en vez, gosto de facer preguntas. Polo xeral, a participación, e a calidade da mesma, déixanme abraiado.
Vamos coa pregunta.
Hai xa máis de dous anos - xa choveu - pregunteivos cal, de ser un personaxe de ficción, seriades. As respostas foron fabulosas e están todas aquí.
A cuestión é parecida pero algo diferente: ¿cal é o teu personaxe preferido da literatura e por que?
O xogo comeza xa.
( Eu, está claro, quedo co náufrago, é dicir, Robinson Crusoe )
Categoría: Xeral - Publicado o 26-02-2009 21:25
# Ligazón permanente a este artigo
NA MAÑÁ DOS TEUS BEIZOS

Como hoxe teño o día así, así ( é dicir, bonito ), e como non teño medida do pudor, e como algunha vez ten que ser a primeira, colgo aquí un poema que escribín pensando na miña filla de once meses.
Leva incluso unha verba inventada.
Ademais, este é un poema que nunca estará nun libro meu de poemas. Así que merece estar nesta bitácora náufraga.
Velaí:

Na mañá dos teus beizos
hai palabras
e unha delas
a máis fermosa
leva o teu nome.

Alí sortearon unha vez
un corazón novo de estrea,
a poxa máis alta foi a da carteira
onde gardo todos os bicos.

Así que pasarei cada día e cada noite
a recoller a patela das túas apertas.
Sei
filla
que alí che nacen as devezas;
sei
nena
que xogas coa lúa mentres esperas.
Categoría: Xeral - Publicado o 24-02-2009 21:52
# Ligazón permanente a este artigo
¿PERO QUE TEN A NOVELA POLICIAL?

José Antonio Labordeta, a quen descobrín saíndo da adolescencia, nun estrañísimo concerto en Vigo, co gallo dun sorteo da ONCE, agora que se retirou da política meteuse a escribir unha novela policial.
A cousa é curiosa, porque é moita, moita xente, a que cando se mete a escritor ( aínda que Labordeta xa escribiu moita poesía, e non só música ou o seu libro, recente, de memorias ) o que lle apetece é escribir un libro de detectives.
A cousa, insisto, pasa en moitas ocasións. Igual ten que ver o feito de que os lectores deste xénero son os máis fieis lectores que eu coñezo. E iso a pesar de que practicamente todas seguen o mesmo esquema.
Daquela, pregunto: ¿pero que é o que ten a novela policial?
Categoría: Xeral - Publicado o 23-02-2009 20:52
# Ligazón permanente a este artigo
FACER DA CULTURA GALEGA UNHA MARCA

Nunha interesante entrevista no Xornal de hoxe o expresidente da Xunta de Galicia Fernando González Laxe comenta que as dúas únicas marcas galegas que se coñecen fóra son INDITEX e o Dépor.
Co primeiro exemplo pode ser que si. O segundo xa é máis relativo. Mais o que importa é que sinala que outras marcas que habería que potenciar serían Galicia como unha potencia loxística ( por cuestións xeográficas ) e a investigación.
Vale.
¿Pero por que non a cultura galega como unha marca para que se nos recoñeza?
¿Ou en que pensamos cando pensamos en Irlanda, por poñer un exemplo? Eire é un caso clarísimo de boa xestión da cultura propia como creadora de valor, tamén, económico.
Igual había que pensalo.
Porque temos unha cultura propia, diferente ao resto do Estado e ao resto de Europa, con características de seu máis que atractivas. ¿Por que non potencialas, tamén, como marca diferenciadora e singular?, ¿por que non como produto que todos os de fóra deben coñecer e consumir?
¿Ou debemos pensar que os nosos políticos e as nosas políticas non cren nese valor do noso e é por iso polo que non apostan por este país como exportador, tamén, de capital simbólico e cultural?
Categoría: Xeral - Publicado o 22-02-2009 21:35
# Ligazón permanente a este artigo
ESE CHICO QUE HABLA GALLEGO

Este serán pasoume algo que demostra á perfección o estado de anormalidade no que vivimos nesta Galicia nosa.
Chamei a unha tenda para informar de que un produto que mercara estaba defectuoso. Preguntei pola dependenta, á que coñezo de hai moitos anos. Atendeume outra rapaza que me dixo que non podía poñerse, que estaba atendendo a uns clientes e que chamara "nun ratiño", así o dixo, co agarimoso diminutivo noso. A frase completa foi: "ahora no puede ponerse que está con unos clientes, pero llámala en un ratiño". Dei as grazas e, pasado o ratiño ( media hora ), volvín chamar e volveu collerme ela. "Si, ahora se pone". Chamouna. E escoitei con toda claridade: "Es un chico que ya llamó antes. Habla en gallego".
Non fixo referencia á miña voz melodiosa. Non fixo referencia á sensualidade que transmito polo teléfono. Non fixo referencia a que era un cliente. O que lle pareceu digno de destacar é que es un chico que habla en gallego.
Carafio. En Galicia. O que sería destacable sería: es un chico que habla en japonés, poño por caso.
Iso: a anormalidade.
O chico que habla en gallego é, en Galicia, raro.
Categoría: Xeral - Publicado o 21-02-2009 22:23
# Ligazón permanente a este artigo
AMOR E HUMOR

Coido que o erotismo, que se move sempre nos eidos da sutileza, deixando adiviñar pero sen mostrar de todo, animando a descobrir pero sen desvear, é un dos máis sans exercicios dos moitos que creou a intelixencia humana para ser feliz. É un xogo. Un xogo lúcido, ademais. Por iso considero que debe de ir sempre da man do humor. O amor e o humor. Que soa parecido, ademais. O humor e o amor. Rodeados de carne e desexo.
Eu publiquei hai tempo un libro só de relatos eróticos e ese asunto saíme durante anos en moito do que escribía aínda que, enXeración Perdida, Spam e As palabras da néboa, o asunto amoroso non estaba para nada presente, nin o erótico nin nada que se lle parecese.
Agora veño de rematar, estes días, a segunda versión dunha novela na que ando mergullado desde hai dous anos.
E o erotismo volve. Coma o humor. E o amor.
E a sensación ( que ben lle acae agora este termo a isto que escribo agora ) é moi agradable.
Amor e humor.
Quizais por iso gosto tanto desta obra de David Lachapelle que ten, precisamente, as dúas cousas.
Categoría: Xeral - Publicado o 20-02-2009 21:05
# Ligazón permanente a este artigo
O PP, SE GOBERNA, PECHARÁ TODOS OS CENTROS EDUCATIVOS RELIXIOSOS

O escandaloso titular deste artigo ten a súa xustificación.
Antonte, indo eu no coche cara o traballo, a media mañá escoito na COPE ( xa ven... ) unha entrevista co número 5 das listas do PP por Pontevedra, Ignacio López Chaves. Vanlle preguntando sobre distintos asuntos: o tren de alta velocidade, a área metropolitana, a sanidade... e el vai dando as distintas propostas do PP para aplicar no caso de que gobernen. Ata aí todo ben.
Mais contra da fin da entrevista, pregúntanlle polas Galescolas e el dá a seguinte resposta:
Las galescolas se cerrarán, porque la educación infantil no es para que los niños reciban ideología nacionalista.
A verdade é que quedei pampo, porque teño para min que os profesionais deses centros de ensino teñen como primeira misión aprenderlles aos nenos segundo o temario oficial.
Sen embargo, a cousa fíxome pensar. E non no desinformado que está López Chaves. Nin tampouco sobre o duro que resulta escoitar que se el goberna vaime prohibir a min exercer o dereito a que os meus fillos e fillas reciban educación só en galego.
Non.
No que me fixo pensar foi noutra cousa.
Imos imaxinar que hai que pechar calquera centro educativo onde, en troques de aprenderlles aos cativos as letras e os números e a ler e tal, se lles aprendese, de paso, ideoloxía. Daquela, habería que pechar todos os centros educativos de curas e de monxas.
Así que, como eu creo na coherencia de Ignacio López Chaves ( non teño por que pensar outra cousa ) aspiro a que, se recobran o poder, ademais de pechar as Galescolas pechen todos os centros relixiosos de Galicia e, xa que logo, dediquen todos os seus esforzos a apoiar o ensino público galego.
Categoría: Xeral - Publicado o 19-02-2009 21:52
# Ligazón permanente a este artigo
BENDITO EGO

Un dos tópicos máis coñecidos e probablemente reais é ese que di que os escritores son seres cun ego descomunal.
É obviamente certo.
Porque se non o tiveramos, non publicariamos nada, non pensariamos xamais que o que facemos é digno de ser compartido.
Si. Os artistas, todos, teñen un ego esaxeradamente grande. Por iso, tamén, moitas veces son unha manda de repelentes.
E porque cren en si mesmos, saen, ás veces, obras boísimas.
E por iso, tamén, por falla de autocrítica, saen ás veces obras pésimas.
Categoría: Xeral - Publicado o 17-02-2009 22:37
# Ligazón permanente a este artigo
PORTADA MAXISTRAL

Polo xeral, as portadas dos xornais adoitan ser, a cada día que pasa, máis espectaculares e menos xornalísticas, insistindo sobre todo na excitación do morbo para captar a atención dos lectores menos esixentes.
Por iso é de celebrar o acerto da portada desta semana de A Nosa Terra, que non só informa senón que, ademais, fai que reflexionemos.
Por se non a ledes ben, transcribo:
TITULAR: ... e a Feixóo aínda lle parece moito.
- Na universidade da Coruña só empregan o galego o 10 % dos profesores.
- Ningunha universidade acada máis do 20 % do ensino en galego e algunhas carreiras exclúeno ao 100 %
- O profesorado de infantil utiliza só o castelán no 86.7% dos casos.
- O galego ocupa o 9 % dos medios de comunicación escritos.
- Só un dos sete canais de televisión xeneralista está en galego.
- Só o 8 % das actuacións xudiciais, orais ou escritas é en galego.
- A oferta editorial en galego nas librarías non supera o 15 %
- O galego non pasa do 1% na documentación dos corpos de seguridade do Estado.
- O galego non pasa do 1% nas estreas de cine das salas comerciais, nos DVD ou nos videoxogos.

Ata aí a portada. Agora a reflexión: ¿está xustificada esa idea de que o castelán corre perigo en Galicia?
Categoría: Xeral - Publicado o 16-02-2009 22:07
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal