A Canción do Náufrago II


Blog do escritor Francisco Castro
Perfil de Francisco Castro
Perfil de Facebook de Francisco Castro.
Crea a túa chapa
O meu perfil
Francisco Castro
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 Tamén podes ler...
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

DE TERTULIA COS CANDIDATOS

O luns pasado viña eu a altas horas da noite pola autoestrada, desde A Coruña a Vigo. Vou case que todas as semanas e sempre tomo a viaxe coma un motivo para escoitar a radio. Fixen radio hai moitos anos e téñolle moita querencia a ese medio. Oxalá algún día volva a ela.
Polo xeral, aproveito a longa viaxe para escoitar os informativos. O desprazamento xeográfico froito dos quilómetros fai que vaia perdendo as sintonías e, xa que logo, que teña que ir procurando novas emisoras cada pouco tempo. Daquela, a pluralidade de visións que recibo con tanto cambio é importante. Unhas gústanme máis cá outras. E así van pasando - é agradable - os quilómetros e o cansazo da noite.
Sen embargo, o luns pasado, en todas as emisoras era o mesmo. Non puiden escapar. Foi terrible.

O Debate.

Xa escoitándoo na radio tiña claro que aquela cousa non era un debate. Porque nun debate hai dúas, ou máis, posicións que se confrontan ( as posicións, non as persoas ). E fálase de argumentos, danse razóns, motivos, ideas. E hai réplicas. E contraargumentos. Non iso que puidemos oír e, xa na casa, ver: propaganda electoral disfrazada de falso debate, actores ( mediocres ) dictándolle a unha cidadanía apática e acrítica catro ou cinco consignas dabondo incribles. Non é estraño que ao día seguinte se falase das cravatas dos candidatos ou de se movían as mans ou non.
¿Cantas ideas recorda a xente das propostas electorais, da disputa froito das diferentes visións do mundo, en definitiva, cantas ideas sacou novas a cidadanía do debate?
No fondo, trátase dunha tomadura de pelo que parte da crenza de que os votantes son parvos.

Por unha vez, diremos que isto o fan mellor nos Estados Unidos. Nada de temas pactados. Nada de tempos pechados. Hora e media de debate.
Daquela, eu paso do debate do vindeiro luns ( por se acaso, xa metín no coche un CD de John Lennon). Desta vez, non me pillan.

( Ese luns, pola mañá, cun chisco de retranca, saíu, horas antes do debate, este meu artigo en A Nosa Terra Diario ).
Categoría: Artigos en A NOSA TERRA DIARIO - Publicado o 29-02-2008 22:27
# Ligazón permanente a este artigo
A NÉBOA

Mañá deixarei que saia a néboa. Mañá deixarei que falen pola miña boca tres personaxes cos que convivín un ano enteiro da miña vida, unha época feliz, un agasallo.
Antonio de Outeiro, soñador aínda que non sabe que soña nin o que soña, dono dunha esperanza que lle sae de natural, alleo incluso a si mesmo, aventureiro sen fortuna, como deben de ser os aventureiros, enfermo de tanta lectura boa na infancia, cando tocaba soñar. Antonio, rodeado dunha néboa mesta que non comprende: o mundo, máis grande cá el, máis cativo, tamén.
Don Luis da Bouza, señor feudal, criminal, besta e malo porque é malo, sen dobre fondo, hai quen é así e non hai nada que lle facer, enfermo, el tamén, da brutalidade, da sen razón, da ausencia de argumentos e da abondancia de armas e poder. Don Luís envolvido nunha néboa escura que non lle deixa pensar.
E Isabel de Portugal, o meu personaxe máis amado desta novela e de todas as novelas, cando menos esta noite na que escribo este post aloucado, Isabel á que lle nacen as palabras na boca, nos beizos, no medio dos dentes, desde dentro do corazón felizmente entolecido por tanta e tanta sabedoría. Isabel, a única que pode escorrentar a néboa para que saia a luz.
E frei Mariano, e a Ofelia, e o Enea, que barco máis fermoso, e a Illa de Santa Sofía...
Todos, aboiando na néboa.
( Iso: que mañá presento As Palabras da Néboa en Vigo, ás oito, na Casa do Libro )
Categoría: Xeral - Publicado o 27-02-2008 22:32
# Ligazón permanente a este artigo
PRESENTACIÓN DE AS PALABRAS DA NÉBOA EN VIGO

Será o xoves 28 de Febreiro, ás oito do serán, e na Casa do Libro, cando presentemos a miña novela As Palabras da Néboa que mereceu o Premio García Barros do ano pasado e que edita Galaxia.
Terei a fortuna de ser acompañado polo Director Literario da editorial, Carlos Lema, e polo escritor Álvaro Otero.
Espero vervos por alí e así poder parolar un chisco, de palabras, de néboas ou de naufraxios.
Categoría: Xeral - Publicado o 21-02-2008 22:30
# Ligazón permanente a este artigo
ALICIA BURTON

Sen entrar nese debate, falso, sobre se é mellor o libro ou a película, si direi que, polo xeral, son dos que se preocupa cando algunha das grandes obras da literatura que un ten mitificadas é levada ao cine. Tendo claro que son linguaxes distintas, e que a imaxe pode partir da palabra pero non ten por que cinguirse necesariamente a ela, o certo é que ás veces boas historias caen en mans de directores pouco intelixentes que terminan esnaquizando as tramas por completo, ou convertendo aos personaxes en vulgares caricaturas sen a vida e o poder que tiñan no papel.
Sen embargo, hoxe estou ilusionado pois anda a comentarse por aí que será Tim Burton o encargado de poñer en imaxes un dos textos máis fermosos, enigmáticos, escuros, divertidos, suxestivos e literariamente máis seductores que se teñan escrito xamais: Alicia no País das Marabillas.
É un home de talento e sensibilidade. Paréceme que a Carroll saberíalle ben a escolla.
Categoría: Xeral - Publicado o 20-02-2008 22:55
# Ligazón permanente a este artigo
OS MERGULLADORES DE VERNE


O outro día pedía eu un respecto para os literatos que, polo xeral, chegan moito antes a parcelas de realidade ás que a ciencia sempre tarda un chisco máis en acceder.
Reflexionando sobre isto lembrei algo que, ao ser de Vigo, e escritor, sempre me pareceu unha historia fermosa.
Como sabedes, foron moitas as expedicións que se organizaron, xa desde o XIX, por ver de chegar aos galeóns afundidos de Rande. Segundo a lenda, aí hai un tesouro. Por suposto, isto non está claro, e hai investigadores que afirman que o rei de España, en previsión do desastre que ía acontecer, mandou descargar todo o ouro antes de que naufragase. Morreron moitos soldados. Pero salvou o seu ouro. Os poderosos son así.
Sen embargo, outras voces insisten en que aí hai moitas alfaias perdidas na lama mesta da ría de Vigo esperando a que alguén as saque e, de paso, gañe moitos cartos. Ata hai ben pouco, falábase dunha empresa rusa que tiña previsto gastar unha millonada de euros para que a Xunta lle deixase buscar ese tesouro. Antes, a TVG gastara o seu na procura duns cofres e unhas marabillas que, a día de hoxe, o único que foi quen de ver, e de sacar, foi Xulio Verne, con axuda dos seus mergulladores.
Por suposto, na literatura.
Nemo chegou onde non chegaron os señores da cobiza.
Categoría: Xeral - Publicado o 19-02-2008 22:18
# Ligazón permanente a este artigo
OS SEGUNDOS
Sempre me fascinaron os segundos. Máis que os primeiros. Os que quedaron fóra da historia, ou os que pasaron por ela de carranca. Había dous astronautas para o primeiro voo espacial. Gañou Yuri Gagarin aquela honra. Ninguén lembra o nome do segundo. Pete Best era o batería dos Beatles. Botárono e triunfaron ao mesmo tempo que el ía deprimíndose. E hai outros moitos segundos máis ( e algún primeiro: ninguén lembra o nome de quen gañou o único concurso literario ao que se presentou Borges, no seu Buenos Aires de fervores adolescentes. Jorge Luís quedou segundo ). De feito teño por casa unha lista de segundos que, espero, algún día reivindicarei polo miúdo.
Mentres non chega ese día, quero reivindicar a gloria que merece a Biblioteca de Pérgamo. A segunda. Porque sempre que se fala das bibliotecas da antiguidade a que se cita é a de Alexandría. Eu quero ver esta, en Asia Menor, onde gobernou Barsine, unha das mulleres de Alexandro, onde viviu na compaña do fillo que tivo con el. Quero pasear por Pérgamo. Reencarnar e ser bibliotecario alí.
Categoría: Xeral - Publicado o 14-02-2008 22:32
# Ligazón permanente a este artigo
ESCRIBO
Escribo. E escapo do mundo. Queda atrás todo. Atrás quedan eses que falan pola televisión e que me piden o voto. Atrás quedan eses que piratean a felicidade desde os anuncios da televisión. Atrás os berros, atrás as ladaíñas cansas dos mercaderes da virtude. Atrás os dourados consumistas do efémero. Atrás, moi atrás. Escribo e medro entre as letras, nun universo de meu.
Escribo, e de paso invento utopías. Decido marchar a vivir ( levo así máis dun ano ) con outra xente da que sei todo, cando naceron, o que pensan, que agachan, que van facer coas súas vidas, que lles preocupa, a quen aman, de que teñen medo. Son os meus personaxes. Atúranme as fobias. Quérenme. E eu a eles. E vou escribindo as súas vidas e, de paso, as miñas. Así, en plural. As miñas moitas vidas.
Escribo, e elévome sobre min mesmo para fuxir a outra realidade. Cando prendo o ordenador nada me doe, nada me fai padecer. Estou máis que nunca con todos cando estou vivindo na literatura.
Escribo.
Categoría: Xeral - Publicado o 13-02-2008 22:09
# Ligazón permanente a este artigo
UN RESPECTO PARA OS ESCRITORES

Este é o título do meu artigo desta semana en A Nosa Terra Diario.
Categoría: Artigos en A NOSA TERRA DIARIO - Publicado o 12-02-2008 22:15
# Ligazón permanente a este artigo
RÍNDESE

Polo xeral nunca presto moita atención á sección de Cartas Ao Director dos xornais, aínda que, ás veces, un atopa algunha misiva que é o máis interesante do día.
Tal aconteceu cunha carta asinada por un home de Betanzos o pasado domingo en El País. Cópioa enteira que é moi breve: Comprendí que debía jubilarme cuando mis alumnos de 4º de la ESO me dijeron a las claras que ni entendían ni les gustaba la poesía de Antonio Machado.
Se non contei mal, só utilizou na súa carta 28 palabras.
É difícil dicir máis sobre a decepción e o cansazo que experimentan moitos docentes utilizando menos vocablos.
Cando menos, para reflexionar.
Categoría: Xeral - Publicado o 07-02-2008 22:57
# Ligazón permanente a este artigo
A ( BENDITA ) ILÓXICA DA CREACIÓN

Os que dedicamos parte do noso tempo á creación, ás veces, reflexionamos sobre os por ques da súa producción. Como é que nace unha idea. Baixo que circunstancias agroman eses lóstregos que terminan convertendo unha intuición nunha novela, nun relato, nunha canción, nun cadro...
Cada un ten a súa resposta. E todas serán diferentes. Mais o que si teño claro é que sempre hai un mundo entre o que un pensaba facer e o que despois termina sendo.
E esa ilóxica é a verdadeira beizón do acto creativo. Porque a forza da historia, ou da melodía, ou da luz que queremos atrapar no cadro, lévanos onde ela quere, non onde nós queremos.
Polo xeral os productos resultantes son froito do traballo. Pero hai que ter sempre as antenas acesas. Jaureguizar explicábao moi ben o outro día.
Ben todo isto a conto de que hoxe a prensa conta que unha das cancións que máis quero, Across the Universe, dos Beatles, e que desde hai un par de días é emitida por un trebello da NASA ao espazo exterior ( en dirección á Estrela Polar; desde logo non podían facer mellor escolla ), foi composta por Lennon despois dunha rifa monumental con Cynthia, a súa primeira esposa. Berráronse. Estaba cabreadísimo. E nese estado, e disposto a verquer toda a súa carraxe, saíulle unha fermosísima balada que, a fin de contas, fala de case que todo menos de odio. Máis ben, de amor universal e de liberdade.
A creación é ilóxica.
Velaí a nosa fortuna.
Categoría: Xeral - Publicado o 06-02-2008 22:59
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal