A Canción do Náufrago II


Blog do escritor Francisco Castro
Perfil de Francisco Castro
Perfil de Facebook de Francisco Castro.
Crea a túa chapa
O meu perfil
Francisco Castro
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 Tamén podes ler...
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

¿E COMO SERÍA A TÚA GORENOVELA?

Un autor cordobés que publica baixo do pseudónimo de Rodrigo del Lago, vén de publicar na editorial Atlantis unha obra titulada Chanquete Resurrection.
É presentada coma unha gorenovela. No básico conta que Chanquete volve da morte para vingarse. Saen Tito, Piraña, Bea e os demais. Seica hai fervenzas de sangue, vísceras, mortes, asasinatos a esgalla e de todo tipo e todos eses outros ingredientes típicos do cine gore.
Agora, a pregunta: ¿cal sería a túa gorenovela? É dicir: pensa, por exemplo, en personaxes da nosa infancia, ben da literatura ben das series de televisión, e pégalles unha reviravolta argumental. ¿A nai de Bambi volve chea de carraxe?, ¿dous dos sete ananos de Brancaneves casan?, ¿teñen unha historia romántica Ulises e o Cíclope?
Pensade. E a ver que pasa.
Categoría: Xeral - Publicado o 28-02-2007 14:22
# Ligazón permanente a este artigo
O ARMIÑO DORME
Hoxe soubemos que o libro de Xosé Antón Neira Cruz ( Galaxia ), O Armiño Dorme, vén de ser recoñecido como un dos dez mellores libros do mundo de corte xuvenil do ano pasado pola prestixiosa asociación venezuelana Banco del Libro.
Sen dúbida é unha gran nova para a nosa literatura. Hai moito tempo que estamos a repetir que a nosa Literatura Infantil e Xuvenil goza desde hai anos dun enorme recoñecemento fóra das nosas fronteiras algo que, por suposto, nos enche de orgullo a tod@s. Agora, con este importante galardón, confírmase aínda máis esa calidade das obras que se fan desde Galicia dirixidas aos máis novos.
Cando o libro saíu, tiven a honra de presentalo. Conta a historia de Bia de Médicis e, como dixen aquel día, é unha obra que fai gozar aos mozos pero, tamén, aos que xa non o somos tanto. Ben escrita. Elegante. Misteriosa. Engaiolante na súa trama. Como un día dixo outro dos grandes, Agustín Fernández Paz, a boa literatura infantil e xuvenil é aquela que tamén poden disfrutar os adultos. Tal é o caso deste armiño que, polo que se ve, non está para nada durmido.
Máis información na web de Galaxia
Sobre Neira Cruz
Categoría: Xeral - Publicado o 27-02-2007 14:24
# Ligazón permanente a este artigo
OS OITO LIBROS GALEGOS QUE HAI QUE LER ANTES DE MORRER
Hai case que un mes anunciamos que buscabamos os libros galegos que hai que ler antes de morrer. A vosa participación foi espectacular e incluso algún medio de comunicación chegou a falar da iniciativa.
Confeso que toleei durante a fin de semana contando os votos. Ao final, hai oito libros que están moi por enriba do resto, con catro empatados no quinto posto con 6 votos. A partires de aí eran moitos os que obtiñan 5. Por enriba de todos eles, gañador absoluto, A Esmorga.
O resultado, é o seguinte e que cada quen tire as súas propias conclusións. Se os tes lido, pois ben, e se non, espabila.



1) A ESMORGA, de Eduardo Blanco Amor ( 17 votos )
2) MERLÍN E FAMILIA, de Álvaro Cunqueiro (10)
3) LONGA NOITE DE PEDRA, de Celso Emilio Ferreiro (9)
4) MEMORIAS DUN NENO LABREGO, de Xosé Neira Vilas (7)
5) DE CATRO A CATRO, de Manuel Antonio, CON PÓLVORA E MAGNOLIAS, de Xosé Luis Méndez Ferrín, ¿QUE ME QUERES, AMOR?, de Manuel Rivas e O LÁPIS DO CARPINTEIRO, de Manuel Rivas (todos eles con 6)
Categoría: Xeral - Publicado o 26-02-2007 10:26
# Ligazón permanente a este artigo
O SÁBADO NO ENSANCHE







Mañá sábado 24 de Febreiro, ás 19.00 horas, no Pub El Ensanche, de Vigo ( por detrás da Igrexa de Santiago de Vigo ), e convidado por La Tanda, ofrecerei un recital poético.
Quedades todos convidados.
( O vindeiro luns daremos o resultado definitivo do noso )
Categoría: Xeral - Publicado o 23-02-2007 14:13
# Ligazón permanente a este artigo
A OBRIGATORIEDADE DE LER

En moitas ocasións mantiven que un dos erros máis tremendos que se comete desde o mundo da educación é obrigar a ler libros. Coido que é moito mellor suxerir, recomendar, dar un abano amplo de textos para que o alumno escolla segundo os seus intereses.
Falei disto moitas veces con profesores e, como no resto do mundo, hai de todo. Sen embargo, cando se fala de que quizais non é o máis axeitado mandar ler El Quijote aos escolares, téñome atopado con verdadeiros defensores numantinos do texto de Cervantes, obra fantástica por outra banda, pero que, sen dúbida, non é a mellor para esa época da súa vida na que, un libro desafortunado,pode pecharlles o mundo da lectura para sempre.El Quijote é difícil, complexo, moi ricaz pero que implica un certo nivel de desenvolvemento, digamos, cultural, para entendelo como é debido.
Por iso é de agradecer que un profesor da Universidade de Vigo, que vén de ser nomeado Presidente da Asociación de Cervantistas, declare no Faro de hoxe que é malo obrigar a ler íntegro o Quixote aos nenos. Incluso vai máis alá e deixa claro que o que importa é persuadir aos alumnos de que ler é un pracer.
Ese é o único camiño que coñezo para fomentar o amor á lectura.
Categoría: Xeral - Publicado o 21-02-2007 14:10
# Ligazón permanente a este artigo
A FORZA DA PALABRA
No semanario A Nosa Terra enmarcan a sección de Opinión cunha serie de comentarios sobre temas do máis diverso. No desta semana hai un que me chamou moito a atención e que copio aquí mesmo:
Na pantalla pasan os video-clips. Un atrás doutro. As imaxes frustran, con algunhas excepcións. Case sempre é mellor a canción máis elemental que o video-clip correspondente. A canción pode ser algo cursi, probabelmente tópica, pro transmite, levemente, o sentimento buscado: o amor. O video-clip apenas transmite cousa. Por que a lingua da imaxe segue tan atrasada?
Atrévome a responder: porque non é certo que unha imaxe teña máis valor que 1000 palabras. ¿Alguén imaxina, por exemplo, os poemas de amor de Neruda ou Celso Emilio Ferreiro convertidos en video-clip?, ¿xerarían a mesma emoción que un bo recitado?
Categoría: Xeral - Publicado o 19-02-2007 09:17
# Ligazón permanente a este artigo
OS ESCRITORES E AS SÚAS MISERIAS


Leo, nunha reportaxe sobre os 60 anos da CIA ( xa saben: eses dos que agora se fala tanto por ese costume de secuestrar cidadáns noutros países, metelos nun avión e torturalos pasándose os Dereitos Humanos por ese sitio ) que no seu día dedicáronse a reclutar escritores para a causa. Entre outros, a George Orwell. Como contrapartida, os seus libros acaparaban as mellores críticas e beneficiábanse dunha enorme difusión en revistas subvencionadas por Washinton para promover o estilo de vida ianqui.
Sinceramente, é difícil de entender como o autor dunha novela tan lúcida coma 1984, puido prestarse a unha cousa así. Os escritores, incluso os que admiramos, tamén teñen as súas miserias.
Categoría: Xeral - Publicado o 16-02-2007 14:17
# Ligazón permanente a este artigo
REGRESA LEO CALDAS

Leo Caldas, o inspector creado por Domingo Villar no seu Ollos de Auga ( Galaxia ), volverá. Así o di o propio autor nunha entrevista en Vieiros.
O libro de Domingo Villar é unha das mellores novas das que recibimos o ano pasado. Moitas vendas e, sobre todo, un público satisfeito que demanda máis.
Dirixo unha tertulia unha vez ao mes, e ten saído este libro en máis de unha e de dúas ocasións. Os lectores e as lectoras pregúntanme continuamente se vai haber máis historias protagonizadas por Leo Caldas. E iso é algo que todo escritor anceia: un público fiel que pide máis, que quere ler máis cousas túas. Que pasen cousas así fannos esperanzar un futuro máis normal.
O libro foi un dos máis vendidos en galego o ano pasado, en castelán vai pola terceira edición e axiña sairá a versión en italiano. Domingo Villar vén de ser convidado, ademais, a falar, hai uns días, na Semana de Novela Negra de Barcelona.
Xa que logo, insisto, unha boa nova da que nos aledar. Independentemente de que nos guste ou non a novela negra é unha gran noticia.
Categoría: Xeral - Publicado o 15-02-2007 11:36
# Ligazón permanente a este artigo
¿QUE SENTIMOS POLOS LIBROS?
Onte trouxéronnos a casa, por fin, un novo moble para os libros. A situación era desesperante no meu estudio, con libros ciscados por todas partes, en dobres e triples filas por entre as columnas ateigadas, cos exemplares apertados, estreitándose ata o máximo para permitr a entrada de máis. Incluso ringleiras que ían medrando desde o chan, cara o teito, desafiando ao mesmísimo Newton... e perdendo a batalla máis dunha vez.
Todo esta reflexión a conta do novo libro de Alberto Manguel, La Biblioteca de Noche. É doado sentirse identificado con el cando nos fala da paixón que sentimos os que nos gusta coleccionar libros e libros e libros; o pracer inmenso de ter, por fin, tal volume nas mans, tan desexado; a incapacidade para prestalos, por medo a que nunca regresen...
No libro demostra algo que sempre souben: somos a nosa biblioteca, somos o que lemos, a biblioteca de casa é unha radiografía da nosa alma. Incluso, ás veces, unha maneira de saber como eramos e como somos agora. Unha medición do tempo.
Categoría: Xeral - Publicado o 14-02-2007 14:11
# Ligazón permanente a este artigo
¿PARA CANDO PHILIP ROTH EN GALEGO?
Nos últimos tempos celebramos a ledicia que supón para todos ver como no noso idioma son publicados ao mesmo tempo as versións en galego dos máis importantes escritores mundiais, que nas súas linguas orixinais. Cando menos, temos algo ben normalizado.
Aproveito, xa que logo, para comentar que unha das novas agradables da temporada é a aparición do novo libro de Philip Roth, Déjalo correr que iremos corredo a mercar.
Os que seguides este blog sabedes da miña querencia polo autor de Casei cun comunista ou Patrimonio. Daquela, aproveito para pedirlle, aos editores galegos, que tan bo traballo están a facer no eido das traduccións, para que nos servan, canto antes, ao Roth na nosa fala. Somos lexión os que esperamos.
( Opina sobre isto e sobre o outro )
Categoría: Xeral - Publicado o 13-02-2007 14:16
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal