A Canción do Náufrago II


Blog do escritor Francisco Castro
Perfil de Francisco Castro
Perfil de Facebook de Francisco Castro.
Crea a túa chapa
O meu perfil
Francisco Castro
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 Tamén podes ler...
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O MEU DESEXO/BERRO PARA O 2008

Hoxe, no meu artigo en A Nosa Terra Diario, expreso o meu desexo/berro para o 2008.
Podédelo ler aquí.
Espero que se me cumpra.
E para vós, sufridos lectores deste meu blog, deséxovos un 2008 cheo de luz.
Categoría: Artigos en A NOSA TERRA DIARIO - Publicado o 31-12-2007 15:50
# Ligazón permanente a este artigo
A IRMANDIÑA


Os amigos de Vieiros pedíronme un nome para a Selección Galega de Fútbol, e un prognóstico para o partido do día 27 contra Camerún. Porque todas as seleccións teñen un nome que as identifica. E a galega aínda non.
Está someténdose a cousa a votación.
Eu propuxen A Irmandiña.
Explico todo aquí.
Categoría: Xeral - Publicado o 21-12-2007 13:25
# Ligazón permanente a este artigo
VIGO: O CORAZÓN DUN DRAGÓN
Onte acodín o acto de presentación da candidatura da miña cidade, Vigo, á organización da Universiada 2013. Como vigués síntome honrado por ter recibido a encomenda de elaborar o guión do video de presentación que titulamos "Vigo: o corazón dun dragón".
A Universiada, de se conseguir ( como dixo o actor Carlos Blanco durante a presentación: "¿por que non soñar?" ) implicará xa non só poñer a Vigo durante unhas semanas no centro de todo ao organizar o segundo acontecemento deportivo máis importante do mundo despois das Olimpiadas,senón tamén recibir a 10.000 deportistas de 157 países distintos e participar nunha historia que pode modificar para sempre, e para ben, á cidade.
O primeiro paso será conseguir que o Consello Superior de Deportes prefira Vigo á outra candidata española, que é Murcia. Despois, hai que superar, en Marzo, en Bruxelas, a cidades da importancia de Quebec, no Canadá, ou outras cidades de Korea, Polonia ou Rusia.
No meu guión parto do dragón de Quessada, que mira ao mar. E falo do pulo da miña cidade, chea de contradiccións pero que, desta vez, seica soubo atopar o camiño para unirse e conseguir, por unha vez, entre todos algo grande.
Oxalá.
Categoría: Xeral - Publicado o 20-12-2007 12:25
# Ligazón permanente a este artigo
ASÍ SI
Onte en El País comentábase unha experiencia nunha escola de Elxe que, para min, é todo un exemplo de como se deben de facer as cousas á hora de fomentar a lectura na escola.
Desde o ano 2000 existe un programa no instituto de fomento da lectura para iniciar a rapaces entre 12 e 18 anos no hábito de ler.
¿E que fan?
Pois o que levamos anos defendendo: len o que queren, se non lles gusta un libro poden deixalo e coller outro, e, para min o máis importante, dentro do horario lectivo, como unha actividade fundamental, como algo esencial na súa formación, tan importante coma as matemáticas ou a lingua ou a informática ou o que sexa, teñen tempo para ler. En clase, en silencio. Hora de lectura. Ou horas de lectura.
Os rapaces tardan máis ou tardan menos, pero rematan entendeno o libro como un elemento de diversión e goce. O profesorado investiga os seus gustos, os seus intereses, e oriéntanos para escoller un que poida gustarlles. A clave está aí, na orientación proporcionada polos docentes. Algúns dos participantes nunca leran nada, agora len.
A demostración de que si que se poden conseguir grandes cousas desde o ensino.
Categoría: Xeral - Publicado o 18-12-2007 11:49
# Ligazón permanente a este artigo
HOMO SAPIENS BURRANS

Ese é o título do meu artigo de hoxe en ANOSATERRA Diario. Podédelo ler aquí.
Categoría: Artigos en A NOSA TERRA DIARIO - Publicado o 17-12-2007 14:25
# Ligazón permanente a este artigo
AGASALLAR LIBROS ( E UNHA PREGUNTA: ¿QUE LIBRO QUERES PARA NADAL? )
Agora que xa comezou esta época horripilante de agasallar porque si e de consumir porque tamén e de celebrar porque claro, convén que lembremos a importancia de meter algún libro como agasallo para os máis cativos.
Gañará a play-station, e o móbil, e calquera cousa que teña luces e funcione con electricidade, pero se o que queremos é agasallar con algo que non teña comparación posible, apostade polos libros.
Volvendo sobre o Barómetro de Hábitos de Lectura do que tantas veces xa falamos aquí, constátase que o 90 por cento dos cativos entre 10 e 13 anos le cunha certa frecuencia. Mais este dato, que xa dixemos moitas veces, non nos importa tanto, senón o feito de que o 71'9 por cento deses lectores pre-adolescentes teñen pais e nais lectores, e o 80'1 por cento reciben polo xeral, como agasallo, libros.
Xa que logo, para facer lectores, estes días, agasallade tamén libros.
E xa que estamos, unha preguntiña: ¿que libro vas pedir como agasallo para o Nadal?
Comezo eu confesando e así, de paso, sérveme de carta para o señor roxo este que ilustra este post: Esto no es música, de José Luis Pardo.
Categoría: Xeral - Publicado o 14-12-2007 14:33
# Ligazón permanente a este artigo
SEPARAR LINGUA E LITERATURA
En moitas ocasións, tanto neste blog como en actos públicos ou en escritos en xornais, teño insistido na idea de deslindar as asignaturas de Lingua e Literatura. A día de hoxe impártense xuntas, mesturando os libros e o pracer de ler con suplementos, sintagmas preposicionais, sílabas átonas e tónicas, o te o che e o lle. Sinceramente, non lle vexo a necesidade nin a utilidade pedagóxica.
Coido que sería interesante recuperar unha asignatura ( eu estudeina en 2º de BUP, o equivalente ao actual 4º da ESO ) que se chamaba precisamente así, Literatura ( e que impartía o poeta Manuel Vilanova ) e que era a única, por certo, que me mantiña máis ou menos interesado nos estudos nunha época un chisco confusa da xa afastadísima adolescencia.
Facer que todo o peso do coñecemento da literatura se faga na clase de galego semella, cando menos, unha estrañeza didáctica. Coido que sería moito máis interesante unhas horas á semana na que o alumnado se centra no estudo dos escritor@s, os seus libros, as súas historias, os seus versos. Un tempo no que, xa que estamos, len.
Lingua ( Filoloxía ) e Literatura ( Fantasía, Beleza, Trama, Personaxes ) non son o mesmo.
Categoría: Xeral - Publicado o 13-12-2007 09:43
# Ligazón permanente a este artigo
EU TAMÉN QUERO

Polo xeral non me tomo a molestia de ler os premios Planeta. Sen embargo, sospeito que este ano si que lerei o libro de Juan José Millás. Linlle moitas obras no pasado e aínda no verán gocei moito co seu libro Cuentos de adúlteros desorientados.
Vén hoxe aquí por algunhas das respostas que concedeu nunha entrevista, falando de moitas cousas, entre outras, de como traballa:
Pregúntanlle sobre como é un día normal na súa vida de escritor. De seguido, a resposta. E aproveito para dicir que tamén quero para min días normais así:
Madrugo mucho, trabajo hasta las ocho y media. Doy un paseo, compro los periódicos, los leo y sigo trabajando hasta la hora de comer. Dedico la tarde a la lectura.
Categoría: Xeral - Publicado o 12-12-2007 11:07
# Ligazón permanente a este artigo
LECTURAS DE OUTONO: O ÚNICO QUE QUEDA É O AMOR
Todo o mundo sabe da miña devoción pola obra de Agustín Fernández Paz. Pero niso non son nada orixinal. É unha paixón que comparto con milleiros de lectores de Galicia e de fóra dela.
Agora veño de rematar a lectura da súa nova obra, editada por Xerais, O único que queda é o amor, un mollo de relatos onde, a través do amor aos libros, e aos versos, e sobre todo, ás persoas que nos fan sentir vivas e amantes da vida, o lector ve desfilar diante dos seus ollos personaxes dunha tenrura e dunha forza tal, que é imposible non sentirse retratado en case que todos eles. Todos somos algúns deles nalgún instante da nosa existencia.
Hai amores que choramos por non ter tido a forza precisa para ir a por eles; outros querémolos incluso despois da morte; outros só foron puros na adolescencia, pois ao medrar, inevitablemente, volvémonos parvos. Todo iso está neste libro. Todo iso e moito máis. Un libro poliédrico. Coma as formas do amor.
Como di a cita de Pamuk da que tirou o título, estas historias de Agustín Fernández Paz explícannos que a vida, en esencia, é unha completa estupidez, un sen sentido, unha nada baleira. Pero, ao igual que Camus, o autor explícanos que, cando menos, temos a capacidade de dotala de sentido, de enchela con algo bo e fuxir, así, do nihilismo ou a loucura. E iso pode facelo, desde logo, o amor.
Un libro que ninguén se debe perder.
Categoría: Xeral - Publicado o 11-12-2007 13:15
# Ligazón permanente a este artigo
TRABALLAR. PARA LER

Vendo o remake o outro día na televisión de Sabrina y sus amores, hai un instante no que a rapaza protagonista ( Julia Ormond ) confesa a seu pai que unha das cousas que máis lle admira é que escolleu o traballo de chófer para así ter tempo para ler.
Entran gañas de apuntarse.
Categoría: Xeral - Publicado o 10-12-2007 14:17
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal