A Canción do Náufrago II


Blog do escritor Francisco Castro
Perfil de Francisco Castro
Perfil de Facebook de Francisco Castro.
Crea a túa chapa
O meu perfil
Francisco Castro
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 Tamén podes ler...
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

APOIOS POLÍTICOS

En campaña electoral ( e nos derradeiros tempos a campaña electoral é continua ) os políticos sempre gustan de rodearse de xente da cultura. Supoño que lles dá unha certa lexitimidade. E así, escritores, actores e intelectuais en xeral son "chamados" para apoiar a tal ou taloutro candidato.
Nos Estados Unidos sábeno de sempre. Así, non é estraño que o actor Chuck Norris ( en fin, non sei se metelo ou non na categoría de "intelectual" ) entrase en campaña para, sen pedir con claridade o voto para os republicanos, aparecer nun video ( no que chega incluso a facer un golpe en plan "peli de Chuck Norris" ) pedíndolle aos paisanos que lle voten a aquel candidato que non teña pensado poñer restriccións ao uso libre de armas.
Ese tipo de cousas, no fondo, son un alivio, porque nos fai ver que no vello mundo aínda nos tomamos a política un chisco máis en serio. Pois está claro que un anuncio dese tipo, cun fulano dicindo ese tipo de paridas e, sobre todo, practicando patadiñas de kárate diante da cámara, cando menos, movería a risa.
Sen embargo - e a risa mudámola por pranto - nos Estados Unidos ese tipo de accións moven o voto.
E así pode pasar, como pasou durante os derradeiros oito anos, que un parvo ocupe a cadeira presidencial.
Categoría: Xeral - Publicado o 30-10-2008 22:25
# Ligazón permanente a este artigo
42

Esta semana vou estar un chisco desaparecido destes lares cibernéticos.
Así que non quero deixar de pasar a oportunidade de informar de dúas cousas:
1.- O xoves, ás 12 horas, no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, participarei nunha mesa redonda na compaña de Xosé Miranda e Rexina Vega arredor do tema O xénero narrativo na actualidade. Estades todos convidados.
2.- O luns, 27 de outubro, cumpro 42 anos. Pero non podo convidarvos a todos.
Categoría: Xeral - Publicado o 26-10-2008 22:08
# Ligazón permanente a este artigo
O PREMIO DE AGUSTÍN
Cando o xoves, a iso de media mañá, recibín a nova do Premio Nacional de Literatura a Agustín Fernández Paz, collín de teléfono para chamalo. Contestador automático. Ardíame o peito de gañas de dicirlle todo o que o admiro, todo o que aprendo del, non só na literatura. Así pois, e como hai cousas que só poden dicirse cantando, solteille un oé oé oé oé, oé, oé, con aires futboleiros. Espero, polo ben da miña reputación, que esa gravación xa a teña borrada.
Durante o resto da xornada andiven por fóra de Vigo e souben del en todas e cada unha das emisoras nas que fun atopando a súa voz. Contra a noite, por fin puiden dicirlle unhas palabras. Poucas pois supuxen que estaría canso de tanta felicitación.
Hoxe, como somos veciños, e como nos pasa decote, atopámonos no barrio. Quería dicirlle un cento de cousas, pero estaba con máis xente e deume algo de corte.
Así pois, e confiando en que leas isto, amigo, aproveito para dicirche que somos un chisco máis felices grazas a ti. E que a vida é moito máis vivible grazas ao que escribes.
Categoría: Xeral - Publicado o 25-10-2008 22:10
# Ligazón permanente a este artigo
QUERO QUE ME VEXAN

Ese é o título do meu artigo de hoxe en A Nosa Terra.
Nesas letras, renuncio ao meu superpoder.
Categoría: Artigos en A NOSA TERRA DIARIO - Publicado o 24-10-2008 22:06
# Ligazón permanente a este artigo
LEOPOLDO: QUE SE CUMPRA A LEI

Ese magnífico xornalista que é Eduardo Rolland, e que nos derradeiros tempos está a agasallarnos con excelentes reportaxes desde o xornal A Nosa Terra, asina esta semana un moi interesante informe ao redor do bispo vigués, o falanxista Leopoldo Eijo Garay, de quen xa sabiamos, por varias fontes ( sobre todo por traballos anteriores do propio Rolland ) que foi un nazi en condicións ( aínda que dicía que os odiaba, que el só era falanxista ) xa que se dedicou a axudar a escapar a nazis perseguidos pola xustiza internacional. En troques de defender ás vítimas e contribuír ao traballo da xustiza, axudou a proporcionarlles falsas identidades, acubillo e, finalmente, unha saída cara terceiros países.
Só quixera lembrar que Eijo Garay é o nome dun parque vigués, é dicir, dun lugar onde os nenos e as nenas xogan. E que Eijo Garay é tamén o nome dun colexio de Infantil e Primaria en Vigo.
Coido que toca aplicar a Lei de Memoria Histórica.
Categoría: Xeral - Publicado o 21-10-2008 22:34
# Ligazón permanente a este artigo
XENTE ILETRADA

Hoxe en El País, Moisés Naim escribe un artigo moi recomendable, explicando algo no que desde este blog repetimos con teimuda reiteración: hai que empeñarse - xogámonos o futuro - en facer unha revolución educativa en serio. El di que non sabe a fórmula. Pero apunta varias.
Eu levo anos insistindo na que, en parte, pode ser un anaco da fórmula, volver ao libro, que implica, ademais de lectura, a reflexión, unha certa calma ( para ler é preciso tempo ), un traballo individual e concentrado, diálogo cos argumentos, procesamento de información, favorece a síntese e a creación de opinións propias. De feito, e como xa dixemos tamén mil veces, naqueles países onde o eixo educativo é a biblioteca, os resultados son sempre mellores. Aquí, ou non as hai ou están - agás honrosas excepcións froito do traballo entusiasta dos bibliotecarios/as - mortos de risa.
Isto cómpre tomalo en serio. Porque a realidade é a que é.
Categoría: Xeral - Publicado o 19-10-2008 22:12
# Ligazón permanente a este artigo
ROSA DÍEZ E O "COLMO DEL DESPROPÓSITO"
Pasou Rosa Díez por Vigo para facer campaña na rúa. Paréceme ben e está no seu democrático dereito. Benvida sexa á miña cidade. Di que aspira a ter representación no parlamento de Galicia. É un desexo lexítimo e, se os cidadáns de Galicia así o queren, así será.
Nada que obxectar.
Outra cousa é o que veu dicir. Entre outras cousas, que a política do bipartito en asuntos lingüísticos é o "colmo del despropósito".
En fin. O de sempre.
El colmo del despropósito.

O que é o colmo do despropósito e vir unha e outra vez e outra vez e outra vez máis reducindo todas as cuestións da política galega ao asunto dun suposto conflito lingüístico terrible. Rosa Diéz, como Jiménez Losantos e Pedro J. e moita xente desinformada ou con mala fe, saben que non, pero transmiten a idea, de que Galicia é un lugar onde se persegue o castelán e onde se marxina a quen fala - aí vai un topicazo - a fermosa lingua de Cervantes.
O colmo do despropósito é manter ese tipo de discursos esaxerados cando se sabe de sobra que se está esaxerando.
O colmo do despropósito é satanizar aos galegofalantes ou aos que reivindican a lingua propia de Galicia, como seres ideolóxicamente pervertidos.

O colmo do despropósito é falar de realidades que son falsas.

Se de verdade quere ir de partido alternativo, e de que o seu discurso é distinto aos dos demais, podería comezar por non repetir, unha e outra vez, os mesmos pseudoargumentos arredor da persecución do español alí onde hai outra lingua oficial ( e, xa que estamos, podería ir protestar a algúns países de América Latina, onde o inglés de Estados Unidos está a comerlle as papas ao español ). E, sobre todo, podería -porque non é parva, sábeo de sobra - deixar de lanzar á cidadanía a mensaxe de que o galego é un problema, unha fonte de disputas e unha lingua de batalla permanente contra quen fala distinto ( ou sexa, na de Cervantes de antes ).

( E por certo: deu a charla despois de comer no Club Financeiro. Que curioso. Igual a convenceron alí. Nos postres ).
Categoría: Xeral - Publicado o 18-10-2008 22:34
# Ligazón permanente a este artigo
UN LIBRO PROVOCADOR
Vén de saír ao mercado un libro que non sei se debo cualificar de valente, de temerario, de cómico ou de necesario, obra do profesor francés Pierre Bayard e que leva por título: Cómo hablar de los libros que no se han leído.
A tese é clarísima, e moi verdadeira: ao falar dos grandes da literatura, a meirande parte da xente fala de oídas, de reseñas e de lapelas. Aos grandes da literatura, polo xeral, non os leron nin a metade dos que din que os leron. Pero, iso si, é moita a xente que presume de telo feito a pesar de que non.
Como se fose algún pecado non ter lido algunhas desas obras.
En calquera caso, toda unha labazada nos fociños de moito pedante de todo a cen.
( Por certo e antes de que alguén me diga algo: eu non lin o libro en cuestión )
Categoría: Xeral - Publicado o 17-10-2008 22:43
# Ligazón permanente a este artigo
EU QUERO SER O DUQUE DE TEIS

Seica se reuniron os nobres galegos ( o resto, os non convidados, seica somos menos nobres ou innobres ) para formar unha asociación ou algo así.
Condes, duques e marqueses con moitíííííííísimos apelidos, que falan do antiquíííííííísimas que son as súas casas e do importantííííííísimo do seu abolengo.
A pregunta, xa falando máis en serio, sería como é posible que nun estado democrático no século XXI que parte dunha Constitución onde se fala da igualdade entre todos e todas, poida haber, nese mesmo estado democrático no século XXI, condes, duques e marqueses e outros títulos nobiliarios varios que se herdan, a demais, só pola parte do varón ( róncalle o nabo! ).
E outra pregunta final - xa falando menos en serio ou totalmente en serio - se esa xente ten o título que ten porque o recibiron dos seus antergos, está claro que algún devanceiro (probablemente un fulano afeito a cargarse a espadazos a outros e a mandar sobre os seus servos, etc... ), dicía que está claro que algún antergo dos nobres moi nobres asociados de hoxe en día foi o primeiro que obtivo o título de conde, duque ou marqués.
Xa que logo, e para que non haxa agravio comparativo, ¿por que non podo ser eu o Primeiro Duque de Teis, o meu barrio en Vigo?, ¿eh, por que non?, ¿por que eles si e eu non?
Categoría: Xeral - Publicado o 16-10-2008 22:19
# Ligazón permanente a este artigo
DOUTOR EN ALASKA

Nos últimos tempos, os que seguides este blog sabedes que falo moito da tele e das relacións coa literatura.
Igual foi por iso que, como tiña que facer un regalo para alguén na casa, encarguei nunha tenda que me conseguisen, e merquei, todos os capítulos das tres primeiras temporadas de Doutor en Alaska, aquela fermosísima serie dificilmente superable e da que me fartei de pedir a súa reposición na televisión con, como se sabe, nulo resultado.
É a primeira vez que fago unha compra destas características. E sei que era para agasallar a outra persoa, pero, moi probablemente, tamén o convertín nun agasallo para min.
Porque a serie teno todo: boas historias, unha música que é parte da narración ( ¡en que poucas ocasións acontece isto! ) e, sobre todo, o que é máis importante nunha serie, personaxes dos que namorar.
Por min xa poden poñer o que lles pete nas canles iguais idénticas previsibles monótonas pesadísimas.
Eu teño 38 capítulos para ver de un e un e con calma e ser un chisco feliz. Á noite. Cando os renos saian pasear.
Categoría: Xeral - Publicado o 15-10-2008 22:58
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal