A Canción do Náufrago II


Blog do escritor Francisco Castro
Perfil de Francisco Castro
Perfil de Facebook de Francisco Castro.
Crea a túa chapa
O meu perfil
Francisco Castro
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 Tamén podes ler...
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

MELLOR INFLUÍR QUE MANDAR

Volvemos ao mesmo do outro día. Nunha entrevista recente, o locutor da SER, Carles Francino declaraba que para el era máis agradable influír que mandar, e reflexionaba sobre o poder que teñen os medios de comunicación.
Xa dixen mil veces que iso é certo e que, xa que logo, deberiamos pedirlle aos medios de comunicación en xeral, pero sobre todo aos públicos, que centraran a súa mensaxe noutras cousas distintas das habituais nos seus contidos. Eu conformaríame con microespazos relacionados coa cultura galega, espallados pola mañá, polo serán e pola noite. Agora cinco minutos para un libro. Máis tarde referímonos a tal disco galego. Antes do partido, que cousa, unha axenda rápida da cantidade de cousas que se poden facer a nivel cultural nunha fin de semana.
Poder poderíase facer. Outra cousa é que, en xeral, interese.
Categoría: Xeral - Publicado o 30-06-2009 22:02
# Ligazón permanente a este artigo
SEGUIMOS SENDO ROMANOS

Leo nunha revista de historia á que estou suscrito, que o segredo de Xulio César para manterse durante tanto tempo no poder, resumíase en catro cousas:
1) espectáculos gratuítos ( para ter entretido ao persoal e pensando noutra cousa )
2) compra de vontades ( para que ninguén se rebelase )
3) curriculo relixioso ( non hai nada como mesturar relixión e política para que non se entenda nada )
4) oratoria e demagoxia ( para que explicar se é mellor manipular )
Daquela, seguimos sendo romanos.
Categoría: Xeral - Publicado o 29-06-2009 22:03
# Ligazón permanente a este artigo
VOU TER UN PROBLEMÓN

Vou ter un problemón. Que pode incluso custarme a vida.
Onte celebráronse as primeiras oposicións do SERGAS nas que non había por que saber galego. Xa saben, o da liberdade e tal. E resulta que agora pode acontecer que alguén, amparándose neste novo dereito, exerza a medicina ou a enfermería ou o que sexa, sen saber falar a miña lingua, e o que vai pasar é que eu son moi testán, e igual calquera día vai e dáme un jamacuco e teñen que levarme a urxencias e eu alí, claro, isto é Galicia, e exercendo a miña liberdade e tal só vou falar en galego... ¿e que vai pasar se me atende persoal que non sabe? Só de pensalo xa me poño malo e vai darme ese jamacuco e terán que levarme a urxencias, porque eu non penso baixarme da burra e tentarei explicarlle que me doe, eu que sei, a testa, ou o bandullo, ou as tempas, ou as pálpebras, e o médico, histérico, buscando no dicionario que carallo será iso que di este ghicho que ten no seu corpo e que el, claro, non sabía.
Morro seguro.
Coñézome.
Vou ter un problemón.
Categoría: Xeral - Publicado o 28-06-2009 21:16
# Ligazón permanente a este artigo
UXÍO NOVONEYRA

Hoxe soubemos que a Real Academia decidiu que o ano que vén o autor homenaxeado no Día das Letras e, por extensión, durante todo o ano, será Uxío Novoneyra.
É unha boa decisión. Poucos coma el teñen merecido máis o título de poeta en todo o que iso significa: non só alguén que escribe versos ( iso facémolo moitos con maior ou menor talento ) senón alguén que destila, no seu falar, no seu dicir e no seu estar, poesía. Dos recentes, só notei tal en Bernardino Graña e no xa finado Manuel María.
Será un ano bo para a poesía.
Categoría: Xeral - Publicado o 27-06-2009 21:23
# Ligazón permanente a este artigo
OUTRO PROGRAMA DE LIBROS ELIMINADO

Se hai un par de semanas laiábamonos da supresión polas bravas do programa de libros da TVG, Libro Aberto, hoxe soubemos da supresión, tamén polas bravas, d'A Casa do vagabundo, o programa dedicado aos libros en galego que presentaba e dirixía Rivadulla Corcón, e no que tiven a fortuna de participar e de oír moitos sábados.
Daquela, vemos que hai unha especie de présa estraña na nova dirección da tele e a radio públicas por deixar o mundo do libro fóra da programación. Ou a música galega.
Entran ganas de pensar que queren quitar todo o que cheire a galego, a libros ou a cultura.
En calquera caso, reitérome no dito cando a supresión do programa da tele: no fondo a case que ninguén, da xente da rúa, lle importa un pemento nada disto. Estes ataques á lingua e á cultura propias.
Un pemento de Padrón.
Unha mágoa e unha traxedia.
Categoría: Xeral - Publicado o 26-06-2009 22:43
# Ligazón permanente a este artigo
FEBRE ( UNHA HISTORIA CLÍNICA VERÍDICA )

Cúmprense 40 anos do festival de Woodstock. Outro que me perdín. Pero claro, tiña dous anos. Como xa expliquei moitas veces, son o máis parvo dos melancólicos, porque teño señaradade dunha época que non vivín, duns ideais que non puiden protagonizar.
Só podo ir aí coa imaxinación.
Agora, que se cumpren 40 anos do mítico concerto no que non estiven, e se reedita o documental, direi aquí e sen vergonza que cando o mirei por vez primeira, rematei con febre. Non esaxero nin un pouco. Sentei diante do video. Un serán enteiro de música e absurda melancolía. A medida que ían pasando os grupos, as imaxes, a lama e a música, foime medrando a febre.
Cando rematou o festival, no meu video atónito, tiven que pegarme un empacho de paracetamol para curar a febre.
Está claro que o meu corazón protestaba, e por extensión o resto do meu corpo, con esa subida de temperatura, por non ter nacido vinte anos antes e, por exemplo, en California.
Categoría: Xeral - Publicado o 24-06-2009 20:54
# Ligazón permanente a este artigo
NO(N) VALPARAÍSO

Este é o título do meu artigo desta semana en A Nosa Terra Diario.
Podédelo ler aquí.
Categoría: Artigos en A NOSA TERRA DIARIO - Publicado o 22-06-2009 20:55
# Ligazón permanente a este artigo
A LETRA E PARA AGUSTÍN

Onte estivemos en Vilalba na homenaxe que a Asociación de Escritores en Lingua Galega lle fixo a Agustín Fernández Paz, entregándolle a letra E ( na foto, estamos parte da directiva da Asociación. De esquerda a dereita, Antía Otero, Antonio Reigosa, Mercedes Queixas Zas, Agustín, Cesáreo Sánchez Iglesias, Isidro Novo e un servidor).
Tamén, en colaboración co concello, déuselle o seu nome a un parque no que se descubriu un penedo con verbas súas e se plantou, por escolla do propio Agustín, unha bidueira.
Eramos centos. E ninguén se sorprendeu de que fosemos tantos. Porque se hai un escritor que consigue a unanimidade de todos arredor da súa obra e, tamén, da súa persoa, ese é Agustín. Un grande. Un máis que grande. Un soñador que nos aprende a soñar. Un escritor que nos aprende a escribir. Un ser humano excepcional, que onte deixou que nos contaxiase a súa emoción, a de todos, a súa e a dos escritores e veciños de Vilalba que, conscientes da importancia da súa figura, responderon magnficamente á convocatoria.
Síntome orgullo de que, no meu país, e na miña lingua, alguén escriba, pense e conte como Agustín Fernández Paz. Síntome orgulloso, tamén, de ser o seu veciño de rúa en Vigo. Así podo pensar que igual se me pega algo do seu talento.
Categoría: Xeral - Publicado o 21-06-2009 21:18
# Ligazón permanente a este artigo
LECTURAS DE PRIMAVERA: TARDES CON MARGUERITTE

Quero deixar aquí constancia do último libro que veño de ler e que rematei onte mesmo. A autora é Marie-Sabine Roger e o seu título Tardes con Margueritte, editada por Duomo/nefelibata.
Gustoume moito pola voz narradora: un home de algo máis de corenta anos profundamente convencido de que non vale para nada. Infancia difícil e vida difícil en xeral. Ata que coñece unha vella, Margaritte, á que lle gusta contar pombas, coma el. E os libros. Que o protagonista odia. Sobre os libros e a lectura van construir unha relación curiosa.
Xa tendes para ler a fin de semana.
Categoría: Xeral - Publicado o 18-06-2009 22:24
# Ligazón permanente a este artigo
A ENQUISA ( SEGUNDA PARTE )

Este serán escoitei, nunha emisora de radio, un anuncio, en castelán, informando de que estes días a Xunta de Galicia estaba a divulgar a enquisa famosa. O anuncio, insisto, estaba en castelán. Que eu saiba, é a primeira vez ( aínda que podo trabucarme, pero coido que non ) que a Xunta de Galicia contrata publicidade en castelán. Eu sempre lembro as campañas institucionais en galego. Por iso deixo aquí constancia de dúas cousas: do meu cabreo, e deste outro anuncio que veño de fabricar nese autobús, que é de mentira pero que é para vós. Un exercicio de contrapublicidade.
Por certo: o anuncio remata coa frase "la educación sí que es importante". Certo. Tanto, tan importante é, que non debería de deixarse, nunca, en mans dos pais e das nais.
Porque a sanidade tamén é importante, pero deciden os médicos. E as leis tamén son importantes, e deciden os xuristas. Pero de educación, xa se sabe, como de fútbol, calquera pode opinar.
Categoría: Xeral - Publicado o 17-06-2009 22:23
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal