|
|
|
|
CONTO DE NADAL 3 |
|
 El saíu este sábado a cear cuns compañeiros e compañeiras doutro traballo que tivo no pasado.
Risas. Alcohol. Moito. De máis.
Acabaron a noite naquela discoteca na que el non entraba desde os dezaoito anos e a que ía cada domingo de adolescencia.
Xa no corredor sentiu que lle volvía o pasado todo e dixo en alto ( moito alcohol, de máis ): ¡eu non entraba aquí desde que tiña dezaoito, e agora xa paso dos corenta!
Daquela, decatouse de que toda a xente, toda, era máis ou menos do seu tempo e que, daquela, volvía estar coa mesma xente, na mesma discoteca, outra vez.
Sen poderse deter ( alcohol, moito, de máis ) entrou ata a pista. E alí, canda os mesmos sofás negros de escai, no escuro, atopouna.
Levo esperándote vinte e cinco anos, dixo ela.
Despois, el sacouna a bailar.
Coa mañá comeron chocolate con churros na súa casa. |
|
|
|
|
|