|
|
|
|
MORTADELO E FILEMÓN |
|
Mortadelo e Filemón cumplen 50 anos.
Nunca agachei o moito que me gusta a banda deseñada e, desde logo, nin a miña novelística nin a miña vida serían a mesma sen lecturas como Mafalda, Astérix, Jabato, Capitán Trueno, os heroes da Marvel... Pero, sobre todo e por enriba de todos eles, Mortadelo e Filemón.
Todos temos lembranzas queridas da infancia. Unha das máis fortes que teño é eu rindo a cachón na cama, tería oito anos ou así, por culpa destes dous axentes entolecidos da TIA. Tanto foi o estrépito que montei, que miña nai e meu pai correron a fume de carozo ata o meu cuarto pois pensaron que quedaba sen aire e morría.
Se alguén me pregunta que é máis importante que lea unha crianza a día de hoxe, se algunhas das obriñas planas e superficiais e politicamente correctas e curricularmente adaptadas e toda esa verborrea pedagóxico-didáctica, ou os álbumes de Ibañez con Mortadelo e Filemón e toda a súa bendita iconoclasia crítica, non dubido. Farán moito máis polo seu desenvolvemento futuro que outras moitas obras máis correctas.
Porque estes dous, agás correctos, son moitas cousas.
Xa imaxino a Ofelia levándolle unha torta de cumpreanos aos dous axentes, pero Bacterio abre a porta sen se decatar e termina caendo sobre o Súper, o bigote cheo de nata, e Mortadelo e Filemón retorcéndose coa risa sen parar. |
|
|
|
|
|