A Canción do Náufrago II


Blog do escritor Francisco Castro
Perfil de Francisco Castro
Perfil de Facebook de Francisco Castro.
Crea a túa chapa
O meu perfil
Francisco Castro
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 Tamén podes ler...
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

SOMOS SUMERIOS

Eu son sumerio.
Ti que me les es sumerio.
Ela, quizais, a da foto do coche, é sumeria.


Leo nunha revista algo que, non por sabido, deixa de abraiarme: hai seis mil anos os sumerios inventaron a escritura, puxeron pensamentos por escrito, rexistraron himnos, gravaron as súas lendas. Hai seis mil anos un pobo decidiu agasallarnos cun dos presentes máis fermosos que maxinarnos poidamos: a verba escrita.
Agora eu utilizo, sumerio, a súa invención. E vós, sumeri@s, tamén.


Eu son sumerio.
E ti que me les.
E quizais ela, dentro do coche, se o que está a facer é ler.


Son sumerio cando decido desaparecer do mundo lendo a Conrad. Cando decido sentar, abrir o ordenador e escribir un poema. E ti tamén o es cando opinas sobre o que eu escribo. Sono eu cando contesto. Os dous empregamos o seu invento xenial.
Sumerios.
Case que nada deixou aquel imperio entre nós. Algunha imaxe. Tres ou catro cascos militares.
Sen embargo, o seu xenio, a través da escrita, segue entre nós. E seguirá. Quizais non en papel. Quizais só na pantalla.
Mais seguirá.
Seguirei lendo e escribindo. Coma ti e coma el e coma ela e coma os que virán. En calquera parte. Incluso dentro do coche. Quizais é o que está a facer, sumeria, a muller da foto.
( E remato cunha conclusión tristeira: o espazo xeográfico da antiga Sumeria, é dicir, alí onde a escritura naceu, é dicir, onde a civilización naceu - Grecia non se tería dado sen os sumerios; ti e eu tampouco - é, a día de hoxe, o escenario da barbarie, da guerra e da ausencia de civilización. Un horror imposible de poñer en palabras ).
Categoría: Xeral - Publicado o 27-06-2007 14:28
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
© by Abertal