A Canción do Náufrago II


Blog do escritor Francisco Castro
Perfil de Francisco Castro
Perfil de Facebook de Francisco Castro.
Crea a túa chapa
O meu perfil
Francisco Castro
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 Tamén podes ler...
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

OS LIBROS ABRÍNDOLLE O MUNDO AO PEQUENO NERUDA

Nese libro marabilloso de memorias que é Confieso que he vivido, Pablo Neruda conta como os libros lle serviron para abrirse ao mundo, para coñecer outras realidades, para saír, digámolo así, da pequenez da súa vida cotiá.
Dío así: Qué soledad la de un pequeño niño poeta, vestido de negro, en la frontera espaciosa y terrible. La vida y los libros poco a poco me van dejando entrever misterios abrumadores.
No puedo olvidarme de lo que leí anoche: la fruta del pan salvó a Sandokán y a sus compañeros en una lejana Malasia.
No me gusta Buffalo Bill porque mata a los indios. Pero qué buen corredor de caballo! Qué hermosas las padreras y las tiendas cónicas de los pieles rojas!

Sospeito que hoxe xa non é así. Que xa non hai moitos nenos que se abran ao mundo afastado a través das boas historias. Coido que perderon a inocencia de ir a un libro e deixarse sorprender. O video-xogo, ¿permite iso?. As series en serie de debuxos mal debuxados que tragan, ¿permiten iso?
Categoría: Xeral - Publicado o 14-05-2009 23:02
# Ligazón permanente a este artigo
TEMPOS

Leo que por fin sae editada a versión orixinal de No camiño, de Jack Kerouac, unha obra que marcou a moitísima xente. A min gustoume máis A vaidade dos Duluoz, pero non deixo de recoñecer a importancia da outra, máis famosa.
Ese libro é un símbolo, unha obra que, a pesar do moi rexeitada que foi por ducias de editoriais, cando a fin viu a luz, todo o mundo entendeu que ía ser unha obra esencial. Que tempos. Cando se escribían obras así. Unha obra para o inconformismo, para fuxir da derrota diaria. Para a esperanza. Para unha nova maneira de ver o mundo. Unha patada nese sitio aos conformistas. Os da literatura e os da vida.
Que tempos.
Categoría: Xeral - Publicado o 13-05-2009 21:16
# Ligazón permanente a este artigo
¿HAI TABÚS NA LITERATURA INFANTIL E XUVENIL?

O vindeiro martes, ás 19 horas, dentro dos actos da Feira do Libro de Lugo, e coa presentación/moderación do escritor Manuel Darriba, manterei unha conversa con todos os que queiran pasar por alí, sobre a existencia ou non de tabús na literatura infantil e xuvenil.
O motivo é, en parte, a publicación do meu novo libro ( que aborda a enfermidade, a morte, o Alzheimer ). Nas miñas outras dúas obras para este chanzo de idade abordei a violencia neonazi ( Un bosque cheo de faias ) e as catástrofes ecolóxicas ( O ceo dos afogados ), nesta última, cunha escena - o ataque dunha manda entolecida de golfinos sobre un mergullador ao que esnaquizan, que fixo que nalgúns centros de ensino os rapaces e rapazas me preguntaran, por exemplo, se era necesario escribilo con tanta dureza.
O motivo. en parte, é ese, mais tamén, a miña sensación, moitas veces manifestada neste blog, de que hai un exceso de "boísmo" e do "politicamente correcto" en moitos dos libros de LIX que se escriben, e, sobre todo, que se prescriben nos centros de ensino.
Semella como que esquecemos que, noutros tempos, nos libros para a mocidade había morte, e ogros, e bruxas que mataban por ciumes, e traizóns, e sangue. É dicir, que había a vida real. E hoxe igual prescindimos de todo iso condicionados polo medo a que alguén nos diga que non se poden escribir certas cousas porque non é axeitado que as lean a segundo que idades.
Non sei. Ou mellor dito, si que sei.
O debate, dende aquí, fica xa aberto.
Quero escoitarvos.
Categoría: Xeral - Publicado o 12-05-2009 21:52
# Ligazón permanente a este artigo
CREDIBILIDADE

Hoxe no xornal El País podemos ler un extenso traballo de John Carlin arredor do futuro da prensa, dado que de cada vez perde máis lectores fronte do universo dixital que os gana sen parar.
Eu xa reflexionei, e reflexionei e reflexionei algo sobre isto. Mais hoxe teño que volver porque, nese traballo que vos digo, o senador John Kerry sinala que non ve nos bloggers a credibilidade que hai na prensa tradicional de papel.
A ver, eu só fago unha pregunta: ¿e que alguén pensa que hoxe a credibilidade é o valor máis en alza da prensa tradicional de papel?, ¿non están sometidos a presións políticas e, sobre todo económicas - a través da publicidade - de tal xeito que rematan sendo "a voz do seu amo"?
Disinto do senador: nalgúns bloggers ( moi poucos, abofé ) eu atopo credibilidade. ¿Nos xornais que temos por aquí? Só a cachos.
Categoría: Xeral - Publicado o 10-05-2009 21:30
# Ligazón permanente a este artigo
HISTORIAS ASOMBROSAS PERO VERDADEIRAS 5

Hai un conto de Borges que se titula "El otro", que narra unha conversa, nun banco dun parque, entre o Borges vello e o Borges xove. O conto é do mellorciño do arxentino. Pero é iso. Ficción.
Eu só podo contar o que me aconteceu hoxe a media mañá. E non é ficción.
Parei o coche nun semáforo. Os que siguen estas Historias Asombrosas pero Verdadeiras xa repararían en que me acontecen cousas realmente singulares cando deteño o coche nos semáforos. Quizais é porque vexo ao meu redor.
Ao meu carón parou unha furgoneta. Lin as letras publicitarias da empresa propietaria. Unha fábrica de panos de papel, de produtos de celulosa, cousas así. Dentro, sen dúbida un operario, cunha bata branca, revisaba, aproveitando o parón, albaráns amarelos. Entón, fíxome na súa cara. E é exactamente a miña só que cuns vinte anos máis. A mesma calva. Unhas gafas diferentes, iso si, pero a mesma miña cara, avellentada, coa pel dos pómulos algo caídas. Moi delgado. A miña expresión cando estou concentrado. Téñome visto así en centos de fotos e de imaxes. Non hai dúbida posible. Como se parece a min.
Ou eu a el.
El ergue a vista. Descúbreme e mírame moi serio. É probable que reparase no mesmo ca min, no moito que nos parecemos. Quizais está a ver o seu rostro de hai vinte anos, cando probablemente parou nese semáforo e atopou un tipo de bata branca nunha furgoneta que revisaba albaráns amarelos.
Antes de se poñer en verde, abriu a guanteira e sacou un paquete de panos de papel. Estirei a man e collinllo.
O paquete está agora na miña guanteira.
Categoría: Xeral - Publicado o 08-05-2009 21:26
# Ligazón permanente a este artigo
A REALIDADE É MÁIS NOVELESCA QUE AS NOVELAS

Hai uns días, o xornal El País daba conta da historia, en verdade peliculeira, de Michel Vaujour, un tipo que se fugou ata cinco veces de prisión, nunha delas, nun helicóptero que pilotaba a súa muller.
Se o escribes nunha novela, non cho cren. Diríanche: inverosímil, esas cousas non pasan máis que no cine malo tipo Bond, James Bond.
Pero así foi.
E a cousa non remata aí, porque nesa ocasión, cando se fugou de tan singular maneira, conta que nada máis subirse no helicóptero, o primeiro que fixo foi, para llo agradecer, recitarlle un poema á súa dona/salvadora.
Iso: que se o metes nunha novela, non cho cren. O tipo fugándose, os xendarmes abaixo, disparando, o resto dos reclusos aplaudindo desde o patio e o teu personaxe de novela, alleo a todo, recitando, eu que sei, a Mallarmé.
Iso, que non cho cren.
Pero así foi.
Categoría: Xeral - Publicado o 05-05-2009 21:35
# Ligazón permanente a este artigo
A IMPORTANCIA DA LITERATURA INFANTIL E XUVENIL

Hoxe, a escritora Elvira Lindo, publica un certeiro, lúcido e necesario artigo en El País.
No seu texto di moitas cousas que é importante resaltar, como que, en xeral, o mundo literario non se toma en serio a Literatura Infantil e Xuvenil cando, en realidade, sen ela non habería lectores adultos.
Elvira Lindo explica como dalgunha maneira aínda hoxe hai quen non a toma en serio polo éxito grande que tivo co seu Manolito Gafotas. Sei de escritoras e escritores galegos que só escriben LIX e aos que os xornalistas, de cando en vez, lles preguntan que cando van escribir unha novela para adultos, como se escribir para eses chanzos de idade fose máis doado, menos importante, máis sinxelo... en definitiva, como se non fose literatura de verdade.
Persoalmente, estou farto desa sensación. E sobre todo, de que moitos escritores, profesores, xornalistas e xente máis ou menos culta, de nós e de fóra de nós, tamén o crean.
Non poden estar máis trabucados.
Categoría: Xeral - Publicado o 03-05-2009 21:33
# Ligazón permanente a este artigo
NON NAUFRAGAR

Coa que está a caer ( crise, crise, crise ), co trunfo do pensamento feble por todas partes, coa burbulla mediática na que nos meten ( imos enfermar todos coa gripe, coma porcos, e así non pensamos en máis nada ), con tanta obsesión ( ¿hai algo máis que o Barça-Madrid? ), cos ataques á lingua ( en nome da liberdade ), eu recomendo salvarse como explica El Roto.
Este náufrago teno clarísimo.
Diante de tanto naufraxio anunciado, leamos. Cando menos, darémoslle á cabeciña e será máis difícil que nos fagan tragar tanta trola.
Categoría: Xeral - Publicado o 02-05-2009 22:49
# Ligazón permanente a este artigo
¿E SE FEIJOO FALARA EN HÚNGARO?

Lendo hoxe El País, coméntase que en varios medios conservadores - afíns, suponse, ao actual goberno da Xunta - está a criticárselle ao presidente por falar só en galego no Parlamento de Galicia.
Isto demostra que aos detractores da nosa lingua non lles funciona ben a cabeza. Porque ao presidente, ou a calquera, habería que criticalos se no Parlamento usasen calquera lingua que non é a propia de Galicia, por exemplo, o húngaro ( propia de Hungría ), o ruso ( propia de Rusia ) ou o castelán ( propia de Castela ).
Categoría: Xeral - Publicado o 01-05-2009 22:26
# Ligazón permanente a este artigo
PREMIO FREI MARTÍN SARMIENTO PARA OS MEUS AFOGADOS

Esta mañá, a miña novela O ceo dos afogados recibiu o Premio Frei Martín Sarmiento ao ser escollido polos escolares galegos entre 6º de primaria e 2º da ESO como o mellor do pasado curso.
Este é un deses galardóns que sempre gusta recibir, porque un non se presenta, senón que o escollen, e porque son centos de rapazas e rapaces os que participan durante un ano de lecturas para finalmente decidir cal lles gustou máis.
Eu xa o gañara hai un par de anos por Un bosque cheo de faias, mais, desta vez, fíxome se cadra aínda máis ilusión.
Grazas aos cativos e cativas que me deron hoxe tan fermoso agasallo. Escribino para eles, pensando neles. O verdadeiro premio é que a historia lles chegase e que a fixesen súa.
Categoría: Xeral - Publicado o 30-04-2009 21:28
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal