A Canción do Náufrago II


Blog do escritor Francisco Castro
Perfil de Francisco Castro
Perfil de Facebook de Francisco Castro.
Crea a túa chapa
O meu perfil
Francisco Castro
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 Tamén podes ler...
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Resultados da búsqueda
Buscando'queizán'
TERRA
Para a exposición Terragrafías, de Anxo Cabada que estes días pode verse en Pontevedra, escribín un poema. Mágoa non ter a foto por aquí que ma inspirou. Pero son un mollo de fermosísimas instantáneas relacionadas coa xente que mantén viva a terra nosa, é dicir, o mundo do agro, do cultivo ecolóxico, do tradicional.
No libro-catálogo participamos, entre outros, Carlos Fontes, Xosé María Álvarez Cáccamo, Carlos Lema, María Xosé Queizán, Xesús Constela, Chus Pato, Marga do Val, Fina Casalderrey, Antonio García Teixeiro, Estro Montaña, Eva Veiga, Anxo Angueira, Fran Alonso, Xaime Toxo...
Así que imaxinade unha fermosa foto de muller. Debaixo, escribín isto:

LEVO TODA A VIDA SACHANDO EN TI
TERRA,
E DESTE ATAFEGO
NON CANSO.

COMO NON AMAR A TÚA OLLADA DE LAMA HÚMIDA
COMO NON AMAR ÁS TÚAS MANS DE GRANITO CANSO,
ENMOLECIDO.

MULLER DE ESCUMA,
DI:
CARA ONDE MIRAN OS TEUS OLLOS.

VOLVEREI COA NOITIÑA
PARA PROCURARMOS XUNTOS MÁIS TERRA.
Categoría: Xeral - Publicado o 09-04-2009 21:07
# Ligazón permanente a este artigo
QUE PARVOS OS CENSORES
Onte inaugurouse na Casa Galega de Cultura a exposición Editar en galego baixo a censura franquista. Non debedes deixar pasar a oportunidade de, entre outros materiais, ler os informes dos censores sobre algunhas das obras máis senlleiras daqueles autores da Nova Narrativa Galega, e doutros moitos máis, que comezaban timidamente a camiñar cos seus respectivos proxectos literarios. Tamén outros como Cunqueiro tiveron que soportar os furores censores. Na meirande parte dos casos, os encargados das tesoiras demostraban que eran directamente parvos, pois escribían cousas sobre os textos que lían no que se evidenciaba que nada entenderan.
Iso si, eran parvos. Pero tamén moi perigosos.
Na mostra veredes como autores coma Casares ou María Xosé Queizán só se lles daba o "nada que objetar" sen suprimían unha serie de párrafos que se consideraban ofensivos.
Especialmente interesante é a reprodución dun "formulario" que o censor tiña que cumplimentar onde, en xeito de test, se preguntaba se o libro ofendía ao réxime, á igrexa, a alguén que colaborase no pasado co réxime e flores polo estilo.
Menos mal que a censura xa non existe.
Categoría: Xeral - Publicado o 19-11-2008 22:27
# Ligazón permanente a este artigo
¿E O RESTO DOS EMPRESARIOS POR QUE CALAN?

Levo uns días matinando e facéndome unha pregunta que non me deixar durmir da preocupación.
Sabemos o que dixo o Club Financeiro de Vigo sobre que o galego era prexudicial para os negocios ( María Xosé Queizán contraargumentou de marabilla neste artigo ). Mais tamén sabemos, porque nos consta, que non todas as empresas nin todos os empresarios que forman parte desa asociación secunda o tristeiro manifesto, e que non pensan, para nada, que o galego sexa un problema. De feito, algúns deles, fan co galego, nas súas empresas, un uso normal, como debe ser ( e para os que pensen que a lingua de nós é contraproducente para os euriños que reflexione sobre o éxito sen precedentes de R, que fai, precisamente, do galego a súa bandeira e carta de presentación ).
Daquela, boto en falla un manifesto dos empresarios galegos que si que pensan diferente aos que xa se manifestaron, e de que maneira, boto en falla un documento asinado por eses empresarios e empresas que si que entenden que a lingua de Galicia non é que sexa mellor para a economía, senón que é igual que o castelán, o inglés ou o chinés, esa lingua de futulo. Non pido máis.
Daquela, a pregunta que me provoca insomnios é: ¿e o resto dos empresarios, por que calan?
Categoría: Xeral - Publicado o 16-09-2008 21:41
# Ligazón permanente a este artigo
O DESLEIXO
No número desta semana de A Nosa Terra, Manuel Xestoso publica unha interesante reportaxe sobre o turismo literario ou como os países máis ou menos normais saben explotar as casas dos seus máis sobranceiros escritores para dar a coñecer o seu patrimonio literario. Así, por Stratford-upon-Avon rematan pasando, por iso de que alí está a casa natal de Shakespeare, uns cantos de miles de persoas ao ano.
Eu xa non pido tanto.
Abondaría con que os galegos e as galegas tiveran algunha clase de interese por pasarse, eu que sei, pola casa onde se imprimiu Cantares Gallegos de Rosalía, ou pola casa da Matanza en Padrón, ou polo Rianxo de Castelao e Manuel Antonio. Xa non digo os de fóra, senón os de aquí.
Pero igual é moito pedir.
Digo isto porque na miña cidade, en Vigo, hai uns anos dedicóuselle, por iniciativa da Asociación de Escritores en Lingua Galega, un parque á escritora viguesa María Xosé Queizán. Entre outras cousas, había ( en pasado ) unha pedra cun poema seu. Hai anos alguén a esnaquizou. A pesar de que xa se avisou mil veces aos diferentes concellos que tiveron a honra de gobernar, nunca máis se volveu poñer.
Ese tipo de desleixos din moito de nós e da consideración que temos coas autoras e autores de Galicia.
Categoría: Xeral - Publicado o 19-05-2008 23:30
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal