Estes días fálase moito de Onetti, que cumpriría 100 anos neste 2009. Das moitas referencias sonoras que estou a escoitar del en distintas emisoras, hai unha que me chamou moito a atención. Explicaba como se convertira en lector. Entrando no armario.
Os pais rifábanlle porque pasaba moito tempo lendo. Daquela, para evitar os seus enfados, metíase dentro dun armario enorme e eles, ao non velo por ningures, daban en pensar que marchara a rúa. E alí pasaba o serán enteiro. Dentro do armario. Lendo.
Non sei que terán os armarios para promover a lectura.
Isabel Allende confesou que foi dentro dun armario onde leu As 1001 noites, neste caso para que non a viran lendo tal pecaminoso texto.
A moralexa disto é que cando un quere ser lector, remata sendo lector.
Alfaguara vén de publicar en forma de libro as anotacións que Saramago fixo no seu blog. O libro, polo seu interese para incondicionais, aparece publicado ao mesmo tempo nunha chea de linguas... agás en italiano, onde a editorial que ía facelo decidiu non publicala polas duras críticas que o portugués facía ao presidente Berlusconi.
A isto, coido, chámaselle censura.
Tamén podería chamárselle vergonza.
E de pasar, eu que sei, en calquera país árabe estariamos a montar a de San Quintín. Mais disto, practicamente, eu non escoitei nin lin nada en case que ningún sitio.
Pasei o serán facendo o que máis me gusta facer: no parque coa miña pequecha. Aí escoitei unha frase impresionante que non podo deixar de traervos aquí.
A nai dunha, digamos, "nena un chisco inqueda" (sobre todo tendo en conta que a nai pretendía que a pequena estivese sentada canda ela nun banco, ¡no parque!) dicíalle á súa nai, é dicir, á avoa da cativa: que ganas tengo de sacarle el pañal.
Claro, pensei eu, isto é algo que todos desexamos.
A avoa preguntou: ¿e logo?
A resposta da nai é toda unha declaración de fe no futuro: para que cuando le de una trisca en el culo le duela de verdad.
Volvemos ao mesmo do outro día. Nunha entrevista recente, o locutor da SER, Carles Francino declaraba que para el era máis agradable influír que mandar, e reflexionaba sobre o poder que teñen os medios de comunicación.
Xa dixen mil veces que iso é certo e que, xa que logo, deberiamos pedirlle aos medios de comunicación en xeral, pero sobre todo aos públicos, que centraran a súa mensaxe noutras cousas distintas das habituais nos seus contidos. Eu conformaríame con microespazos relacionados coa cultura galega, espallados pola mañá, polo serán e pola noite. Agora cinco minutos para un libro. Máis tarde referímonos a tal disco galego. Antes do partido, que cousa, unha axenda rápida da cantidade de cousas que se poden facer a nivel cultural nunha fin de semana.
Poder poderíase facer. Outra cousa é que, en xeral, interese.
Leo nunha revista de historia á que estou suscrito, que o segredo de Xulio César para manterse durante tanto tempo no poder, resumíase en catro cousas:
1) espectáculos gratuítos ( para ter entretido ao persoal e pensando noutra cousa )
2) compra de vontades ( para que ninguén se rebelase )
3) curriculo relixioso ( non hai nada como mesturar relixión e política para que non se entenda nada )
4) oratoria e demagoxia ( para que explicar se é mellor manipular )
Daquela, seguimos sendo romanos.
Vou ter un problemón. Que pode incluso custarme a vida.
Onte celebráronse as primeiras oposicións do SERGAS nas que non había por que saber galego. Xa saben, o da liberdade e tal. E resulta que agora pode acontecer que alguén, amparándose neste novo dereito, exerza a medicina ou a enfermería ou o que sexa, sen saber falar a miña lingua, e o que vai pasar é que eu son moi testán, e igual calquera día vai e dáme un jamacuco e teñen que levarme a urxencias e eu alí, claro, isto é Galicia, e exercendo a miña liberdade e tal só vou falar en galego... ¿e que vai pasar se me atende persoal que non sabe? Só de pensalo xa me poño malo e vai darme ese jamacuco e terán que levarme a urxencias, porque eu non penso baixarme da burra e tentarei explicarlle que me doe, eu que sei, a testa, ou o bandullo, ou as tempas, ou as pálpebras, e o médico, histérico, buscando no dicionario que carallo será iso que di este ghicho que ten no seu corpo e que el, claro, non sabía.
Morro seguro.
Coñézome.
Vou ter un problemón.
Hoxe soubemos que a Real Academia decidiu que o ano que vén o autor homenaxeado no Día das Letras e, por extensión, durante todo o ano, será Uxío Novoneyra.
É unha boa decisión. Poucos coma el teñen merecido máis o título de poeta en todo o que iso significa: non só alguén que escribe versos ( iso facémolo moitos con maior ou menor talento ) senón alguén que destila, no seu falar, no seu dicir e no seu estar, poesía. Dos recentes, só notei tal en Bernardino Graña e no xa finado Manuel María.
Será un ano bo para a poesía.
Se hai un par de semanas laiábamonos da supresión polas bravas do programa de libros da TVG, Libro Aberto, hoxe soubemos da supresión, tamén polas bravas, d'A Casa do vagabundo, o programa dedicado aos libros en galego que presentaba e dirixía Rivadulla Corcón, e no que tiven a fortuna de participar e de oír moitos sábados.
Daquela, vemos que hai unha especie de présa estraña na nova dirección da tele e a radio públicas por deixar o mundo do libro fóra da programación. Ou a música galega.
Entran ganas de pensar que queren quitar todo o que cheire a galego, a libros ou a cultura.
En calquera caso, reitérome no dito cando a supresión do programa da tele: no fondo a case que ninguén, da xente da rúa, lle importa un pemento nada disto. Estes ataques á lingua e á cultura propias.
Un pemento de Padrón.
Unha mágoa e unha traxedia.
Cúmprense 40 anos do festival de Woodstock. Outro que me perdín. Pero claro, tiña dous anos. Como xa expliquei moitas veces, son o máis parvo dos melancólicos, porque teño señaradade dunha época que non vivín, duns ideais que non puiden protagonizar.
Só podo ir aí coa imaxinación.
Agora, que se cumpren 40 anos do mítico concerto no que non estiven, e se reedita o documental, direi aquí e sen vergonza que cando o mirei por vez primeira, rematei con febre. Non esaxero nin un pouco. Sentei diante do video. Un serán enteiro de música e absurda melancolía. A medida que ían pasando os grupos, as imaxes, a lama e a música, foime medrando a febre.
Cando rematou o festival, no meu video atónito, tiven que pegarme un empacho de paracetamol para curar a febre.
Está claro que o meu corazón protestaba, e por extensión o resto do meu corpo, con esa subida de temperatura, por non ter nacido vinte anos antes e, por exemplo, en California.