A Canción do Náufrago II


Blog do escritor Francisco Castro
Un espazo para a Información Literaria e o Debate Cultural
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 Tamén podes ler...
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

É A ÚLTIMA VEZ QUE ESCRIBO SOBRE ISTO.
Mañá darán comezo oficialmente os Xogos Olímpicos na China. Levo dando a matraca co asunto desde hai moitos anos, cando se anunciou que serían eles os organizadores da edición do 2008. Protestei en cantos foros me deixaron.
Mais esta, prometo, será a derradeira.
Mañá comeza un dos espectáculos máis fermosos a nivel deportivo do planeta e empezan no país que máis xente executa do mundo. Por crimes varios. Entre outros, polo crime de pensar distinto ao pensamento obrigatorio oficial gubernamental.
Péganche un tiro na cabeza ( ver foto ) e despois, cóbranlle a bala á túa familia. A condena ven despois dun xuízo multitudinario (¿ula posibilidade de defensa? ), e van á morte atados polas pernas e cun cartel onde se lles insulta, roubándolles a dignidade ata o derradeiro momento. No ano 2007, o goberno chinés recoñeceu 470 execucións. Son os líderes mundiais. Organizacións coma Amnistía Internacional sinalan que moi probablemente son moitas máis. En calquera caso, e tomando como certo o dato do propio goberno, son máis dunha persoa ao día.
Quen di iso di outras moitas cousas que, non por sabidas, nos escandalizan menos. Aínda así, e dado que van ser os grandes consumidores do futuro, aparcamos a ética, a decencia, a lóxica e todo o importante e ollamos para outro lado.
Máis altos. Máis rápidos. Máis fortes.

Máis hipócritas.


O certo é que xa non me sorprende.
E case que estou a piques de dicir que xa nin me importa.
Porque o feito en si é coherente con todo o demais que está pasando neste inicio -vergonzante - de século XXI.
Coherente co feito de que a UE aprobe unha normativa para "internar" aos sen papeis ata dezaoito meses porque si; coherente co feito de que Berlusconi saca ao exército á rúa a apatrullar zonas de xitanos e, claro, inmigrantes, incluídos os nenos; coherente co feito de que ao entrar nos Estados Unidos poden quedar co teu portátil ou con calquera caderno que lles pareza sospeitoso, para lelo, ou sexa, por exemplo, con calquera dos meus blocs de notas, que poden chegar a poñer, eu que sei, que o actual presidente dese país é parvo, por dicir unha frase calquera sen segundas intencións.

Hai un estraño movemento de estupidez global.

Non volverei escribir sobre isto.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-08-2008 00:50
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
OS BISPOS NON ENTENDEN GALEGO

Hoxe a prensa dá conta de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia obriga a readmitir a unha xornalista da COPE despedida, entre outros motivos, por estar casada cunha muller e por ter traballado para o BNG.
A cousa, en si mesma, é inconcibible, pero moito máis o é o feito de que os avogados da emisora recurriron a sentenza por estar ditada en galego. Na súa falta absoluta de respecto, xa avisaron que no vindeiro xuízo queren un tradutor de galego. A vista foi en Santiago, falouse en galego e ninguén dixo nada.
Insisto: gravísimo este disparate.
Pero moito máis o é, para min, que moi probablemente a COPE, á hora de pedir axudas económicas para "normalizar a lingua" ( xa sabedes, tres novas en galego para xustificar os cartiños) seguro que, nesas circunstancias, entenden perfectamente a lingua de nós.
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-08-2008 00:20
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
OS LECTORES SON XENTE VIOLENTA
Hai uns anos, os libreiros de Vigo viron abraiados como o concello da entón alcaldesa Corina Porro, lles prohibía sacar os libros á rúa en días sinalados ( tipo 23 de Abril e así ) por medo ás aglomeracións de xente. Seica un problema de seguridade. Claro, era perigoso. Imaxinen vostedes milleiros de lectores asaltando tal hordas salvaxes de Atila as casetas para facerse coas últimas novidades da literatura galega.
Pola nosa seguridade, deixaron os libros dentro das tendas.
Moita xente xunta, xa se sabe. Perigoso.
Sen embargo, desde hai unha chea de anos, máis ou menos desde o ano no que se prohibiu a concentración de lectores potencialmente perigosos na rúa, o concello organiza o Festival Aéreo de Vigo, que veñen sendo avións de guerra ( dos de matar poboación civil ) facendo pinchacarneiros no aire. A organización falou, satisfeita, de 300.000 persoas xuntas, aglomeradas, presenciando o espectáculo.
Polo que se ve, os que gostan dos avións de guerra son xente máis pacífica que os que gostan de ler.
Comentarios (5) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-08-2008 00:42
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
GALICIA BIROLLA
Desde sempre sabemos que a realidade, como tal, non existe, e que o único verdadeiro é a maneira en que a ollamos.
Neste sentido, teño que dicir que a ollada que a xente de Galicia Bilingüe e ese tipo de colectivos teñen sobre a realidade sociolingüística do país é, cando menos, pervertida.
O esquizofrénico realmente cre que eses seres que so el ve, pois que si, que realmente existen.
O ciumento ve indicios de infidelidade por todas partes.
O desconfiado coida que todas as frases e acenos están pensados para mancalo.
Estes dos que falamos, tamén ven unha realidade que non é. E o peor é que a cren. Ou sexa, que cando din que hai nenos e nenas en Galicia que non aprenden castelán, pois o cren. E cando din que en Galicia o castelán está en perigo, pois tamén o cren. E cando din que aos castelanfalantes se lles discrimina, pois tamén o cren.
A súa ollada é pervertida. Son Galicia Birolla.
Comentarios (7) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-07-2008 23:02
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
CRISES DE VERDADE
Un ano máis, o gremio de editores aproveitou para, presentando o Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros, neste caso correspondente ao 2007, sinalar que no estado español hai un atraso importante. Centrándonos no caso galego, coma vén sendo costume dende hai un par de anos, andamos polo final, cos extremeños.
Fronte destes datos, xa tantos anos comentados neste blog, só direi que xa que os políticos tanto falan da crise, alguén debería sinalar que un país está verdadeiramente en crise non se os grandes bancos e as grandes multinacionais do ladrillo deixan de ingresar a millonada que, de todos os xeitos van ingresar, senón se os seus habitantes non se achegan polas librerías e bibliotecas, polos museos e as tendas de música. Etcétera.
E, por outra banda, que non hai peor pesimismo que o da rutina. Hai quen ten asumida que a realidade é esa: non se le e punto. Fronte diso, que para moitos é "o natural", reclamo o dereito ao optimismo, á lectura militante e contaxiosa.
E postos a reclamar, pido para o meu país a posibilidade de, algún día, saír deses últimos postos. Por que non.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-07-2008 23:42
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
CUNQUEIRO ENTRE COLECTORES DE LIXO
Hai un par de meses xa falei deste asunto. Agora, volvo porque o pasado domingo La Voz de Galicia ilustraba unha reportaxe sobre outro tema, cunha foto da famosa estatua de Cunqueiro en Mondoñedo. Ao seu carón, parasoles de xeados e un colector de lixo, definitivo e atroz.
Xa podía aparecerse por alí a Fadamorgana e a Xenebra e, xuntas, lanzarlle un meigallo ao concello en pleno por permitir a aldraxe e, de paso, a todos os gobernanciños desta terra nosa que non saben - nin lles importa - da importancia de coidar os símbolos.
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-07-2008 23:35
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
FACERSE A CIRURXÍA LINGÜÍSTICO-ESTÉTICA


Escoito, con abraio, con incredulidade, con alucine, con vergonza, con carraxe, con medo, que en España de cada vez se dán máis casos de inmigrantes que se operan para "parecer máis europeos".
A cousa, en si mesma, é triste.
E calquera persoa que teña dúas neuronas e lle funcionen estará de acordo comigo en que o asunto dá mágoa e que é terrible que a xente renuncie á súa identidade, que non sinta orgullo de ser quen é, da súa orixe, da súa patria sentimental, étnica, cultural.
Vale.
Agora apliquen todo o anterior ao asunto lingüístico, en especial, a aqueles que rexeitan o galego ou o acento de nós e pretenden falar como os señoritos de Madrid.
Despois, respondan: ¿a que ou a quen quererán parecerse?, ¿coidarán que son feos, que están peor feitos, que falan máis bruto?
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-07-2008 23:14
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
O MEU TESOURO

Esa é a fotografía de Óscar Vázquez que saíu hoxe en La Voz de Galicia para ilustrar todo o que dixen sobre o meu tesouro.
Comentarios (8) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-07-2008 22:58
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
PARA PAGAR A HIPOTECA

Ese é o título do meu artigo desta semana en A Nosa Terra Diario.
Comentarios (0) - Categoría: Artigos en A NOSA TERRA DIARIO - Publicado o 26-07-2008 23:40
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
NO DÍA DA PATRIA ( LA )
Se un extraterrestre perdera o tempo en estudar aos galegos, botaría ben de tempo tentando entender como é posible que algúns políticos gastaran a eurada que gastaron ( das arcas públicas, por suposto ), durante anos, para pelexar nos tribunais para que o concello de A Coruña se chamase como non era. Dicían que tiña que ser La porque, como dixo certo alcalde agora santificado nos vaticanos, os cidadáns teñen o dereito a chamarlle á súa cidade como lles pete ( si home si, agora vou eu e convenzo aos vigueses/as para que asinen un manifesto para que Vigo non se chame Vigo senón, poño por caso, Liverpool, e daquela, como temos dereito a chamarlle a Vigo como queiramos os vigueses, agora pasa a ser Liverpool, e o Lagares, o Mersey ).
E o caso é que alí, nesa parvada, foron millóns das antigas pesetiñas para manter esa absurda disputa que, por fortuna, agora xa foi abandonada.
Se o tal extraterrestre emitise un xuízo díría: están tolos estes galegos.
Neste Día da Patria Galega que agora comeza ( é a 1.10 do 25 de Xullo cando redacto estas liñas ) por fin A Coruña se chama A Coruña.
Non era sen tempo.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-07-2008 01:12
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
© by Abertal
World Map

Crea Tu Mapa y Veras Cuantos Te Visitan!