|
|
|
|
| Este venres tod@s con AMINATU HAIDAR en Vigo |
|

Vigo acollerá este venres 11 de decembro, a partir das 20.00 horas ante a escalinata do Museo de Arte Contemporánea (Marco), unha concentración en solidariedade coa activista do Sáhara Occidental Aminatu Haidar, que permanece en folga de fame no aeroporto de Lanzarote.
Desde a FPG apoiamos a convocatoria e facemos un chamamento aos traballadores e traballadoras da comarca de Vigo a secundala activamente. |
|
|
|
|
| PANIFICADORA |
|
 Xosé Luís Méndez Ferrín
Unha das novelas galegas contemporáneas máis do meu gusto, é da autoría de Xosé Cid Cabido, titúlase Panificadora. Cando eu era neno impuña moito a mole da Panificadora do señor Valcarce, un empresario procedente de xíneas fidalgas e de Ferreira de Pantón que posuía a tamén a maioría corporativa do Banco de Vigo e dos Travías, incluíndo o tren eléctrico a Baiona (non o de Porriño). Un emblema da comporaneidade, da innovación e da bela arquitectura industrial da cidade en que vivo eran os inmensos cilindros e as terrazas vastas e o resto do conxunto da Panificadora, construída en betón e en pedra de grá aos mesmos pés do monte do Castro. A Panificadora ergue a súa mole entre dúas rúas de orixe medieval, a Falperra (que foi bairro extra-murallas) e a Rúa de Santiago: ambas existen máis ou menos.
Hai anos coma area, a Panificadora era veciña dunha parte da cidade que impresionaba polo seu carácter heteroxéneo e cheo de vida. Diciamos a Rúa de Santiago, pero tamén eran fermosas as escaleiras da subida ao Castelo e o espazo alto que nós chamabamos Campo de Marte, O Paseo de Alfonso, coa acera voada, o templete de Palacios e a harmoniosa liña de casas en cuxos vidros pintaba o solpór luces oceánicas estaba alí, coa oliveira simbólica de Vigo incluída. A carón, o tambor e as cornetas da tropa resoaban no interior do Castelá de San Sebastián, un forte da Idade Moderna rexo e racionalista, co seu campo de instrucción á frente. Un Castro coidado mimosamente ao estilo dos veciños montes de recreo e devoción portugueses completaba o arredor da Panificadora.
Hoxe, o espléndido esdifio da fábrica industrial de pan está desocupado e camiñando aceleradamente á ruína. As partes antigas do seu entorno degrádanse máis e máis. O Paseo de Alfonso, a pesar da agresión dun intervencionismo municipal negativo, vaise mantende como foi sempre. A cidade de Vigo, sen embargo, nas proximidades da Panificadora perpretou algo que sería impensábel noutra cidade europea, de do Atlántico ao Ural. A cidade de Vigo botou abaixo o Castelo de San Sebastián case enteiro para edificar a actual sede municipal, un edificio sen carácter, e dispór unha chamada Praza do Rei que a cada pouco se compon e recompón sen argumentos e sen xeito.
Chegados a este punto, son informado por Antón Pulido da existencia dunha organización que se mobiliza para salvar a Panificadora e darlle vida ao entorno que arriba comentabamos. Teño entendido que algúns importantes artistas, entre os cales Pulido, ofreceron grabados solidarios en favor da salvamento da Panificadora. Parece que aspiran á una ambiciosa rehabilitación do edificio e destinar este a ser o centro cultural que Vigo aínda non ten como é debido. Nós fins desta organización, segundo me din, áchase tamén o conservación e anovamento do entorno da Panificadora. Confío en que non se esquezan da protección do Banco dos Pesos, onda a Porta do Pracer, e que esixan, de camiño, a demolición da "Cruz de los Caídos" que se ergue a poucos metros dun dos puntos do Castro de Vigo ondea fusilaban os franquistas aos nosos.
Recomentación: lean Panificadora de Xosé Cid Cabido (Edicións Xerais).
Outras ligazóns: http://arquitecturavigo.blogspot.com/2007/04/salvemos-la-panificadora.html
http://www.outrovigo.com/index.php?option=com_content&task=view&id=49&Itemid=1 |
|
|
|
|
| Comezou a campaña: vota rebelde, vota FPG |
|
 Xa comezou a campaña electoral. A Frente Popular Galega tamén deu inicio á súa campaña coa colada de carteis en diferentes cidades e vilas de Galiza.
Os actos así como o programa pódense mirar no blog da campaña
Adiante coa Frente Popular Galega!
Adiante coa pobo!
|
|
|
|
|
| Presentacion da candidatura de Pontevedra |
|
A Frente Popular Galega presenta as candidaturas pola provincia de Pontevedra este martes 10, na Galeria Sargadelos, contra as 11h, na cidade de Vigo.
Entre os asistentes estara o candidato a Xunta, Xose Luis Mendez Ferrin. |
|
|
|
|
| A Frente Popular Galega preséntase ás eleccións. Coa Nación, na esquerda! |
|
A Frente Popular Galega (FPG) acaba de facer pública a súa candidatura para concorrer ás eleccións autonómicas de 2009. O candidato pola provincia de Pontevedra será o Xosé Luís Méndez Ferrín, nunha lista cunha forte presenza de traballadores, sindicalistas e unha mocidade activa no movemento de base.
A FPG fixo público este manifesto: manifesto da presentación ás candidaturas de 2009 da FPG |
|
|
|
|
| Mesa redonda con Ferrín, Beiras e Camilo Nogueira en Vigo |
|
 O dirixente da FPG Xosé Luís Méndez Ferrín participará o xoves, 18 de decembro, ás 20,00 horas, en Vigo, no auditorio de Caixa Galicia (rúa de Policarpo Sanz, 21) nunha mesa redonda na que se vai someter a debate a cuestión “ESQUERDA NACIONALISTA: Presente e futuro”.
Con Méndez Ferrín participan na mesa redonda Xosé Manuel Beiras e Camilo Nogueira, e vai moderar Miguel Anxo Abraira.
Sempre, pero especialmente nestes tempos de crise, é necesaria unha esquerda que se sitúe da parte das traballadoras e dos traballadores.
Vaise dar este debate nunha cidade como Vigo que carece desde hai xa ben anos dunha alternativa forte da esquerda; e ben se nota nas políticas mediocres e débiles que se practican neste Concello, cando tantos problemas precisarían dunha resposta firme e contundente para defender os intereses obreiros e populares.
Organiza o debate o Foro de Pensamento Crítico Galiza.
|
|
|
|
|
| Mobilízata coa CUT! |
|
 Desde a FPG facemos un chamamento a participar na manifestación que, convocada pola CUT (Central Unitaria de Traballadores/as), terá lugar en Vigo, o xoves, 18 de decembro, con saída ás 20,00 horas da Vía Norte.
E facemos propios os contidos do manifesto de convocatoria: "Non somos nós os responsabeis desta situación que vimos sufrindo dende hai anos, con moita máis gravidade dende a entrada do euro e a consecuente inflación. Por que temos que pagala nós? Fronte a estas políticas de apoio a grandes empresas e banca cos nosos cartos, fronte a pasividade da autoridade laboral ante a declaración de EREs para aumentar os beneficios das empresas (non para reducir perdas) só cabe a denuncia e a mobilización. Nas nosas mans está pórlle freo ao capitalismo e reaccionar contra aqueles que nos están a explotar para manter a súa marxe de beneficio."
Para non ser cómplice, mobilízate!
|
|
|
|
|
| A FPG apoia a convocatoria da Ría Non se Vende |
|
A comarca de Vigo da Frente Popular Galega quere amosar publicamente a súa adhesión á manifestación contra o Plano Vigo Íntegra que se celebrará o domingo 30 ás 12 dende a Praza do Couto (dos Cabalos). Chamamos á mobilización social.
Velaquí o manifesto: |
|
|
|
|
| Folga no metal o xoves 6. Non á represión sindical! |
|
Dende a Frente Popular Galego apoiamos as concentracións e posterior manifestación ante o xuízo a catro sindicalistas polas mobilizacións pasadas do metal na cidade de Vigo.
Chamamos a participar e a solidarizarse con estes compañeiros que sofren agora a revancha dunha xustiza ás ordes do capital. |
|
|
|
|
| Presentamos o Espiral en Vigo |
|
O venres, día 17 de outubro, ás 19,45 horas, terá lugar na Biblioteca Pública Central, na rúa Joaquín Yáñez, en Vigo, a presentación da revista "Espiral", publicación para a información e o debate.
Intervirán: Anxo Angueira (profesor e escritor); Francisco Sampedro (profesor e filósofo); e Xosé Luís Méndez Ferrín (escritor).
No número 0 desta nova época de "Espiral" escriben os sindicalistas Xosé Fco. Miranda Vigo (da CIG) e Manuel Camaño (da CUT); e o ex-secretario de LAB, Rafa Díez contesta unha extensa entrevista.
Daniel González e Pedro Alonso informan sobre a loita en defensa do espazo natural do Salgueirón, en Cangas, e sobre a cuestión enerxética, respectivamente.
Anxo Angueira, Constantino Bértolo e Méndez Ferrín escriben sobre cultura, literatura e lingua.
Antón Dobao, Manuel Besteiro e César Lago interpretan o período que vai do Prestige aos nosos días. Xurxo Martínez escribe sobre o XX Aniversario da FPG.
Francisco Sampedro e Xabier Cordal falan sobre cidadanía excluída e sobre a historia das Redes Escarlata.
Manuel Igrexas comenta aspectos da memoria histórica; e Xosé M. García Crego actualiza a cuestión colonial de Porto Rico.
Chus Pato abre e pecha a publicación.
|
|
|
|
|
|
|
|