Fontenla


Juapo, juapo non é... pero ten un pelaso!

Non imos dar pistas
nino.fontenla@gmail.com
 CLAS CON CLAS
 CON CRITERIO
 A REMEXER
 PESQUISAR BLOGS GALEGOS
 O PASAMENTO
 ANTERIORES

VIAXES E EXCURSIÓNS
O día que ibamos de excursión sempre era unha xornada feliz. A noite de víspera era complicada e custaba topa-lo sono. Dabas voltas na cama sen conseguir acougar e levantávaste canso pero cheo de enerxía. Paradoxas dos corpos cativos. A mochila dese día estaba ateigada de cousas e pesaba case tanto coma cando levabas a morea de libros que había que carrexar da casa á escola e da escola á casa. Pero a carga do día da excursión era diferente. Levábase comida, algún caderno para as anotacións e moita ilusión. As primeiras viaxes no colexio foron sempre a unha fábrica de lácteos. Alí mirabamos como se facía o queixo, os iogures e como empaquetaban o leite. Nunca me gustou o cheiro daquel sitio pero, polo menos, ó rematar o día, levabamos cadanseu cacaolat para casa.

Outra excursión das boas era visitar as Illa Cíes. Un monitor contábanos todo o que había que saber das gaivotas, cormoráns e araus. Cando un se arrimaba demasiado a un niño, a gaivota propietaria reaccionaba cun forte pitido, despois cagaba e, se iso non funcionaba, atacaba co seu piteiro. Tamén topabamos algún arleirón que daba pé a que eu fantasease sobre a tamaño dos lagartos que había no chouzo da casa de O Hío.

Eran viaxes bonitas, cheas de anecdotas e de xelados no final da tarde. Eran días longos, case sempre en maio. Días de mangas curtas e ilusións infinitas. Sempre había alguén que metía a pata pero case todos nos portabamos en condicións. Nunca faltou ninguén cando había que subir ó autobús de volta e as maiores feridas eran catro rasguños nas mans ou nos xeonllos por unha caída nas pedras.

Non me podo imaxinar agora como han de facer os mestres que levan nenos de excursión. Non me quero poñer na pel deles. Miro os nenos na rúa, o seu comportamento, e non topo valentía para ser o monitor dun grupo deles. Aínda así, seguro que as cousas van para mellor. Estou convencido de que nuns anos terei que tragar estar verbas.
Disque (2) - Categoría: Crónicas - Publicado o 25-01-2012 14:32
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
(Blog vigilado por gitanos. Non se admiten devolucións de bragas nin sostillos. Textos e imaxes © Copyright Fontenla. Se publicas texto ou fotos miñas, fai favor e cita a fonte e o enlace ó blog.)

EspaInfo: buscador de España