Folkeando, por Olga Brañas


Espazo adicado á crítica relacionada co folk galego, música tamén de outros xéneros, artes plásticas, etc.: á cultura galega en xeral
Concertos, discos, grupos, artistas... esta é unha plataforma para publicar o meu traballo relacionado con este campo.

O meu perfil
folkeando
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A GRAMOLA GOMINOLA

A Gramola Gominola é un dos últimos discos nados na colección Sonárbore da Editorial Galaxia, cuxas letras falan do día a día dos cativos como facer os deberes ou intercambiar cromos e xogar ás chapas, nun intento de recuperar a infancia que moitos e moitas tivemos no pasado, sen smartphones, sen tablets e sen as tecnoloxías que nos fan afastar a mirada do mundo real; ou por exemplo do ben que senta un simple sorriso.
Atopei neste traballo varias cousas ben agradables: a primeira é a voz de Paula Romero, cun control, un gusto e unha versatilidade tremendas, ademais se ter, na miña opinión, un dos timbres máis bonitos que pariu o país. A segunda, a presencia nos arranxos de Pablo Dalama, saxofonista e músico de primeira categoría que fía dignamente as pezas. A terceira, o tema Barriga Verde, ao meu parecer cunha composición e un arranxo moi superior ao resto do disco, incluso coa aparición de preciosas progresións de saxofón que lembran ao desaparecido grupo folk Xochilmica, no que estaba Pablo. Ademais, as coloridas ilustracións de Lidia V. Cardeiro son ben atractivas e nalgún detalle lembran ao Pop Arte e ao Op Art usando estampados xeométricos e multicolores.
Tanto Ro Muñoz (batería) como Anxelo de Xermar (baixo) e Paco Cerdeira (guitarra) son excelentes executantes e ademais é un traballo moi ben producido. As colaboracións de Luís Tosar en “Monstro” e de Mini e Mero en “Non é teu nin é meu” (colaboración sorprendente e orixinal nunha peza de Melodic Metal) tamén se lucen.
O punto negativo é que, a pesar de que se anunciaba como un disco que ofertaba moitos estilos musicais diferentes -algo que é certo-, persoalmente cárgame un chisco escoitalo de principio a fin por facérseme bastante monótono, xa que a presencia da tríada batería-baixo-guitarra non deixa de ser a protagonista en ningún momento e a maioría das pezas teñen un discurso musical moi parecido.
“Estou esperta pero teño un cacao mental, con leite quente eu vouno mesturar”.



Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 04-09-2015 19:12
# Ligazón permanente a este artigo
DOS FÍOS INVISIBLES CHEGAN AS CORES - MÓNICA DE NUT E VIRXILIO DA SILVA

Dos fíos invisibles chegan as cores non é un disco de jazz, nin tradicional, nin clásico, nin experimental, nin rock, nin folk nin tradicional. Non é nada diso e á vez é moito máis. É a conxunción de dúas mentes creativas, a de Mónica de Nut e a de Virxilio da Silva, que empatizan e xogan coa música como lles ven en gana.
A voz de Mónica coñece o canto lírico e o moderno, cantou música tradicional e cantou jazz. E cando en traballos coma este se deixa levar, atopamos unha sucesión ecléctica de todas estas fontes co agasallo do seu enorme control, onde fai ornamentos que deixan ao ouvinte pasmando. Ten ademais un vibrato precioso e unha capacidade expresiva hipnótica.
Virxilio está máis que á altura, amosando infinidade de sons, de patróns; acompañamentos que fan que con cada peza que transcorre neste traballo nos introduzan nunha viaxe totalmente diferente: dende a guitarra eléctrica de Virxilio coa voz e a pandeireta de Mónica en “Cántocha de mala ghana” até a dozura de “Lévame” pasando polas versións do “Lamento de Dido” de Henry Purcell e de “Lasciatemi Morire” de Monteverdi ou pola flotante “A tormenta de Virxilio”. Ademais tamén escoitamos a Marcelo Dobode nas percusións e a JaviGDjazz na trompeta e fliscorno, ambos cun gusto delicioso.
Sobre todo é un traballo que, dentro da experimentación máis imaxinativa, non deixa de lado a mirada cara a tradición galega para, a partir de ahí, construír os son máis volubles e afastarse chegando a outros estilos.
Porque alá quedan anécdotas como a do DUX de Sanxenxo... pero obras coma esta son bastante máis difíciles de esquecer. E só me queda darlles os meus sinceros parabéns.

“O meu amor é celoso, que llo conozo nos ollos; e como lle quero a ele, pensa que lle quero a todos”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 03-09-2015 19:48
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Olga Brañas