Folkeando, por Olga Brañas


Espazo adicado á crítica relacionada co folk galego, música tamén de outros xéneros, artes plásticas, etc.: á cultura galega en xeral
Concertos, discos, grupos, artistas... esta é unha plataforma para publicar o meu traballo relacionado con este campo.

O meu perfil
folkeando
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

XANELAS - CLAVE DE FADO

Recén saído do forno está o primeiro traballo de Clave de Fado... e menudo traballo!
Financiado con crowfunding, o son está coidadísimo -Maneo Récords e Son Natual- e a música aínda máis.
Os estupendos instrumentistas -Paco Dicenta, Gonzo Piña e Isaac Garabatos- siguen discretamente a tremenda voz de Iria Estévez, que leva o protagonismo en todo o desenrolo: cun control absoluto da súa ferramenta vocal, ornamentos encadeados e demais virtuosismos dignos de quen sabe ben o que fai, rematan de conformar á cantante o seu timbre único e delicado, expresividade e matices acertados.
Sérvense de poucas colaboracións, pero tamén estas están ben escollidas: Uxía, que amosa a faceta máis forte e brillante da súa voz e Sapoconcho no recitado, coas súas máis que boas dotes declamatorias.
Os temas son versións e pezas compostas por Pepe Piña ou Gonzo Piña con letra de Iria Estévez. Destacan o tema homónimo “Xanelas”, “Sombras” e “Meu fado meu” feito como bossa-nova. Ademais, os ritmos entre unha e outra peza fan que o discorrer se deixe escoitar de principio a fin sen deixar de deleitarse.
A presentación material, cun aspecto moi diáfano e elegantemente comedido, fará que queirades ter esta obra nas vosas mans, literalmente.
Un disco de sobresaínte.
“Nunca sentiches por min unha paixón verdadeira, nunca deixaches de ser a porta que quedou aberta; somente podo dicir que xa non me apena”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 22-09-2014 10:20
# Ligazón permanente a este artigo
A DANÇA DOS MOSCAS - CAXADE

O pasado ano saía a A Dança dos moscas, de Caxade. De feito, o mesmo Alonso Caxade se facía co Premio Opinión na categoría ao mellor artista na súa última edición. Deste estupendo acordeonista, posuidor dun estilo inconfundible, xa sabiamos da súa fantástica musicalidade, mais non me extraña que, a modo premio revelación, conseguise ser proclamado o mellor artista do ano da música galega.
Este disco propio sorprende pola súa orixinalidade. Cun estilo calcado ao do grupo Beirut -non é aquí onde reside o novidoso-, consigue introducilo con grande mestría na música galega. A maiores da voz (de afinación mellorable pero con moitas posibilidades e boa materia prima) e acordeón do líder, escoitamos unhas percusións -Xosé Tunhas- acústicas dun gusto e elegancia sen comparación. Ademais, como é característico no “estilo Beirut”, hai un alto protagonismo dos ventos: bombardino a cargo de Manu Espinho e, para rematar, temos ao trompetista máis cotizado da música galega, Manuel Paino, capaz de facer xogos incribles de improvisación.
Con esta tímbrica tan diferente, tamén os arranxos o son. As melodías poperas non son nada complexas, pois estaría de máis ante a carga tan fonda de harmonías e rítmicas, que levan o protagonismo do discurso.
Se teño que recomendarvos encarecidamente que merquedes un dos últimos discos para a vosa estantería, sería este, sen dúbida. Pero ollo, porque as letras non son aptas para conformistas que miran a situación do país ao seu redor e non teñen gañas de berrarlle a quen Caxade chama “Gente Pota”.
Con esta alta carga de reivindicación nas letras, que remata co tema “Foliom da rebeliom”, e pasando pola preciosa peza “Amélia” onde se conxuga á perfección este novo estilo de tímbricas diferentes co noso sentir galego, todo remata cunha presentación, a cargo de Logoferoz e Ariel Ninas, do máis surrealista e atractiva: como podemos imaxinar polo título, unha mosca bailando na capa e contracapa non debería xa sorprendernos.
Ogallá este fascinante camiño aberto por Caxade se siga na nosa música e podamos viaxar por outros roteiros para saír da monotonía musical... e vital.
“Nom tenho mais que che pedir que nom fales por mim, o que ti dis que me convem non é mais que o teu interesse; recortas-me as mãos, recortas-me os pés, nom me quitarás a palavra”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 18-09-2014 21:04
# Ligazón permanente a este artigo
Estamos no verán!!! - Xoán Curiel e a Banda Son+D2

Atentas e atentos: a Editorial Galaxia na súa colección Sonárbore ven de sacar a primeira novela-disco en galego, nada menos!
E é que é o primeiro traballo no que dende a idea primixenia Xoán Curiel a cargo da música e Charo Pita da literatura, traballaron codo con codo para sacar este “Estamos no verán!!!”.
Recomendado para rapaces a partir dos 8 anos, cun formato dabondo bonito e curioso -de caderno onde un neno, Xoán, nos conta as aventuras de como nun verán que vai á aldea monta un grupo de música con Jara e outros nenos-, xa vos aviso de que se intentades coller a púa de guitarra que aparece na portada... non o ides conseguir, non é de verdade aínda que se asemelle moito. Charo Pita fai unha novela sinxela (como debe ser para os seus pequenos lectores) moi amena e chea de encanto.
Pola parte musical, Xoán Curiel é o compositor de case todas as pezas, e xunto á alma mater temos a Jara -a primeira dama, o seu brazo dereito-, Alberte Rodríguez, Carliños Freire e Iago Mouriño, entre outros. E é que con este elenco, sería posible que algo saíse mal?
Os instrumentistas móvense entre o rock, o funky ou incluso o hip-hop con soltura, e Xoán e Jara, posuidores de dúas das voces máis doces que pariu a música galega, xogan a facer un tándem vocal que non vos deixará indiferentes.
Destaco deste “Estamos no verán!!!” dous temas: o primeiro é “Canción para a miña avoa”, máis coñecido por quen o cantou nalgún directo como Pss, pss, rapás, rapás, de Xoán Curiel, e xa o coñeciamos polo seu traballo en solitario, mais desta volta está gravado cun punto xoguetón máis patente.
O segundo, revelación porque está composto por Jara Ortiz, é “Arco da Vella”, que escoitei en bucle alomenos media ducia de veces. A melodía é ben interesante pero ademais nos arranxos consíguese en cada clímax unha unión perfecta, camiñando entre partes relaxadas e con moita forza, cunha polifonía que axuda moito a acadala; como axuda tamén a soberbia interpretación no estilo tan especial e único de Jara.
Ademais disto, se os vedes en directo direi, sen medo a trabucarme, que teñen un dos mellores espectáculos que vin endexamais: coreografías, teatro, guións medidos á perfección e, sobre todo, moi participativo e divertido.
“Que fas cun grelo metido no pelo? cun grelo que fas no pelo, rapás?”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 11-09-2014 21:53
# Ligazón permanente a este artigo
Zapatiños para Díaz Castro - 2naFronteira

Gravado en Casa de Tolos, 2naFronteira saca novo disco con Inquedanzas Sonoras pouco despois de que o seu “Alma” vise a luz.
Na súa liña, preséntansenos con tan só voz e piano -agás algunha peza con harmonio-, sen servirse de colaboracións. E é que as colaboracións son unha arma de doble filo: hai quen ve a parte positiva delas para enriquecer unha obra e hai quen prefire ser máis austero e fiel ao que despois se escoitará nos directos.
Mais, certamente, co dominio dos baixos, harmonía e rítmica do impresionante pianista e arranxista Maurizio Polsinelli, non fai falla máis para envolver a delicada voz de Carmen Penim.
Por mor da irregularidade das letras do poeta, as melodías amosan que non foi doado musicar dun xeito máis equilibrado, tal e como viamos no seu anterior traballo. Se o comparamos con Alma, nesta obra temos musicalizacións máis “barrocas” e non tan harmónicas, como tampouco foi doado facer que os aceitos prosósicos se axustasen ao cen por cen aos musicais. Que cal é a fórmula máis axeitada? Penso que ambas, e que para gustos as cores... mais quen sexa seareira ou seareiro deste dúo polo seu anterior traballo, a pesares do cambio, non rexeitará frontalmente este Zapatiños para Díaz Castro, nin moito menos.
Pareceume moi acertado o emprego da voz de Carmen na liña do tema “Ai, Capitán”, e é que cando unha cantante chega a este nivel de perfección técnica e expresiva, o camiño de xogar coas súas diferentes posibilidades é o que ten que seguir.
Gustoume a peza “A noite é necesaria”, que, chea de forza, sorprende despois de temas intimistas; tamén é interesante “Remuíño” co seu precioso retrouso ou a grandeza e diferentes dinámicas do tema “Coma unha espada”, digno de poñer a pel de pita a ouvintes minimamente sensibles.
A fotografía, atrezzo e deseño (Javi Collazo e Melina Gallego) non me gustaron tanto e non se corresponden coa elegancia musical que se aprecia no interior.
“En cada voz eu oio unha chamada cun longo eco de adeus que non entendo, pro que me fire coma espada ardendo. A beleza feriume para sempre”.
Comentarios (1) - Categoría: Disco - Publicado o 09-09-2014 18:22
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Olga Brañas