Folkeando, por Olga Brañas


Espazo adicado á crítica relacionada co folk galego, música tamén de outros xéneros, artes plásticas, etc.: á cultura galega en xeral
Concertos, discos, grupos, artistas... esta é unha plataforma para publicar o meu traballo relacionado con este campo.

O meu perfil
folkeando
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

RADIO COS - RADIO COS

A música ten doce notas. Somentes Doce. Do, do#, re, re#, mi, fa, fa#, sol, sol#, la, la# e si. Doce notas. Con esas doce notas penso que non se pode innovar en todo o que se fai, nin os grupos xa consolidados teñen por que reinventarse en cada traballo nin os novos están obligados a aportar o estilo revelación da década. Radio Cos non ten nada que non escoitase antes. Certo é que as voces de Quique e Xurxo son moi especiais, tan criticadas como alabadas -e que conste que eu son do segundo grupo-, pero musicalmente os temas xa os coñezo, os arranxos agora parécenseme a algún toque de Os Cempés, agora unha parte intermedia con forma de músicas do leste que inda que efectiva e perfectamente construida ao ter ao experto Nikolay tamén escoitei moitas veces antes, temas tradicionais de voz e percusión ao unísono vistas en calquera foliada ou disco de música tradicional, etc.
E sen embargo encántame! bailo, canto e todo soa de marabilla, tanto por execución como por integración dos diferentes elementos. Nese momento son consciente de que cada vez que me poña na casa a golpe de escoba, fregona e balleta, ou cando esperte medio cruzada e queira escoitar algo que alede o día, ou simplemente cando teña un ratiño libre... ese será o disco que poña cen veces máis alomenos. Porque si, porque me gusta, porque soa ben e porque está moi ben feito. Porque a pesares de empregar elementos xa coñecidos, soa fresco. Enche.
A plantilla escollida é de primeira: os ventos de Pedro Lamas, o violino de Nikolay e o acordeón de Xan Pampín (atentos a este último, que os instrumentos harmónicos sempre pasan desapercibidos e paga a pena fixarse e pararse a escoitalo), tres enormes profesionais que tocan o que queren e máis.
Respecto á presentación, está claro que onde mete man O Pastor se ten éxito asegurado. Boa distribución, imaxes curiosas, fotografía de Brais Varela e, finalmente, resulta que velo tamén é unha delicia.
“Un amor que xa foi meu torna de novo a quererme, o carbón que xa foi brasa con pouco lume se acende; botei un limón a rolos, na túa porta parou, cando o limón ten amores que fará quen o botou”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 25-09-2013 17:07
# Ligazón permanente a este artigo
CO XENIO DESTROZADO - SÉS

Non vos enfadedes conmigo porque son consciente que isto debería ser catalogado como pecado, pero teño que recoñecer que de Sés coñecía pouco. Pedinlle hai uns días a Fol Música uns cantos traballos novos, e metín na miña cadea de música Co Xenio Destrozado. “Uf, canta letra xunta!”, pensei ao ver que case non hai respiracións entre as partes vocais. Para iso é bo ter o CD orixinal a man (que por certo, custa moi pouquiño, 12,95 €) e lelo a eito. De súpeto descúbrome a min mesma xa co primeiro tema ríndome soa, vendo as cousas que Sés se cuestiona, “...que os homes son coma o bo viño, que sempre tende a ir a mellor, e eu coñezo a algún pobriño que onde vai que se picou”: inxenio a raudais no xenio nada destrozado desta tremenda artista.
Por sorte, a miña vida sentimental agora mesmo vai ben, e non empatizo demasiado con poemas e cancións de mal de amor que me trago sen descanso cando estou de 'cardio-loito'. No tema número 4 véxome chorando como unha boba, unha canción de desamor onde, non sei como, Sés consigue transmitirme a dor que ela sentiu cando cantou esta sentida amargura. Algo así é verdadeiramente difícil de conseguir. O seguinte tema vai precisamente sobre todo o contrario: a superación dun dó no que xa se colleu forza: quítasenos o mal sabor de boca da pista anterior dun plumazo. Xa para rizar o rizo, noutra canción, de desamor de novo, río outra vez, pero con sabor agri-doce. E así seguimos coa temática percorrendo todo o disco: amor doce, amor feliz, amor amargo, amor que te anula, amor que te engrandece, amor pola xustiza e desobeciencia social, amor materno-filial expresado da forma máis orixinal, amor pola terra...
Todas as letras son doadas de entender, sen retorcementos ambiguos, pero non por iso simplonas nin previsibles, senón todo o contrario. E o mesmo pasa coas melodías: algo digno de recoñecerlle.
A voz de Sés é como os grelos: ou che gustan ou non che gustan. Mais... se non che gustan a primeira vez que os probas non significa que non se podan preparar de diversos xeitos nin que non sexan un alimento (neste caso alimento para a alma) de categoría. A súa voz transmite, está traballada, é versátil. Agora un blues, agora pop no que saca o sustrato de aprendizaxe tradicional galego... e a min gústanme os grelos, sempre me gustaron, en tódalas súas recetas. Dende xa, Sés ten unha seareira máis.
“E promiscua busco ruín substituto, e prosáica gardo fe en bo final; unha fe que é o opio máis vacuo, é mellor o tabaco, non me fai tanto mal”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 25-09-2013 00:32
# Ligazón permanente a este artigo
Na Lingua que eu falo - NAJLA SHAMI

E, por fin, chega ás miñas mans o traballo de Najla Shami sobre textos de Rosalía para a Editorial Galaxia: impoñente por fora con ese físico exótico e tan atraínte que ten, e doce por dentro, posuidora desa sensibilidade tan propia da súa personalidade artística.
Coñeciamos outros traballos dela como compositora, xa moi dignos, pero desta volta atrévese a facerse cargo de todo o proxecto. E caseque parece que sae ben airosa. Penso que se unha virtude ten esta muller é que non lle “fai ascos” a ningún tipo de música, e iso reflíctese no gran abano de rítmicas, arranxos e modulacións da súa voz: permitíndome que sexa un pouco mal falada, quen moito bebe moito mexa.
Sen descoidar nunca a vista ás músicas de raíz, rodéase de grandes colaboradores á altura do talento da querida Najla (no que, alabando a todos e cada un deles, destaco a aparición das voces de Uxía e Davide Salvado e a viola da gamba de Xurxo Varela), e ela amosa unha vez máis tanto o seu virtuosismo vocal como a súa capacidade para simplificar os infinitos recursos que ten cando se pon mimeira nos temas máis íntimos como “Camiño Branco”.
E é que, sen dúbida, Najla ten unha pulida materia prima privilexiada que se coloca entre as mellores voces do noso país. Mais non solo é unha voz nin unha intérprete, tamén é unha cabeza, con ideas, con capacidade creativa, con gusto, con personalidade e con estilo. É das persoas que nunca un desexaría que desaparecese da nosa escea musical.
E, con todo, inda me atrevería a dicir que se no disco xa vos gusta, moito máis vos gustará en directo, pois todo o que ela sinte ao cantar queda reflectido en todos e cada un dos movementos do seu corpo.
Larga vida á talentosa Najla.
“Aló nas tardes serenas, aló nas tardes caladas, fanse máis duras as penas que nas brandas alboradas […] Eu ben sei deses tormentos que consomen e devoran, dos que fan xemer os ventos, dos que morden cando choran; I anque agora sorrindo canto, anque agora canto con brío, tanto chorei, chorei tanto como as auguiñas dun río”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 23-09-2013 22:57
# Ligazón permanente a este artigo
Le Green Notes (maqueta)

Atentos a este grupo, descoñecido para moitos, que sacou a súa primeira maqueta hai poucos meses. Gravada por Tomás Ageitos en “Estudios Amil”, con Tomás Saiz á cabeza (acordeón, voz, composicións), Ruth Gómez (pianos), Álvaro Sánchez (baixo) e a colaboración de Aser Álvarez (batería) complétase o pequeno elenco de músicos que tanto enche. E é que é un estilo tan persoal que non se pode catalogar nun estilo en concreto.
Cuns bos diálogos entre o enérxico acordeón e o piano, combinación de temas cantados e instrumentais (recoñecendo que me decanto polos instrumentais), “cañeros” e lentiños, circenses ou líricos, ou ambas atmósferas nun mesmo tema, cun acertado paso entre unhas e outras.
Penso que este grupo sería unha opción moi valorable para montar unha boa festa, e incluso na vosa propia casa somentes dándolle ao “play”.
“...Y es que la vida es una mentira mira sin igual, llegué a despertar en un amanecer muy ardiente donde las cosas podrían cambiar”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 12-09-2013 18:32
# Ligazón permanente a este artigo
Leña Verde - A contratempo

Como se podería xuntar un grupo interxeracional de xubilados, traballadores ou estudiantes no que hai, mestres, panadeiros, mecánicos, donos de fábricas de piensos ou gandeiros? Pois moi doado: ademais de vivir todos en Pol, pola música. Nin máis nin menos.
Chegou ás miñas mans por unha sorte do destiño o estupendo disco de Leña Verde, un grupo onde hai músicos de tódolos niveis e de tódalas xeracións coa única finalidade de amosar a súa arte chea de bo gusto e maxia. E non vos soará de moito este grupo, pero caseque me atrevería a dicir que son tan xenerosa que vos deixo gozar del tanto como o estou facendo eu.
Nas miñas tan socorridas etiquetas, se tivera que definilo dalgún xeito e buscarlle algunha adxectivación, sería o seguinte: digno e respectable. Chámame a atención a afinación extraordinaria que teñen, e ademais nin unha soa nota está fora de lugar.
Un disco que sen ningunha pretensión máis alá de pasalo ben e facer o que lles gusta consigue ser moi pero que moi grande, onde integran temas máis tradicionais cos máis ricos sen conseguir aburrir nin inda que quixesen.
Tremo coas gaitas de Albor en Hío, co acordeón de Porto Rielo e coas voces tan ben empastadas da Rumba das Nenas. Pero tremo, sobre todo, co resultado xeral e coa aportación de todos e cada un dos estupendos integrantes deste grupo.
Benvidos ao meu coñecemento, Leña Verde.
“Vale máis unha morena alegre de corazón, ca unha branquiña de cara con pouca desposición”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 03-09-2013 22:13
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Olga Brañas