Folkeando, por Olga Brañas


Espazo adicado á crítica relacionada co folk galego, música tamén de outros xéneros, artes plásticas, etc.: á cultura galega en xeral
Concertos, discos, grupos, artistas... esta é unha plataforma para publicar o meu traballo relacionado con este campo.

O meu perfil
folkeando
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Talabarte

Talabarte é o disco do grupo homónimo compostelán: un trío de violín (Quim Farinha), acordeón (Pedro Pascual) e contrabaixo (Kin García). A temática está patente tanto nos títulos dos temas como nos aires sonoros: un percorrido por diversas zonas musicais do mundo, especialmente europeas. Resaltando que noutras zonas as músicas populares son moi ricas deixan constancia tamén, implícitamente, da riqueza da música galega. Tamén a foto da portada (dun absoluto surrealismo, cortesía do Pastor), o videoclip cómico de Enrique Otero (Crebinsky) e o formato do CD fomentan a chamada de atención do consumidor sonoro potencial.
O nome do grupo ven dado polo “talabarte”, a correa de coiro que soe empregarse para soster o acordeón polo músico; mais no disco atopamos diferentes acepcións atopadas en diccionarios antigos de castelán, galego e portugués: idiomas nos que existe a palabra como tal.
É un disco que enche, no que amosan unha gran valentía ao non ter que recorrer a ningunha colaboración a pesares de ser solo tres músicos (inda que non tres músicos do montón...!). A monotonía que quizais poden inferir a pouca variedade da tímbrica (moi parecida) dos poucos instrumentos empregados ou os máis de 60 minutos de música brindados son, sobradamente, lenificados por uns arranxos (cuxa carga foi soportada sobre todo por Pedro Pascual) e unhas execucións sobresaíntes, propias e singulares, ademais do uso indiscriminado e indiscriminatorio de compases amalgamados, o que dá moita frescura á orella aburrible e difícil de compracer. Tanto que non sería ningunha tolería afirmar que quizais sexa o disco que máis nos ofreceu e feito con máis mimo do ano 2011 galego.
“Vereis mancebinho d`arte , com espada e,talabarte , não ha mais Italiano”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 20-09-2012 22:17
# Ligazón permanente a este artigo
RAMÓN CONDE. UNHA MIRADA SOBRE AS ACTITUDES HUMANAS.
O prisioneiro de si mesmo
Praza Pública, setembro de 2012

Incluso dentro da variedade na obra de Ramón Conde e de que na súa longa e exitosa traxectoria se fixo un camiño moi relevante no mundo da arte galega, penso que nos soemos preguntar por qué tivo sempre esa estraña e reiterada preferencia polo excesivo volume na masa dos corpos, ou, dito doutro xeito: por qué esculpe gordos?; o artista sempre dixo que para el o poder se representaba así.
O pasado 6 de setembro asistín no Centro Cultural da Deputación de Ourense á inauguración da súa nova exposición, “Unha mirada sobre as actitudes humanas”. É sorprendente a capacidade de reinvención de Ramón: comeza por chamarnos a atención este novo gusto de usar a policromía nas súas figuras; seguimos vendo un curioso xogo co espectador, que ten que participar de xeito activo para entender unhas cabezas que hai que mirar dende un punto en perspectiva duns espellos que distorsionan a forma orixinal da obra e rematamos por caer na conta de que tamén o concepto, a base teórica sobre a que se sostén, deu un paso máis. Desta volta, Ramón Conde dedícalle esta serie de creacións á súa filla Laura Conde, que ademais de ser grande amante da arte é licenciada en psicoloxía: ela mesma colaborou para poñer o título a algunha das obras directamente relacionadas co tema como por exemplo “Complementariedade ríxida”. De feito, o artista molestouse ademais en escribir un pequeno texto explicativo da intención.
Se se tivese que definir esta obra cunha palabra, esa sería sen dúbida “expresión”. Todas as figuras expresan algo moi profundo do ser: medos, inquedanzas… pero o máis interesante son os grupos de figuras que representan poder: esta vez non só fisicamente, esta vez é a representación emocional do poder sobre as persoas, cómo uns condicionan a outros e os outros se deixan condicionar polos uns. E é aquí onde agradecemos ter paseado por unha serie de obras que ademais de seren esteticamente impactantes nos invitaron á reflexión.
Tanta influenza exercemos nos demais ou exercen en nós? Entón non será que no fondo todos somos ou gordos ou fracos?
Enlace á noticia dixital en Praza
Comentarios (0) - Categoría: Artes plásticas - Publicado o 17-09-2012 20:56
# Ligazón permanente a este artigo
FANTOCHES BAJ – AS POMBAS DE CARBOEIRO

Praza Pública, setembro de 2012

O domingo 16 de setembro Fantoches Baj mostraban a súa nova obra, “As Pombas de Carboeiro”, no Centro Cultural de Allariz. Cómpre aclarar, para quen inda non teña o gusto de coñecelos, que este dúo derivado de Fantoches Baj non é solo teatro: é música, é a integración total dos elementos e das artes. Composto polo actor Inacio e o músico Benxa Otero, é un dúo de dous talentos dos de pensar “pero cómo estes dous non son famosos?”. Si, ese tipo de talentos.
A peculiaridade do que vin na poboación alaricana foi que, con valentía e éxito, Benxa Otero se atrevía coa interpretación e Inacio co canto, pois o desexo de bailar xuntos, sumisos ao bo descorrer da historia contada, prima máis que calquera etiqueta profesional. Por outra banda, Inacio mostraba o seu xa dende hai moito consumado talento coas letras, e non só coa literatura (destaco a reelaboración xenial das Cantigas de Amigo e os seus xogos de palabras), tamén coa filosofía, a arte, a mitoloxía, a etnoloxía, a historia, etc., mostrándose así como unha especie de Leonardo da Vinci moderno das letras. Benxa atrevíase con instrumentos e demais cacharros moi diferentes entre si (vento, corda, percusión, canto), saíndo, por suposto, airoso de tódalas intervencións.
É unha obra para nenos (que se fixan na estética tan simpática e as bromas inocentes) e para adultos (que verán máis profundidade, como por exemplo a elegante forma de mofarse do incesto nas familias reais). Unha obra que non aburre, dramática e grave á par que relaxada e divertida. E, sobre todo, é unha obra que hai que ver, escoitar e vivir.
“Voan ala con ala para no ar se abrazar, voan bico con bico para poderse beixar; por iso é que non podedes estas pombas devorar, porque son fillas do amor que non se pode evitar”.
Comentarios (0) - Categoría: Teatro - Publicado o 17-09-2012 20:54
# Ligazón permanente a este artigo
AMESMALÚA

Amesmalúa é un grupo afincado en Madrid que, por raro que pareza, traballa con repertorio galego. Por se iso xa non fose suficiente pouco común, os arranxos proveñen, na súa totalidade, do flamenco: tódolos compoñentes (nos que, por certo, se inclúe ao guitarrista de Estopa) se criaron con alegrías, bulerías, voces desgarradas e demais elementos característicos dese tipo de música. A súa líder, Manuela Elena, ten familia en Campobecerros, e desta conexión ven o seu afán de recoller temas da nosa música popular e reelaboralos co seu (e do seu equipo) gusto persoal.
Ao descubrir que os nosos compases (como o 6/8 da muiñeira, por exemplo) cadraban cos ritmos que eles xa coñecían, foi cando decidiron comezar a facer estas experimentacións. Contábannos isto na presentación do seu disco promocional na Deputación de Ourense no presente mes de setembro, e tamén nos contaban que nel houbo algunha colaboración moi relevante, como por exemplo o coñecido Eliseo Parra. E como este é inda un disco promocional, só nos queda desexarlles sorte na súa aventura amesmalunar.
“Eu queríame casar, miña nai non teño roupa; casa, miña filla, casa, que unha perna tapa á outra”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 17-09-2012 20:50
# Ligazón permanente a este artigo
GUADIGALEGO/XABIERDÍAZ/GUILLERMEFERNÁNDEZ/XOSÉLOISROMERO – ACADACANTO

Sermos Galiza, setembro de 2012

Tra-la química e entendemento que foi xurdindo ao longo da confluencia dos camiños destes catro grandes músicos, o destiño que tantas veces os fixo coincidir profesionalmente axudou para que no presente ano 2012 sacasen á luz Acadacanto: un traballo que mestura temas de diversa procedencia.
Se nos fixamos nas letras, penso que poderiamos escoitalo cen veces seguidas sen perder a concentración, e é que temos para escoller dende as máis simples e directas (e non por iso peores) ata as máis profundas e encubertas.
Ademais da envoltura tremendamente rica que conseguiron texer Guille e Xosé Lois, non podo deixar de asombrarme ao escoitar o grao de perfección que Guadi e Xabier acadaron no empaste das súas tan diferentes voces: nos finais das frases, na ornamentación, nos matices... tanto que case se diría que musicalmente son dúas nadadoras sincronizadas que gañaron a medalla de ouro nos Xogos Olímpicos (e ben merecida!).
Como punto negativo, inda que os temas están moi ben fiados pola empatía que existe entre os catro integrantes, non me acaba de convencer a grande diferencia estilística que existe no repertorio, penso que hai unha dicotomía demasiado notábel entre os temas versionados ou tradicionais e os de total autoría propia: estes últimos tirando máis deica a música moderna ou pop e cunhas melodías demasiado “rabudas” comparadas co doadas de escoitar que son as do primeiro grupo. Mais, en definitiva, sen dúbida califícoo como outro disco a engadir á grande colección de obras mestras que ten a música galega.
“Fun á fonte beber auga debaixo dunha pereira, soio por ver os teus ollos, que a sede moita non era”.
Comentarios (1) - Categoría: Disco - Publicado o 17-09-2012 20:49
# Ligazón permanente a este artigo
LEILÍA – CONSENTIMENTO

Publicado en Sermos Galiza en setembro de 2012

Como tantos outros grupos de cantareiras, os principios de Leilía serían fieis ao purismo tradicionalista. Pero un bo día (con precedentes en Milladoiro, Berrogüetto, Carlos Núñez…) descóbrese a boa parella que fan estas voces coa calidade dos instrumentos harmónicos no folk, e desátase o desexo de seguir experimentando por ese camiño. “Consentimento” (2011) é un paso máis no folk que as Leilía veñen facendo dende moitos discos atrás. Inda así, fico coas ganas de que os instrumentos, sen tapar ás carismáticas e empastadas voces das Leilía, cobren un chisco máis de presenza e se sigan desenvolvendo para ofrecernos máis do que xa escoitamos en “Consentimento”: bos contracantos, patróns rítmicos feitos ex profeso para determinados temas, harmonías moi ricas, etc., cortesía dos arranxos de Xoán Porto e Felisa Segade (esta última nas percusións).
Destaco especialmente a fermosa “Jota de Eva”, cun acordeón e pandeiretas que enchen todo o tema xunto coa peculiar voz grave de Merchi , da que me declaro unha total devota.
"Esta noite hei de atopar, as estrelas que me han guiar; no camiño heite olvidar, sen botar a mirada atrás".
Comentarios (1) - Categoría: Disco - Publicado o 17-09-2012 20:39
# Ligazón permanente a este artigo
OS CEMPÉS – TENTEMOZO

Publicado en Sermos Galiza en agosto de 2012

Polo sistema de financiamento de Verkami.com (hai uns meses bastante novidoso en Galicia) e excedendo con creces a cantidade doada do mínimo que precisaban para producilo, Os Cempés sacaban o “Tentemozo” en maio de 2012, un traballo que lanza a reaparición deste grupo, tendo ademais unhas colaboracións deluxe: os rapaces da escola livre da MPG (aCentral Folque) e, entre outros, os xeniais lalinenses Benxa Otero e Begoña Lorenzo (óboe e voz). Ademais, o saxofonista Pablo Dalama (novo fichaxe da reforma cempesiá) aporta unha calidez que dá riqueza e frescura a esta nova formación.
No disco atopamos uns arranxos que amosan un traballo que é produto da experiencia e do desexo de elevar a calidade da música galega: como exemplos, os efectos descritivos acordes coa letra e voces moi logradas nos violíns de “Encima de mel, filloas” ou o cambio consciente de ritmos (ternario orixinal-binario resultante) creando un xogo de acentos musicais moi efectista nas voces de “Pasodoble Lugo-Ferrol”. Iso si, sen deixar de lado a esencia de Os Cempés: a música bailable e cun recendo tradicional e popular máis que evidente que leva sendo o fío condutor protagonista deste conxunto desde a súa creación no ano 1992.
“Si tú me quieres matar, non che fai falta un puñal; dime que ti non me queres e o golpe será mortal”.
Comentarios (1) - Categoría: Disco - Publicado o 17-09-2012 20:35
# Ligazón permanente a este artigo
CIRCIO – BAILE DE SOÑOS

Publicado en Sermos Galiza (agosto de 2012)

En abril de 2011 saía á luz “Baile de Soños”, o primeiro disco de Circio, síntese musical dun espectáculo interdisciplinar que combina teatro, danza e música. O orixinal Serxio Cobos (director musical) e o resto do equipo amosan un xeito diferente de entender a reelaboración da música tradicional: cun poso clásico que non falta (especialmente acusado en Laura Puga e Alba Malvido, violín e clarinete) e, sobre todo, unha perfecta simbiose entre estes músicos, os bailaríns e a propia escenografía, moi lograda.
A pesar de certas carencias na parte técnica sonora do disco, enxérganse uns arranxos moi coidados e con moito gusto, produto da cor dos instrumentos que compoñen a formación, do bo facer dos executantes (no que destaco especialmente a Cristina Sánchez, un asombroso descubrimento das novas voces galegas) e, sobre todo, do concepto fantasioso sobre o que se sostén este proxecto. Solo resta dicir que é un disco moi recomendábel, así como os seus directos e, en especial, a súa simpática “Bluesñeira”.
“Quen non soñou con bailar…? Ás veces os soños só se cumpren nos propios soños… non deixes que isto suceda: fai realidade o teu…”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 17-09-2012 20:25
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Olga Brañas