Folkeando, por Olga Brañas


Espazo adicado á crítica relacionada co folk galego, música tamén de outros xéneros, artes plásticas, etc.: á cultura galega en xeral
Concertos, discos, grupos, artistas... esta é unha plataforma para publicar o meu traballo relacionado con este campo.

O meu perfil
folkeando
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

DE PUEBLO Y DE RÍO - VÍCTOR COYOTE

En 2014 saiu “De pueblo y de río” de Víctor Coyote, un disco que recomendo encarecidamente.
O creativo e multidisciplinar Víctor Coyote sorpréndenos desta volta cun disco ecléctico a máis non poder, aínda que tampouco é sorprendente sabendo da súa enorme versatilidade, onde cada disco ten un camiño totalmente diferente ao seguinte e ao anterior. A pesares de ser un grande compositor, escolle para este traballo facer versións de pezas de outros autores ou tradicionais. Canta en italiano, en inglés, en castelán, en portugués e até di unhas palabras en grego coa versión de “Yo, el extraño” (orixinariamente “Ego o xenos”). Os estilos son tan variados como os idiomas: pop, rock, música tradicional portuguesa e até unha andina.
As colaboracións son poucas pero resultonas. A máis notable é a do produtor deste disco, Pablo Novoa, nas cordas, que se luce en cada nota que toca, cun gusto espectacular e unha capacidade de adecuación inigualable. Lucas Fernández toca as percusións con cacharrada inusual coma, por exemplo, escobiñas tocadas nunha simple caixa de cartón, o que lle dá un aire acústico e preciosístico a todo o traballo. Nono García (compañeiro de Pablo Novoa en Radio Pesquera) borda coa súa guitarra flamenca “La tragedia del Valbanera”, a desafinada pero incriblemente non por elo desagradable Rita Braga dá un toque auténtico a “Havemos de ir a Viana” e a arxentina e bastante menos desafinada Pía Tedesco canta “Me faltan el Río y tú”, peza capaz de abrandar aos corazóns máis duros e dunha delicadeza exquisita, cunha letra de desamor divertida á par que emotiva.
Víctor non é un cantante de primeira liña, pero ten tales dotes expresivas e tal versatilidade na voz que é capaz de fiar este traballo demostrando ser un verdadeiro profesional. É un “Leonardo da Vinci” moderno: compositor, ideólogo, cantante, guitarrista (incluíndo outro tipo de instrumentos de corda e até percusións) e, moi importante, ilustrador, xa que a presentación do CD é outro dos motivos polo que paga a pena engadir este traballo á vosa colección.
Escoitei o disco ducias de veces e penso escoitalo moitas máis: unha obra tan ben concibida que até os defectos se converten en virtudes no seu contexto. Unha obra redonda á que lle dou, sen pestanexar, a cualificación de 10 sobre 10 polas letras, polos arranxos, pola escolla de pezas xeral, pola ilustración e o deseño, pola homoxeneidade dada a un repertorio tan diferente e polo ben resolto que está o traballo na súa totalidade.
“Anduve por todas partes sin olvidarte aún, aún; Charlie, invita a un cocktail, pero yo me voy… me faltan el río y tú […] anduve por todas partes sin olvidarte aún, aún; volveré a esas aguas donde está mi amor… me faltan el río y tú”.

Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 16-08-2015 14:19
# Ligazón permanente a este artigo
COCIDO SINFÓNICO - OS TRES TENEDORES

“Cocido Sinfónico” dos Tres Tenedores saíu o pasado ano na colección infantil Sonárbore, da Editorial Galaxia.
Pola banda non musical, as bonitas ilustracións son de Dani Padrón e a concepción baseouse na comida e todo o que a rodea (cociñar, limpar a mesa, lavar os dentes, etc), algo que o converte nun dos poucos traballos infantís cun tema único sobre o que se constrúen as letras e ademais casa coa actualidade onde os pequechos comezan a preocuparse non só por cuestións como a alimentación equilibrada, senón tamén coa cociña, como se ve en programas como Master Chef Junior. E até ahí vai o positivo.
Os Tres Tenedores son Paco Nogueiras á voz e Saúl Cacharrón e Martín Nogueira ao piano e trompeta, ademais dos coros. Coros que, por certo, están feitos con moita dozura e cunha busca harmónica que vai máis alá do que se soe facer nos traballos infantís: de feito case podo dicir que foron o que máis me gustou de todo o disco.
A pesares de ter unha formación coma esta con estes tres grandes músicos e un produtor, Adrián Saavedra, de luxo, creo que o traballo non acaba de funcionar: é monótono e as repetitivas composicións non me convencen.
Coa pronunciada presenza de bases electrónicas sobre as que se constrúe todo o edificio do Cocido Sinfónico, incluso incrementando a dureza co uso da guitarra eléctrica de Miguel Duarte -moi ben tocada, mais ao estilo máis heavy-, este traballo non me parece, dende logo, o máis acertado non só da colección Sonárbore, senón dos músicos, realmente bos, que conforman o trío dos Tres Tenedores.
Desagrádame especialmente o uso do Auto-Tune na voz de Paco, deducindo que inda por riba é un efecto estético buscado que conecta co electrónico das bases, pois até onde eu sei, Paco non ten serios problemas de afinación, nin moito menos.
Polo mesmo motivo polo que o Believe de Cher fai anos que xa non está de moda, creo que este será un disco que envelleza bastante mal, tendo unha caducidade prematura.
“AVISO AÍNDA MÁIS IMPORTANTE: é moi importante non esquecer limpar os dentes e as orellas. Por diante e por detrás. Quedades avisados”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 14-08-2015 12:33
# Ligazón permanente a este artigo
A LÚA PRENDEU A LUZ - PUNTADA SEN FÍO

“A lúa prendeu a luz” de Puntada sen Fio é un dos mellores discos da música galega do que levamos deste 2015. Elegante e orixinal a partes iguais, este traballo é o debut deste trío de grandes artistas como son Xiana Lastra, Roberto Rama e Juan Collazo.
Xiana leva a “voz cantante”, tanto metafórica coma literalmente. Ela é a luz que prende esta formación, co seu timbre aveludo e o seu xeito de cantar sofisticado e cheo de bo gusto: para min unha das voces galegas que máis paga a pena escoitar. Pola súa banda, Roberto Rama ao saxofón aporta a calidez e Juan Collazo no vibráfono e marimba a enerxía.
O grupo arrisca non só empregando o vibráfono ao que tan pouco estamos acostumados, senón tamén encargándolle os arranxos aos contemporáneos Roberto Somoza, Pedro Lamas e Adrián Saavedra, que fan un magnífico traballo.
O fío que cose as pezas é o concepto do pasado, mais estas pezas son cada unha de seu pai e súa nai: de Paco Barreiro, Mini, Paco Ibáñez, Mick Hanly, tradicionais e a estrea de Xiana Lastra como compositora coa fantástica e efectista “Todas as Rúas” sobre un poema de Rosalía Fernández Rial. O resultado é un disco variado á vez que homoxéneo.
As colaboracións son poucas, algo que axuda a facerse unha idea máis acorde co que se ve nos directos. Só se axudan co recitado do propio Paco Barreiro na súa propia composición, “A lúa prendeu a luz” e de Xacobe Varela coa súa voz auténtica na intimista “Ron-Ron”.
Todas estas pezas son pequenas alfaias que xuntas fan deste disco un grande tesouro, mais na miña opinión a “Senhora do Almortão” despega, pois o arranxo ten tal volta de torca que é un deses temas que se supón que canto máis o escoites máis che vai entrar... e eu aínda estou esperando a que me entre.
Recoméndovos encarecidamente a escoita, tanto do disco coma no directo, deste grupo revelación Puntada Sen Fío.
“E na entrada da cárcel non te poñas a chorar. Onde non me quitas pena, ai, non ma veñas a dar. Anque estou preso na cárcel, non teño pena por eso. Nin deixo de ser quen son, nin son o primeiro preso”.

Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 07-08-2015 13:00
# Ligazón permanente a este artigo
LUCECÚS - PIRILAMPO

Lucecús de Pirilampo é o disco máis folk da colección Sonárbore da Editorial Galaxia até o dagora. As letras, músicas e arranxos repártense entre Xosé Lois Seixo Fernández, Lydia Botana, Alexandre Ruíz Vázquez e Galina Botnar, entre outros.
O disco gustoume, aínda que os arranxos se me antollan demasiado simples incluso para ser música infantil (ou sen o “incluso” tendo en conta que a mesma Editorial Galaxia é pioneira en ofrecer á cativada traballos que buscan mellorar en calidade cada día máis), con demasiada pobreza nas melodías instrumentais introdutorias ou intermedias. Gustáronme especialmente o despregue de cordas no arranxo de “Pedro Chosco”, “Teño un barco de papel” cantada e composta por Lydia Botana e arranxada por Arturo Kress, a simpática “A casa do tío Nicanor” interpretada pola talentosa Antía Seixo Varela de 9 anos e “Doce meses”, peza con moito swing que canta Sés cravándoa, como non podía ser menos tratándose dela.
As pezas teñen moita gracia e beleza, encaixando as unhas coas outras até dar cun disco moi agradable de escoitar.
Os instrumentistas son correctos e a parte vocal altérnase entre Xosé Lois Seixo e Andrea Seijo. O primeiro ten un estilo que bebe da escola Mini-Mero, María Manuela ou, mellor, da “Escola Fuxan os Ventos”, tendo unhas especiais dotes expresivas. Pola súa banda, Andrea Seijo posúe un timbre agradable e limpo, un amplo rexistro e moi bo control da voz, mais cun estilo demasiado ecléctico, pois tanto fai un ornamento folki precioso nunha peza como na seguinte amosa unha pronunciación artificiosa como calquera divo ou diva do pop-rock español comercial.
Se podo dicir algo negativo, paréceme que o texto introdutorio, de Xoán Costa, é un batiburrillo de comentarios sobre cada peza que dubido que sexa en realidade dirixido aos nenos ou, se así é, penso que non o van comprender de todo.
Mais, deixando a un lado o “malo”, alédome de que se lle ofreza aos nenos un traballo coma este: variado, cunha marcada raíz galega e ben producido, con pezas ben bonitas e xoviais que eu mesma penso escoitar unhas cantas veces máis.
“Xa está aquí decembro, o mes de Nadal, e o Apalpador, logo vai chegar; xa está o Courel vestido de branco, xa vai moito frío, temos que gardarnos”.





Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 06-08-2015 17:37
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Olga Brañas