Folkeando, por Olga Brañas


Espazo adicado á crítica relacionada co folk galego, música tamén de outros xéneros, artes plásticas, etc.: á cultura galega en xeral
Concertos, discos, grupos, artistas... esta é unha plataforma para publicar o meu traballo relacionado con este campo.

O meu perfil
folkeando
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

TAMBO - Víctor Castro

Tambo é unha tartaruga que, morta de medo escapando do tambor de Don Trebón, non atopou onde agocharse e meteu a súa cabeza, patas e cola na súa cuncha; e pasou así tanto tempo que se acabaría convertendo nunha illa así chamada. E Tambo é tamén o nome do libro-disco de Víctor Castro e Laura García Ferro, de Edicións do Cumio.
Este proxecto nace no seo do C.E.I.P. do Carballal de Marín, e guiado por Víctor Castro -a cargo das músicas-, conecta textos e letras de cancións; tamén trae DVD con vídeos de coreografías que, aínda que cunha producción frouxa, serán útiles a mestres e mestras.
Dos textos, destaco o “Catro Ollos”, de Eduardo Víctor Castro, onde se resalta a importancia do emprego do galego para non deixalo morrer.
Nas músicas, bastante pegadizas, hai varios xeitos, dende as máis acústicas a algunha que intenta ser máis dance, tal e como concibimos este concepto discotequeiro actual. Se todo o disco fose cos estilos máis rockeros ou comerciais habería queixa, mais nos arranxos a variedade é ben abundante. Tamén nas voces hai elementos interesantes, con contrapuntos salientables, non acudindo sempre á terceira mariñeira, e agradécense estes detalles para non caer na monotonía.
Dos arranxos destaco temas como Augamar, con efectos marítimos do máis simpático, a entrada das pandereteiras en “Catro Ollos” ou a dozura dos metalófonos na versión de “Ahí ven o Maio”.
Un dos temas que máis me gustou foi Cristal, de Magín Blanco, o cal canta xunto con Ánxela, a filla de Víctor Castro, este tema. E é que esta nena ten un encanto que brila por si só, cunha dozura abrumadora e unha afinación, aínda que non perfecta, sorprendente para a súa curta idade.
O propio Víctor Castro, limitado na voz, si, pero cun timbre ben bonito, lúcese en partes que resolve con moita expresividade e estou segura de que irá a máis.
E, falando de voces, na parte das colaboracións Montse Ogando ten moita presencia. A súa voz pouco ten do sabor galego ou ornamentacións tradicionais, mais aínda co seu estilo bastante estándar queda claro que o seu manexo é impresionante e é difícil non fixarse na súa potente voz.
Indo á parte negativa, para o meu gusto falla a maquetación, tanto pola estética visual xeral como polo engorrosa que se fai a lectura, máis tendo en conta que está dirixido a nenos. Nada ten que ver co coidadas que son as edicións infantís de Kalandraka ou Galaxia.
Para rematar, deséxolles moita sorte á familia Tambo, que fixo con tanta ilusión este libro-disco infantil que, por certo, recomendo para cativos a partir de 6 anos.
“Metede na cabeza santiñas!, que Galicia desaparecerá como pobo, se os seus fillos algún día deixan de falar galego. Metede na cabeciña, miñas santas! Que os pobos duran o que dura a súa lingua”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 02-08-2014 22:23
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Olga Brañas