Folkeando, por Olga Brañas


Espazo adicado á crítica relacionada co folk galego, música tamén de outros xéneros, artes plásticas, etc.: á cultura galega en xeral
Concertos, discos, grupos, artistas... esta é unha plataforma para publicar o meu traballo relacionado con este campo.

O meu perfil
folkeando
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

ESTACIÓN NADAL - MAMÁ CABRA

O pasado Nadal, Mamá Cabra sacaba “Estación Nadal”, editado por Galaxia na colección Sonárbore. Gloria Mosquera sigue levando o mando deste grupo infantil, coa musicalización da maioría das pezas e incluso algunha letra.
O que máis sobresae de Mamá Cabra é que, ademais de cantar en galego, nunca esquecen os sons de raíz, algo que se nota sobre todo na bonita peza “Nadal” ou coa muiñeira de “Cantigas de Nadal. Unha pouca roupiña”, peza popular escoitada a Mini.
Destaca neste disco a boa produción e os coros, -executados pola mesma Gloria-, buscando certa riqueza harmónica
Mamá Cabra ten moi asentado o seu estilo, sobre todo coa característica voz de Gloria Mosquera, que non é unha cantante de primeira liña pero sempre correcta e con gancho para a música infantil. Ademais, no seu día foron dos pioneiros da música infantil galega (e case española, pois en Galicia temos unha canteira especialmente prolífica), aos que seguimos todos os que fomos despois. E iso é un mérito moi grande, polo que quizais se a día de hoxe soa un tema moi parecido ao anterior, forma parte da evolución dun grupo que sentou bases e ten claro o que fai e como o fai.
As bonitas ilustracións correron a cargo de Kristina Sabaite e o seu peculiar estilo de ollos pechados.
O tema que, con diferencia, máis me chamou a atención foi “O Apalpador”, con letra de Antón Cortizas e música de Gloria Mosquera. Unha peza con gracia tanto na música coma na letra, cun ritmo que invita ao movemento e cuns arranxos ben montados nos que destacan o cavaquiño (Tomi López) e o acordeón (Diego Maceiras). Mais, e sen ser un defecto pois quizais non estaba pensada para iso, un problema é que é moi difícil cantala atopando as respiracións axeitadas. Espero que os cativos e cativas que a canten non afoghen!

“Tiña, tiña, quen remexe na cociña? Un señor de bo humor, con camisola de liño, con chapeu de soñador e un calzón de pana fina.”
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 31-07-2015 19:12
# Ligazón permanente a este artigo
UNHA VIAXE POLO MUNDO - AS MAIMIÑAS

O recente traballo das mosenses As Maimiñas (Ed. Galaxia, colección Sonárbore, 2014) é un libro-cd que, como o seu título indica, fai unha “Viaxe polo mundo”.
O máis interesante é a variedade de estilos musicais que toca, ademais mencionándoos nas letras (tango, rock, música tirolesa, chinesa, etc.), variedade cuxo mérito, evidentemente, reside nos arranxos, moi adecuados.
O disco está gravado, mesturado e masterizado por Isaac Palacín, quen tamén tocou a kalimba e o baixo eléctrico. Ten ademais percusións (André Pérez), metais (Gustavo A. Barcia e Daniel Gregores), piano (Jorge González), cordas (Manuel Álvarez), acordeón (Mª Cristina Acevedo) e, por suposto, as voces de Mai (Lucía Lago) e Miña (Irene Álvarez Lago).
Como punto positivo, destaco a capacidade das Maimiñas para facer sons onomatopeicos e declamatorios, o que as fai achegarse ao público infantil de xeito moi espontáneo. As letras son directas e descritivas, algo que lle dá valor a este traballo dende o punto de vista didáctico. Gustáronme especialmente “O Tirol”, “As Maimiñas na Muralla” e os coros (do Grupo Vocal Santa Eulalia, de Mos) de “Voa, voa”.
O negativo é que, aínda que empastan bastante ben, se nota que a pesar de que ambas teñen formación musical (en piano e frauta traveseira), non son cantantes profesionais e coxean en moitos asuntos, como na resolución de moitos xiros ou nalgunha afinación non demasiado lograda; ademais, a pesar de que cantar ao unísono é un acerto cando se fai música infantil, podían ter xogado un pouco máis coas harmonías nas voces, quedándose o percorrido polo disco nunha evolución demasiado pobre.
Mais, sexa como sexa, este disco é un acerto para achegar aos máis cativos ós diferentes ritmos e músicas do mundo.
“Ao chegar a América do norte fíxonos grande ilusión, poñer unha chupa de coiro e bailar un rock and roll”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 19-07-2015 22:15
# Ligazón permanente a este artigo
BRINCA VAI! - PACO NOGUEIRAS

Hoxe estiven brincando co Brinca Vai! De Paco Nogueiras, un traballo ilustrado por David Pintor usando a figura de Paco co seu característico sombreiro e as súas gafas, elementos que regalan baixo a forma de careta de cartón coa compra do libro-CD-DVD.
Editado por kalandraka, coma sempre ocorre con esta editorial lúcese na presentación e, en concreto, na maquetación divertida e sobria á vez.
Paco inspírase nos contidos do currículo escolar para crear as letras. Ademais, o home-orquestra non é só cantante (e para iso non o fai nada mal, cun vibratto ben bonito e destacando a súa pronunciación natural, sen artificios), toca acordeón, ventos, cordas e percusións e, en definitiva, todo está gravado por el menos o baixo e contrabaixo, de Segundo Grandío que, por certo, foi o técnico de gravación. A eles únese Icía Nogueiras como solista, que ademais de cantar fenomenal ten moita presencia escénica.
Brinca Vai! pasa por músicas moi diferentes coma o tecno, rock ou reggae, mais sen deixar de mirar cara a tradición, xa que as melodías populares se escoitan a través dos temas, incluso mesturándoos con estilos que a priori poden parecer chocantes como no reggae de O Apalpador ou no Rap do Magosto.
Paco Nogueiras compuxo todas as pezas deste Brinca Vai!, destacando No Samaín e Augas que Veñen e Van, baixo o meu punto de vista composicións supremas respecto das outras.
O traballo complétase cun DVD de Sr. Sagüillo, que conecta directamente coa última parte do libro na que se lles explica aos nenos e nenas como facer o seu propio videoclip -incluso usando as bases que veñen ao final do CD sen voz para facer karaoke-, DVD no que Paco enche coa súa simpatía todos os vídeos e que ademais teñen unhas animacións e unha produción moi ben feitas.
Parabéns a Paco pola concepción íntegra deste Brinca Vai!, medindo até o último detalle como os coros, con harmonías tan xeitosas.
“En galego falo, en galego sinto, en galego canto, sabes que non minto. En galego todo podo facer, en galego estou no mundo... Meu o mundo é!”.



Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 16-07-2015 19:03
# Ligazón permanente a este artigo
RADIO PESQUERA

Se xuntamos a un grande mestre da guitarra flamenta como é Nono García e a un crack da eléctrica como é Pablo Novoa sáenos unha conxunción de sons perfecta como é este Radio Pesquera.
A través do tan de moda Crowfunding, e concretamente de Verkami, Nono García (que ten tocado con artistas da talla de Jorge Pardo, Tomasito ou Carmen París) e Pablo Novoa (Golpes Bajos, Mastretta) consiguen editar un disco de fusión acompañados pola inspiración do mar, tal como se ve nas fotos do soporte, sendo a miña preferida a dunha gaivota pensativa nun alto e coa auga salgada de fondo (José Cid).
Foi gravado no estudio DONDENOSABIDUSIENTAN (Gondomar), cedido por Iván Ferreiro, e o deseño gráfico correu a cargo do controvertido e creativo Víctor Coyote (de cuxo último disco Pablo foi o produtor).
É un disco que xoga coas emocións, como se quixesen volver as orixes, ao momento onde a música era somentes música, onde estaba soa e non tiña máis que o seu propio poder comunicativo.
Poderíase dicir que é moi difícil acadar o nivel de enchemento que ten este Radio Pesquera, pero tendo en conta como arranxan e como tocan estes dous musicazos, habería que valorar esa dificultade dende un punto que xa parte dunha base moi por encima ca do resto dos mortais.
Pezas máis rítmicas ou máis contemplativas como a preciosa “calma chicha”, pezas máis jazzísticas, pezas con máis sabor a terra, pezas que combinan a raíz coa evolución... sorte a Nono e a Pablo nesta nova andaina, que, de seguro, vai deixar unha pracenteira brisa a quen se achegue a escoitar este traballo.
“A las 211 personas que han colaborado en nuestra campaña de crowfunding haciendo posible que este disco vea la luz. Con su gesto y mecenazgo han urdido la red, el arte de faenar, de RADIO PESQUERA y han fletado nuestras naves-guitarra para que puedan surcar sobre anchos horizontes”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 14-07-2015 20:03
# Ligazón permanente a este artigo
KARA - WHY GO

Como todo queda en familia, Andrés Castro (o crítico de cine de Sermos Galiza) foi quen me deu o toque para que escoitase Kara, de Why go. E así o fixen. Boteille unha primeira orella e non podo dicir nin que me gustase nin que me disgustase... o que si podo afirmar é que esa primeira e superficial escoita me xerou moita curiosidade. Porque pode que hoxe en día unha das maiores cualidades da música sexa a súa capacidade de sorprender, de ser sincera sen adaptarse a ningunha moda. E os Why go consígueno. Consiguen que o oínte pase por unha serie de estados e climas irreais e flotantes, cunha música que cheira ao rock sinfónico pero sen ser exactamente rock. E é tan difícil de definir o que escoito que precisamente ahí é onde reside o seu valor e a súa transparencia.
Os Why go, para moitos e moitas descoñecidos (comezando por min se non fose por Andrés), levan xuntos como banda máis dunha década, mais repartidos entre Barcelona, Madrid e Vigo, polo que o que os une son a amizade e as gañas de facer música sen ningunha pretensión máis aló de cumprir os obxectivos desexados en cada disco.
Héctor Agulla na batería, Rubén Fernández no piano e na voz, Pablo Garnelo na guitarra, Javier Guede no baixo e Olalla Martínez no violín crean unha música chea de paisaxes, un puzzle de sensacións que se suceden de xeito precipitado sen deixar un respiro ao oínte para que se apodere del o aburrimento. Unha das cousas que máis me gustou, tan pouco utilizada polo xeral, é o feito de usar a voz ademais de na súa función máis coñecida para cantar as letras, tamén como un instrumento máis, con monólogos e incluso diálogos sen letra e moita precisión na afinación por parte do cantante. Ademais, non só os arranxos son ricos e variados, tamén o son as tímbricas que se van combinando para meter ao oínte no mundo imaxinario de Kara.
O disco preséntase baixo o formato libro-CD cunhas preciosas ilustracións de Natasha Lelenco, e o que contan no papel é ben curioso tamén: Kara (protagonista que lle dá nome ao traballo) é unha nena que vivía soa coa súa nai na natureza. Ao morrer esta, entrégalle un curioso compás que a guía no seu camiño indicándolle as decisións que ela precisa para acadar os seus desexos. Polo camiño coñece a curiosas personaxes e acaba descubrindo que só quedan uns poucos humanos na terra, aferrados ás máquinas e á tecnoloxía para vivir, xa que eles mesmos precipitaron a súa propia destrución como especie. Kara terá entón que decidir se aínda hai esperanza para a humanidade ou volverá a repetir os mesmos erros. A historia está ambientada arredor do ano 2100 e incluso trae un esquema ficticio dos sucesos económicos, políticos e sociais que se deron dende o ano 2014 até o 2089 para chegar a esa destrución, como por exemplo a deforestación total do Amazonas no Brasil. A boa noticia é que os Why go colocan no ano 2018 a fin da crise económica actual!
Unha historia que dá para reflexionar, porque eu mesma sempre pensei que o home é o animal máis parvo: o único que destrúe a natureza, o mesmo medio que lle dá a vida. E eu non sei a onde vai parar a nosa sociedade e creo que tampouco quero sabelo, mais o que si quero é seguir escoitando os traballos tan diferentes e orixinais polos que aposta Why go.
“-A condición humana é pouco predicible- dixo reflexivamente o carneiro- pero unha cousa clara é que o home, en demasiadas ocasións, prexudicouse a si mesmo co gallo de avanzar-.
Kara estaba perplexa. Como podía ser certo tal egoísmo por parte da humanidade?”.
Comentarios (2) - Categoría: Disco - Publicado o 14-07-2015 19:16
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Olga Brañas