Folkeando, por Olga Brañas


Espazo adicado á crítica relacionada co folk galego, música tamén de outros xéneros, artes plásticas, etc.: á cultura galega en xeral
Concertos, discos, grupos, artistas... esta é unha plataforma para publicar o meu traballo relacionado con este campo.

O meu perfil
folkeando
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

GAIZCA PROJECT Os talentos a distancia son posibles
Este proxecto xorde da combinación de artistas para amosar pezas tradicionais e populares galegas, vascas e catalás dende unha óptica contemporánea.
A presentación oficial de Gaizca Project fíxose no marco da Fira Mediterrània de Manresa nun showcase só para profesionais o pasado 6 de Outubro de 2018. O interese por parte dos programadores foi incrible, tanto nese showcase como na súa posterior presenza no WOMEX 2018, ao que acudiron xa representados pola axencia galega Luneda Producións.
Neste Gaizca Project atopamos a:
Ialma – grupo galego de raíces étnicas afincado en Bruxelas, no que sempre primaron as pezas galegas no seu repertorio e conformado polas voces de Verónica Codesal, Natalia Codesal, Eva Fernández e Marisol Palomo.
Iñaki Plaza – é un destacado músico vasco, txalapartari e trikitilari. Ademais, tamén toca percusións de raíz.
Manu Sabaté – o catalán toca a gralla. Ademais de tocar outros instrumentos como o clarinete, é un dos primeiros en usar a gralla fóra dos límites da música tradicional, buscando contextos modernos. No disco tamén toca a tarota.
Ciscu Cardona – o guitarrista catalán vén de grupos como Folk Riu.
Nicolás Scalliet – o baterista belga ten unha ampla traxectoria tocando con grupos de Bélxica.

Está claro que neste Gaizca Project non nos dá tempo para aburrirnos. Atopamos diferentes ritmos e diferentes ambientes sen cambiar moito as instrumentacións da formación. Combinan ademais pezas instrumentais con pezas cantadas, e ademais trae cancións en galego, catalá, euskera e aranés.
Para min, destaca especialmente o traballo lingüístico das Ialma, valente e laborioso, a presenza da trikitixa, cunha pegada espectacular, e o uso da gralla, unha elección instrumental moi curiosa. Sempre me resulta agradable escoitar novas combinacións tímbricas. Se non, a música sería moi aburrida.
Gañaran as almas podres, propagadoras do medo. Armadas de violencia, de xenreiras e receos. Murcharan as rosas todas, sen froitos os ventres secos. Nas almas das persoa, instalouse o frío inverno.


Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 14-06-2020 00:00
# Ligazón permanente a este artigo
GALICIA FERMOSA – PABLO VIDAL E AMIGXS O legado de Juan Vidal Lemiña

Hoxe quérovos falar dun curioso disco que non está á venda, polo menos de momento. Quero falarvos de quen foi Juan Vidal Lemiña ‘Charly’ e do significado que tivo para a zona de Vilagarcía.
Juan Vidal Lemiña (Carril 1932-1994) foi o fundador e director das corais ‘Alento Xove’ de Carril e ‘Fontecarmoa’. Estivo emigrado en Bilbao coa súa familia e a morriña á terra fíxolle compoñer pezas adicadas á súa Galiza natal.
25 anos dende o pasamento de Juan Vidal Lemiña, o eu fillo Pablo Vidal, productor e contrabaixista, decide rescatar parte das mellores composicións do pai e facer un disco como homenaxe. A este disco sumouse un libro que conta a vida e obra do autor. Este proxecto foi apoiado por Sonia Outón e o Concello de Vilagarcía, axudando á edición do disco e do libro. Fixéronse concertos en directo e agasallouse con este material ás persoas que asistiron.
En palabras de Pablo Vidal, eu levaba unha temporada meditando que facer, porque moita xente cantaba as cancións de meu pai sen coñecer ao autor (incluídos varios coros da comarca) e incluso mudando as letras dos retrousos. Tiña que facer algo e tiña que ser rápido, mentres aínda quedasen testemuñas vivas.
A oralidade ten esa teima tan fermosa de ir modificando a memoria das cancións co paso do tempo, mais Pablo tiña na súa man facer unha gravación onde quedasen rexistradas as pezas orixinais do compositor.
Para gravar o disco Pablo Vidal rodeouse de músicas e músicos ligadas á zona de Vilagarcía e Carril, como o gaiteito Cristian Silva ou o “Coro Son do Carril”, ao que lle puxo ese nome por unha letra de Juan Vidal e no que participaron varias das persoas que formaban parte dos coros dirixidos polo autor. Desta volta, tocoulle ao fillo dirixilos e facer o traballo necesario para a gravación e os directos.
A voces menos coñecidas súmanse as de artistas como Uxía, Roi Casal ou a do actor Josito Porto. Hai unha simbiose fascinante entre xente profesional e non profesional, todos os papeis están cantados e tocados con moito cariño, e iso nótase tamén no directo.
A min particularmente gústame moito a peza ‘Galicia y Cuba’, mais Juan Vidal Lemiña tiña unhas composicións moi melódicas e agradables, todas as pezas déixanse escoitar con gusto. Non me sorprende que unha das pezas sexa practicamente o himno de Carril, cantada nas reunións sociais da veciñanza.
Pola parte da produción, destaco a versatilidade de Pablo Vidal. Un músico de jazz que soubo poñerse na tesitura ideal, sen artificios e buscando a sinxeleza nos arranxos, algo neste caso necesario para que lucisen como merecen as composicións.
Gústame soñar pensando na miña terra, tiven que marchar, foron cousas dunha guerra. Eu quero voltar a vivir na miña aldea; pero vou morrer, case xa non vale a pena.

Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 13-06-2020 23:58
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Olga Brañas